Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Leilía

O novo álbum das Leilía serve como reivindicación da figura da desaparecida pandereteira Eva Castiñeira e de todas as mulleres que transmitiron ao longo dos anos o canto tradicional. As letras das cancións foron elaboradas polas escritoras Ana Romaní, Yolanda Castaño, Eva Moreda, Mariña Pérez, Eva Veiga, Ana Amado e Marilar Aleixandre.
O 14 de xaneiro farán a presentación oficial do disco no Liceo de Noia, e no Auditorio de Santiago poderase escoitalas en xaneiro ou febreiro, xa que a data do recital aínda non está decidida.


–Levaban dende 2005 sen editar disco. A que foi debida esa pausa?
–Ao longo destes anos sempre estivemos traballando e fixemos un espectáculo con elementos teatrais que nos permitiu actuar en circuítos diferentes ao estritamente musical. E logo nunca nos caracterizamos pola rapidez á hora de facermos os noso discos. Queremos que saian cando pensamos que realmente temos algo que aportar. As cousas deben ter o seu pouso.

–Contaron con sete escritoras para facer as letras. Dada a diferenza existente entre un poema e unha canción, como recibiron elas esa encarga?
–Pois algunha dixo que ía tentalo, mais que non sería doado e que se ao final viamos que non servía a letra non pasaba nada. Tiñan xa as melodías que empregaríamos para que traballasen sobre algo máis sólido. A colaboración resultou moi fluída e a idea foi recibida por todas elas con moito agarimo.

–É importante o traballo desenvolvido nos arranxos por Xoán Porto, un colaborador cotián da formación.
–Para nós é como o sétimo Leilía. Traballamos con el dende o ano 1998 e coñecémonos tanto que iso facilita enormemente o traballo porque sempre sabe o que ten entre as mans. Neste disco mudamos un chisco a instrumentación e a obra ten menos peso instrumental. Existe unha aportación da percusión, non so pandeiretas senón tixolas, cunchas, culleres ou pandeiro grande que engade sonoridades ao conxunto.

–Como sucede noutros discos, Felisa Segade e Merchi Rodríguez exercen de solistas.
–Tendo unhas voces espectaculares e con gusto como as delas o que tentamos é aproveitalas cando xurde esa posibilidade. Por exemplo, Merchi levaba anos tentando cantar unha jota do repertorio de Castiñeira, e nesta ocasión a oportunidade era perfecta para que o plasmase nun álbum.

–Cando actúan no estranxeiro chama máis a atención o espectáculo das Leilía puramente tradicional ou cando van acompañadas por músicos?
–Resúltalles máis exótico o espectáculo tradicional. Saímos con sachos e latas e iso chama moito a atención, ademais dun xeito de cantar que non se esperan. Levan unha sorpresa porque quizais dun país europeo non esperan que xurda algo desas características. Notamos que o impacto é forte. Un ano programáronos no Festival de Lorient dentro dunha noite de canto celta e as colegas que nos precederon tiñan un estilo suave e relaxado e nós comentamos que non sabiamos se o noso ía gustar, mais que era seguro que espertábamos aos espectadores presentes.

–Que significa para Galicia e a súa cultura unha muller tocando a pandeireta e cantando unha peza tradicional?
–Se nolo preguntaran hai vinte e cinco anos teríamos que falar dun pasado esquecido. Agora pode representar o presente e o futuro. Nestes tempos é normal que unha nena, moza ou muller colla unha pandeireta e cante. Cando comezabamos na música iso era algo raro. Recuperouse a memoria e debemos loitar para que se manteña viva.

–As compoñentes de Leilía tiveron unha ligazón forte con Cantigas e Agarimos. Como valoran o PREMIO OPINIÓN ANDAINA SENLLEIRA que se lle outorgou na pasada edición dos nosos galardóns?
–Pensamos que foi un recoñecemento moi xusto.
Durante moito tempo, asociacións de base do tipo de Cantigas e Agarimos foron as que mantiveron viva a tradición porque era nelas onde se podía asistir a clases de canto e baile: Non existían outros lugares, como pode suceder na actualidade. Realizaron un traballo esencial para que a xente medrase dentro da tradición e fixeron moito pola cultura deste país. Convén lembrar que moita da xente considerada de primeira liña na música de raíz galega saíu deste tipo de asociacións.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 10-01-2012 09:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer