Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Mini e Mero reciben o premio Ramón Piñeiro-Facer País
Mini e Mero, músicos, poetas, mestres e investigadores do patrimonio cultural galego, foron galardoados co premio Ramón Piñeiro-Facer País na súa décima edición. Xosé Luís Rivas Cruz, MINI, e Baldomero Iglesias Dobarrio, MERO, actuais compoñentes do grupo A QUENLLA, formaron parte tamén de FUXAN OS VENTOS.

O xurado, integrado por representantes de 18 asociacións culturais da comarca de Sarria (Lugo) analizou e considerou 29 propostas. O premio foi instituído en 2002 pola Asociación Cultural “Val de Láncara” para recoñecer o labor senlleiro de persoas e entidades a prol de Galicia. O acto de entrega terá lugar en Láncara (Lugo) o vindeiro 15 de outubro.

Os 18 membros do xurado, representantes doutras tantas asociacións culturais da comarca de Sarria, avaliaron o constante labor dos premiados, Mini e Mero, “a prol da creación e recreación do cancioneiro galego e de diferentes manifestacións do noso patrimonio inmaterial, participando de modo individual ou con diferentes grupos no proceso de dignificación e recuperación das máis diversas facetas da expresión musical, incoporando ao seu repertorio creacións de poetas clásicos e modernos xunto con obras propias que gozan de xeral aceptación”.

Recoñeceron asemade “o compromiso profesional de Mini e Mero como educadores a prol da galeguización do ensino e dunha escola creadora e non alleante no medio rural” e salientaron “a constante e desinteresada colaboración que os premiados prestan a colectivos culturais tanto de Galicia como da diáspora, levando a mensaxe de loita e solidariedade coas xustas reivindicacións do noso pobo”. Subliñaron por último “a súa activa participación nas actividades de recuperación da memoria histórica”.

Nesta décima edición a candidatura de Mini e Mero competiu con outras 28, propostas polas distintas asociacións que colaboran con “Val de Láncara” na organización e concesión do Premio Ramón Piñeiro-Facer País.

En anteriores edicións, os premiados foron Isaac Díaz Pardo, Luís Tosar, Milladoiro,

Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas, A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo e Luz Pozo Garza . O ano pasado o galardon foi para a Real Academía Galega.

O premio Ramón Piñeiro-Facer País é unha iniciativa que xurdiu na Asociación Cultural “Val de Láncara”, na honra dun dos seus veciños mais ilustres, o galeguista Ramón Piñeiro nacido na aldea de Armea, do concello de Láncara. Ó longo dos anos foi sumando a colaboración doutras asociacións culturais da comarca de Sarria, que deste xeito recoñecen o labor senlleiro de persoas e entidades que destacaran polo seu labor de promoción, defensa e vertebración de Galicia en calquera manifestacion cultural, económica ou de creación, sempre que esa tarefa se alongase no tempo.







Coa Asociación cultural “Val de Láncara” colaboran tamén nesta iniciativa a Área de Cultura da Deputación de Lugo, o Concello de Láncara, o Centro Unesco de Sarria, a Caixa Rural Galega e a Escola Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, entre outros.

O fallo do X Premio Ramón Piñeiro-Facer País deuse a coñecer no curso dun acto informativo celebrado hoxe no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compsotela, e no que participaron: Xurxo Rodriguez Lozano (C.P.I. Ramón Piñeiro), Carlos S. López Sierra (Secretario da A. Cultural Val de Láncara), Manuel Fernández Arrojo, directivo da asociación convocante, e Jesús Vila Tourón, do Centro Unesco de Sarria.


www.xornal.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 20-09-2011 09:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer