Vinte e seis anos despois do pasamento de José Manuel Cerqueira Afonso dos Santos “Zeca Afonso” a súa música segue estando viva. Na véspera do 25 de abril no Teatro Municipal de Tui volverá soar o “Grándola Vila Morena” nun concerto promovido pola Eurocidade Tui-Valença. Durante noventa minutos trinta e seis músicos e cantantes interpretarán temas coma a “Canção de embalar”, “Verdes São os Campos” ou “Milho Verde”.
Elenco: Coro Juvenil da Academia Fernandez Fão, coa participación especial da Asociaçao Musical de San Pedro da Torre.
Resultados do XIV Concurso de Música Tradicional da A.X.Xiradela celebrado este pasado domingo 14 de abril en Arteixo.
CATEGORÍA A
1º PREMIO : "QUINTÁN" da A.N.P.A. do C.E.I.P. Mondego
2º PREMIO : "TARABELIÑOS" da A.C. Donaire
3º PREMIO : "LARETAS" da A.C.F. Tarambainas
Premio ó millor vestiario : "LARETAS" da A.C.F. Tarambainas
CATEGORÍA B
1º PREMIO : "PEDRESQUEIRA" da A.C. Adro de Baio
2º PREMIO : "TITIRITEIRAS" da A.C.F. Tarambainas
3º PREMIO : "GRUPO B" da A.C. Rosalía de Castro de Cacheiras
Premio ó millor vestiario: "TITIRITEIRAS" da A.C.F. Tarambainas
CATEGORÍA C
1º PREMIO : "LANZALÍA" da A.C. O Castro
2º PREMIO : "MENIÑAS" da A.C.F. Tarambainas
3º PREMIO : "GRUPO C" da E.M. Cantigas e Agarimos
Premio ó millor vestiario: "MENIÑAS" da A.C.F. Tarambainas
CATEGORÍA D
1º PREMIO : "LILAINA" da A.C. O Castro
2º PREMIO : "LAGHARTEIRAS" da A.C.F. As Lagharteiras
3º PREMIO : "TRÉBEDE"
Premio ó millor vestiario: "GRUPO A" da E.M. Cantigas e Agarimos
Poucos sitios quedan nos Ancares nos que non tocara “O Coea”, un dos acordeonistas máis queridos e exitosos da montaña lucense. Chámanlle “O Coea”, porque Justo naceu no lugar de Coea, parroquia de Castañoso (Navia de Suarna), pegado ó río Navia, nun tramo en que marca o límite entre Lugo e Asturias: Navia de Suarna e A Fonsagrada por unha parte e Ibias p...or outra.
Aos 17 anos comezou co acordeón, cun instrumento que lle tocou nunha rifa. Era un instrumento xa de tipo piano pero que tiña pouco máis dunha oitava. Con ese instrumento fixo xa os seus primeiros pinitos ("Doce cascabeles", Campanera", etc) e segundo progresaba foi mercando instrumentos máis perfeccionados.
O Coea ten un saco de anécdotas que contar sobre as súas experiencias tocando en festas e celebraciois da zona que se da en chamar montaña de Lugo. Na zona dos Ancares case non lle queda lugar no que tocara, por esta razón ten un repertorio moi extenso, forxado a poder de experiencia, de tomar nota o que lle gusta á xente, de estar atento a cales son as pezas de moda.
Justo non ten formación académica, fixo por aprender dos que consideraba que sabían máis e foi aplicando esas observacións para si mesmo e está afeito a ser a estrela dos bailes.
Emisión sábado 14 de abril de 2012 // As 19.00 h. se cadra
Este sábado, o equipo de "Alalá" axudaranos a descubrir e a entender que é Bico da Balouta, pero antes hai que saber tres pistas: que é xente á que lle encanta a música, por suposto; que cada un dos seus integrantes ten un oficio diferente pero sempre que poden están xuntos de festa porque son moi amigos e que todos teñen un enorme amor pola súa terra: Agolada.
Os músicos que compoñen este grupo defínense como gaiteiros de taberna e de carballeira porque é precisamente neses lugares onde poden encontrar a alegría da súa música, onde as súas voces cantan mellor os temas tradicionais, as gaitas, o tambor, o bombo, o acordeón, o clarinete, a tuba e calquera outro instrumento que se una para facer festa. A vida no seu mundo, ao que senten que pertencen estean onde estean.
O que comezou hai case vinte anos como un grupo de rapaces con ganas de saber tocar algo para divertirse, evolucionou ata converterse nunha asociación que traballa "sen ánimo de lucro" para que se coñezan todas as tradicións que ten Agolada e para que non desaparezan. Con ese afán organizan exposicións, intercambios con grupos doutros países, a festa da Randulfa, o concurso de espantallos e ata teñen feito un documental en que chaman a atención sobre a importancia das tabernas para a vida no rural.
O que coñecerán hoxe, grazas a "Alalá", é todo un referente no presente da música tradicional galega, Xavier Blanco, como músico, investigador e como mestre de gaita, pois foi un dos primeiros da historia de Galicia, que desenvolve o seu traballo nunha zona de gran riqueza, Moaña, onde se centrou para estudar os pequenos instrumentos, neses sons máis humildes que nos achegan a esencia do que somos.
Como músico, escoitar a Xavier Blanco é escoitar a tradición, como representante dos nosos antepasados e, coma eles, cun ritmo pausado e sentido, é capaz de traer a este século a forza e a sonoridade do pasado musical máis humilde, máis natural e máis auténtico. Amais, de entrar na escola de música tradicional de Moaña e mergullarse no seu universo dunha aula de catalogación en que Xavier ten en torno a mil instrumentos, desde asubíos e chamos ata os instrumentos pobres, pasando polas pequenas percusións ou os instrumentos de corda.
No ambiente das festas populares naceron, medraron e se expandiron unha parte importante das nosas tradicións; iso si, dependendo do lugar, do santo a quen está dedicada, ou do tipo de festa, esas tradicións poden variar, pois nalgunhas zonas como a de Ordes, entre Santiago e A Coruña, un dos símbolos das festas patronais era, e segue a ser, o ramo.
Unha estrutura en forma de ramo, adornado con cintas, flores e mesmo larpeiradas...que se leva ata a igrexa, desde a casa da familia que teña a función. Unha procesión en que acompañan os veciños e, por suposto, a música... de gaiteiros, dunha banda... que tiñan xa un repertorio para iso. Aí entramos os de Alalá, queremos ver como foi, e como é hoxe en día, o papel dos gaiteiros nas festas populares. Para iso seguiremos os Viqueira, e con eles descubriremos que é iso do Ramo e todo o ritual das funcións, das ofrendas, da festa que o acompaña.
Os protagonistas de hoxe, o trío formado por Suso Vaamonde, Xosé Lois Romero e Pedro Lamas, son tres músicos, tres almas predestinadas a facer da música un xeito de vivir e, sobre todo, de gozar.
Cada un por separado, en parella ou co trío, teñen unha traxectoria musical que impresiona, formando parte de distintos grupos, publican obras, dirixen espectáculos, compoñen, dedícanse ao ensino e os tres basean o seu traballo na formación, no talento e na espontaneidade.
A música é para eles unha terapia de liberación, acompañada de creatividade, disciplina e calidade. Sen embargo, a historia deste trío xurdiu coma un divertimento a partir dun traballo sobre Os Trintas de Trives produto dunha investigación exhaustiva e fascinante pola historia duns músicos que, a comezos do século XX, foron quen de triunfar nun Trives encantador e boiante. Hoxe, Vaamonde, Lamas & Romero comparten as aventuras e desventuras do mítico grupo no seu recente disco "O Tambor de prata", un tesouro para os sentidos que converte cada concerto nun espectáculo, en que a música se mestura coa retranca, co humor e co enxeño destes tres homazos.
"Alalá" prepárase para case calquera cousa: desde unha merenda con mesa e mantel no curuto dun faro; actuacións con rebarbadora incluída ou, de súpeto, non querer falar. De todos os xeitos, unha advertencia: non hai que tomar en serio todo o que din... porque son tremendos!
O programa "Alalá" achéganos hoxe o son da cultura mariñeira de Vilaxoán, onde todos se enchen de orgullo cando cantan as cancións de sempre porque senten que son de cada un dos veciños desta vila mariñeira.
Pilar G.Rego, presentadora do espazo, estará acompañada por distintas testemuñas actuais que dan fe de que houbo un tempo en que os valses e as habaneiras se escoitaban cada noite nas tabernas, con voces acompañadas por un acordeón ou unha guitarra, e como, despois dos anos cincuenta, moitos dos homes que as cantaban marcharon a Noruega buscando pescas máis rendibles e as mulleres empregáronse nas fábricas de conserva.
Pero como na memoria de todos quedaron estas melodías dos tempos en que as lanchas do xeito enchían a ría de Arousa, tivo que nacer o grupo "Atlántica Vapora Orquestra" para recoller toda aquela música que reflicte a alegría coa que enfrontaban a dureza do traballo e da vida.
Os músicos que forman a Atlántica Vapora Orquestra son todos profesionais magníficos, que interpretan o repertorio propio da zona cunha enerxía que non deixa lugar a dúbidas sobre a identificación que teñen con este peirao da ría de Arousa e coa súa xente. Precisamente foi por esta identificación que decidiron xuntarse para formar o grupo e tocar estas pezas, baixo a dirección de Óscar Fernández, o seu mestre de zanfona, que forma parte da Central Folque.
Volta o programa Alalá á programación da TVG.
Agora a emisión será os sábados ás 16:15.
Neste primeiro programa da nova xeira achegaranse ás Cantareiras Fonteliño (O Porriño)
Os protagonistas do programa Alalá son persoas, grupos ou asociacións que se dedican á música tradicional ou folk galegas. Alalá mestura interpretacións musicais con fragmentos documentais sobre a vida cotiá dos protagonistas, o seu xeito de pensar, sentir e percibir a música tradicional e o mundo.
A música tradicional galega naceu nun contexto rural. A aldea foi a gran transmisora da cultura e do saber musical galego. En Alalá non son os gaiteiros ou as pandereteiras quen se traslada ao estudio de gravación senón que é a cámara a que vai á aldea, para retratar coa maior fidelidade e profundidade ese contexto onde se produce ou producía a música tradicional.
A presenza da cámara na aldea procura non ser intimidatoria senón amiga e confidente, retratando o mundo rural galego e en moitos casos o mundo das persoas maiores, non só con respecto senón cun profundo agarimo. Considerando os maiores mestres dunha forma de vida que pouco a pouco vai esmorecendo polo abandono da aldea, polo avellentamento da poboación, a globalización e as novas formas de vida da sociedade galega.
A necesidade da participación colectiva en tarefas agrícolas obrigaba na aldea galega á unión entre os veciños, a dificultade nas comunicacións e a falta de medios de diversión, supoñían a necesidade de divertirse co que había. Nese contexto é onde se desenvolve a música tradicional, nas tarefas agrícolas e artesás (labradas, colleitas, muiñadas ou fiadas) ou en reunións de veciños para pasalo ben (seráns, foliadas, polavilas). A música tradicional galega, chea de alegría, de forza, de ironía, de vida non se pode comprender por completo fóra deste contexto.
Quizais esteamos ante a última xeración que viviu a transmisión directa e no seu contexto da música tradicional. De aí a importancia cultural de Alalá e dos folcloristas e musicólogos que se dedican á preservación do noso patrimonio. Alalá conta con algúns dos máis recoñecidos e brillantes investigadores da música galega tradicional como asesores musicais. Eles foron tamén protagonistas de varios capítulos de Alalá e a eles debe o programa o seu rigor científico.
Partindo de que Real Coro Toxos e Froles é historia viva de Galicia, pero tamén da música tradicional de Ferrol durante o século XX, o equipo de “Alalá” achega hoxe o espírito desta institución, coa súa primeira actuación en 1915, no centenario teatro Jofre de Ferrol, coa primeira gravación sonora que non chegaría ata 1922.
Ao longo do século XX, “Toxos e Froles” fixo do coro o protagonista musical, pero xunta el tamén se preocupou de coidar o grupo instrumental e toda a maquinaria institucional para o mantemento da música tradicional de Ferrol a través de actos culturais. Así, no museo do coro son incontables os premios e condecoracións recibidas, coma o título de “Real” outorgado por Afonso XIII ou a Medalla de Galicia.
“Toxos e Froles” é máis ca un coro de voces, máis ca un centro cultural e máis que ca unha academia. Esta institución é historia viva, non só da música tradicional de Ferrol, senón tamén de toda Galicia.
Internarse na historia de Fermín da Insua, tal é o obxectivo do “Alalá” de hoxe, para achegarse aos máis de sesenta anos que leva animando a vida dos seus veciños da Insua, en Ponte Caldelas, coa música da súa gaita. Tocaba en todo canto baile, entroido ou procesión había, que ata compuxo varias pezas que levan o nome da súa aldea alí onde soan. Agora, a piques de cumprir os noventa, continúa gozando cada vez que colle unha gaita como cando era un neno que, cheo de ilusión, construíu a súa primeira frauta coa cana dunha vasoira.
A pesar da súa avanzada idade, sorprende que Fermín aínda se mova como o fai cando interpreta unha peza e que continúe tocando con asiduidade cos seus dous compañeiros da alma, Antonio e Elías; por iso os músicos novos o queren e admiran tanto, pola súa entrega durante toda a vida. Fermín acompaña cada venres os mozos do grupo “Os Xeitosos” da Insua na clase que lles imparte Luís Prego, e eles non dubidan en acompañar a Fermín cada vez que os precisa para actuar nalgún festival ou nalgún serán.
Pesdelán xurde no 2008 da unión de reputados músicos, bailadores e mestres de coñecidas formacións musicais de Galicia e Portugal (Leilía, Susana Seivane Grupo, Xochilmica, Montelunai, Pula-lle-o-pe, etc.).
O seu repertorio abrangue temas tradicionais galegos e portugueses arranxados de xeito orixinal e divertido.
Sorprendeu nas festas do Apóstolo de Santiago de Compostela no 2008 facendo participar a centos de persoas, no Festival dos Abrazos da mesma cidade, en Barcelona, Quart de Poblet (Valencia), Festival San Froilanciño (Lugo)...
É moito máis que un grupo de música: mediante a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos, pretende recuperar o espírito participativo das festas.
Unha proposta novidosa e atrevida cunha dobre finalidade : substituír o concepto de público espectador polo de público participante, e como non, pasalo ben.
"Aínda que moitos de vos non movérades nunca un pé, iso non é un problema: o que facemos é ir aprendendo dunha forma divertida os pasos de baile de cada un dos temas, para despois bailalos todos xuntos."
Na punta do pé é o título do primeiro traballo de Pesdelán. Un libro-CD-DVD que anima a aprender cancións, bailes e xogos do patrimonio tradicional galego e portugués dun xeito divertido e participativo.
Unha proposta didáctica dirixida por Mercedes Prieto e Montse Rivera coa produción musical de Pedro Pascual e colaboracións como Guadi Galego ou Celina Piedade.
O traballo publicado en Galicia e Portugal (Pezinhos de lã) pola editorial Kalandraka,
conta ademáis coas ilustracións de João Vaz de Carvalho, un dos debuxantes máis relevantes
do actual panorama artístico en Portugal e leva vendidas máis de 3000 copias en tan so cinco meses.
O "Alalá" de hoxe achega unha filosofía única de vivir, sentir e cantar: a que representan As Pandereteiras da parroquia de Arcos, en Mazaricos, que atesouran un xeito de interpretar moi delas e que apenas variou no tempo.
En Arcos, o equipo do programa atopou unha riqueza musical tan grande que, dentro da mesma parroquia, cada aldea conserva unha maneira distinta de repenicar, feito polo cal os expertos consideran este recuncho galego, na aba do monte Pindo, un verdadeiro cofre do tesouro da nosa tradición musical.
Cando hai uns anos as pandereteiras decidiron xuntarse de novo para tocar, recorreron ás maiores da parroquia para que as guiasen: entre Benjamina e as irmás do Cantariño, Dominga e Manuela, que andan polos noventa anos, aprendéronlles ás demais cantareas e xeitos de interpretar que non se atopan noutros lugares.
Agora están encantadas de reunirse cada semana para ensaiar, porque ademais de manter vivas as súas tradicións, divírtense, ao igual que o facían hai anos nas fiadas, nas fouladas, no entroido, nas regueifas e nos aguinaldos de Reis e Nadal; porque entre aquela maneira de vivir e a de hoxe hai un fío que aínda non rompeu, a pesar de todos os cambios, a música.
Entre amigos, arredor dunha mesa redonda, do mesmo xeito que naceu un dos grupos máis importantes e emblemáticos da música tradicional galega, "A Roda", así se presenta o "Alalá" de hoxe, para achegarnos a figura daqueles míticos músicos que cantaban "O Miudiño" "O Gato" e o "Pousa Pousa", temas que xa resoan na memoria colectiva do universo musical.
O equipo do programa acompañará os recordos destes 35 anos de música ininterrompidos do grupo "A Roda", creador de parte da iconografía musical galega, a partir dun son que nos achega as nosas raíces máis profundas, máis populares e máis nosas.
Aqueles músicos e amigos de "A Roda conseguiron a proeza de gravar no seu primeiro disco temas xa históricos, cando corría o ano 1977 e uns rapaces de vinte poucos anos elevaban a canción de taberna á súa máxima expresión.
A medida que aquelas cancións se transformaban en himnos informais, "A Roda" editaba máis dunha ducia de discos, conseguía multitude de premios e abarrotaba prazas e auditorios por toda Galicia e medio mundo.
O equipo de Alalá achégase hoxe á figura de Roi Casal, que nos vén presentar o seu segundo disco en solitario, "Maxicamente vello", onde se revela como un músico capaz de ser ás veces tradicional, outras moi pop ou tamén moi roqueiro, logrando unha mestura que a Roi lle sae de xeito natural. Tiña que ser así á forza, porque é fillo de Nando Casal, o gaiteiro de "Milladoiro", e medrou rodeado dos discos de seu pai e de todas as outras músicas que ía descubrindo por si mesmo.
O son de Roi Casal, que toca un mundo de instrumentos, está caracterizado pola arpa e, a pesar da súa mocidade, ten pisado xa algúns dos principais escenarios do planeta, porque non tiña máis que 19 anos cando se converteu no arpista de "Milladoiro"; calquera pensaría que iso é como se che tocase a lotaría ou se aprobase unha oposición, pero el non quixo acomodarse e dez anos despois deixou o grupo para intentar seguir o seu propio camiño.
Amais de tocar e cantar, o programa reflicte que Roi Casal é ante todo compositor de música e de moitas letras das súas cancións, en que agroma o seu compromiso declarado coa cultura galega.
Bater a música tradicional até enganala. Traicionar a tradición amandoa. Mover os pés e o cerebelo dos ouvintes mais alá dos 5 sentidos. Ser conscentes de ocupar o espazo escénico. Hilvanar sensazons e corpos danzantes. Xogar ao poker coas emocións ocultando farois. Coñecer a natureza galega e regala de música. Compartillar palabras de amor con harmonia e ritmo popular. Viver e beber a música popular rural e urbana nas mellores fontes. Acariñar e respeitar os instrumentos como animais. Buscar o trance antropolóxico e desenmarañar as formas. Mostrar a música con ilusión, degustar o prazer.
Linho do Cuco provocativamente libres, desfrutan tanto coa sua arte que a envexa deixa de ser un pecado capital.
Linho do Cuco é fibra sensível que cobre con música calquer ser. Son ricos en Omega 3 e alimentan o espíritu da festa engalanando tanto o dia como a noite. Linho do Cuco é un grupo impacientemente esperado. Linho do Cuco é un grupo formado por músicos que poderian ser do teu niño, da tua estirpe, do teu planeta.
Texto de Ugia Pedreira
Ademais, participarán como convidados:
Gutier Álvarez: violín e violín trompeta.
Iván García: guitarra flamenca:
Pablo Dalama: Saxo alto e sopranino.
Pedro Pascual: Bouzuki.
8 € | Adiantada (Tenda A Reixa, Gong, Redenasa.tv, Casa das Crechas): 6 €
URUGUAY
Venres 3 e 10 de xuño
18:30 a 20:30
Salón de actos da e-Trad ou patio da Escola de Artes e Oficios (dependerá da meteoroloxía)
Entrada libre ata completar aforo
Os Ciclos de Músicas Inmigradas que leva organizado a e-Trad dende o seu inicio (como actividade libre dentro do seu programa de actividades extrescolares dos venres pola tarde) teñen como fundamento dar a coñecer culturas foráneas á nosa da man de personas pertencentes a elas que, por unhas razóns ou por outras, trocaron o seu lugar de procedencia polo noso.
Os protagonistas destas xornadas falarán das formas de vida, sociedade, gastronomía e, por suposto, das músicas e danzas tradiccionais do seu pais. Das posibles semellazas e diferenzas entre a súa cultura e a nosa. Da súa andaina por estes lares, o encontro coa nosa música …
En definitiva, trátase de fomentar a unión e a comunicación entre as diversas culturas que conviven xuntas facilitando a súa integración. Comprender que todolos pobos comparten a mesma forma de se divertir e unha linguaxe común; a música.
Este ano xa contamos coa presenza de representantes de Rumanía na primeira parte do ciclo e agora queda a segunda parte con representantes de Uruguay que empregarán a primeira tarde para poñernos en contexto: falar do seu país (localización, sociedade, economía, política …) e achegarnos ás súas tradicións musicais e danzas a través dunha serie de actividades nas que poderán participar todolos asistentes. A segunda xornada será de repaso das actividades e mostra da gastronomía do país, rematando festivamente cun intercambio cultural Galicia- Uruguay.
Ion Stan e Cristian Busuioc, da Asociación Puente Cultural Rumano Gallego, co grupo folclórico de dita asociación afincada en Santiago, foron os encargados de amosar o folclore e realizar actividades e demostracións musicais e de danza rumanas os días 13 e 20 de maio. E será agora a Comparsa “Urumundo”, membros da Asociación Uruguayos por el Mundo de Vigo, a protagonista da segunda parte deste III ciclo que se levará a cabo os días 3 e 10 de xuño co mesmo horario da primeira parte. Centraranse no xénero musical afro-uruguayo “candombe”, recoñecido pola UNESCO como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.
O vindeiro Domingo 12 de xuño de 2011 ás 5 e media da tarde terá lugar,
no Local Social da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras
(Sebe s/n – Cacheiras - Teo), o XXIII FESTIVAL FOCLÓRICO - INFANTIL. Nesta edición
participan as escolas das seguintes Asociacións:
-S.R San Xoán de Calo (Teo).
-A.C. Donaire (A Coruña).
-A.C. Nós de Sobradelo (Vilagarcía de Arousa)
-A.C. Rosalía de Castro de Cacheiras (Teo)
Ana Pérez Casal
Asociación Cultural "Rosalía de Castro" de Cacheiras
Tlf: 981 80 60 91
O Vindeiro Sábado 4 de xuño @s amig@s da Asociación Taparraná, organizan o que será a I Foliada de Leiro, presentannos o seguinte programa:
19:30 Xogos Populares
20:30 Curso Iniciación ao Baile Tradicional
E a partir das 21:00 comenza a "FESTA".......lume!
Haberá Bolos Preñados de balde para todos os asistentes, chocolata e bizcoito.
Non faltara o bo viño do Ribeiro, licor cafe e outras bebidas espérituosas....
Contarase con zona de acampada (se alguen se quere quedar)
Achegádevos ata Leiro que a festa promete !!
Para máis información podedes contactar en taparrana@live.com
Nun lugar de Galicia onde se paraliza o tempo e as tradicións mantéñense desde hai ducias e ducias de anos, o Entroido do Castro, no concello de Laza, estará hoxe o equipo de "Alalá", para vivir e analizar unha festa que, debido ás súas raíces ancestrais, é unha das máis visitadas e agardadas, cun longo programa de actos que dura varias xornadas.
O equipo do programa viviu a xornada do día grande, o domingo, cando se estrea a figura dos Peliqueiros, o día en que corren pola vila movendo as chocas e visitando os veciños, casa por casa, intentando descubrir a figura principal no seu ambiente, correndo con eles a un tempo e preguntándolles aos veciños por todo o que nos chame a atención. Ata hai poucos anos apenas quedaban traxes de peliqueiro porque non había quen os fixese, así que non había máis remedio que alugalos por horas; pero despois volveu á vila Paco, "O Xastre", que foi quen de recuperalos para todos.
No Entroido do Castro soa a música dos gaiteiros, que percorren as rúas tocando pezas dos seus mestres, pois o seu papel foi fundamental desde hai anos para transmitir a tradición.
A enriquecedora vida dos emigrantes galegos nun dos seus destinos preferidos, o Río da Prata, convértese no móbil do Alalá especial de hoxe, nunha viaxe pola música tradicional galega na Arxentina e Uruguai, porque cando os galegos marcharon, levaron tamén unha maneira de vivir, de divertirse e de sentir a música da súa terra.
O programa especial Alalá revive aquelas gaitas que soaban nos barcos para animar as longas xornadas de travesía, e que despois, unha vez cruzado o Atlántico, a música galega cobraba vida propia, dando pé a composicións novas que mesturaban os ritmos galegos cos aires de tango. Co paso das xeracións, estes novos sons evolucionaron para dar lugar a distintas formacións e repertorios, pois os nosos paisanos tiveron un gran peso no progreso da Arxentina como país e na modernización de Galicia, ao compás da música galega, que fixo que a mesma Rianxeira se compuxese na outra beira do mar.
Para guiarnos por esta traxectoria da música tradicional galega, no contexto da emigración arxentina, o equipo do programa conta coa axuda de Norberto Pablo Cirio, un antropólogo e musicólogo que amais toca a gaita cos Lucenses, unha das dúas "regionales" -como en Bos Aires chamaban ás compañías de músicos que animaban os bailes das sociedades galegas- que aínda seguen en activo das setenta que chegou a haber.
Francisco Carballido, a persoa elixida polo "Alalá" de hoxe, é un dos últimos tocadores de trompa da Fonsagrada e portador dunha antiga técnica de toque, cun repertorio baseado en cantigas e pezas tradicionais de gaita que adapta á trompa. En Estoupelo, aldea da Fonsagrada, onde naceu e viviu toda a vida, ata facía "polavilas" coa trompa en que creaba bailes cun ton moi especial.
O feito de que Francisco non lembre nin cando comezou a tocar a trompa, fala da unidade natural entre o lugar, o músico e un instrumento que se toca en moitas partes do mundo e aquí leva moitos nomes: arpa de boca, berimbau, espantapensamentos... Tan arraigado estaba na zona como pasatempo que os ferreiros fabricábanas de forma espontánea e conseguila foi para el tan natural como facela soar; simplemente tivo que encargarlla cando era neno a un amigo.
Francisco fala deste amigo, un rapaz fillo e aprendiz de ferreiro, que aceptou o encargo e púxose a facer a trompa cando só tiña once anos. Esta noite estará cos espectadores un dos últimos tocadores de trompa da Fonsagrada: Francisco Carballido Marentes.
O equipo do programa déixase levar hoxe pola paixón que senten algunhas persoas pola nosa música, como é o caso de Xoaquín Míguez, máis coñecido como O Xocas, un gran mestre da gaita nacido nas Muras, no concello de Pazos de Borbén, que adorou a música desde que era un meniño. O músico, que tivo pai gaiteiro, tivo que loitar contra a obsesión da familia, que non quería que tocase porque pensaban que podía "enfermar de peito" de tanto soprar.
Pero O Xocas, que co tempo coñeceu case todos os segredos da gaita, non puido obedecer nunca a esta petición dos pais e, xa con dez anos, fundou o seu primeiro grupo, "Los infantiles de Muras" asinando o primeiro contrato para unha actuación; logo aos catorce anos emigrou ao Brasil, seguindo coa gaita, e cando volveu a Galicia non parou de levar a música da gaita ata Inglaterra, Canadá ou as Bermudas. Amais, un bo día comezou a construír unha bancada de madeira á que lle incorporou un torno e a partir dese momento iniciou a súa etapa de artesán fabricando gaitas, algunhas delas pezas únicas.
O personaxe de hoxe é unha demostración de que a música enlaza de xeito natural con outras actividades, pois O Xocas investigou, deseñou novas ferramentas, novas palletas e unha chea de avances para mellorar a sonoridade da gaita. Por se non fose abondo, o programa tamén afonda noutras facetas do músico, pois é mestre, forma parte dos xurados, dá conferencias e colabora en todo o que lle piden, en Galicia e fóra dela.
A cantareira regresou a Vigo para presentar o seu último traballo "Sós" no teatro do Centro Cultural Novacaixagalicia cun novo xiro ao folk galego.
Mercedes Peón estreou o seu último disco "Sós" en Vigo. Fiel ao seu estilo, cunha posta en escena sobria, dominada polas cores neutras e onde a luz intensificou o poder do son, interpretou a súa nova proposta musical, un novo xiro ao folk galego ante unha entrada discreta no García Barbón.
Con fondas raíces na tradición, a cantareira reflecteu os influxos de estilos máis actuais, achegando unha proposta cun claro selo persoal.
Para moitos críticos, o máis destacado das súas composicións son as incorporacións doutras culturas ao resultado final. Co teatro a medio encher, os asistentes saíron convencidos e satisfeitos dun espectáculo que seguiu as liñas marcadas pola intérprete e que a fixeron popular.
Na música tradicional galega coñécense máis de 150 instrumentos que Pablo Carpintero describe con todo detalle no seu libro "Os instrumentos musicais na tradición galega", un dos máis lidos en lingua galega, que recibiu o premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio. A publicación, en que afonda o Alalá de hoxe, chamou tanto a atención da Unesco que a institución elixiu a Pablo para incorporarse a un comité de doce persoas de todo o mundo, encargado de escoller as obras mestras do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade deste ano.
A través de cincocentas páxinas cheas de información clara, fotografías e debuxos, resultado de vinte anos de investigación minuciosa que amosa que Galicia é un dos lugares con máis riqueza musical do planeta, poderemos saber desde como se tocan e como se constrúen os instrumentos ata a súa historia, de onde proceden, en que circunstancias se tocaban, quen, cando e para que os tocaban.
Este musicólogo, que amais é doutor en Ciencias, artesán e gaiteiro, deulle varias voltas a Galicia para recoller a información directamente dos portadores, dos músicos e dos artesáns, buscando nos arquivos, nos textos e nos cancioneiros fotografías e iconografía que o axudasen a entender mesmo o funcionamento de instrumentos que xa non existen.
Descubrir o poeta cantor de Vilar, nunha aldea do Courel, é a misión para unha nova noite de Alalá, que marcha á montaña para achegarnos a figura dun home que durante moitos anos foi o único habitante da aldea, onde habita xunto á música, á poesía e unha chea de tradicións que se están a perder nestas altitudes.
Un dos primeiros puntos de contacto para falar con Xan de Vilar lévanos a percorrer todos os oficios que, en maior ou menor medida, foi desenvolvendo ao longo da súa vida, como o de ferreiro, o aproveitamento dos froitos e arbustos, o de carreiro ou o de pastor (coa implicación que tiña o lobo nesta tarefa). Xan é un home pícaro, simpático e moi hospitalario, e os que pasaron algunha vez por Vilar non se esquecen xamais deste gran poeta.
Descubrimos hoxe que Vilar está en pé grazas a el, porque Xan é o gardián deste paraíso que é O Courel, el é quen de arranxar as goteiras da capela ou poñerlle cancelas ao camiño. Entre as curiosidades da súa vida están o museo cunha ampla colección de trebellos de labranza que el comparte cos camiñantes que o desexen, e amais cos seus produtos monta un pequeno mercado enriba dun carro para que os paseos sexan un pouco máis levadeiros.
Falaremos sobre aspectos da súa vida, por que quedou el só e non marchou como fixeron seus irmáns e todos os veciños; como eran as festas que se facían cando na aldea había case oitenta veciños; por que non puido tocar a gaita cando era neno e unha chea de cousas que nos farán reflexionar.