Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Reixa prepara un espectáculo musical coa banda sonora da movida

Quico Cadaval dirixirá 'Galicia caníbal' sobre un libreto de Antela Cid e Fran Peleteiro


Galicia caníbal podería ser o segundo LP de Os Resentidos, pero ao final o disco chamouse Fai un sol de carallo (1986) e o sintagma, xenial, quedou en título de canción. Foi a máis popular do álbum, iso si, con permiso de Sector naval, e os vigueses nunca saberán que sería peor. Pronto será tamén un musical. Un musical para o teatro. A idea volve ser de Antón Reixa, pero o libreto escribírono Antela Cid e Fran Peleteiro, da dirección escénica encargarase Quico Cadaval e a música, unha selección de grandes éxitos da movida viguesa e algunha novidade, quedará en mans de Pablo Novoa, outro dos protagonista daquela época presuntamente gloriosa como parte de Golpes Bajos. Curru Garabal será a directora artística.



Haberá cancións de Siniestro, Resentidos, Golpes Bajos, Semen Up, Aerolíneas ...

En canto peche o financiamento -máis de 500.000 euros nos que participará, di, "un importante empresario galego con intereses fóra de Galicia"-, Antón Reixa porá en marcha a produción. Hai 10 personaxes buscando voz e rostro en dous idiomas distintos. As cancións quedarán como estaban nos anos oitenta, a inmensa maioría en castelán, pero os diálogos terán unha versión en galego e outra para o resto de España. "Parte dunha ambición cultural pero tamén dunha oportunidade de mercado. O pop rock galego do oitenta estaba moi ben valorado en España", argumenta o tamén candidato á presidencia da Sociedade Xeral de Autores (SGAE).

No principio foi a música. Reixa fixo o seu setlist e pasoullo aos guionistas para que o vestisen cun enredo. Os hits, vaia. De Siniestro Total, Bailare sobre tu tumba, Quienes somos? De donde venimos? a donde vamos?, Assumpta e Ayatollah!. De Os Resentidos, Sitio distinto, Sector naval e a inescusable Galicia caníbal. De Aerolíneas Federales, No me beses en los labios e Soy una punk. De Semen Up, lo estás haciendo muy bien. De Golpes Bajos, Malos tiempos para la lírica e Fiesta de los maniquíes. E así con outras bandas da época, cada unha do seu pau, como Radio Océano, Os Cafres, Bar, Moncho e mailos Sapoconchos ou Los Limones.

"A partir desa selección musical, que aínda se está concretando", explica Antela Cid, "fixemos entrevistas e documentámonos sobre todo o que ocorreu nesa época. Os testemuños dos protagonistas da movida -artistas plásticos, músicos e xente da noite viguesa- axudáronnos a empezar a escribir a historia". Ao cabo dun intre, aclara nun correo electrónico: "Non é unha retrospectiva nostálxica daquel momento; presentamos a realidade actual dunha cidade costeira e proletaria". En efecto, o oitenta son agora. Vigo acariña os niveis de paro daquela década.

A protagonista de Galicia caníbal, o musical, non viviu o fenómeno do que se ocupa Emilio Alonso no recente Vigo a oitenta revolucións por minuto (Xerais). "É unha adolescente que non lle atopa sentido á vida e está ao bordo do suicidio", terza a coautora do libreto. "A través dun suceso extraordinario, fascinada polo bulebule de creación e rebeldía do oitenta, conseguirá ver a vida doutra maneira". A revisión promete polémica, ou polo menos o seu sucedáneo posmoderno: un ballón de comentarios anónimos na Rede como o que persegue ao promotor da obra desde que formalizou a súa candidatura á presidencia da SGAE, que se vota este mes.

Os 10 personaxes do espectáculo encarnan tres xeracións distintas. A adolescente, aos que naceron na década do noventa e teñen, no mellor dos casos, unha idea vaga do que sucedeu na década anterior. Os mozos de 30 anos que a acompañan na trama, a esa outra xente que contra todo prognóstico vai vivir peor que os seus pais, cunha taxa de desemprego do 50% e subindo. E por último, un matrimonio de 50 anos pretende enganchar a aqueles que viviron a presunta movida en tempo real. As testemuñas directas daquel desenfreo e este desastre.

Polo libreto circulan, resume Antela Cid, "un divorcio irremediable, unha historia de amor, as vivencias dun mozo de 30 anos obrigado a volver a casa de mamá e papá e as danzas das novas tribos urbanas, dos hiphoperos ou os hardcoretas aos parkoures e os neopunks". Todo iso trufado cuns 20 temas de cando Galicia caníbal era soamente aquela canción: "Con isto dá movida / haiche moito ye-yé / que de noite e de día / usa ghafas de sol". A súa estrea coincidirá coa celebración dos 25 anos do nacemento de Os Resentidos, que se volverán a reunir en Ourense o próximo 19 de maio no espectáculo A tribo toda baila.

www.elpais.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 10-01-2012 09:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer