Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Museo Liste morreu
A desidia municipal pecha a maior colección de etnografía galega
A cultura está de loito. Un museo pechou. Un museo dedicado a recordar de onde vimos e quen somos. É igual. Entre uns e outros, entre todos, matámolo.


Olimpio Liste soñou un día que a súa colección de pezas relacionadas coa etnografía galega podía ser visitada na cidade máis grande de Galicia. Chegou a acordos co goberno municipal e coa Xunta, e o museo abriu. E creceu. E foi nomeado Ben de Interese Cultural e ata institución de interese galega. Coma se nada. Nunca foi suficientemente promocionado nin mimado.

Dentro, con todo, con moito cariño, as súas empregadas lograron confeccionar un caloroso e fidedigno percorrido polas diferentes manifestacións creadas, ao longo dos séculos, polos galegos. Cousas moi afastadas da actual cultura dixital, como un moble para gardar o gran ou un exvoto para protexerse de determinada enfermidade. Todo era contado de forma individuais, se facía falta, porque eran visitas guiadas e moi ben explicadas.

Agora, Olimpio Liste está triste. Tamén o seu museo de Oseira pechou. Non vítima da crise. Vítima da incultura que nos goberna. ¿Ou alguén deixa sen atender á súa nai cando esta é anciá e xa non produce?


Os «museicidas»
Hai un ano, unha estraña xogada reducía de 96.000 a 6.000 euros o orzamento achegado polo Concello a esta institución, que conta con cinco empregadas, con diferentes xornadas laborais. Santiago Domínguez e Eudosio Álvarez dixeron que era un erro, que unha modificación orzamentaria deixaría as cousas como estaban. A dirección do museo creulles e, como todos os anos, pediu o crédito correspondente ao banco. É sabido que a administración paga a final de ano. Chegaron as eleccións e o BNG decidiu saír do goberno. E se che vin non me acordo.

Entrou en xogo o segundo grupo de museicidas, conformado por Abel Caballero, Carmela Silva e Isaura Abelairas. Estes xestores públicos non recoñeceron as promesas dos nacionalistas e dixeron que se o orzamento pon 6.000 euros, 6.000 euros recibiría o museo.

Cando a dirección do museo dixo que se vía abocada a pechar, o alcalde dixo que, bo, que había unha partida de 40.000 euros para ir tirando ata que se aprobasen os orzamentos, onde se lles entregarían 146.000 euros. Non é que se volveu xeneroso Caballero, é que pretendía entregarlles a xestión do Centro de Artesanía Tradición, pechado por el, que tiña ese mesmo orzamento. Quedaba ben e aínda, por encima, aforrábase 96.000 euros.


Sen intermediarios
Pero nin así. De 40.000 euros, nada. Resulta que o Concello lle pide á dirección facturas alleas ao museo para xustificar a entrega dese diñeiro. «Nós non traballamos con intermediarios senón que somos as empregadas as que asumimos todas as actividades, pero non lles vale coas nosas nóminas», afirma Victoria Vázquez, directora do museo.

E aínda por encima, o alcalde prorrogo os orzamentos do 2011. Resultado. «Con gran dor de corazón vémonos obrigadas a pechar porque xa non podemos pagar nin as nóminas, nin a seguridade social nin nada», conclúe Victoria Vázquez.

A este grupo de museicidas tamén hai que engadir á Consellería de Cultura, que durante algún tempo achegou 30.000 euros ata que deixou de facelo.

Se ata hai uns anos, asistiamos ufanos á inauguración de numerosos centros culturais, agora chega a resaca e o Liste non é a única vítima.

La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-02-2012 10:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer