Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Ulträqäns e María Xosé Silvar
Esta sección será o lugar para que músicos de diferentes estilos compartan experiencias e reflexionen sobre diversos aspectos do eido musical. Nunha conversa afable e amable tamén pode haber un lugar para matizar e criticar cuestións que atinxen a un mundo musical que, formando parte da cultura dun país, adoita ser nalgúns momentos, e por algúns sectores, minusvalorado en comparanza con outras artes, sen ter en consideración que a música foi unha parte importante nos movementos sociais producidos no século XX. O grupo Ulträqäns estivo respresentado nesta conversa con María Xosé Silvar polo gaiteiro e frautista Aarón Bouzón e o baterista Fran Amil. O trío non perdeu nunca o sentido de humor durante a entrevista.

–Teñens os seus álbumes unha cousa en común: un eclecticismo musical moi desenvolvido.
-Ulträqäns: Sen dúbida que o noso disco resulta moi ecléctico. É unha conxunción de influencias dos membros da banda debidamente mesturadas. Bebemos de moitas fontes e as interpretamos ao noso xeito, á marxe da música estandarizada e fuxindo dos academicismos. Algúns tentan que haxa un pensamento único tamén no musical, mais afortunadamente iso é imposible. Cando investigas noutras culturas podes atopar outros xeitos de ver a realidade. Cremos que no futuro xurdirán novas xeracións que descubrirán novas vías e xeitos de comunicar.
-María Xose Silvar: A música é o resultado das experiencias e vivencias musicais que foi tendo o creador do tema.Hai xente que recurre aos artistas clásicos de xeito ortodoxo e quen o fai para deconstruílos, e cadaquén debe aportar o seu discurso musical e perspectiva propia ao que fai.

–Que escollería para Sés de Ulträqäns e viceversa?
-M.X: Collería esa mestura que fan entre tolemia e frikismo marabilloso no que lle atopan a volta a todo e desertan da ortodoxia.
-U: De entrada resulta evidente, elixiríamos a voz de María Xosé porque non temos algo así no conxunto. Logo salientamos a súa lucidez e coherencia.

–Supoño que a súa gran ilusión, case imposible de acadar, sería poder vivir da música.
-U: Algúns levamos vinte anos tentando vivir da música e non puidemos conseguilo e a iso, sen dúbida, axuda non ser politicamente correctos e non transixir cos tubaróns que manexan o tema cultural. A música preséntasenos como un analséxico para certas cousas e sabemos que hai algunha xente que empatiza con nós e identíficase coas nosas palabras e iso é importante. En resume, a música non dá para vivir, pero si para beber.
-MX: Algún músico vive dando clase, pero para min iso é vivir da docencia e non estritamente da música. A música non dá para vivir e si para sentir, pensando que estamos nun mundo totalmente materialista no que semella que as emocións veñen en cifras. A música é o que eu máis disfruto.

–Que me contan do panorama musical coruñés?
U: Temos un fervedoiro de músicos, con propostas diferentes e moi interesantes, pero esa escena musical está afogada pola falta de apoios. Dende hai tempo o que nos repartimos son as migallas. Temos moitos futuro, xa que das escolas e academias os rapaces saen agora moi preparados e teñen acceso a cousas das que nós non dispúñamos. Na nosa cidade existen grupos que cantan en galego, inglés e castelán, existe variedade estilística e sería comenente poder darlles algunha visibilidade.
MX: O problema dos músicos é o mesmo que teñen outros artistas que traballan na cultura, xa que como esta non dá diñeiro os apoios resultan case inexistentes porque a idea imperante semella ser a de non investir no que non aporta beneficio económico. Logo tamén atopamos a xente que pretende anular todo ese mundo creativo cultural galego ou quere deixalo esmorecer. Estamos atravesando un momento de devaluación da cultura a nivel mundial e o sistema político fai que se agudice esta situación.

–A quen admiran? Poden citar a persoas alleas á música.
-MX: A moita xente. Por resumir un chisco admiro a todo aquel que amose lucidez, coherencia e talento. Tamén a esas mulleres que tiveron a valentía de se posicionar no feminismo, sei que poden existir prexuízos sobre ese termo, e facer militancia e non falo da estritamente política. Por poñer dous exemplos, encántame Simone de Beauvoir e Odetta, unha gran cantante de blues activista dos dereitos civís que estivo apoiando a Martin Luther King e que practicamente ninguén coñece.
U: Non somos un grupo que sexa especialmente fanático de ninguén en especial. Valoramos moito a todo aquel artista que vexa as cousas dende unha perspectiva contracultural e faga sentir esperanzas de que algo vai mudar. Eu persoalmente, como Fran Amil, quero citar a John Lennon como unha figura importante.

–Inventen un lema como aquel tan famoso nos anos 70 de Sexo drogas e rock and roll.
-U: Aí vai o noso: Bravú, chanchismo e deconstrución
-MX: Resistencia, 1906 e Rock and roll

–Véndanlle aos programadores un programa dobre coas súas bandas.
-MX: Eu tocaría primeiro, cando a xente aínda non anda moi borracha e logo cando xa estiveran preparados para bailar entraría Ulträqäns coa súa capacidade de facer danzar á xente. Sería un festival redondo.
U: Cremos que suporía unha interesante combinación e unha mostra do que se está a facer agora musicalmente, cos diferentes camiños que se poden percorrer. Ademais podemos compartir algo do backline e o concerto sairía máis barato.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 15-09-2011 09:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Quality isn't no greater than reason why Replica han#blgtk08#dbags interests your upper-crust coming from group.
Comentario por Replica handbags (08-07-2013 03:58)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer