Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Pedro Lamas comenta as pezas que tocará Axada nos X Premios Opinión

A banda Axada foi creada para actuar na gala de entrega dos X PREMIOS OPINIÓN, a celebrar o venres 28 de outubro no teatro Colón ás 20:30 horas. Dez músicos en escena, cunha sección de metal novidosa neste estilo musical, para celebrar o décimo aniversarios dos galardóns creados por este xornal.

A idea foi a de montar unha formación que realizase unha nova lectura de temas incluídos en discos que gañaran en anteriores edicións. E para exercer como director musical deste proxecto tan especial achamos a Pedro Lamas, quen revela o concepto global que rexe para montar as versións: “Atopámonos con sete composicións de artistas diferentes e ao final debe existir un nexo común no que se perciba un estilo propio da banda. Ten que existir unha estética global dentro dunha formación como a nosa, moi diferente na instrumentación á que se acha nas pezas versionadas”.

Facemos con Lamas, quen realiza os arranxos dos temas, un repaso polo repertorio que se poderá escoitar nesa noite festiva para o folk galego. Do gaiteiro moañés Budiño decidu escoller Galo Galán, composición do seu disco Zume de terra. “É unha peza con moita forza. Considero que é representativa doutro xeito de facer música folk e moi característica do estilo despregado por Xosé Manuel Budiño. Na nosa versión a aportación dos metais vai resultar sobranceira, creando unha potencia sonora moi forte. Creo que soará máis eléctrica ca peza orixinal”.

O trío Lizgairo fai a súa aportación co tema Ñarro-Ñarro, incluído no seu álbum de debut discográfico. “Posúe unha sonoridade moi singular, moi acústica. Os instrumentos que eles empregan non os temos en Axada, así que deberemos, por dicilo dalgún xeito, refundar a peza”.

Benzón foi a ópera prima como solista de Guadi Galego e nesa obra aparece a canción Muiñeira de Concha de Luneda. “É un tema cantado e, nun principio, íamos facela instrumental, mais como lle ía moi ben á voz de Begoña Lorenzo decidimos conservar a letra. Mentres que no disco escoitamos instrumentos da familia do clarinete, nós imos aportar unha diferenciación tímbrica, pola formación que temos, que aportará outra textura”.

O conxunto Berrogüetto aporta para a interpretación de Axada a composición Brest, do seu traballo 10.0. “Escollina porque ao escoitala visualizaba perfectamente a esas formacións de ventos máis propias dos países de Centroeuropa. Tentaremos explorar as posibilidades que nos ofrece para que converxa con naturalidade na sonoridade creada para a banda”.

Outra ópera prima ten acollida no repertorio de Axada co Ari-Ari do trío Nordestin@s. “Creo que é un dos momentos con máis gancho e tamén máis populares do disco. Tamén un dos que teñen máis ritmo. Procuraremos que, co noso estilo, o público vexa reflectido o espírito da canción”.
A seguinte peza analizada é a máis familiar para Lamas, xa que se pode escoitar en Tradicción, disco de Nova Galega de Danza, formación na que tamén exerce como director musical. “Na Moliñeira de Bazal hai unha gran diferenza evidente, posto que no orixinal está interpretada por voz masculina e agora o será por unha feminina. Co engadido de contrabaixo, saxos e trombón que teño preparado no arranxo creo que soará con maior forza”.

Rematamos o repaso cunha obra que nun momento determinado siginificou a despedida dos escenarios do grupo ferrolá Os Cempés, mais agora volveron aos palcos logo de catro anos de retiro. Daquel Moe a moa decidiu adaptar o tema que dá título ao álbum. “Outra vez da voz de home pasaremos á de muller. O carácter do tema ten un punto canalla e require da cantante certas dotes de interpretación, no dobre sentido, alén do canto. Das cancións elixidas quizais sexa unha das que queden máis diferenciadas respecto ao orixinal”. Como se pode comprobar escoitándoas son sete pezas ben distintas ás que Lamas tentará facer súas, e do grupo, dándolles unha volta sempre necesaria á hora de se enfrontar a unha creación xa existente.

http://laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 25-10-2011 09:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer