Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

III Ciclo de Músicas Inmigradas: Uruguay
URUGUAY
Venres 3 e 10 de xuño
18:30 a 20:30
Salón de actos da e-Trad ou patio da Escola de Artes e Oficios (dependerá da meteoroloxía)
Entrada libre ata completar aforo


Os Ciclos de Músicas Inmigradas que leva organizado a e-Trad dende o seu inicio (como actividade libre dentro do seu programa de actividades extrescolares dos venres pola tarde) teñen como fundamento dar a coñecer culturas foráneas á nosa da man de personas pertencentes a elas que, por unhas razóns ou por outras, trocaron o seu lugar de procedencia polo noso.

Os protagonistas destas xornadas falarán das formas de vida, sociedade, gastronomía e, por suposto, das músicas e danzas tradiccionais do seu pais. Das posibles semellazas e diferenzas entre a súa cultura e a nosa. Da súa andaina por estes lares, o encontro coa nosa música …

En definitiva, trátase de fomentar a unión e a comunicación entre as diversas culturas que conviven xuntas facilitando a súa integración. Comprender que todolos pobos comparten a mesma forma de se divertir e unha linguaxe común; a música.

Este ano xa contamos coa presenza de representantes de Rumanía na primeira parte do ciclo e agora queda a segunda parte con representantes de Uruguay que empregarán a primeira tarde para poñernos en contexto: falar do seu país (localización, sociedade, economía, política …) e achegarnos ás súas tradicións musicais e danzas a través dunha serie de actividades nas que poderán participar todolos asistentes. A segunda xornada será de repaso das actividades e mostra da gastronomía do país, rematando festivamente cun intercambio cultural Galicia- Uruguay.

Ion Stan e Cristian Busuioc, da Asociación Puente Cultural Rumano Gallego, co grupo folclórico de dita asociación afincada en Santiago, foron os encargados de amosar o folclore e realizar actividades e demostracións musicais e de danza rumanas os días 13 e 20 de maio. E será agora a Comparsa “Urumundo”, membros da Asociación Uruguayos por el Mundo de Vigo, a protagonista da segunda parte deste III ciclo que se levará a cabo os días 3 e 10 de xuño co mesmo horario da primeira parte. Centraranse no xénero musical afro-uruguayo “candombe”, recoñecido pola UNESCO como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.
Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 10-06-2011 14:32
# Ligazón permanente a este artigo
XXIII FESTIVAL FOCLÓRICO - INFANTIL da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras
O vindeiro Domingo 12 de xuño de 2011 ás 5 e media da tarde terá lugar,
no Local Social da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras
(Sebe s/n – Cacheiras - Teo), o XXIII FESTIVAL FOCLÓRICO - INFANTIL. Nesta edición
participan as escolas das seguintes Asociacións:
-S.R San Xoán de Calo (Teo).
-A.C. Donaire (A Coruña).
-A.C. Nós de Sobradelo (Vilagarcía de Arousa)
-A.C. Rosalía de Castro de Cacheiras (Teo)

Ana Pérez Casal
Asociación Cultural "Rosalía de Castro" de Cacheiras
Tlf: 981 80 60 91

Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 09-06-2011 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
I FOLIADA DE LEIRO
O Vindeiro Sábado 4 de xuño @s amig@s da Asociación Taparraná, organizan o que será a I Foliada de Leiro, presentannos o seguinte programa:

19:30 Xogos Populares
20:30 Curso Iniciación ao Baile Tradicional
E a partir das 21:00 comenza a "FESTA".......lume!

Haberá Bolos Preñados de balde para todos os asistentes, chocolata e bizcoito.
Non faltara o bo viño do Ribeiro, licor cafe e outras bebidas espérituosas....
Contarase con zona de acampada (se alguen se quere quedar)

Achegádevos ata Leiro que a festa promete !!

Para máis información podedes contactar en taparrana@live.com
Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 03-06-2011 16:55
# Ligazón permanente a este artigo
O entroido de Castro de Laza no Alalá

Hoxe, mércores, día 11/05/2011

Nun lugar de Galicia onde se paraliza o tempo e as tradicións mantéñense desde hai ducias e ducias de anos, o Entroido do Castro, no concello de Laza, estará hoxe o equipo de "Alalá", para vivir e analizar unha festa que, debido ás súas raíces ancestrais, é unha das máis visitadas e agardadas, cun longo programa de actos que dura varias xornadas.

O equipo do programa viviu a xornada do día grande, o domingo, cando se estrea a figura dos Peliqueiros, o día en que corren pola vila movendo as chocas e visitando os veciños, casa por casa, intentando descubrir a figura principal no seu ambiente, correndo con eles a un tempo e preguntándolles aos veciños por todo o que nos chame a atención. Ata hai poucos anos apenas quedaban traxes de peliqueiro porque non había quen os fixese, así que non había máis remedio que alugalos por horas; pero despois volveu á vila Paco, "O Xastre", que foi quen de recuperalos para todos.

No Entroido do Castro soa a música dos gaiteiros, que percorren as rúas tocando pezas dos seus mestres, pois o seu papel foi fundamental desde hai anos para transmitir a tradición.

Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 11-05-2011 11:08
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá na Arxentina

Hoxe, mércores, día 20/04/2011

A enriquecedora vida dos emigrantes galegos nun dos seus destinos preferidos, o Río da Prata, convértese no móbil do Alalá especial de hoxe, nunha viaxe pola música tradicional galega na Arxentina e Uruguai, porque cando os galegos marcharon, levaron tamén unha maneira de vivir, de divertirse e de sentir a música da súa terra.


O programa especial Alalá revive aquelas gaitas que soaban nos barcos para animar as longas xornadas de travesía, e que despois, unha vez cruzado o Atlántico, a música galega cobraba vida propia, dando pé a composicións novas que mesturaban os ritmos galegos cos aires de tango. Co paso das xeracións, estes novos sons evolucionaron para dar lugar a distintas formacións e repertorios, pois os nosos paisanos tiveron un gran peso no progreso da Arxentina como país e na modernización de Galicia, ao compás da música galega, que fixo que a mesma Rianxeira se compuxese na outra beira do mar.

Para guiarnos por esta traxectoria da música tradicional galega, no contexto da emigración arxentina, o equipo do programa conta coa axuda de Norberto Pablo Cirio, un antropólogo e musicólogo que amais toca a gaita cos Lucenses, unha das dúas "regionales" -como en Bos Aires chamaban ás compañías de músicos que animaban os bailes das sociedades galegas- que aínda seguen en activo das setenta que chegou a haber.

Comentarios (2) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 20-04-2011 11:04
# Ligazón permanente a este artigo
Francisco Carballido no Alálá

Hoxe mércores ás 22:25

Francisco Carballido, a persoa elixida polo "Alalá" de hoxe, é un dos últimos tocadores de trompa da Fonsagrada e portador dunha antiga técnica de toque, cun repertorio baseado en cantigas e pezas tradicionais de gaita que adapta á trompa. En Estoupelo, aldea da Fonsagrada, onde naceu e viviu toda a vida, ata facía "polavilas" coa trompa en que creaba bailes cun ton moi especial.

O feito de que Francisco non lembre nin cando comezou a tocar a trompa, fala da unidade natural entre o lugar, o músico e un instrumento que se toca en moitas partes do mundo e aquí leva moitos nomes: arpa de boca, berimbau, espantapensamentos... Tan arraigado estaba na zona como pasatempo que os ferreiros fabricábanas de forma espontánea e conseguila foi para el tan natural como facela soar; simplemente tivo que encargarlla cando era neno a un amigo.

Francisco fala deste amigo, un rapaz fillo e aprendiz de ferreiro, que aceptou o encargo e púxose a facer a trompa cando só tiña once anos. Esta noite estará cos espectadores un dos últimos tocadores de trompa da Fonsagrada: Francisco Carballido Marentes.
Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 30-03-2011 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
O Xocas no Alalá

Hoxe, mércores, día 23/03/2011 ás 22:00

O equipo do programa déixase levar hoxe pola paixón que senten algunhas persoas pola nosa música, como é o caso de Xoaquín Míguez, máis coñecido como O Xocas, un gran mestre da gaita nacido nas Muras, no concello de Pazos de Borbén, que adorou a música desde que era un meniño. O músico, que tivo pai gaiteiro, tivo que loitar contra a obsesión da familia, que non quería que tocase porque pensaban que podía "enfermar de peito" de tanto soprar.

Pero O Xocas, que co tempo coñeceu case todos os segredos da gaita, non puido obedecer nunca a esta petición dos pais e, xa con dez anos, fundou o seu primeiro grupo, "Los infantiles de Muras" asinando o primeiro contrato para unha actuación; logo aos catorce anos emigrou ao Brasil, seguindo coa gaita, e cando volveu a Galicia non parou de levar a música da gaita ata Inglaterra, Canadá ou as Bermudas. Amais, un bo día comezou a construír unha bancada de madeira á que lle incorporou un torno e a partir dese momento iniciou a súa etapa de artesán fabricando gaitas, algunhas delas pezas únicas.

O personaxe de hoxe é unha demostración de que a música enlaza de xeito natural con outras actividades, pois O Xocas investigou, deseñou novas ferramentas, novas palletas e unha chea de avances para mellorar a sonoridade da gaita. Por se non fose abondo, o programa tamén afonda noutras facetas do músico, pois é mestre, forma parte dos xurados, dá conferencias e colabora en todo o que lle piden, en Galicia e fóra dela.

Comentarios (2) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 23-03-2011 11:28
# Ligazón permanente a este artigo
Mercedes Peón demostrou toda a súa esencia no escenario
A cantareira regresou a Vigo para presentar o seu último traballo "Sós" no teatro do Centro Cultural Novacaixagalicia cun novo xiro ao folk galego.

Mercedes Peón estreou o seu último disco "Sós" en Vigo. Fiel ao seu estilo, cunha posta en escena sobria, dominada polas cores neutras e onde a luz intensificou o poder do son, interpretou a súa nova proposta musical, un novo xiro ao folk galego ante unha entrada discreta no García Barbón.

Con fondas raíces na tradición, a cantareira reflecteu os influxos de estilos máis actuais, achegando unha proposta cun claro selo persoal.
Para moitos críticos, o máis destacado das súas composicións son as incorporacións doutras culturas ao resultado final. Co teatro a medio encher, os asistentes saíron convencidos e satisfeitos dun espectáculo que seguiu as liñas marcadas pola intérprete e que a fixeron popular.

www.atlantico.net
Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 15-03-2011 10:29
# Ligazón permanente a este artigo
Os instrumentos musicais na tradición galega no Alalá

Hoxe, mércores, día 09/02/2011

Na música tradicional galega coñécense máis de 150 instrumentos que Pablo Carpintero describe con todo detalle no seu libro "Os instrumentos musicais na tradición galega", un dos máis lidos en lingua galega, que recibiu o premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio. A publicación, en que afonda o Alalá de hoxe, chamou tanto a atención da Unesco que a institución elixiu a Pablo para incorporarse a un comité de doce persoas de todo o mundo, encargado de escoller as obras mestras do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade deste ano.

A través de cincocentas páxinas cheas de información clara, fotografías e debuxos, resultado de vinte anos de investigación minuciosa que amosa que Galicia é un dos lugares con máis riqueza musical do planeta, poderemos saber desde como se tocan e como se constrúen os instrumentos ata a súa historia, de onde proceden, en que circunstancias se tocaban, quen, cando e para que os tocaban.

Este musicólogo, que amais é doutor en Ciencias, artesán e gaiteiro, deulle varias voltas a Galicia para recoller a información directamente dos portadores, dos músicos e dos artesáns, buscando nos arquivos, nos textos e nos cancioneiros fotografías e iconografía que o axudasen a entender mesmo o funcionamento de instrumentos que xa non existen.

Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 09-02-2011 09:07
# Ligazón permanente a este artigo
Xan de Vilar no Alalá

Hoxe, mércores, día 02/02/2011

Descubrir o poeta cantor de Vilar, nunha aldea do Courel, é a misión para unha nova noite de Alalá, que marcha á montaña para achegarnos a figura dun home que durante moitos anos foi o único habitante da aldea, onde habita xunto á música, á poesía e unha chea de tradicións que se están a perder nestas altitudes.


Un dos primeiros puntos de contacto para falar con Xan de Vilar lévanos a percorrer todos os oficios que, en maior ou menor medida, foi desenvolvendo ao longo da súa vida, como o de ferreiro, o aproveitamento dos froitos e arbustos, o de carreiro ou o de pastor (coa implicación que tiña o lobo nesta tarefa). Xan é un home pícaro, simpático e moi hospitalario, e os que pasaron algunha vez por Vilar non se esquecen xamais deste gran poeta.

Descubrimos hoxe que Vilar está en pé grazas a el, porque Xan é o gardián deste paraíso que é O Courel, el é quen de arranxar as goteiras da capela ou poñerlle cancelas ao camiño. Entre as curiosidades da súa vida están o museo cunha ampla colección de trebellos de labranza que el comparte cos camiñantes que o desexen, e amais cos seus produtos monta un pequeno mercado enriba dun carro para que os paseos sexan un pouco máis levadeiros.

Falaremos sobre aspectos da súa vida, por que quedou el só e non marchou como fixeron seus irmáns e todos os veciños; como eran as festas que se facían cando na aldea había case oitenta veciños; por que non puido tocar a gaita cando era neno e unha chea de cousas que nos farán reflexionar.

Comentarios (2) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 02-02-2011 11:26
# Ligazón permanente a este artigo
Os gaiteiros de Santa Comba no Alalá

Hoxe, mércores, día 26/01/2011

Moitos dos gaiteiros que ten coñecido o programa "Alalá" contáronnos que polas circunstancias da vida nalgún momento tiveron que pousar a gaita e gardala ben gardada para que non se encouzase e outros pasaron décadas sen poder collela na man; podería dicirse, por isto, que tocar a gaita é un luxo que só se poden permitir aqueles que teñen talento e tempo para dedicarlle. O grupo co que fala hoxe, "Os gaiteiros de Santa Comba", son uns amigos xubilados que se dedicaron ao longo da súa vida a diversas profesións, foron labregos, mecánicos, zapateiros, traballaron nas minas de volframio e algún ata emigrou a Brasil e Alemaña.

Case todos eles empezaron a tocar algún instrumento sendo moi nenos e outros aprenderon despois, pero este grupo de gaiteiros toma o asunto moi en serio, algúns saben solfexo, outros tocan de oído e outros gravan as pezas para aprendelas sen fallo ningún. Cadaquén á súa maneira, pero teñen un mestre de excepción, o músico Pablo Seoane, que se reúne con eles no centro socio comunitario de Santa Comba todos os venres para seguir aprendendo, un deses mestres comprometidos que cumpre unha tarefa mais alá da puramente didáctica, que está moi orgulloso desta agrupación porque ten ansia e ganas de achegar alegría alá onde vai.

Amais das festas ás que van tocar, un dos lugares aos que non faltan é ao baile dos domingos no centro socio comunitario de Santa Comba, que forma parte da súas vidas e converteuse para moitos deles nun segundo fogar.

Comentarios (2) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 26-01-2011 09:21
# Ligazón permanente a este artigo
As pandereteiras de Avión no Alalá

Hoxe, mércores, día 19/01/2011

O Alalá de hoxe achégase ata Avión para coñecer os vinte e cinco compoñentes de Flor de Toxo, un grupo moi ligado a un concello moi coñecido pola emigración a México e pola riqueza en música tradicional que atesoura, xa que non hai grupo de pandereteiras ou bailadores en Galicia que non teña no seu repertorio algunha peza saída de Avión.
Os músicos de hoxe suman estes dous elementos, que todos estiveron emigrados e que tocan a pandeireta e cantan coplas do mesmo xeito que llelo escoitaban facer ás súas avoas antes de ter que marchar a México, Venezuela ou Alemaña cando apenas tiñan quince anos.

A música foi para todos un dos recordos máis amables dos que os acompañaron nos anos que pasaron fóra de Galicia e agora que son emigrantes retornados, coa mestura de emocións e vivencias que gardan, decidiron volver xuntarse para facer desa música que escoitaban cando eran nenos un motivo de unión e de festa.

Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 19-01-2011 10:05
# Ligazón permanente a este artigo
A Banda das Crechas no Celtic Connections 2011
A Banda Das Cechas viaxa este venres a Glasgow (Escocia) para representar a Galicia no Celtic Connections 2011, un dos maiores festivais da World music de todo o panorama Europeo

Nesta edicion do Festival, a Banda presentará o seu primeiro disco titulado “ABDC”, a cita será o dia 21 ás 19:30 h. e compartirán escenario co dúa de violín e violoncheo de Alasdair Fraser & Natalie Haas.


A Banda das Crechas é, en esencia, o que a música nunca debeu deixar de ser, unha ferramenta para o contacto humano, para a comunicación. A paixón é o motor deste colectivo aberto que mostra ao mundo a tradición galega no seu lado máis lúdico e participativo e onde se xuntaron tres xeracións de músicos que vibran coas nosas melodías. (Uxia Senlle)

12 potentes músicos, 12 grandes personalidades, moitos anos xuntos, un bar afincado en Compostela, longas horas tocando, un público entregado á festa e á danza, todo iso axitado nun cocktail de boas melodías galegas e europeas. Como resultado, un precioso álbum gravado coa esencia do vivo que cada mércores se pode gozar na Casa das Crechas. Máis de 6.000 persoas asisten anualmente en directo ao seu pequeno escenario estable. (FO FOL)

Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 19-01-2011 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
Os Irmáns Lamas de Calo no Alalá

Hoxe, mércores, día 12/01/2011

O "Alalá" de hoxe recolle a historia da formación "Hermanos Lamas de Calo", que comeza en 1910 cando seis membros dunha familia deciden formar un sexteto. Cen anos despois, descendentes dos fundadores e antigos membros do grupo decidiron volver coller os instrumentos e lembrar aqueles tempos.


A pesar de comezar só coas gaitas como instrumentos de vento, rapidamente o "Sexteto Enxebre Hermanos Lamas de Calo" incorporaría o clarinete e o saxo, unha combinación instrumental que naquel tempo supoñía toda unha novidade polo que os chamaban para todas as festas. Antes da Guerra Civil, o grupo era moi coñecido, pero o da contenda foi un episodio traumático para eles, xa que levou por diante a vida de dous dos músicos do sexteto; pero os que quedaron souberon refacerse e continuaron co nome do grupo nos anos 40. Desde aquela, durante o século XX, "Hermanos Lamas de Calo" continuou incorporando novos músicos, mantendo sempre o nome e a esencia do sexteto orixinal.

Cando a primeira formación creou o sexteto en 1910, seguramente lles resultaría difícil imaxinar que un século máis tarde se lles faría unha homenaxe en que se expuxeron partituras antigas, instrumentos e fotos das formación; e grazas a esta homenaxe da asociación "A Regionalista", descendente dos Lamas e antigos membros do grupo, cos que esta noite falará "Alalá", decidíronse a coller outra vez os instrumentos.

Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 12-01-2011 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá co ciclo do Nadal

Hoxe, mércores, día 05/01/2011 ás 21:55

O programa "Alalá" lembrará esta noite as tradicións e costumes musicais que viven os galegos nestas datas de Nadal, desde o día e Noiteboa ata pasada a festa de Reis, pois o ciclo musical ía pasando polos aguinaldos, o Nadal, as xaneiras, os manueles e, por suposto, polos cantos de Reis, que en lugares como Gudiña ou Avión duraban varios días. Hoxe o equipo do programa xunta esforzos para recuperar algunhas destas tradicións de Nadal e para pedirlle a algún Rei Mago que nestes tempos de crise, amais de traballo para todos, nos traia tamén un paquetiño de muiñeiras, valses e maneos para darlles alegría ao corpo e ao espírito.

Desde que o equipo de Alalá comezou a súa andaina anos atrás descubriu que algunhas destas tradicións desapareceron, outras seguen vivas e tamén hai algunha que está empezando a recuperarse. Aínda así, vén observando que no sur da provincia de Pontevedra, na zona de Tui, xa non quedan aqueles ranchos de Reis familiares que percorrían ducias de quilómetros cantando e bailando para gañar uns cartos; pero segue habendo lugares como Ríofrío ou Guláns onde as danzas de arcos, fitas e castañolas se seguen a celebrar. Pola contra, noutros lugares de Galicia este tipo de música case desapareceu, caso do Piornedo.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 05-01-2011 13:03
# Ligazón permanente a este artigo
Repaso do Alalá ao ano 2010

Hoxe, mércores, día 29/12/2010

Co ánimo de seguir compartindo con todos os galegos as mellores aventuras musicais que recollen as tradicións do patrimonio cultural galego, o equipo de "Alalá" quere renovar esforzos cara ao próximo horizonte de 2011 na busca de novos valores artísticos, novos gaiteiros, pandereiteiras e bailadores, persoas todas elas que viven a nosa música como oficio ou simplemente como unha paixón e de quen sempre estamos a aprender.

Precisamente porque estes artistas anónimos do noso patrimonio cultural se converten tamén nos nosos mestres, o programa repasa esta noite o que aprendemos en 2010, ao estar con gaiteiros vellos e novos; con tocadores de filharmónica, con charangas, con mulleres poderosas de voz marabillosa e con pandereiteiros novos e urbanos; pero tamén os temas cantados, falados e bailados, sobre o divino e o humano, os tempos da guerra, de cando os músicos ían andando a todas partes, da vida no mar, de amores...e todo o que o equipo do programa pensa facer cara a 2011, con máis cantigas vellas e con máis risas novas.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 29-12-2010 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
Os Alegres no Alalá

Hoxe, mércores, día 22/12/2010

A formación que hoxe nos achega Alalá, como parte do patrimonio tradicional musical, é un dos grupos de gaiteiros máis antigos dos que continúan en activo en Galicia, despois de levar setenta anos tocando ininterrompidamente, desde que o mítico gaiteiro de Mourente, Alejo Aboal, se xuntou con tres amigos para formar un cuarteto para animar as festas de Pontevedra e arredores. Á fronte do grupo está hoxe Dionisio, o fillo de Alejo, acompañado dos seus propios fillos, primos e sobriños.


Ademais de tocar, o grupo "Os Alegres" chegou a formar unha escola de gaiteiros e percusionistas para cando necesitaban músicos porque había que substituír os que tivesen que ir traballar ou estaban enfermos. Hoxe apenas hai grupo na provincia de Pontevedra en que non toque algún dos seus alumnos.

Outra das razóns polas que "Os Alegres" son moi coñecidos é porque fabrican instrumentos tradicionais, como gaitas, bombos e tamboriles, que comezaron a facer tamén por propia necesidade, para abastecerse eles mesmos. Desde que crearon o obradoiro en 1978, veñen realizando un labor de investigación que lles permitiu recuperar instrumentos que case non se utilizaban e que hoxe comercializan nas feiras de artesanía ou no propio obradoiro.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 22-12-2010 09:22
# Ligazón permanente a este artigo
Felicia Insuela no Alalá

Hoxe, martes, día 30/11/2010

Na voz de Felicia Insuela, que nos achega o "Alalá" de hoxe, as cantigas soan especiais, case máxicas, porque as aprendeu de súa nai e de súa avoa, xa a principios do século pasado, e acompáñaas cun instrumento moi antigo e curioso: a súa cabaza. Despois dunha vida incriblemente dura, aos 81 anos, a Felicia o que lle gusta é sinxelamente divertirse e afrontar a vida con optimismo, algo que non parece doado despois de perder dez fillos.


Felicia tivo que traballar moito, emigrar á Alemaña e traballar como asistenta en casas ou na hostalería, pero agora aqueles tempos de fame da posguerra pasaron e as necesidades son outras, porque para unha muller activa e leda coma ela é fundamental ter en que empregar o día; así que Felicia vai a clase de pandeireta ou vai onde a súa amiga Orly e botan unhas cantigas xuntas.

As fins de semana non adoita faltar ás festas que organiza a familia, catro fillos e once netos, que a adoran e comparten con ela o amor pola música e as ganas de vivir, unhas xeracións que sempre terán na nai ou na avoa Felicia a referencia dunha persoa loitadora, vital e de gran corazón.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 30-11-2010 10:33
# Ligazón permanente a este artigo
Queres traballar n'aCentral Folque?
PARA UN GRUPO DE TRABALLO NOVO E DINÁMICO

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, está buscar unha persoa para sumar ao seu equipo. Alguén para traballar nas nosas oficinas en Vista Alegre (Santiago) e axudar na administración do noso proxecto, unha organización viva, dinámica e cultural. Se pensas que te axustas ao perfil que andamos a buscar, envia o teu CV a info[arroba]folque.com. Manteremos aberta a recepción de candidaturas até finais de novembro.

PERFIL ADMINISTRATIVO/A

Funcións
Xestión da facturación
Trámites administrativos: Facenda, Seguridade Social, Administracións públicas, etc
Busqueda, solicitude e xustificación de subvencións.
Labores administrativas asociadas aos distintos proxectos levados ao cabo por aCentral Folque


Requerimentos
Coñecementos contables, fiscais e laborais
Meticulosidade
Actitude proactiva e de traballo en equipo
Adaptación a entornos dinámicos e cambiantes
Manexo de Office, Contaplus ou otros programas de xestión contable.
Traballo a media xornada

Valorarase
Éxperiencia previa en labores de administración e xestión

www.folque.com
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 18-11-2010 10:27
# Ligazón permanente a este artigo
A Requinta da Laxeira no Alalá

Hoxe, martes, día 16/11/2010

Ás numerosas e afamadas festas do Val da Ulla hai que engadirlles as romarías espontáneas, para as que son necesarias xente con ganas de brincar e alguén que toque, e se están amenizadas por un grupo como a "Requinta da Laxeira", o éxito está asegurado
.

Os da Requinta son un grupo numeroso, o máis novo ten catorce anos e o maior trinta e seis; pero o máis difícil é quedar para os ensaios porque uns traballan, outros estudan, un vive aquí e outro acolá, algún é pai de familia pero os trece están unidos pola música.

Estas terras fértiles son as do soñado viño da Ulla, as da súa augardente, as do Entroido as dos muíños do río, e aquí estes rapaces comezaron na música de moi nenos; aquí comeron, beberon e medraron, nun lugar chamado Sarandón. Agora, guiados por Emilio Lois, o director da tropa, decidiron manter viva a tradición musical desta zona, pois os Laxeiros xogan con vantaxe, son novos, gústalles a foliada e a festa a máis non poder e danlle a este val un aire fresco e alegría coas requintas e gaitas que sempre houbo aquí.

Estamos nunha zona de tocadores da requinta, de aquí saían os mellores grupos en que a gaita e a requinta soaban a un tempo para animar as festas de todas as vilas dun e do outro lado do río; pero, como moitos instrumentos, estivo a piques de desaparecer, senón fose polo testemuño e o saber dos vellos tocadores da requinta e as ganas e a ilusión dos novos músicos. Os da Requinta da Laxeira tocan, bailan e cantan, e son capaces de baixar do escenario e facer bailar ata o pau dunha vasoira. Teñen un repertorio popular moi coñecido, pero ademais, no Alalá desta noite aprenderemos coreografías e ata algunha letra nun karaoke tradicional.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 16-11-2010 19:50
# Ligazón permanente a este artigo
A harmónica dos mariñeiros no Alalá

Hoxe, martes, día 09/11/2010

Os cinco protagonistas que nos achega o martes de Alalá saben ben que é o arrecendo, o sabor e o tacto do salitre: José Entenza, Manolo de Fasáns, Seso Pesquella e Paco e Pepe Piñeiro naceron ao carón mesmo do mar e aínda levaban pantalón curto cando empezaron a saber o duro que era o traballo a bordo, primeiro na ría, ao carón das praias de Cela, en Bueu, unha balsa pequena de aceite comparada cos océanos bravos que coñeceron despois por todo o mundo, como profesionais da altura e da mercante. Menos mal que había momentos para botar a man ao peto e coller a harmónica, pois, por un momento, a música facíalles voar do barco e sentir como se estivesen na mesma taberna do igrexario.

Cando estes cinco mariños músicos embarcaban levaban a harmónica enriba, e nalgunha ocasión tamén a gaita, para facer a bordo unhas festas tremendas ata o amencer, pois era o xeito de aguantar as ausencias e a dureza dun traballo que os tiña meses fóra das súas casas. Agora que regresaron a Cela, xubilados dos mares de Terranova e África do Sur, aínda seguen gozando e tocando coa harmónica un repertorio que inclúe desde muiñeiras a rancheiras, valses e polcas aprendidas polo mundo adiante.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 09-11-2010 10:03
# Ligazón permanente a este artigo
Arturo de Freás no Alalá

Hoxe, martes, día 26/10/2010

O Alalá de hoxe achégase á figura de Arturo de Freás, un gaiteiro con madeira de artista, pola súa aptitude incansable, talento artístico e xenio musical, que o configuran como un dos gaiteiros máis curiosos e creativos de Galicia. A súa predisposición á creación lévao a facer cousas tan distintas como gaitas de ósos de animais, de cerdeira, de hedra, gaitas de cornos de vaca, de tubaxes da calefacción, para facelas soar incriblemente ben.


Xunto a Arturo de Freás, o equipo de Alalá descobre outros valores deste creador de gaitas, que inventou a chamada gaita de dobre punteiro, pois só el é capaz de interpretar nunha soa gaita dúas voces dunha mesma peza, e coas dúas mans, mantendo un repertorio tradicional, popular e actual, sen esquecer a ambición da xenialidade.

Fronte ao programa, este gaiteiro amósase coma un home que ten unha opinión formada da vida e da sociedade, sobre emigración, traballo, matrimonio, música, etc. influído por comezar a traballar desde moi novo e emigrar a Suíza e Alemaña, lugares que lle achegaron esa visión xeral e particular á vez do mundo que o envolve.

Comentarios (2) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 26-10-2010 10:11
# Ligazón permanente a este artigo
Cores do Atlántico no Alalá

Hoxe, martes, día 19/10/2010

Din as lendas que na illa de San Simón atracaron corsarios temibles, viviron monxes templarios e que alí chegou ata o mesmo capitán Nemo buscando eses tesouros que din están agochados nela. O "Alalá" desta noite viaxa ata a illa de San Simón para descubrir un tesouro musical, os ritmos novos da lírica medieval galego - portuguesa e as teses actuais sobre a orixe das cantigas de amigo.


Na illa de San Simón o equipo do programa asiste a un concerto das históricas cantigas de amigo, pero musicadas cos ritmos alegres e sensuais do Brasil e á presentación do libro - disco chamado "Cores do Atlántico", que non só é unha revisión sobre a procedencia destas cantigas, senón que constitúe un fermoso tesouro musical que verte un raio de luz sobre a nosa historia.

Ata agora os estudosos dicían que as cantigas de amigo foron compostas por trobadores medievais como Mendiño, pero no libro hai unha nova tese que afirma que en realidade foron recollidas polos trobadores da época a partir dos cantos que as mulleres interpretaban.

Esta é a tese da profesora Ria Lemaire, que fixo un coidadoso estudo sobre o tema, ao que se sumou a compositora Socorro Lira recollendo unha selección de cantigas e transformándoas en fermosas pezas musicais adaptadas ao noso tempo. Amais, Socorro contou coa colaboración de músicos galegos, brasileiros, africanos e foron mestres de obra os amigos de "Ponte nas Ondas".

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 19-10-2010 10:52
# Ligazón permanente a este artigo
Manolo Solla no Alalá

Hoxe, martes, día 12/10/2010

Un son e unha voz, na figura de Manolo Solla, máis coñecido como o gaiteiro de Vilariño, será protagonista dunha nova noite na compaña de "Alalá", que se achega á vida e obra de todo un mestre gaiteiro, nacido en Vilariño, Hío, concello de Cangas, lugar onde se sentiu atraído pola gaita cando saían a percorrer as parroquias durante o famoso Entroido.


Lucho -Luchiño, como lle puxo súa avoa cando o veu nacer- falaranos de momentos clave na súa vida, de como mercou a súa primeira gaita; dos momentos duros no traballo e na familia dun home entrañable, un gran mestre e un magnífico gaiteiro.

Foi aquí desde onde, sendo moi pequeno, trasladouse cos pais a Vigo, onde a vida deste home foi moi intensa e a súa traxectoria musical tamén, pois estivo en moitos grupos, como Os Cuncheiros e Vento das Cíes; en formacións do momento como foi Os Cruceiros, unha das máis importantes da música nos anos sesenta e en que estaban figuras como Henrique Otero ou Portela; formou parte dos "Airiños Galegos de Sampaio"; leva vinte e sete anos na Asociación de Lavadores en Vigo e doce anos co seu grupo actual, "Os Folieiros de Lavadores". O que nunca deixou foi de aprender, pois foi e segue a ser mestre.

Na década dos sesenta e setenta facer anuncios para radio e televisión non era habitual, pero Solla púxolles música a varios anuncios publicitarios e as gravacións dos discos en Madrid foron momentos gloriosos para o mestre gaiteiro. Non faltaron recoñecementos e galardóns e numerosas viaxes por España adiante.

Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 12-10-2010 14:38
# Ligazón permanente a este artigo
A Charanga `Os Breas´ no Alalá

Hoxe, martes, día 05/10/2010

Dous dos compoñentes da charanga "Os Breas", de Esteiro, teñen máis de oitenta anos e seguen a animar as festas de Muros, igual que o facían cando eran nenos, nun tempo en que case non había músicos por esta zona. Ata estes músicos, que eran todos da mesma familia, achégase hoxe o equipo do programa para escoitar as historias do pai de Germán, o director actual da charanga, que percorría a pé todas as romarías da contorna, con el e cos seus irmáns, que apenas levantaban do chan o suficiente como para que non lles tocasen na terra os instrumentos.

"Os Breas" de hoxe non son da mesma familia, pero son moi amigos. Ademais de Germán, o maior, que ten 84 anos, forman o grupo Maximino, de 82, Francisco, Domingo e José, que pasan de sesenta, e Jorge, que con pouco máis de 30 anos sente que é un verdadeiro privilexio tocar con músicos tan experimentados como son os seus compañeiros.

Ademais da historia que teñen detrás como músicos, "Os Breas" agochan unha traxectoria vital intensa: catro deles estiveron emigrados; un en Uruguai e tres en Holanda, e Maximino, que non emigrou, aínda hoxe, con 82 anos, coida dun irmán dez anos maior ca el e atende a máis de cincuenta vacas. Todo un exemplo de vitalidade que transmite en cada palabra e cada vez que colle unha gaita na man.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 05-10-2010 09:57
# Ligazón permanente a este artigo
Hoxe volta o Alalá

Hoxe, martes, día 28/09/2010

O programa "Alalá" atende hoxe a unha carencia resolta. Se alguén quería aprender a bailar batuka ou danzas gregas en Galicia sen moverse do salón da casa non tiña máis que ir a unha libraría e mercar un método; pero se querías aprender baile tradicional galego non podías facer o mesmo porque non existían manuais pensados para iso. Para cubrir ese oco naceu O Bailabén, obra de dous experimentados mestres de baile, Edith Cotilla e Gustavo Couto, que hoxe dará a coñecer o programa.

Ao longo do programa irase despregando esta publicación, que consta dun libro e dun DVD con fotografías e explicacións suficientes para que quen non saiba facer un punto poida rematar de velo e ser capaz de bailar unha muiñeira ou unha xota con máis ou menos soltura. O Bailabén está dirixido ademais aos mestres de primaria e secundaria que queiran introducir o baile tradicional nos ámbitos da música e da expresión corporal, porque ese é un dos obxectivos recollidos na Lei de educación, pero ata o momento non existía apenas material didáctico para axudar os mestres a cumprilo.

Dous nenos, Iria e Serxio, acompañan a Edith na realización dos diferentes pasos para facer máis doado aínda o seguimento deste método.
Comentarios (18) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 28-09-2010 10:00
# Ligazón permanente a este artigo
Seguen os seráns
26 de xuño
- Serán en Fornelos de Montes

3 de xullo
- XI Serán Fin de Curso O Fiadeiro (O Fiadeiro-Cabral)
- Serán das Meghallas en Pereiras (Mos)
- Serán no Rodeiro (Avión) xunto a capela de San Esteban

10 de xullo
- Foliada en Amorín (Tomiño)
- Serán en Chapela (Redondela) na baixada a Pescanova(na pista polideportiva)

7 de agosto
- Serán en Valadares (Vigo) no monte dos pozos
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 25-06-2010 19:14
# Ligazón permanente a este artigo
Faustino Luís Seoane no Alalá

Hoxe, xoves, día 24/06/2010

Faustino Luís Seoane, o gaiteiro ao que se achega o "Alalá" de hoxe, é un virtuoso, un clásico, elegante e moi humilde. Para el, vivir nun lugar polo que pasa moita xente, dálle unha perspectiva máis aberta do mundo e quizais por iso a Faustino lle gusta a actividade ata non parar nin un minuto...de feito, desde fóra, non é doado acertarlle coa idade, pero ten 86 anos. A música sérvelle como elixir de vida, pero un dos seus segredos de xuventude é estar sempre rodeado de xente e de música cos da charanga coa que toca; rodeado de ambiente cos compañeiros da pesca; rodeado dos que pasan polo Cañizo, para os que sempre ten un saúdo. Pero, sobre todo, o que máis lle enche é estar rodeado da familia, e precisamente Alalá é testemuña da homenaxe sorpresa que lle fai.

O Cañizo, a aldea que pisa este gaiteiro, é deses sitios que a moitos viaxeiros lles dá a falsa impresión de que quedaron á marxe do mundo. Coas autovías vai todo máis rápido, de feito, se saímos da autovía á estrada xeral dá a impresión de que, ademais do noso coche, o mundo enteiro vai máis lento. O que hoxe en día é alcatrán, taquímetro, velocidade e estrada que non atravesa, senón que bordea o Cañizo, no seu día eran arrieiros, contrabandistas, cacharreiros e xente de todo tipo que pasaba polo medio e medio da aldea, como por exemplo os peregrinos que pasan pola ruta da Prata.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 24-06-2010 13:33
# Ligazón permanente a este artigo
Os cabezudos de Santiago no Alalá

Hoxe, xoves, día 17/06/2010

Os cabezudos de Santiago son únicos en España porque bailan, e non o fan de calquera xeito, pois debaixo das súas simpáticas cabezas están algúns dos mellores bailadores de Compostela; por iso velos é todo un espectáculo, pola alegría das máscaras, da música e dos bailes do seu repertorio, que interpreta de xeito maxistral a charanga que os acompaña, que inclúe xotas, muiñeiras, rumbas, pasodobres e ata o mítico bailón.

Os cabezudos teñen unha compoñente festiva e misteriosa que os fai irresistibles para grandes e pequenos, e moito máis se bailan tan ben como o fan os de Compostela, que non poden faltar nas festas do Apóstolo nin por suposto nas da Ascensión, as festas que os composteláns senten máis súas.

Houbo un tempo en que os cabezudos ían sempre acompañando os xigantes e chegaron mesmo a bailar no altar maior da catedral, porque a súa orixe podería estar relacionada coas festas relixiosas. O certo é que hai máscaras semellantes a estas en todo o mundo, desde Rusia ata a Polinesia, e en Galicia eran habituais, ata non hai moitos anos, nas festas de case todas as vilas.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 17-06-2010 14:30
# Ligazón permanente a este artigo
Antonio Mato no Alalá

Hoxe, xoves, día 10/06/2010

Para Antonio Mato é todo un privilexio, con 88 anos, poder aproveitar os pequenos e grandes momentos da vida, como a homenaxe que lle brindan seus fillos polos anos que tocou xunto a eles. Antonio Mato Rial, que abre hoxe as portas de Alalá, é un gaiteiro técnico, disciplinado e humilde, pero iso non impide que lle guste ver os logros que conseguiu na súa vida, por exemplo nos máis de 25 anos que pasou no coro ilustre de "Cántigas da Terra" na Coruña.


A de Antonio é unha longa traxectoria, pois comezou tocando de pequeno na súa terra natal, Arzúa e Melide, e máis tarde na banda de gaitas do cuartel onde fixo o servizo militar, en Ferrol. Non obstante un dos grupos que máis o marcou foi "Os Matos" en que tocaba cos fillos pezas que el mesmo compoñía, como as famosas "Marchas procesionais dos Matos".

Antonio, un home de ideas claras; carpinteiro e gaiteiro; pai e compositor; marido e galán, cóntanos hoxe as claves dun ser e dunha vida empapada da esencia das vellas persoas: un gaiteiro de principios, de ideas fortes e notas claras.

Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 10-06-2010 11:39
# Ligazón permanente a este artigo
Teresa dos Cucos no Alala

Hoxe, xoves, día 03/06/2010

Teresa "dos cucos" canta, canta todo o día e faino desde que era ben pequeniña, pois non deixou de cantar nunca, a pesar dos traballos e dos atrancos que a vida lle ía poñendo diante. Porque esta muller traballou moito no campo, na casa e ata facendo encofrados para axudar a seu home, que era albanel. Esta muller ten xenio, é alegre e faladora e sabe moitas coplas, as que soaban por Malpica cando ela era unha nena e que hoxe só lembran algúns maiores tan cantareiros e festeiros coma ela.


Hoxe, con 62 anos, dous fillos e catro netos, e con un xeonllo lesionado desde que hai dez anos caeu da bicicleta, segue a traballar na casa, axudando o home cando vai ao monte a buscar toxo e dando o seu paseo diario con Lucía, veciña e amiga da alma con quen comparte contos e cantares. E o que non perde nin cando trona é o ensaio dos martes coas pandereteiras de Limiñoa, a quen acompaña nas actuacións e coas que pasa os momentos máis divertidos.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 03-06-2010 14:48
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá coas pandereteiras de Ultreia

Hoxe, xoves, día 27/05/2010

Din os estudosos que hai pandereteiras desde hai milleiros de anos; desde os inicios da música, desde que se inventou a agricultura, cando as mulleres se xuntaban para realizar os labores e despois empregaban os cribos para facer festa. Desde aquela ata hai cen anos a cousa cambiou lentamente. Pero no último século os cambios producíronse a toda velocidade e nada teñen que ver as vidas das pandereteiras actuais coas das súas avoas, se non fose pola música, as pezas herdadas e a maneira de expresar os sentimentos con unha pandeireta ou con un aturuxo.

As pandereteiras póñenlle a mesma paixón cando tocan hoxe nun escenario que cando antes o facían nun serán despois da malla, coa paixón coa que tocan as pandereteiras de Ultreia, que levan dezasete anos tocando xuntas e recollendo pezas nas catro provincias e polas zonas que comparten cultura con Galicia, como o Bierzo, Asturias, Zamora e o norte de Portugal. Estas pezas son as que despois intentan transmitir ao público con fidelidade, sen apenas arranxos, pero con unha técnica froito de moitos anos de ensaio xuntas, que fai que sexa unha verdadeira delicia escoitalas.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 27-05-2010 22:06
# Ligazón permanente a este artigo
O gaiteiro de Castelo en Alalá

Hoxe, xoves, día 20/05/2010

No noso afán por percorrer o mundo buscando música e músicos de raíz, Alalá atópao hoxe nas terras do Incio onde vive un gaiteiro moi coñecido, Rubén González, todo unha institución de palletas en Galicia, que, con 85 anos, é un home moi querido, con moito enxeño, xeneroso e que loitou moito por conseguir o seu ansiado soño, o de ser gaiteiro.

A primeira gaita mercouna por tres pesos, cartos que gañou facendo zocos. Si, este home tamén foi zoqueiro e ferreiro, traballou na fragua mais de trinta anos facendo coitelos, fouciños... e os coitelos probábaos el mesmo porque foi matachín. Toda a ferramenta que facía ía vendela sobre todo á feira do Incio e non se conformou porque tamén traballou na mina de magnesio. Pero o que nunca hai que esquecer é que Rubén foi e segue a ser dos mellores gaiteiros do Incio.

Unha das cousas que lle produce máis orgullo é que xunto coa súa Victoria sacaron a familia adiante e criaron os tres fillos, un dos cales, Antonio, o único varón, continúa en Lugo co oficio de facer palletas que herdou do pai, a quen admira profundamente. Rubén contaranos como se poden facer tantas cousas e facelas ben; como se poden aprender tantos oficios, construír as ferramentas para as palletas, facer o mazo da forxa.... onde pasa oito horas e outras tantas na mina...e despois a tocar!. Hai corpo que resista isto? Pois nós descubrimos que si, con Rubén.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 20-05-2010 19:04
# Ligazón permanente a este artigo
Noitarega no Alalá

Hoxe, xoves, día 13/05/2010

Se hoxe temos a moita e boa música tradicional galega é, en boa parte, grazas a todos aqueles que a salvagardaron e a dignificaron incluso cando corrían malos tempos. Na etapa do franquismo, por exemplo, cando o réxime utilizaba unha imaxe de folclorismo artificial da nosa música, había grupos que resistían e seguían a facer música de raíz. Na zona de Vigo, nesa época había grupos moi populares coma "Os Morenos de Lavadores" e gaiteiros como Ricardo Portela.


O grupo que imos coñecer esta noite está formado polos herdeiros destes grandes músicos, tanto, que un dos seus compoñentes é neto dun dos Morenos, e por iso intentan conservar a esencia da música tradicional, no repertorio, no xeito de interpretar e mesmo na instrumentación. Pero iso si, sen renunciar a facer algúns arranxos e mesturas innovadoras que fan que a súa música soe diferente, a súa música soa só a Noitarega... E como é ese son Noitarega? Esta noite saberémolo
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 13-05-2010 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
Chega a fin de semana
Sexta feira 7 (Venres)
• Machina na Praza de Armas (Ferrol) ás 12:00
• Óscar Fernández as 21:00 no CSC da Rocha (Compostela)
• Pito de Pikasso na sala Ola Green (A Coruña)
• The Homens no Pub Gatos (Melide)
• O Sonoro Maxín na Sala Clan, Xinzo de Limia
• Zënzar na ala A Reserva, Carvalho
• Noite de Carpenta na adega O Carpinteiro da Ronda de Outeiro, 198 da Coruña
• Exaltación gaiteira no Carballiño

Sábado 8
• Mamá Cabra na Biblioteca de Elviña, A Coruña ás 17:30
• A Roda en Tomiño
• Fred Martins e Ugia Pedreira na Esmorga (Ourense)
• Guezos no Saloon Universal (Cedeira)
• Ruxe-Ruxe na sala Clandestino (A Ramallosa)
• Residuos radiactivas (palleiro punki) no Merlego (Compostela)
• Chotokoeu no bar Sete Flores (O Carballiño)
• Esquios, Zenzar,... na sala Farándula, Vigo
• Cantareiras "Cordenaia" no Pub O Muíño de Cervo
• Brandelia no Centro Sociocultural de Conxo (Compostela) ás 22:00
• Sem Resposta e Rojo 2 no Artabria (Ferrol)
• Ophiusa no Bar Liceum do Porriño
• Berroguetto e convidados no Auditorio Municipal de Tui
• Nova Galega de Danza no Auditorio Municipal de Cangas do Morrazo ás 22:30
• Festa TrezeCatorzeadora (Salceda de Caselas): Banda Potemkin, Cé Orquestra Pantasma, Cromática Pistona, Funk'n Bastards, Dj Aligator
• IV Anha Urbana en Pontevedra
• VII Repichoca nas Pontes
• III Ruada de Catoira
• V Serán do Mar de Rianxo
• Serán do Freixo (Valadares-Vigo)
• Serán de San Benito (O Porriño) a carón da Capela de S. Benito
• Serán do Muiño en Coiro (Cangas do Morrazo)

Domingo 9
• Festa dos Maios na Praza da Constitución de Vigo
• Sondeseu no teatro Principal de Pontevedra
• Foliada solidaria no Adro de San Amaro (Aldán-Cangas do Morrazo) ADIADO
• Festival Infantil O Berce de • Donaire no auditorio do Fórum Metropolitano da Coruña ás 17:30
• Tanto nos Ten na Praza da Constitución (Vigo) ás 18:00
Comentarios (1) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 07-05-2010 15:31
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer