Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O San Froilán será o maior festival de música galega do ano
Budiño con Kepa Junquera, Uxía, Berrogüetto, Treixadura, Dios ke te Crew, Os Cempés ou a Lamatumbá actuarán nas festas

Máis de 15 grupos galegos de primeiro nivel converterán o San Froilán no maior Festival de música galega deste ano en Galiza. O tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, destacou esta mañá en rolda de prensa que isto supón un cambio importante na concepción das festas con respecto aos anos anteriores ao “devolverlle ao San Froilán o seu carácter de escaparate da música galega e dos músicos galegos”.

Bao dixo que con este protagonismo dos grupos galegos nas festas deste ano preténdese dende o Concello “axudar á valoración dos grupos galegos dentro do propio país, porque en moitas ocasións teñen máis recoñecemento fóra que na propia Galiza”. Na selección de grupos que virán ao San Froilán e que tocarán nos distintos escenarios do día 4 ao 12 de outubro “hai tanto grupos consagrados como novas apostas”, detallou Bao. Moitos deles virán a Lugo a presentar novo disco. Haberá ademais grupos de todos os xéneros e estilos tocando pola rúa todos os días das festas.

Entre os grupos galegos que acudirán este ano ao San Froilán están Budiño e Kepa Junkera, que estarán o día 5, día de San Froilán, na praza de Santa María, para presentar novo disco; Berrogüetto, que tamén presentará novo disco na Horta do Seminario o venres 7; Lamatumbá, que estará na Horta do Seminario o Domingo das Mozas e Treixadura, que estará ese mesmo día 9 na praza de Santa María; ou o grupo de rap Diós ke te Crew, que pechará as festas o día 12 no escenario da Horta do Seminario. A música de autor estará representada por Uxía, que presentará o día 12 o seu novo disco Meu canto na praza de Santa María, o histórico cantautor de Voces Ceibes Miro Casabella, ou o cantautor Tino Baz.

Antón Bao informou ademais que encadrados dentro do programa haberá tres días adicados a distintos estilos de música galega, como o Sanfroidance, que se celebrará o día 10 na Horta do Seminario con DJ’s e grupos de hip-hop; a XII Mostra de Música Tradicional, organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que será o Domingo das mozas; e o festival Música de noso, organizado pola Asociación Cultura do País o día 4 no escenario de Campo Castelo cos grupos Cabraret, Labregos do tempo dos Sputniks e Medomedá.

“DÉIXANOS UN OCO PARA O CONCERTO DA XUNTA”

O tenente alcalde tamén afirmou que espera recibir contestación da Xunta de Galiza á oferta feita pola Concellaría de Cultura para que colabore co San Froilán cun concerto en Lugo durante as festas. “Temos un oco no programa reservado para a Xunta”, dixo Antón Bao, que asegurou que espera que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, que virán a Lugo o luns a ver o solar onde se vai construír o auditorio lle confirmen esta actuación para incluíla no programa. “Confiamos en que o luns o señor Feijóo nos diga o nome dese grupo para incluílo tamén no programa, porque seguramente o señor Feijóo veña a Lugo durante o San Froilán a comer o polbo e gustaríanos que colaborara nas festas cun concerto”.

Programa Provisional do San Froilán

Martes 4
Festival do noso (A.C. Cultura do País)
- Medomedá, Labregos no tempo dos Sputniks, Cabranet
Praza do Campo Castelo

Mercores 5
- Xose Manuel Budiño con Kepa Junkera
Praza de Santa María
- Luz Casal e Davide Salvado
Pazo dos deportes de Lugo

Xoves 6
- Os Cempés
Praza de Santa María

Venres 7
- Berrogüetto
Praza da Horta do Seminario

Domingo 9
- Lamatumbá
Praza da Horta do Seminario
- Treixadura
Praza de Santa María
XII Mostra de Música Tradicional (AGG)
- TNT e Tino Vaz
Praza de Santa María

Mércores 12
- Dios Ke Te Crew
Praza da Horta do Seminario
- Uxía
Praza de Santa María
- Miro Casabella
Praza do Campo Castelo


www.xornal.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 20-09-2011 09:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer