Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Premios Folc Opinión

1º Nordestin@s "Nordestin@s"
2º Berroguetto "10.0"
3º Milladoiro "Unha estrela por guía"

Nesta edición, o xurado votou a nove traballos discográficos e os grupos Berrogüetto e Milladoiro obteñen o seu segundo galardón, aínda que sen repetir o primeiro lugar.

O reconto de votos desta VI edición dos PREMIOS OPINIÓN deixa unha diferenza apreciable entre os dous primeiros clasificados e as demais obras. O xurado decantouse pola proposta do trío Nordestin@s, unha conxunción musical entre dúas das voces máis importantes do folk galego e un pianista de jazz que goza dunha gran reputación.

A unión de Ugía Pedreira, Guadi Galego e Abe Rábade debe ser recibida con parabéns porque lle abre unha porta a outro tipo de mestura musical que non se coñecía en Galiza, sempre necesitada de frescura e novas ideas para ampliar as marxes polas que transita unha música folk que pugna por ampliar os seus horizontes e así ofrecer unha visión moderna e contemporánea na que convivan harmoniosamente a nosa rica tradición e as novas sonoridades.

Esta votación fai que dous novos artistas se incorporen a unha lista de premiados que repiten galardón, que só contaba co nome da gaiteira Susana Seivane. Os grupos Berrogüetto e Milladoiro xa sabían o que era ocupar o primeiro lugar e agora engaden un segundo e terceiro posto no palmarés dos premios. O único que non logrou ninguén ata o momento é repetir como mellor disco do ano.

Ugía Pedreira dicía respecto do trío que naceu sen saber se habería unha continuidade. "Isto saíunos así, e se non segue queda aí ese agasallo musical. Xa se verá cara a onde nos leva o mar do norte. O que temos claro é que cómpre cantar co corazón e que a túa vida estea aí, enriba do palco, cos temas que interpretas. Agachar o que un é non fai ningún ben. Gustaríanos saber como funciona o grupo fóra de Galiza", comentaba nestas páxinas a cantante de Foz.

A boa recepción en canto a vendas, con dous mil exemplares vendidos desde a época do nadal na que saíu o álbum á venda, e a ratificación da crítica coa concesión deste PREMIO OPINIÓN seguro que incidirá en que o grupo Nordestin@s poida ter unha longa vida. Desde fóra de Galiza xa están preguntando sobre a formación, xa que ao contar con Abe Rábade como pianista concitan a atención do mundo do jazz e tendo a Galego e Pedreira como cantantes o interese xorde desde os ambientes da música de raíz, polo que non resultará raro que comecen a actuar lonxe da nosa terra e así ter a oportunidade de valorar o recibimento que obteñen, tal como quería Ugía Pedreira.

Os compoñentes do xurado outorgaron a segunda praza nas votacións a unha banda que logrou nestes anos facerse cun lugar sobranceiro na historia do folk galego. O cuarto álbum de Berrogüetto volve mesturar as pezas instrumentais coas cantadas. O grupo tivo un verán moi activo, posto que realizou as presentacións desta obra en moitos lugares, sendo unha das formacións ás que máis se escoitou por Galiza adiante.

A banda non só obtén o recoñecemento ao seu traballo dos críticos galegos, xa que volveron contar co beneplácito dos xornalistas alemáns e foron escollidos polos membros da Asociación Premio da Crítica Musical Alemana do Disco para engrosar a lista dos mellores traballos do primeiro trimestre do 2007. Foi tamén en Alemaña, un país especial para a banda, onde o conxunto logrou o seu primeiro recoñecemento en forma de galardón.


Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 22-02-2007 09:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer