Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Talabarte
–¿Como xurdiu a idea de facer este grupo?
–Non é o grupo principal de ningún de nós, que estamos metidos tamén noutros proxectos. Comezamos ao redor do ano 2004 e nese momento eramos un dúo de violín e acordeón diatónico que tiñamos a intención de tocar repertorio galego con sonoridades europeas. Agora que tes acceso practicamente a calquera música do mundo resulta inevitable ter certas influencias sonoras. Nun momento determinado uniuse á banda a percusión e levamos tres anos tocando por diversos lugares de Galicia.

–A formación de trío é a mellor para o que vostedes pretenden realizar musicalmente?
–Son tres instrumentos que empastan ben e soan moi a madeira. Cremos que é unha formación moi redonda e estable en canto a sonoridade. Ás veces xérase un efecto case de música de cámara pola presenza do contrabaixo. Estamos cómodos como trío, aínda que temos falado que se nalgún momento actuamos nun festival de verán en escenario grande quizais poidamos engadir a un percusionista.

–En Galicia houbo poucos achegamentos entre o folk e o jazz e o seu grupo aporta toques jazzísticos no seu traballo.
–En Europa existen formacións destas características, mais é verdade que aquí non se fixera algo así. A nivel tímbrico soa diferente e iso é bo para o panorama musical galego, xa que aporta frescura. O que facemos parte das linguaxes musicais na que nos movemos e está claro que Kin García provén do jazz e iso ten que notarse nalgún momento no resultado artístico, e os outros compoñentes aínda que nos movimos dentro do folk sempre fixemos unha chiscadela a outros estilos na nosa andaina. O noso concepto musical xoga coa fusión de diversos elementos e dámoslle relevancia ao tema da improvisación.

–Con esta formación os instrumentos teñen plena liberdade para expresarse e, por momentos, o repertorio elixido resulta esixente para vostedes como instrumentistas.
–Deixamos que os instrumentos digan o que teñen que dicir. Existen momentos na obra de maior excitación musical e outros nos que estamos máis recollidos. É verdade que existen partes do repertorio esixentes, con harmonías bastante atrevidas, e cómpre estar preparados para afrontalo porque ten momentos complicados para tocar. Debemos pensar que só somos tres músicos para levar todo o peso musical do proxecto.

–Botan man de bastantes pezas tradicionais. Como traballaron con elas para efectuar os arranxos?
–Algúns temas elixidos no repertorio xa os tocáramos noutras formacións, son moi coñecidos e quixemos aportarlle a nosa visión. É positivo que existan diferentes versións dun tema tradicional, algo que semella teñamos medo de realizar en Galicia e que noutros países fan con naturalidade. Nestas pezas comezamos a tocar violín e acordeón como punto de partida e logo imos harmonizando. O tratamento vai na procura dunha sonoridade diferente e arriscamos coas harmonías e ritmicamente. Por exemplo, Sara soa case como un tango mais conserva a esencia, xa que son pezas perfectamente identificables aínda que as levemos a outros territorios. Pasámolo moi ben cando ensaiamos, xa que adoitamos estar un día enteiro no campo e facemos as cousas con calma e sen estrés mentres disfrutamos da natureza.

–Chama a atención a presenza de dúas pezas do acordeonista francés Bruno Le Tron. A que é debido?
–Tróuxoas Pedro, que está moi ao tanto do que se fai no eido do acordeón diatónico europeo. É un músico de referencia dentro dese mundiño, pero foi realmente casual que nos gustasen tanto esas dúas pezas e aparezan no álbum.

–Logo queda unha parte importante da obra coas catro pezas de composición que aportan. Vese aí máis reflectida a personalidade de Talabarte?
–Un tema propio sempre aporta algo persoal ao conxunto. A tendenza acostuma ser comezar arranxando temas tradicionais, e co paso do tempo ir aportando pezas propias é algo que vai xurdindo. Pero ás veces retomas novamente a tradición porque ese material está sempre presente na túa cabeza e pode xurdir a posibilidade de darlle unha volta. Xa temos temas novos para poder tocar nos concertos. No futuro vainos apetecer meter máis temas propios. Cremos que esas pezas manteñen en todo momento a sonoridade da banda.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 29-06-2011 09:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer