Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Debut de Paula Rey


Paula Rei debutou nun Colón cheo para ver a Luar na Lubre

Levaban dous meses esperando. Os seguidores de Luar na Lubre querían ver un concerto do grupo coa súa nova cantante, a coruñesa Paula Rey. «Despois de escoitar estas cancións teño ganas dun concerto enteiro», dicía un dos poucos espectadores que puideron asistir á presentación oficial da nova cantante que tivo lugar no Teatro Colón o pasado 3 de novembro. E é que naquel acto, Paula Rey interpretara unicamente tres cancións, que souberon a moi pouco.

A formación volveu onte á noite ao mesmo escenario onde gravaran o seu penúltimo traballo titulado ¡Ao vivo! e desde el fixeron unha mención ao incerto futuro do recinto, xa que a cesión á Fundación Novacaixagalicia non será renovada, cun chamamento a que «isto siga sendo un espazo cultural como ata o de agora».

Nesta ocasión e co teatro cheo, ofreceron un concerto propicio para facer comparacións coas distintas etapas dun grupo que acaba de superar o catro de século; pero nin a nova cantante nin os compoñentes do grupo quixeron entrar nese tipo de comprobación e o que si existiu foi un recordo ás antigas integrantes. Tras dous temas instrumentais, na terceira peza púidose comprobar o timbre da que é xa a cuarta vocalista desta formación referente no folk que se fai en Galicia. Estreouse con Chove en Santiago, unha peza de Luar na Lubre que ela mesma recoñeceu hai días que forma parte de «a banda sonora» da súa vida.

Non defraudou sobre o escenario, aínda que se apreciaba un certo nerviosismo. Foi Bieito Romero , alma máter do grupo, quen explicou o motivo: «Leva mes e medio connosco e tivo que aprender todo o repertorio, e é unha valentía moi grande estar aquí». Romero tamén desvelou que foi a súa impresionante interpretación de Tu gitana, na proba que realizou a que a levou a ser a elixida para interpretar os temas dunha formación que anunciou onte que comezará de inmediato a gravar o que será o seu disco número trece.

Recordo a Díaz Pardo

Como adianto e para non deixar dúbidas do por que foi a seleccionada, Paula Rei interpretou unha canción de amigo de Martin Códax, a capela. Para moitos foi o momento clave do concerto de onte á noite, no que tamén tiveron un especial recordo para o recentemente falecido Isaac Díaz Pardo, ao que lle dedicaron a peza Alborada de Veiga.

No concerto de dúas horas e media de duración, Paula Rey demostrou non só a calidade dunha voz ben formada, senón unha animada personalidade sobre o escenario, no que non só cantou e bailou, senón que se gañou a un público ante o que se presentaba por primeira vez e sobre o que tiña a prevención de «a ver se me aceptan ou non». Escoitando os aplausos, tras o Pousa, pousa co que Luar na Lubre pechou onte á noite a súa actuación, non quedaban ningunhas dúbidas de que a aceptación foi total e non só porque, tal e como indicara ao comezo da súa actuación, sentíase orgullosa de debutar «na casa» e ante a súa xente. Esa forza notouse ao longo de todo o concerto.

La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 10-01-2012 09:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer