Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Morreu Xosé Manuel Seivane, o grande patriarca
Seivane foi un dos precursores na modernización da gaita galega e o referente de toda unha familia de artesáns que se adica a este instrumento, símbolo da música do país. Vídeo no que explica a súa traxectoria no interior.

Segundo a súa familia, Seivane morreu hoxe aos 90 anos. Nado en 1921 na Pastoriza (Lugo), construíu a súa primeira gaita en 1939, nun pequeno taller deste recuncho da comarca da Terra Chá, creando así o primeiro selo “Seivane”. Aínda que xa era gaiteiro e clarinetista, cumpría así o seu sono infantil de facer o seu propio instrumento.

O seu pai Francisco, un grande ebanista, e a súa nai Estrela, dotada dun marabilloso oído musical, achegáronlle unhas bases moi sólidas para desenvolver toda a súa capacidade artesanal. Do seu pai herdou a técnica, ferramentas e as madeiras e da súa nai a sensibilidade musical, especialmente no que se refire á afinación e ton. Dela recibiu tamén as melodías de gaiteiros que xa desapareceran, como Curuxeiras, nado na Pastoriza.

Cumprindo o seu servizo militar en Pontevedra, entra en contacto co artesán Antón Represas “O Marreco”, co que comparte experiencias e coñecementos axudándolle a construír varias gaitas para o exército.

Era o comezo dun camiño difícil pois, en plena guerra civil, as necesidades do momento non pasaban por comprar algo que só achegaba satisfaccións. Naquela época, as gaitas eran construídas polos ebanistas–torneiros, e os gaiteiros afinábanas e facían as súas propias palletas. Moi poucas eran as persoas que reunían a dobre condición de construtor de gaitas e gaiteiro; unha delas foi, sen dúbida, Xosé Manuel.

Conseguiu, deste xeito, reunir as condicións necesarias para desenvolver a técnica construtiva dende un profundo sentimento musical. As súas expectativas víronse cumpridas e, anos máis tarde, casa e establécese en Ribeira de Piquín (Lugo). Nun primeiro momento, abastece unicamente os gaiteiros do seu ámbito, pero pronto ensanchará máis e máis o seu campo de acción ata superar os límites do Estado e converter o obradoiro en lugar de peregrinación de gaiteiros e amantes da música tradicional de Galicia.

A continuación
Os seus fillos, Álvaro (Ribeira de Piquín, Lugo, 1952) e Xosé Manuel (Ribeira de Piquín, Lugo, 1964) seguen os seus pasos dende moi nenos da mesma forma que lle acontecera a el con respecto ao seu pai. Ao seu lado van recibindo os pequenos segredos do traballo diario, os que xorden co tacto diario da madeira, así como a capacidade para recordar o son ao escoitalo, impregnándose para sempre do timbre da marca Seivane.

No ano 1972, Álvaro trasládase a Barcelona, por motivos de estudos, e acaba creando alí outro obradoiro a imaxe e semellanza do do seu pai. En 1986 decide regresar a Galicia para continuar o seu traballo aquí, o que anima a todos a unirse de novo. En 1994 toda a experiencia adquirida por cada un deles se fonde para formar, en Cambre (A Coruña), o actual Obradoiro de Gaitas Seivane.

Velaquí a reportaxe que lle fixo ANT Tv hai dous anos:



www.galiciaconfidencial.com

Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 27-01-2012 16:06
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Outro bo e xeneroso que se nos vai.

D. Xosé Manuel Seivane será enterrado, o domingo 29 de Xaneiro ás 16:00, en San Xurxo #blgtk08#(Riveira de Piquín).
A capela ardente estará, a partir de hoxe venres, no tanatorio Eiroa en Almeiras, Culleredo.

Comentario por Xan Lois (27-01-2012 18:38)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer