Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Susana Seivane no Alalá

Hoxe, xoves, día 06/05/2010

Esta noite, "Alalá" achégase aos soños dunha muller bandeira da música e dos sons galegos, Susana Seivane, pertencente a unha das estirpes gaiteiras de maior prestixio, para falar con ela da súa traxectoria musical, da vida, das sensacións, das súas afeccións e dos soños que volven e dos que virán.


Pero para poder sobrevivir e traballar para que a música tradicional permanecera no tempo, Seivane tivo que ir adaptándose, pois un dos grandes cambios foi mudar o papel da muller, que antes tocaba pandeiretas, latas, pandeiras... pero non era habitual que unha muller tocase a gaita. Hoxe a situación é outra grazas ao traballo destas novas gaiteiras, que conseguiron facer "falar a gaita" con tanto éxito coma os homes.

A protagonista de hoxe é unha muller gaiteira que triunfa en todo o mundo; que empezou a tocar con 3 anos, influenciada polo avó e o pai, que cando a levaban a algún concerto ou festival soñaba con que algún día ela subiría tamén a un escenario. O soño cumpriuse e impresionounos a todos, agora co cuarto disco, "Os soños que volven", en que rescata aqueles temas que aprendera de nena, temas vellos pero que soan a futuro e que suxiren momentos e lugares especiais na súa vida. Susana amosa a súa cara máis sensible, familiar, divertida e apaixonada con todo o que fai.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 06-05-2010 11:25
# Ligazón permanente a este artigo
Comeza a semana
Segunda feira 26(luns)

Terza feira 27 (Martes)
• Ophiusa no Salón Teatro (Compostela)

Corta feira 28 (Mércores)

Quinta feira 29 (Xoves)
• Festa do Trópico na sala Nasa (Compostela)

Sexta feira 30 (Venres)
• Dani Bellón e Diego Maceiras no Salón Teatro (Compostela)
• Nao en Lalín
• Samesugas na Xasa das Atochas (A Coruña)
• Guezos na sala 600 (Melide)
• Foliada Ven Respirar en Ourense

Sábado 1
• Encontro de Pandeireta Galiza-Asturias (Sabil-Asturias)
• VI Concurso de Baile tradicional Tequexeteldere no Teatro Principal (A Estrada)
• Concerto pola Lingua: Mercedes Peón, Emilio Rúa, Os Tres Trebons na Praza de Santa Maria (Lugo)
• Zenzar na sala Clavicémbalo (Lugo)
• Nao na casa das Atochas (A Coruña)
• Serán do Coello (Soutomaior)
• II Serán de Boborás (O Carballiño, Ourense)
• III Serán en Santa María de Salceda (Salceda de Caselas) no torreiro da Igrexa

Domingo 2
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 26-04-2010 15:19
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá no Brasil

Hoxe, martes, día 20/04/2010

En Río de Xaneiro o Alalá vivirá unha experiencia única cos gaiteiros novos. Río é a cidade tropical por excelencia, a capital mundial do carnaval, que tamén foi capital do Brasil e na época colonial a única cidade de América que foi sede dun imperio europeo, o portugués; pero o tropical de Río de Xaneiro non só se mide no clima, pois Río é alegría, sensualidade, provocación, paixón e contraste, pois ao lado do Río marabilloso convive o Río do caos, da miseria e das favelas.

Os galegos que chegaron a Río adaptáronse ben, son alegres e festeiros, pero na vida traballaron moito e duro, case todos no comercio e na hostalería. Na casa de España en Río fixeron a súa pequena Galicia, onde viaxan a través das notas do punteiro cada vez que se xuntan para facer unha comida ou algún curso de galego, pandeireta ou, como non, de gaita.

Pero, existen gaiteiros novos en Río? Chamarse William Monroe e vivir nunha "foresta", que é algo así como a selva brasileira, non cadra moi ben coa gaita. Pero esta noite veremos como William Monroe é un dos mellores gaiteiros que temos no Brasil e ademais toca ao xeito tradicional galego que dominan moi poucos gaiteiros mesmo de aquí: William toca en pechado.

William non naceu en Galicia, pero grazas a súa nai Mercedes e a súa avoa herdou un fondo sentimento cara ao galego, pois na emigración a gaita foi un sustento emocional para todos aqueles emigrantes que cando chegaron aquí eran pouco máis que nenos. Por sorte, o xermolo da música tradicional prendeu en William, brasileiro de nacemento e galego de corazón.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 20-04-2010 14:31
# Ligazón permanente a este artigo
O gaiteiro Lalín no Alalá

Hoxe, martes, día 13/04/2010

Lalín, gaiteiro desde que con cinco anos quedou fascinado polo son dun punteiro, será o protagonista dunha nova velada de "Alalá", que se internará na súa vida como un exemplo de músico fiel ás súas orixes e sons tradicionais.


Con doce anos mercáronlle a primeira gaita, que custou dez pesos, todo o capital que tiñan seus pais, porque o Lalín di que naceu nunha aldea "rebelde" e nunha familia en que escaseaba todo menos o cariño. Como non tiñan leiras nin cartos, decatouse de que traballando sempre para outros non ía saír da miseria e por iso en canto puido escapou da terra que o escravizaba e marchou a Vigo para traballar nunha empresa. Neste periplo novo sempre estivo acompañado da gaita e ata tocou nun barco que facía xiras turísticas nocturnas pola ría.

Iso foi onte porque hoxe, con 74 anos, segue tocando e dando clases en tres agrupacións e os seus alumnos adórano, porque ademais de ser bo gaiteiro, o Lalín é un mestre formidable que lles aprende moitas artes da música e tamén da vida. O Lalín garda centos de anécdotas das que tirar algunha ensinanza e un xeito de contalas que fai que nas súas clases pasen máis tempo escoitándoo falar que tocando.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 13-04-2010 10:47
# Ligazón permanente a este artigo
Plácido de Meiruco no Alalá

Hoxe, martes, día 06/04/2010

Plácido Vigueret ou Plácido de Meiruco -como lle gusta que o chamen- acaba de converterse nun recoñecido poeta popular na súa terra, en Neaño, no concello de Cabana de Bergantiños, coa publicación do seu libro.


Pero se por algo foi moi coñecido é por outra arte, a da pandeireta, pois desde novo, cando a mercou na feira de Baio con trece anos, soubo que "esa cousa bonita e pequena" como el ben di , ía acompañalo "ata que dese o último suspiro". Como seu bisavó compoñía coplas e a súa avoa era unha gran contadora de contos, con estes precedentes era raro que ao neno non lle gustase unha afección semellante.

Plácido de Meiruco tamén foi fiel ao oficio que todos varóns da súa familia exerceron, o de carpinteiro, aínda que hoxe argalla no seu taller algún choio para manterse ocupado; sempre foi esixente en todo o que fixo e fixéronlle propostas para entrar a formar parte dalgún grupo, pero rexeitounas ata que volveu de Montevideo, cando formou parte do famoso grupo "Os gaiteiros enxebres de Neaño". Hoxe Plácido é o único compoñente vivo desta agrupación. Con el saberemos das súas inquedanzas, do amor á súa muller e á pandeireta, das súas vivencias na emigración e de como vive na actualidade Plácido Vigueret.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 06-04-2010 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá no entroido do Hío

Alalá visita o entroido do Hío, o máis gaiteiro de todos os entroidos.

Polo día recórrense as diferentes aldeas da parroquia tocando as gaitas, bailando, comendo as comidas propias do entroido e bebendo viño en cada unha delas. Ó chegar a tarde-noite, cada un na súa aldea ou parroquia segue cantando, bailando e tocando a gaita acompañados da cunca de viño tinto. Pola noite a esmorga continúase no baixo dunha casa da parroquia ata que sae o sol.

O entroido celébrase tres días: domingo, luns e martes de entroido.

O mellor deles é que pode participar todo o mundo sen ningún reparo ás condicións persoais, dende os máis cativos ata a xente máis vella. Cada aldea e a súa xente participan nunha comparsa, que no caso do Hío son sete, correspondendo ás aldeas de Donón, Igrexario, Liméns, Nerga, Pinténs, Vilanova e Vilariño.


Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 23-03-2010 11:56
# Ligazón permanente a este artigo
A Coral de Ruada no Alalá

Hoxe, martes, día 16/03/2010

Despois de noventa anos, a Coral de Ruada de Ourense segue a cantar coa mesma forza, dedicación, entrega e entusiasmo que cando actuou por primeira vez un día de San Xoán de 1919 no desaparecido Teatro Apolo de Ourense, como unha das corais máis antigas de Galicia e, como dicía Otero Pedrayo, "un orgullo para a cidade de Ourense", e para os seus compoñentes, porque manteñen e dignifican os valores culturais galegos. Os integrantes da coral basearon o seu repertorio nas recollidas polas aldeas que logo reinterpretaban nas romarías galegas e nos máis importantes escenarios das cidades galegas, de Madrid e América.


A Coral de Ruada levou a música, o baile, o teatro e a poesía galega de xira polo mundo, cun patrimonio histórico, cultural e musical cada vez máis importante e ten recibido innumerables premios, desde a gravata da bandeira doada por Afonso XIII, á placa de ouro do Centro Galego de Bos Aires, ata as Medallas Galicia e a de ouro da cidade de Ourense. Gravaron moitos discos - desde o primeiro en 1929 en lousa- e participaron en películas como "La Virgen del Cristal".

Esta histórica coral incorporou as mulleres desde a súa fundación algo que a comezos do século XX non era corrente- e participou da primeira iniciativa empresarial relacionada coa música tradicional, ao faceren xiras nas salas que o empresario Isaac Fraga tiña por toda Galicia. Despois de noventa anos, a Coral de Ruada segue coa mesma sensibilidade nesta fantástica aventura de universalizar o patrimonio galego.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 16-03-2010 09:58
# Ligazón permanente a este artigo
Ernesto Campos no Alalá

Hoxe, martes, día 09/03/2010

Que acontecería se mesturásemos a música tradicional coa culta como fixeron compositores galegos, coma o mestre Montes ou Pascual Veiga, buscando as referencias da música popular, aventurándose a mesturar un piano e unha guitarra, por exemplo? O Alalá desta noite, que presenta Pilar G.Rego, vai desvelar o universo de Ernesto Campos, que leva desde os anos oitenta compoñendo pezas para piano e gaita, algo que ao principio foi criticado pero que agora mesmo xa editou un disco con este tipo de pezas.


Este "valente", amais de compoñer para piano e gaita, compuxo centos de pezas que están nos repertorios de ducias de músicos galegos, desde Budiño, Carlos Núñez ou Susana Seivane, ata os grupos e bandas máis importantes de Galicia. Amais, Ernesto é mestre de gaita e guitarra e, por suposto, intérprete. Un dos grupos cos que toca, que tamén estará hoxe acompañando a este novo xenio da música galega, é "Crema de Gaita"; pero tamén soarán outras pezas como a que toca a Banda de Pontevedra, con gaita solista; unha co grupo "Moxenas" e unha de gaita e órgano, no órgano da Catedral de Tui...todas elas distintas formas de interpretar a música galega que escribe este autor.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 09-03-2010 11:23
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá con cantadeiras e pandereteiras de onte e hoxe

Hoxe, martes, día 23/02/2010

Os vellos din que a vida cambiou tanto nos últimos corenta anos que apenas parece a mesma, pero se alguén notou ese cambio dun xeito especial foron as mulleres. No Alalá desta noite ímolo comprobar, porque temos o testemuño das mulleres, das de antes e das de agora, de dúas xeracións distintas. Unhas son as mulleres da aldea de Seixedos, de Hermosinda, de Otilia e da madriña, tamén Otilia, que con máis de noventa anos segue a tocar a pandeireta. Elas pódennos falar ben dos tempos en que non tiñan nin cociña, nin sequera un prato para cada un, nos tempos cando non había homes nas aldeas e tocáballes a elas traballar a terra e ir por toxo ao monte. Daquela nin soñaban sequera con que un día poderían ir á perruquería ou ter coche.

Pola contra, as mozas de Raigañas, naceron nos tempos de hoxe, así que aparentemente téñeno todo: non pasaron fame, nin frío, nin abandono pero teñen que sufrir outro tipo de carencias, por exemplo, as mozas de Raigañas non se poden permitir algo tan sinxelo como vivir onde naceron, en Malpica...Por que? Porque non hai traballo, así que teñen que coller os seus estudos, os seus fillos e as súas vivencias e marchar. As poucas que quedan traballan en talleres de confección ou no que van atopando. Iso si, tanto en Malpica coma en Seixedos xúntase para tocar, para cantar, para compartir... algo que xa fixeron as mulleres galegas desde hai moitas xeracións de avoas e súas nais... Unhas son as herdeiras das outras...e nese legado, sempre soa a pandeireta.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 23-02-2010 14:14
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá no entroido de Vilariño de Conso

Hoxe, martes, día 16/02/2010

Non hai nada mellor que estar un domingo frío de Entroido co ceo azul e despexado nas montañas de Vilariño de Conso sentindo retumbar en todo o corpo o son ancestral dos bombos dos folións, como comproba hoxe o equipo do programa
. Así se poden describir algunhas das sensacións que transmite este Entroido, pouco coñecido, a pesar de estar moi preto de Xinzo, Laza e Verín e de ser un dos máis antigos de Galicia e realmente vistoso.

Os folións son grupos moi numerosos de veciños de todas as idades que tocan uns enormes tambores de Entroido, gadañas e sachos seguindo un ritmo diferente segundo a parroquia. Acompañándoos van os boteiros, as máscaras propias deste Entroido, cheas de cor e que bailan e saltan ao son dos bombos.

O domingo xúntanse en Vilariño os folións de varias parroquias, pero durante o resto dos días de Entroido unhas aldeas visitan ás outras co seu folión, merendan xuntos, dedícanse coplas e os máis novos corren a ladeira. Porque se algo caracteriza este Entroido, ademais dos bombos e dos boteiros, é o sentimento de unión entre os veciños e a maneira en que participan e gozan todos, desde o neno máis pequeno ata o máis vello da aldea.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 16-02-2010 15:38
# Ligazón permanente a este artigo
O Gaiteiro Manuel Gende no Alalá

Hoxe, martes, día 09/02/2010

O gaiteiro de mirada tranquila que presenta esta noite "Alalá" fixo feliz a moita xente que o define como un "todoterreo", moi bo compañeiro, veciño e un home que se dedicou a unha morea de oficios pero cunha salvidade, non é como di o refrán "Mil oficios ten Xan e de ningún come pan", pois con Manuel Gende podería cambiarse o dito: "Mil oficios ten Manuel e de todos come ben".


A gaita sempre lle gustou a Gende e a súa aprendizaxe pasaba, como el di, "por estar arredor dos gaiteiros". Este grande home foi afiador, xornaleiro, barbeiro, cesteiro, paraugueiro, albanel e enterrador -dezaoito anos- e hoxe descubriremos que é moi posible. Tamén é un gaiteiro que polo amor dos fillos tivo que volver da emigración porque non era capaz de estar sen eles e, unha vez aquí, os fillos quixeron tocar con papá e así estiveron uns doce ou trece anos.

A Gende gústalle compartir o que sabe, tanto é así que agora anda a aprenderlles á muller e a unha veciña algúns dos temas do seu extenso repertorio (que ten unhas duascentas corenta e cinco pezas). Pero Gende non para de argallar e nestes intres está indo a clases de saxo e o cuarteto seguirá mentres el estea disposto a estar, que será por moito tempo. Moita xente de Cerceda recorda que os primeiros pasos de baile os deu con Manuel Gende, co cuarteto "Os de Queixas". Este gaiteiro da mirada tranquila fixo feliz a moita xente.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 09-02-2010 08:46
# Ligazón permanente a este artigo
Carlos do Viso no Alalá

Hoxe, martes, día 02/02/2010

O protagonista desta noite en Alalá é un ser terreal que reúne nun mesmo corpo tres persoas con tres dons distintos, xa que Carlos do Viso é artesán, cego e músico.


Na primeira faceta, no seu taller constrúe zanfonas, pandeiros, pandeiretas, tambores, guitarras, xa que Carlos ten o don da creación de instrumentos. Pero no mesmo corpo e alma de artesán habita outro ser, que tamén poderemos coñecer esta noite, o do cego, que se manifesta para cantar en feiras, festas e mercados e alí onde o invoquen por teléfono. No programa de hoxe será o fío condutor que nos irá narrando a complexa historia de Carlos do Viso, pois o cego ten o don da palabra.

O terceiro ser de Carlos fai milagres, xa que ten o don da música, que se expresa nos furanchos do Viso. As tres esencias de Carlos teñen un son divino e terreal, que esta noite poderán coñecer os espectadores.
Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 02-02-2010 09:12
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá no Brasil

Hoxe, martes, día 26/01/2010

A primeira parada da viaxe será en Río de Xaneiro, onde encontraremos un gaiteiro, William Monroe, que vive nunha foresta, algo así como a selva brasileira. En principio, todo isto non cadra moi ben coa gaita, pero esta noite veremos como William Monroe é un dos mellores gaiteiros que temos no Brasil e ademais toca ao xeito tradicional galego que dominan moi poucos gaiteiros incluso de aquí: o pechado en Río de Xaneiro.

Salvador de Baía será a segunda parada, onde coñeceremos os protagonistas que mantiveron viva a música tradicional galega na cidade, pois este foi un dos lugares do Brasil onde máis galegos chegaron xa desde finais do século XIX, a maioría deles foi para traballar en sectores como a hostalería ou a alimentación. Neste contexto a música valeulles para ter a súa casa algo máis cerca, uns deles son unha liñaxe familiar de gaiteiros: o grupo Os Celtas.
A seguinte parada farémola en Santos, un dos portos máis importantes do mundo cun inxente volume de toneladas de mercadorías. Precisamente nel aprenderemos algo máis sobre as plantacións de café e estaremos con emigrantes e descendentes de emigrantes galegos, como é o caso da bailarina e cantareira Amanda Barrio.

A última parada terá lugar en San Paulo. Visitaremos o centro Hispano Brasileiro, un espazo onde floreceu durante moito tempo a música galega da man da agrupación Lembranzas e Agarimos, pero tamén coñeceremos novos gaiteiros como Fernando Daparte e a outros máis vellos como Xosé María Lagares.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 26-01-2010 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
Nadal no Alalá

Hoxe, martes, día 05/01/2010

O ambiente de ilusión, sorpresa e festa singular que inunda a noite de Reis en Galicia será o escenario dun novo "Alalá", nunha noite máxica que sempre estivo chea de emoción e de música, de cantos e danzas propias destas datas, que variaban segundo a zona pero que case sempre servían, ademais de para divertir a xente e para felicitar as festas aos veciños, para pedir o aguinaldo, que podía ser uns chourizos e un vaso de viño ou cartos. Por iso para moitas familias esta tradición chegou a ser unha importante fonte de ingresos, xa que pasaban todas as festas de Nadal percorrendo as parroquias cantando e bailando.


Nalgúns lugares aínda hoxe non conciben estas datas sen a presenza dos ranchos de Reis ou dos bandos, das músicas e danzas que na memoria dos maiores están ligadas a moitos outros recordos de festa e ilusión propios desta noite: a maneira en que se xuntaban as familias e os veciños; o que ceaban e os regalos que recibían os nenos ata nos tempos en que non había case nada. Este Alalá estará cheo deses recordos e de xaneiras, epifanías, panxoliñas, danzas de fitas, de arcos e de castañetas, amigos pedindo o aguinaldo e moita ledicia.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 05-01-2010 00:08
# Ligazón permanente a este artigo
Toutón no Alalá

Hoxe, martes, día 29/12/2009

Hai lugares en Galicia, como Toutón, onde a xente non se despegou da terra, nin da natureza nin da música; onde ás veces os traballos eran durísimos, xa que ir á herba seca en verán ou facer a malla deixaban o corpo mazado...pero iso si, non había época do ano nin traballo tan duro que impedira a festa; tanto ten que fóra labrando, coma esfollando: ao rematar, algo de viño, castañas, sardiñas...e, sobre todo, música e baile, pois había pezas e coplas para cada cousa.


Así que esta noite Alalá vai estar coas Pandereteiras de Toutón, unhas mulleres marabillosas e poderosas, e algún home pillabán, coas que imos percorrer o ciclo natural de todo un ano, cos seus traballos e coas súas troulas...Vaia que se vos fixades, esta noite ides ver medrar a herba.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 29-12-2009 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
Noiteboa co Alalá

Hoxe, xoves, día 24/12/2009 ás 22:25

Este Noiteboa de Alalá será como entrar nunha postal de Nadal onde soarán panxoliñas, aguinaldos, navidás e tonadas asturianas, que tamén se cantaban nesta zona dos Ancares.


Os Faiscas de Solobeira, os Jalos de Antioquía ou os Terribles de Donas, levarán as melodías máis animadas por camiños, corredoiras, ata atopárense na cantina do lugar. Os gaiteiros da montaña como José de Gregorio ou Justo de Rego farán soar muiñeiras e xotas no interior das pallozas e mesmo na cociña. Entre as voces femininas estarán Sonia Lebedynski e as mulleres do grupo Polavila, que intentan manter a tradición da pandeira dos Ancares.

Xavier Blanco interpretará pezas de Nadal con "instrumentos pobres", obxectos da vida cotiá que antigamente se empregaban para facer música, e, por suposto, tamén participarán os veciños da zona. A presentadora do programa, Pilar García Rego, terá varios guías que lle irán contando distintas tradicións do Nadal no Piornedo.
O programa rematará cunha gran festa espallada por cada recuncho deste fermoso lugar, en que as charangas, os gaiteiros e as cantareiras mesturaranse para cantar e bailar cos veciños e mesmo co equipo de programa.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 24-12-2009 15:16
# Ligazón permanente a este artigo
O Capador de Muras no Alalá

Hoxe, martes, día 22/12/2009

O "Alalá" desta noite achegaranos as historias e a música do Capador de Muras, quen, polo feito de chamalo así, asusta ou esperta sorpresa. Pero non é o caso, pois Ramiro é bonachón e ledo; ten nesgo de gaiteiro e, debido á súa profesión, tamén é festeiro. Un curioso cóctel para o capador de Muras, que se complementa co carácter aberto que lle deu a experiencia do oficio, porque capando casa por casa coñeceu a multitude de xente e historias nos lugares de Forcarei e Silleda, polas parroquias dos montes.


Ramiro Cortizo, que naceu en Muras, é de familia de capadores, aínda que con el a estirpe tivo un parón, pois dos sete fillos que tivo, ningún saíu gaiteiro nin capador; unha mágoa, xa que Ramiro é un excelente mestre nos dous oficios e noutros máis, pois antigamente, en Muras, cantas máis cousas soubese un facer, mellor.

A figura do capador domina as artes gandeiras, agrarias e sociais. As ruadas das zonas son desas artes sociais en que de mozo un se tiña que desenvolver, con canta máis soltura, mellor, porque nesas festas de inverno eran as mulleres as que levaban a voz cantante a ritmo de pandeireta. En moitas ruadas da zona, Ramiro era o gaiteiro oficial pagado a escote polo público feminino e alí tocaba en pechado e cantaba en aberto, para que as mulleres o oísen ben, pero sobre todo unha delas: a que o acompañou toda a vida e o acompañará no Alalá desta noite, Sara.
Comentarios (2) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 22-12-2009 12:07
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Pilar G. Rego
Presenta e é guionista do programa da Televisión de Galicia sobre música tradicional Alalá, que vai polo número 128. Pilar García Rego non só achega este mundo ao resto da sociedade, senón que percorre o país para dálo a coñecer. Todos os martes ás 21h45 na TVG.

Pilar García Rego, presentadora de Alalá
Seica para algúns, o seu programa é unha relixión.

Ai, por deus, que di? Supoño que será que nos ven con devoción. Se é así; nós, encantados.

Aínda que ás veces vostede bótalle moita cara, dispensando.
Dispensando o que queira, se hai que botarlle cara, bótase, como se hai que botar unha peza ou cantar unha cantiga, o que diga o momento.

Ás veces a cara é necesaria, por aquilo de que os gaiteiros contan moitos contos.
Os gaiteiros teñen moita trécola, son moi gaiteiros. No seu tempo, eran os amos da festa e manteñen esa malicia.

Aumentou a nómina de gaiteiras?
Supoño que na actualidade moito. Pasamos de cero a ter gran representación. En tempos había algunha gaiteira, pero a maioría eran homes. Elas tocaban outros instrumentos noutros contextos, nuns ámbitos máis ligados ao traballo ou nalgunhas festas que elas organizaban, os chamados seráns. Elas limpaban o cortello, organizaban a troula e eles ían bailar, porque quen tocaban eran elas. Había moita picardía.

A muller na música tradicional está á par do home?
Penso que si. Temos gaiteiras, acordeonistas, hai de todo... Moita da música tradicional evolucionou cara o folc e aí están tan integradas coma os homes.

En todo caso, a música tradicional vive momentos de ouro, non é?
Non sabería dicir. Hai quen di que si e quen di que non. Cóntanme que hai moito grupo pero sen moita raíz porque din que teñen que organizarse eles mesmos, que non hai axudas, nin locais, que é difícil montar unha banda...

E os instrumentos tradicionais, recupéranse?
Moitos están recuperados. Hai estudos moi serios. O proxecto Ronsel, no que tamén participan as tres universidades, editou un libro con máis de cen instrumentos da música galega.

Unha pregunta, que tal se leva coa SGAE?
Ai, eu non lle pertenzo ao mundo da música, sonlle da televisión.

Preocupa neste mundo o problema dos dereitos de autor e a cuestión da internet?
Segundo a quen. Por un lado está a xente maior que leva toda a vida na música tradicional que non se dedica a ela e que non lle presta atención a esas cuestións, mais polo outro falamos de persoas novas e profesionalizadas; eses reclaman máis disciplina no que se refire aos dereitos. É lóxico.

Por certo, no seu programa As Malvelas son case fixas.

Só estiveron no primeiro programa. Certo que despois unha delas, a señora Carme, sacou un disco e dedicámoslle outro programa. Pero que conste que foron o noso talismán. É unha característica do noso programa, imos formando familia.

Hai moito etnógrafo de telderete?
Non son quen para dicir semellante cousa. A xente que leva anos recollendo música tradicional, entregándose todas as fins de semana, merece un respecto, sen eles serían imposíbeis programas como Alalá.

www.anosaterra.org
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 17-12-2009 10:57
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá co Gaiteiro O Freixo

Hoxe, martes, día 15/12/2009

En Alalá vivimos moitas veces historias sorprendentes, emocionantes, tenras e duras, e a de hoxe é unha mestura de todos estes ingredientes, xa que o protagonista desta noite é O Freixo, un gaiteiro elegante, con todas as da lei; mestre de mestres e un personaxe único do concello das Pontes, que soubo emocionar a todo o equipo do programa.


O Freixo é un home forte de 91 anos, un supervivente que soubo facer fronte a todas as traxedias da vida, xa que tivo que superar a morte do pai -queimado na casa-; que o fillo Abel se matara dun disparo; loitou na Guerra Civil; traballou na mina e hai cinco anos quedou viúvo. El apandou con estes reveses e aínda así vive a vida con ilusión e cunha alegría envexable.

Cando era un neno empezou a facer as súas propias frautas de bieiteiro e a tocar a gaita; daquela cada un aprendía como podía, e O Freixo metíase debaixo do palco da música para que lle quedara a melodía na cabeza. Pero hoxe vémolo rodeado de xente nova que o admira e o quere e cos que vai tocar alá onde o reclamen e onde deixa pasmado a calquera, porque calquera venres de foliada pode chegar á casa ás tres ou catro da mañá.

Comentarios (2) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 15-12-2009 09:08
# Ligazón permanente a este artigo
Seguen os seráns
11 de decembro
- Serán na praza da Capela de San Mauro, en Petelos (Mos)

12 de decembro
- Serán de Zamáns (Vigo)
- Fiada de Vilaboa na casa da cultura de Riomaior
- Serán en Moscoso (Pazos de Borbén)

19 de decembro
- Serán na Taberna de Xesta (A Lama)

2 de Xaneiro
- II Serán en Silvoso (Pontecaldelas)

9 de Xaneiro
- Serán en San Vicente de Oitavén (Fornelos de Montes)

16 de Xaneiro
- Serán no Casino dos Prados de Pigarzos (Xesta-A Lama)
- Serán en Prado da Canda (Covelo)

30 de Xaneiro
- Serán en Mourelle-Gargamala (Mondariz)

6 de febreiro
- Serán de Oliveira (Ponteareas)
- Serán do Galo en Acevedo (Pontesampaio)

13 de febreiro
- Serán dos Namorados en Toutón

27 de febreiro
- Serán de Mouriscados (Mondariz)

6 de marzo
- Serán de Laxoso (Pontecaldelas)

13 de marzo
- Serán de Moreira (Soutomaior)

10 de abril
- Serán de Fozara

24 de abril
- IV Noite de Fiadeiro (Ramirás)

1 de Maio
- Serán do Coello (Soutomaior)

8 de Maio
- Serán do lecer en Pazos de Borbén

15 de Maio
- Serán de Nespereira (Pazos de Borbén) no torreiro da festa

29de Maio
- Serán de Coto (O Carballal-Vigo)
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 11-12-2009 16:08
# Ligazón permanente a este artigo
O gaiteiro Bartolo no Alalá

Hoxe, martes, día 01/12/2009

O "Alalá" de hoxe vai asistir a unha desas festas galegas memorables, esas que se celebran no seo dunha saga de gaiteiros, á que se achega o programa da man do seu gran patriarca, Bartolo, un dos grandes gaiteiros de Compostela, artesán e mestre da gaita.


Hai dúas cousas que enchen de orgullo a Bartolo, unha delas que ao longo da súa vida leva adestrado -como el di- milleiros de gaiteiros e a outra é a súa familia, sempre entregada á música tradicional. A súa muller, Rita, foi primeira bailarina en "Cantigas e Agarimos" e a encargada de vestir as gaitas que el facía; os fillos tamén tocan e bailan e ademais a filla é a presidenta da asociación do "Traxe Galego".
A esta gran familia hai que engadir que os netos tamén andan nisto, e ata a nora e o xenro, así como os mozos e mozas dos netos; por iso se podería dicir que na casa de Bartolo quen non saiba tocar ou bailar non pasa a proba.

Amais de entrar nesta festa familiar de Bartolo, o programa estará cos seus alumnos; poderémolo ver tocar na catedral no "Día do Traxe Galego"; no momento que comparte cos seus compañeiros de partida e tamén observar como cambiou Santiago desde que el era un pequeno que xogaba nas corredoiras da Muíña e arredor da capela de San Lázaro. Daquela, para os de Compostela, o barrio onde el vivía era a aldea, pero hoxe está cheo de hoteis e edificios administrativos.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 01-12-2009 10:34
# Ligazón permanente a este artigo
Os gaiteiro tradicional no Alalá

Hoxe, martes, día 24/11/2009

Como son os gaiteiros galegos? O Alalá desta noite fará un retrato sobre a figura do gaiteiro tradicional galego a través de diversos casos que foron pasando polo programa e que se forxaron como personaxes creadores da banda sonora de momentos históricos importantes da nosa cultura.


Os gaiteiros foron unha inesgotable fonte de recursos no Alalá e ao longo da emisión do programa foron dándonos instantes inesquecibles que esta noite imos recuperar, repasando os momentos principais na vida dos gaiteiros, desde as primeiras gaitas que facían con canas de sabugueiro ou pipas de alcacén, ata o momento da consagración do gaiteiro que toca nas ruadas, "polavilas", romarías etc.

No programa desta noite o gaiteiro perfeccionista, o técnico, o retranqueiro, o fachendoso e mesmo o tímido... consolidan un pictograma sobre a silueta dunha das figuras máis importantes da nosa cultura e da nosa historia: "o gaiteiro tradicional".
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 24-11-2009 09:28
# Ligazón permanente a este artigo
Fuxan os Ventos no Alalá

Hoxe, martes, día 17/11/2009

Un dos grupos con máis repercusión na historia da música galega, Fuxan os Ventos, que se enmarca no eido da canción protesta dos últimos anos da ditadura Franquista e os primeiros da democracia, volve para seguir facendo historia. Con 8 discos e centos de actuacións por toda Galicia, por España e por Europa, o grupo fixo que moitas das súas cancións, como a "Sementeira", a "Carolina" ou "O Carro", formaran parte do ouvido musical galego dende hai xa máis de trinta anos.


O mito comezou a crearse en Lugo, onde os rapaces de Fuxan tiñan apenas 16 anos e cantaban no coro dunha igrexa; rápido gañaron os primeiros festivais aos que se presentaron e a principios dos 80 chegaron a ser número un de venda en discos na "Philips" en todo o territorio español. Pero este feito non os fixo renunciar aos seus principios e rexeitaron de pleno cantar en castelán, co que renunciaron a moitos beneficios por "royalties" coa discográfica.
Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 17-11-2009 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá no Brasil (V)

Hoxe, martes, día 10/11/2009

En Río de Xaneiro o "Alalá" vivirá unha experiencia única cos gaiteiros.


Os galegos que chegaron a Río adaptáronse ben, son alegres e festeiros, pero na vida traballaron moito e duro, case todos no comercio e na hostalaría. Na casa de España fixeron a súa pequena Galicia, onde viaxan a través das notas do punteiro cada vez que se xuntan para facer unha comida ou algún curso de galego, pandeireta ou, como non, de gaita.

Chamarse William Monroe e vivir nunha "floresta", que é algo así como a selva brasileira, non cadra moi ben coa gaita, pero esta noite veremos como William Monroe é un dos mellores gaiteiros que temos en Brasil e ademais toca ao xeito tradicional galego que dominan moi poucos gaiteiros mesmo de aquí: William toca en pechado.

William non naceu en Galicia, pero grazas á súa nai Mercedes e a súa avoa herdou un fondo sentimento cara ao galego, pois na emigración a gaita foi un sustento emocional para todos aqueles emigrantes que cando chegaron aquí eran pouco máis que nenos. Por sorte, o xerme da música tradicional prendeu en William, brasileiro de nacemento e galego de corazón.
Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 10-11-2009 09:27
# Ligazón permanente a este artigo
Justo do Rego no Alalá

Hoxe, martes, día 03/11/2009

A casa da gaita de Justo do Rego, un espazo dunha pequena parroquia da Fonsagrada, Pacios, que noutrora foi un sitio único e distinto, será o punto de encontro do "Alalá" de hoxe, que comparará a tranquilidade de hoxe co rebumbio que circulada por este lugar visitado por todos aqueles a quen lle gustaba a música.


Estas terras percorreunas infinidade de veces o funcionario de correos e o gaiteiro e este é o paraíso do noso protagonista, Justo do Rego.
Justo do Rego medrou nunha familia acomodada en que a música era a alegría do lugar e nesta casa da gaita medrou o neno e fíxose músico contaxiado daquelas notas que a diario soaban na cociña da súa casa. Aquí armábanse hai moitos anos unhas ruadas incribles, había festa cando pasaban os cegos e cando alguén da familia dos do Rego tocaba, pois era unha saga de músicos: tocaba o avó, o pai, os fillos, tocou o neto e agora o bisneto.

Con oitenta anos, Justo segue a ser un gaiteiro magnífico, un home entrañable e distinguido que tocou no famoso grupo "Os Gaiteiriños da Puebla"; iso si, a Justo a vida fíxoo pasar por momentos moi difíciles a perda de seu irmán e a de seu fillo- que o obrigaron a pousar a gaita e chegou a estar trinta anos sen tocar. Justo resume a súa historia musical en que "isto é terminar moitas veces e volver empezar outras tantas", e "nun futuro non se sabe como será".
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 03-11-2009 09:49
# Ligazón permanente a este artigo
O Proxecto Ronsel no Alalá

Hoxe, martes, día 27/10/2009

Que os galegos temos un gran patrimonio material está moi claro, pois as catro provincias están cheas de igrexas, de pazos, de cruceiros e lavadoiros, de paisaxes impresionantes e terras fértiles. Pero non menos importante é o noso patrimonio inmaterial, o conxunto de saber e de coñecementos, que os avós empregaban para cultivar a terra, para desenvolver un oficio, para facer festa, contar un conto ou tocar unha muiñeira, ao igual que antes fixeran os seus propios avós. Pero hai procedementos para facer que este patrimonio siga vivo e sexa útil para a nosa vida actual, e para este fin traballa o Proxecto Ronsel, do que se vai ocupar o Alalá de hoxe.


Como este patrimonio inmaterial é o que distingue os galegos na súa maneira de ver o mundo, e como leva anos esmorecendo, o ano 2007 púxose en marcha o "Proxecto Ronsel", nun intento de protexer o inmenso patrimonio cultural inmaterial que hai en Galicia, para dalo a coñecer e garantir que se siga transmitindo a través das xeracións.

Co Proxecto Ronsel, en que traballan mestres de todos os campus universitarios galegos, aplicouse a metodoloxía científica ao estudo do patrimonio, dividíndoo en cinco áreas seguindo un esquema definido pola Unesco: as tradicións orais; os oficios; a música e artes do espectáculo; os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo; e os usos sociais, rituais e actos festivos. Isto que soa tan académico convértese en cousas moi concretas, como imos ver no Alalá de hoxe.

No programa verase dende unha explotación de porco celta, no Incio, que garante o desenvolvemento económico dunha zona e evita o seu despoboamento; os novos xeitos de aproveitar a artesanía dos coroceiros ou os oleiros en gravacións para colgar na internet orientadas a que os nenos aprendan a fabricar instrumentos musicais sinxelos como un mirlitón, un carrizo ou un estraloque; ou publicacións que recollen os nomes dos lugares, nomes que están a piques de desaparecer, e o programa de xogos tradicionais que levan a desenvolver nun colexio da Capela desde hai case trinta anos.

http://ronsel.uvigo.es/
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 27-10-2009 09:04
# Ligazón permanente a este artigo
Fía na Roca no Alalá

Hoxe, martes, día 20/10/2009

O "Alalá" desta noite estará cun dos grupos máis veteranos do folk galego, "Fía na roca", que leva máis de 15 anos mesturando a música tradicional con algo de rock, de jazz, de música étnica e de todo tipo de ritmos para acadar un son propio, diferente e inconfundible
. Para celebrar que levan todo este tempo facendo a música que lles gusta e pasándoo de medo con iso fixeron un dvd que chamaron "Quince maios" que inclúe entrevistas con eles e a gravación en directo dun concerto no Teatro Principal de Santiago, en que quixeron amosar o que é hoxe Fía na roca.

O programa lembra que dende que se presentaron ao público no Festival Folk Cidade Vella de Compostela no ano 1993, o grupo foi cambiando e o panorama musical galego tamén, pois cando comezou non eran moitos os grupos que se dedicaban a facer folk, e eles intentaron sempre non deixarse levar polos vaivéns do mercado e seguir fieis ás súas ideas, algo que conseguiron mantendo traballos á parte do grupo e autoproducindo os seus propios discos. Polo camiño marcharon uns músicos e viñeron outros e pasaron de facer música basicamente instrumental a incluír a voz de Sonia Lebedynski. Xunto a ela, Xosé Ramón Vázquez, un dos fundadores do grupo, Carlos Castro, Roberto Santamarina, Giao Rodrigues, Xabier Olite e Roberto Rama forman este novo e sempre sorprendente Fía na roca.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 20-10-2009 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
Nova xeira do Alalá

Hoxe, martes, día 06/10/2009

"Noites de tasca", esta é a invitación de hoxe na Galega ao pór en escena a nova temporada de "Alalá", o programa cultural das historias da música tradicional, un dos máis seguidos pola audiencia nas súas catro temporadas anteriores (cando sumou cifras récord na súa faixa horaria) e que agora se presenta cunha maneira renovada de contar a vida dos personaxes que nos ofrecen todo o seu coñecemento musical e vital, e tamén con máis tempo de emisión para incluír máis pezas e reflexións.


En "Noites de tasca" faise un retrato da vertente máis espontánea e pegadiza da tradición, como é a música de tasca, e polo tanto aquí estarán personaxes como Josefa de Bastavales, Pepe Temprano ou Pazos de Merexo, que amenizarán unha velada en que nos desvelarán historias de tascas nunca antes contadas. Pero a mocidade tamén será protagonista neste programa, en que se mesturan todas as idades co obxectivo de vivir a música, cantares de cego e festa a rachar.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 06-10-2009 13:20
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá con Xavier Blanco

Hoxe, martes, día 29/09/2009

Na comarca do Morrazo, o "Alalá" desta noite preséntanos un mestre de gaiteiros que atesoura pedagoxía, artesanía e autenticidade: Xavier Blanco, que reconstruíu a gaita de cana, a precursora da moderna, que ía para cen anos que no se escoitaba polos montes do Morrazo.


Pero o afán pedagóxico que el amosa nas súas actuacións pola península e no estranxeiro lévano a construír e restaurar todos os instrumentos tradicionais galegos, empregando dende piñas a un caldeiro ou unha vasoira para facer música, unha chea de útiles que Blanco inclúe no grupo de instrumentos pobres ou comúns. Todo o esforzo do mestre artesán vai encamiñado a que se respecte a música de raíz e que se recoñezan cronoloxicamente todas as seccións da música tradicional.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 29-09-2009 10:04
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá nos Ancares e novidades da nova tempada

Hoxe, martes, día 22/09/2009

O "Alalá", que recupera esta noite unha das súas historias máis particulares, nos Ancares, con Eduardo González, aquel neno que soñara con ter unha gaita, regresará a semana que vén cunha nova temporada para seguir contando coa música tradicional e cos artistas que viven dela.

Unha das súas novidades é que se amplía de trinta a corenta minutos, por tanto máis tempo para coñecer os personaxes que en cada programa nos ofrecen todo o seu coñecemento vital e musical e máis tempo para incluír pezas desa xente que traballa a reo para que non desapareza esta cultura.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 22-09-2009 09:24
# Ligazón permanente a este artigo
Pepe Temprano no Alalá

Hoxe, martes, día 15/09/2009

Esta noite a Coruña dos anos 60 chega ao "Alalá", o aroma da tabaqueira, das tascas e a música nos Belés....con Pepe Temprano, actor de publicidade, coleccionista e gaiteiro, que ama as cousas auténticas, comezando pola música que para el ten que ser galega, sen andar con "Jamaicanadas", por iso toca xotas, muiñeiras, alalás, etc. pero sempre co carácter galego como sinal.

Despois da xubilación, o Temprano é un dos actores de publicidade máis cotizados en Galicia, de feito ten un certo parecido coa publicidade na súa capacidade para seducir coa música e coas súas historias resultado dunha vida intensa dedicada á musica pois xa dende que era un neno toca cos "Tempranos de Eiris", ombro con ombro con seu pai. Da familia herdou o carácter gaiteiro e o posto de traballo na antiga fábrica de Tabacos da Coruña; de feito no programa analiza varias perspectivas da cidade da Coruña de mediados de século pasado, como a Tabaqueira ou a música de tascas como Os Belés.
Pepe Temprano ten tal colección de instrumentos e curiosidades musicais na casa que ben podería ser un museo da música: Trompas de Mongolia, dulzainas de Navarra, tallados de Polonia... todas auténticas xoias que conserva orgulloso nas vitrinas do corredor, a través dos cales foi cultivando un intenso saber sobre a nosa música. Por iso cando fala dela faino sen medo, rexeita os mitos e di que gaiteiros tan bos como agora nunca houbo.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 15-09-2009 09:42
# Ligazón permanente a este artigo
Os regueifeiros no Alalá

Hoxe, martes, día 01/09/2009

Esta semana "Alalá" recupera a entrega en que compartiu unha foliada con catro regueifeiros: Pinto de Herbón, Luís Caruncho, Benito Lobariñas e Augusto Canario; catro mestres da retranca que van explicar os segredos desta loita dialéctica de longa tradición en Galicia.


Ademais as cámaras do programa achegáronse ás súas vivencias particulares para intentar coñecelos "de cerca": os espectadores da TVG verán a Pinto "en familia" e no seu oficio de pementeiro; tamén se trasladaron ata Viana do Castelo para ver onde vive e onde se inspira Augusto Canario, un dos artistas máis populares do norte de Portugal; "Alalá" tamén se achegou ata unha clase de música con Luís Caruncho, quen despois descubrirá, xunto co seu amigo Benito Lobariñas, cal é a mellor receita para un licor - café exquisito, unha receita que nos ensinarán en forma de regueifa.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 01-09-2009 10:19
# Ligazón permanente a este artigo
Manuel Viqueira no Alalá

Hoxe, martes, día 25/08/2009

O programa "Alalá" recupera esta noite a entrega dedicada a un dos mellores gaiteiros de Galicia, Manuel Viqueira, o gaiteiro de Vilaverde, coñecido en toda a comarca de Ordes desde que, con 11 anos, comezara a percorrer as romarías levando a maxia e a alegría da súa música. Manuel ten agora 77 anos e segue cheo de forza e de proxectos: acaba de mudarse a unha casa nova, é capaz de tocar horas e horas sen cansar, mentres ve como se van esgotando os músicos e os bailadores e, o que nunca soñara, acaba de gravar un disco.

Din os que saben disto que Manuel é único porque ten un xeito de tocar, o que se coñece como "tocar pechado", que antes era moi frecuente pero que agora xa ninguén domina. Ademais conserva moi ben o repertorio propio da súa zona e fai uns picados e uns trilos que distinguen a súa música da de calquera outro gaiteiro.

Ante todo, esta é a vida dun gran gaiteiro, orgulloso de selo e apreciado por todos os que o coñecen desde mozo, que ven chegar a Manuel e ven chegar a festa e as mellores lembranzas da súa xuventude.
Comentarios (2) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 25-08-2009 09:48
# Ligazón permanente a este artigo
Músicos Tradicionais da Limia no Alalá

Hoxe, martes, día 18/08/2009

Paco de Escornabois, Hermelinda do Muíño ou os Gaiteiros do Vilar foron algúns dos músicos que pasaron polo programa pero, nunca se preguntaron como demos con eles?
Diso vai o "Alalá" de hoxe, un programa completamente distinto a todos os anteriores, xa que se trata dun "Alalá" de recoñecemento e de homenaxe a aqueles que dedicaron o seu tempo a buscar incansablemente tesouros da nosa música tradicional e deron despois as coordenadas para que nós simplemente tiveramos que admiralos e compoñer os "Alalás" coas súas verbas.

Esta noite, gaiteiros con máis de medio século e historias da lembranza da Limia no "Alalá" do Catálogo de Músicos Tradicionais da Limia. Así, verase como se atopan pezas e gaiteiros con case un século de historia e para iso o equipo do programa acompaña a Castor e Félix, dous verdadeiros investigadores. Eles dous son notarios da música tradicional galega, que durante dez anos fixeron máis de 4000 quilómetros polo interior da Limia, en Ourense, na procura de verdadeiras xoias musicais do patrimonio cultural. Todos estes achados son historias e músicos tan reais como incribles, que foron capaces de reflectir nun catálogo de músicos coa axuda doutros coma eles: Iván Area, Pablo Carpinteiro e Delfín Caseiro. Entre todos inmortalizaron para sempre aquel saber tradicional da comarca da Limia nun libriño tan breve como ancestral que poderemos ler nas imaxes e nos beizos dos seus personaxes.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 18-08-2009 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
Os Seráns no Alalá

Hoxe, martes, día 11/08/2009

"Alalá", o espazo documental sobre música tradicional que presenta Pilar G. Rego, lembrará o programa dedicado a descubrir Os Seráns, un tipo de festa que hai décadas se celebraba nas aldeas durante os meses de inverno, cando baixaban as temperaturas. Este tipo de reunións en que a xente se reunía para cantar e bailar podía ter nomes diferentes segundo a zona, pero nesta ocasión "Alalá" achegarase aos seráns que se facían no sur da provincia de Pontevedra, concretamente estaremos na parroquia da Ermida, en Pazos de Borbén; pasará por San Vicente de Oitavén, en Fornelos de Montes, e chegará a Aboal, no concello de Mondariz.


Grazas a que os seráns se volveron poñer de moda asegurando que o proceso de transmisión da tradición funciona, cando se xuntan todas as xeracións, coñeceremos hoxe o divertimento propio dunha época que cos anos foi esmorecendo pouco a pouco. Pero as ganas dos veciños de contar todas as andanzas dos seus anos mozos segue viva e neste "Alalá" estarán todos os protagonistas, quen viviu os seráns e quen axudou a recuperalos, neste caso, o investigador de todo este proceso, Luís Prego, o que supuxo moitas horas e días escoitando con ansia e agarimo a todos os veciños.

Que era o serán e onde se facía? Sorprenderalles saber que o escenario, na Ermida por exemplo, era unha corte, a do gando, onde estaban os animais e o esterco. Para bailar, por suposto, había que baleirala e axeitala, o que supuña un enorme traballo.

Aquelas reunións divertidas recórdanas tamén as veciñas de San Vicente de Oitavén. Neste lugar o serán tiña algunha variante. Por exemplo, o xeito de anuncialo era "a peito", percorríanse os camiños cantando antes de comezar e, desta maneira a xente quedaba informada. Despois de rematar as duras faenas do campo, as mulleres arranxaban o "salón de baile" botándolle area que se carrexaba en cestas e caldeiros.

En Aboal, no concello de Mondariz, empregaban outro local para os festexos nocturnos da longa invernía. Nesta parroquia facían para a ocasión unha "casa do baile", unha especie de cabana construída con palla, piñeiros, xestas e codesos e tan ben traballada que non entraba pinga de auga.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 11-08-2009 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer