Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Non só música popular
O cuarteto O Chupacabras acaba de sacar á luz o seu primeiro disco, ‘Tradiphonías’, un traballo moi elaborado a xulgar polos «tres ou catro anos» que levou confeccionalo e producilo, segundo recoñece un dos seus integrantes, o viveirés David Bellas. Porén, os seus membros contan ca satisfacción de que é froito do seu propio esforzo, pois fixérono practicamente todo e o resultado é que quedaron «bastante contentos», din. «O bo deste disco é que todo dependeu de nós, dende o deseño, gravación... tivemos un control absoluto sobre o resultado final, non sei se para ben ou para mal», comenta o de Viveiro.

‘Tradiphonías’ non é un disco folk, é algo máis. «Non o plantexamos de entrada como un traballo de música tradicional, senón basado nela». Deste xeito a música popular é «a materia prima» sobre a que van tecendo outras influencias. No disco «pódense atopar sonoridades producidas polos instrumentos dun cuarteto tradicional, pero con outro tipo de repertorio». Así, o grupo que compoñen David Bellas e o vicedense Xesús Riveira ás gaitas e Cristian Silva e Rafa Crespo na percusión foi máis alá e o resultado é «unha selección de pezas tan dispares como unha danza de espadas un tanto tribal, un canto de berce con ritmos exóticos, unha deconstrucción dun tema popular ou unha muiñeira do século XIX».

Son en total dez temas cos que pretenden non deixar indiferente a ninguén, aínda que a unión con outros estilos do mundo non foi algo previsto desde un principio. «Aínda que todos estamos bastante vencellados á música tradicional tamén estudamos outro tipo de músicas e moitas veces aparecen máis similitudes entre outros ritmos que diferenzas; foi un achegamento case casual á hora de ir traballando», segundo comenta David Bellas.

O gaiteiro viveirés incide na dificultade de sacar adiante o traballo polo financiamento. «Foi autoeditado, autoproducido, pagamos todo nós e á parte foi un traballo complexo porque foi un ano de ensaios intensivos para poder facer unha especie de falso directo». Cómpre lembrar que o disco se gravou hai dous anos no teatro Pastor Díaz; «Quixémolo facer así pola nosa propia formación. Logo veu o traballo de deseño e posprodución, pero a verdade é que non quixemos reparar no tempo para ter un bo resultado final, traballamos ata que estivemos completamente convencidos».

Presentación
O percorrido non remata aquí, pois agora toca presentalo por varias cidades galegas entre as que esperan que estea Viveiro, pois motivos non faltan: «Eu son de Viveiro, os dous técnicos que nos gravaron tamén e outro rapaz é do Vicedo. Logo, gravamos aquí no teatro e neste senso temos que agradecer ó Concello e en particular a Concepción Toral -anterior concelleira de cultura-, que nos deu facilidades», di. E en Viveiro tamén se pode mercar, na libraría Porta da Vila.

Orixes
O grupo foi sempre un cuarteto aínda que inicialmente tiña outra formación. Comezou cos mariñáns no 2003 e logo seguiron uns anos de parón, ata que no conservatorio superior de Vigo coincidiron cos outros dous integrantes actuais. Hoxe contan con recoñecemento a nivel galego, que comezou coa súa primeira oportunidade laboral, ó poder formar «un pequeno espectáculo que se moveu na zona de Pontevedra en teatros e circuitos de música de cámara». Agora con ‘Tradiphonías’ agardan ampliar horizontes.

http://elprogreso.galiciae.com
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 04-01-2012 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 GRAND#blgtk08#ES!!!
Comentario por Martín (10-01-2012 12:33)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer