Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cantigas e Agarimos consegue o IV Premio Opinión Andaina Senlleira
A agrupación de Santiago de Compostela naceu no ano 1921, polo que leva noventa anos de existencia formando aos seus alumnos en diferentes campos da música tradicional

Coincidindo co noventa aniversario da súa fundación, a agrupación compostelá Cantigas e Agarimos vén de acadar o IV Premio Opinión Andaina Senlleira, que foi creado para premiar a traxectoria salientable de músicos, colectivos ou institucións a prol da música de raíz. Unha manchea de alumnos pasaron polas súas aulas en todos estes anos e o traballo educativo sempre se fixo coa intención de dignificar a nosa cultura.


Na súa páxina web a agrupación santiaguesa deixa claro o seu pensamento: "Din por aí que un pobo que non canta nin baila é un pobo sen alma e sen corazón. Mais ese non é o noso caso. O Pobo Galego se algo ten é alma, e corazón tamén. Un corazón mol, coma un pucho de figos, e grande ata o punto de non collerlle na caixa do peito. A música, como dixo Vicente Risco, foi compaña das xentes de Galicia en todo o seu ciclo vital. Os galegos e galegas cantaron sempre: no Nadal e no Entroido, nos Maios e polo San Xoán; nas festas e romarías e nas celebracións do verán. As cantigas son, pois, o espello no que se reflicte o rostro verdadeiro do país. E nós? Nós queremos ser espello no que se reflicta nítido ese rostro". A Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos fundouse no ano 1921 por iniciativa de Bernardo del Río Parada, Salvador Cabeza de León, Enrique Sánchez Guerra e Camilo Díaz Baliño e a súa presentación oficial tivo lugar no Teatro Principal de Santiago.

Dende entón, Cantigas e Agarimos traballa no eido do folclore galego, nomeadamente no aspecto musical e de danza. Baile tradicional, gaita, pandeireta e canto tradicional, percusión, acordeón e linguaxe musical son os cursos que dan actualmente no prestixioso colectivo. No ano 1951, aproveitando unha xira que realizaban por Madrid, gravaron no Centro Galego da capital española un disco de gramófono que popularizou A rianxeira, peza emblemática na vida musical do noso país. En 1957 puideron acceder a un local propio, algo importante para facilitar o desenvolvemento do seu labor. Este mesmo ano veñen de mudarse do local da céntrica rúa da Algalia cara ao barrio do Castiñeiriño. Cómpre subliñar tamén que Cantigas e Agarimos chegou a ter un grupo de teatro e que eles foron os que realizaron a estrea nun escenario da obra Os vellos non deben de namorarse, escrita por Castelao. Ao longo da súa andaina gravaron varios álbumes e participaron nalgunhas películas, como La casa de la troya, El bosque animado ou Alma gallega. Os seus diferentes grupos de música tradicional acadaron diversos premios ao longo destes anos nos concursos aos que se presentaron. No ano 1971 lograron a Medalla de prata da Cidade de Santiago de Compostela e agora engaden o IV Premio Opinión Andaina Senlleira ao seu palmarés de logros.

En 1985, as súas pandereteiras fixeron unha celebrada colaboración con Milladoiro no álbum Galicia no país das maravillas e once anos máis tarde a intervención das voces foi na ópera prima dos Berrogüetto. Antón Fernández exerce como director da entidade e comentou ao coñecer a nova que "como agrupación histórica e tradicional non estamos moi afeitos a estes recoñecementos e por iso será para nós unha honra inesquecíbel recibir este galardón".

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 25-10-2011 09:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer