Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cantigas do Camiño, presentación do CD Libro
Este xoves 25 de marzo ás 12.00 h. da mañá preséntase o CD+Libro Cantigas do Camiño no CGAC en Santiago de Compostela.

Cantigas do Camiño é un proxecto colectivo composto e gravado cada canción especialmente para este disco; tamén de todos os profesionais, fotógrafos, ilustradores, técnicos e enxeñeiros de son que participaron nas gravacións. Esta visión da música do Camiño de Santiago é herdeira de centos de anos de tradición musical, pero tamén é unha proposta persoal e contemporánea. Na rolda de prensa tocarán dous temas o trio Vaamonde, Lamas e Romero. Despóis un pequeño ágape na cafetería do CGAC

Vai falar na rolda de prensa Nacho Santos (Xerente do Xacobeo), Antonio Cortés (Director de marketing de Gadis), Fernando Luaces (director de BOA-Do fol música), tamén algúns artistas na mesa para que falen da sua canción e do proxecto Cantigas do Camiño, ainda por confirmar quen pode asistir.


www.folque.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 25-03-2010 10:47
# Ligazón permanente a este artigo
Emilio Rúa: A voz cálida do Interior
INTERIOR é o terceiro traballo discográfico de Emilio Rúa, cantautor Ourensán da terra das Vendas da Barreira (Riós). Emilio presenta un disco, gravado e mesturado en Casa de Tolos e producido pola cantante galega Uxía e o músico brasileiro Sérgio Tannus onde se exploran novos rexistros nunca antes utilizados por Rúa, familiares e cercanos.

Neste novo traballo Emilio Rúa conta con coñecidos músicos de Galicia e Portugal e colaboracións destacadas coma a de Luís Tosar, Guadi Galego, Toni Lomba, Quin Farinha, Marcos Teira, Budiño e a mesma Uxía. Adéntrase no mundo tradicional como ven sendo xa habitual e necesario nel e revisa cun aire novo e personal o tema popular galego Lela reinterpretando tamén cancións de autores como Magín Blanco, Uxía e Sérgio. Así mesmo utiliza a poesía de Manuel Rivas para porlle música a un dos seus poemas. É un traballo no que as harmonías gañan un amplo espazo e amósanse co necesario coidado, para dar forma e sentido as doce cancións que conforman Interior.

Como di o propio autor “Interior son os dous mundos que hai dentro de min e non se entende o un sen o outro: a miña música e a miña terra”
Dispoñible nas tendas de discos a partir do 25 de Marzo.
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 18-03-2010 14:11
# Ligazón permanente a este artigo
Linho do Cuco presenta novo disco en Lalín
Linho do Cuco presenta o que é o seu segundo traballo o vindeiro sábado 13 ás 21:30 no salón teatro de Lalín (Auditorio novo).

Linho 3 é un disco de música daquí, pra xente daquí e dacolá, que sintetiza dende o repertorio de banda de música, a melodías de autor que xa forman parte da tradición, e unhas pinceladas da música centroeuropea, sempre dende o punto de vista de Linho.

www.gaiteirosgalegos.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 12-03-2010 12:58
# Ligazón permanente a este artigo
Banda Potemkin presenta novo disco na Coruña
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 12-03-2010 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
Xira presentación novo disco de Nao
“Coas túas mans”: Novo disco de NAO

NAO volve á carga. Non podía ser doutro xeito, despois de un ano de traballo, e segundo eles mesmos, un repouso necesario, sae á luz "Coas túas mans", o seu 2º álbum de estudio. Nove cortes que denotan a consagración do seu son, a evolución das súas ideas. Temas duros que misturan melodía con sentimento. Un berro á esperanza, verbas que aseguran que o cambio sí é posible. Nas veas levan un poema ardendo, para desde o seu son arrasar con esta átmosfera de canceira que nos rodea. O 5 de marzo comezan unha xira que non a deixar indiferente a ninguén. Porque como eles afirman:
¡¡O mundo é noso!!


esta semana podes escoitar o cd enteiro no seu myspace:

www.myspace.com/somosnao
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-03-2010 11:47
# Ligazón permanente a este artigo
Sondeseu no CD `Cantigas do Camiño¨
A Orquestra Sondeseu, na que fan prácticas profesionais alumnos e alumnas da e-Trad, vai participar, xunto aos mellores artistas galegos, na edición de "Cantigas do Camiño", un proxecto discográfico que se vai facer moi popular este ano. Sondeseu participa con "Amencer no camiño", unha revisión da tradicional alborada de Pontecaldelas que ven de ser gravada no auditorio Martín Códax, no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

A finais de Febreiro, Sondeseu gravará no mesmo auditorio o seu novo traballo, "Barlovento".

http://e-tradvigo.blogspot.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 18-02-2010 09:53
# Ligazón permanente a este artigo
Conceyo de Cantares, música en galego-asturiano
A Oficina de Coordinación Cultural e Lingüística adscrita ao Parque Histórico do Navia edita o CD de cancións en galego-asturiano "Conceyo de Cantares".

Conceyo de Cantares, o disco producido e coordinado con Concellos do Parque Histórico do Navia desde a Oficina de Coordinación Cultural e Llingüística adscrita ao mesmo, e editado coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo do Principado de Asturias, é un traballo que recolle no seu seo doce cancións sen máis denominador común que o feito de que o sexan en galego-asturiano, que referencie territorial, lingüística ou temáticamente a cada un do nove municipios integrados no proxecto do Parque Histórico do Navia (Boal, Coaña, El Franco, Grandas de Salime, Illano, Navia, Pesoz, Tapia e Villayón).

Deste xeito, como labor orixinal neste sentido, son tamén doce os grupos ou solistas que forman parte del, onde poderemos atoparnos con cancións de diversos estilos, como o folk sentido e intimista ou máis convencional, o pop-rock, rock folk e cantares tradicionais do occidente asturiano, algún deles xa editados e por tanto, recompilados, e outros de nova creación para a ocasión.

Francisco do Camín de Rozadas, Bacotexo, Herbamora, Elisa, Mestura, Mezá, Diaño Burlón, Cádaba, Tuenda, Hermaos del Herbaseca, Dual, e Elena Mera Alonso completan a nómina de grupos e intérpretes participantes en "Conceyo de Cantares", que conta nos seus textos coas colaboraciónes de autores como Marisa López Diz, Carmen Trevías, Xosé Miguel Suárez Fernández, Tapia; Ricardo Saavedra Fernández-Combarro, Iván Iglesias Fernández, Cazarón; ou Miguel R. Monteavaro, á parte dun bo número de colaboradores sen contar os grupos e solistas participantes, como Xosé Antón Fernández, Ambás, Servando Fernández Méndez ou Nacho Pérez González

Con edición bilingüe en galego-asturiano e inglés, gravado e masterizado en Tutu estudos de Corvera, Estudos de Angel Berdiales e os estudos de Manuel Viña, "Conceyo de Cantares", editado co selo Tierra Discos, S.L., de Cuideiru, distribuirase de forma gratuíta no territorio do Parque Histórico do Navia e en resto do territorio asturiano e español.


www.folkenlared.blogspot.com
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 27-01-2010 10:46
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Skacha
Este traballo de Skacha, "CATRO", foi gravado entre Areamaster e Océano Estudios novamente baixo os mandos de Javier Abreu.

O traballo está composto por 6 novas cancións editadas en CD-Digipack e por primeira vez na discografía Skachiana nunha edición limitada en vinilo de 10".

Tamen, por primeira vez, apostan pola total autoxestión editando este traballo baixo ESCACHA RECORDS.
Apoiados unicamente por FRAGMENT MUSIC nas labouras de distribución.

www.komunikando.net
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 27-01-2010 09:31
# Ligazón permanente a este artigo
O disco de Pito de Pikasso de balde na rede
Xa podedes descargar gratuitamente o noso 1º disco KRAKSH!¡! dende o Netlabel O Toxo Rabudo.

Para Baixair o disco preme aqui.

Agardamos que vos preste.
Pito de Pikasso
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 27-01-2010 09:25
# Ligazón permanente a este artigo
De balde o novo disco de The Homens
O cuarteto compostelán The Homens van polo seu cuarto disco despois de os EPs '1' (autoeditado, 2005) e '2' (autoeditado, 2006) e o longa duración 'Tres' (Falcatruada, 2007). Agora é o turno de 'Cuarta Potencia'.

Este disco volve a estar producido por Santi García (Nueva Vulcano, Charades, The Unfinished Sympathy…), igual que Tres, e está editado pola discográfica de Compostela Lixo Urbano.

Datas da xira

O traballo, presentado este inverno na Sala Nasa de Santiago, xa se pode descargar de balde na súa web. Ademais, está confirmado un concerto da banda de power pop o 22 de xaneiro na Iguana de Vigo. O resto das datas da xira de presentación de "Cuarta Potencia" pódese consultar no seu Myspace.



COMPARTIR
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 13-01-2010 15:20
# Ligazón permanente a este artigo
Crítica ao novo disco de The Homes. Cuarta potencia
Adictos aos xerseis de raias e ao pop británico da era "mod", os santiagueses The Homens volven á carga cun cuarto traballo (os dous primeiros foron senllos EP) que lles consolida como unha das propostas de pop-rock máis interesantes de Galicia.

O álbum, gravado en Sant Feliu de Guíxols ás ordes do produtor Santi García (The Unfinished Sympathy) contén unha ducia de cancións, case todas roldando os 3 minutos, que aúnan as melodías pop coa urxencia do punk americano e unhas letras en galego cheas de expresividade, todo iso aderezado con pingas de experimentación e psicodelia. Son carne de directo e o 22 de xaneiro demostrarano na Iguana.

Faro de Vigo// Rafa López
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 12-01-2010 11:43
# Ligazón permanente a este artigo
Adianto do novo disco de Ruxe-Ruxe

Os Ruxe Ruxe, na fura de diante
A banda agasállanos os Reis cun adianto de tres temas do seu novo disco, que sairá á rúa en marzo.


"Quince latexos de corazón vello e consumido; quince dentelladas de animais fora ialma, de cans doentes e vencidos, de decepcións e liortas". Así definen os Ruxe Ruxe o seu novo traballo, un disco que recibirá o título de Na fura de diante e que verá a luz o vindeiro mes de marzo.

Mais a concepción musical non remata aquí: "Na fura de diante é un océano terríbel no que ti e mais eu loitamos por continuar sendo peixes..." adiantan os de Aríns (Compostela). Este será o seu sétimo álbum de estudo e, segundo explican, nel poderemos atopar novos temas producidos por Xabier Abreu, que achegan un novo estilo á banda.

Como adianto, ofrécennos tres temas do disco, que xa se poden descargar de balde na súa páxina web (www.ruxeruxe.com).

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 07-01-2010 11:10
# Ligazón permanente a este artigo
Ultreia!!!
Ofrecémosvos unha viaxe musical por terras da cultura galego-portuguesa, percorrendo tres partes do Camiño de Santiago que levan ao Finisterre europeo. Escoitaredes cantos e tocatas dos que ben puideron gozar os camiñantes que por alí pasaron.

Este é o terceiro traballo discográfico que vos presentamos. Nacemos en Santiago de Compostela a comezos de 1993 coma un colectivo interesado na recuperación da música, instrumentos, traxes e danzas tradicionais galegas. Dende entón percorremos toda a xeografía galega na procura das nosas tradicións musicais co ánimo de achegárvolas sen grandes arranxos. Como vos poderedes decatar, gustanos moito de visitar as zonas de cultura galega que ficaron fora das nosas fronteiras administrativas, como Portugal, a zona noroccidental de Zamora, O Bierzo e a parte máis occidental de Asturias.

Ultreia!!!
1. Mazurca
2. Muiñeira e xota
3. Muiñeira
4. Marcha
5. " La serigosa" e jota
6. Pasodoble e muiñeira
7. Toques de flauta e tambores
8. Quadrilha
9. Cana verde e verdegaio
10. Xota e muiñeira
11. Rumba e muiñeira
12. Xota e muiñeira vella
13. Fox - trot

Comentarios (2) - Categoría: Discos - Publicado o 07-01-2010 11:09
# Ligazón permanente a este artigo
Cristina Pato lanza o seu novo disco
Nove anos despois do seu último disco en solitario Cristina Pato lanzará o seu novo disco "The Galician Connection" en febreiro de 2010.

"The Galician Connection" é un disco íntimo, maduro e introspectivo que reafirmará a fulgurante carreira desta completa artista. É sen dúbida o disco que mostra a madurez dunha artista que soubo evolucionar.

Coas colaboracións da incrible voz de Rosa Cedrón, o jazz-acordeón de Victor Prieto Trio, a profunda voz da mezzo canadense Patrice Jegou, o violín de Javier Cedrón e o seu cuarteto de corda, o bouzouki de Carlos Beceiro e un longo etc. de amigos e artistas incluíndo aos membros da súa banda Laura Amado (voz) ou David G. Outumuro (percusión) e os seus habituais Raquel Pato e Xan Padrón. O disco, gravado entre Nova York, Madrid, Galicia e Lisboa, é unha produción de Cristina Pato para Zouma Records e conta con 12 temas de autor compostos por Cristina Pato, Victor Prieto, Xan Padrón, Rosa Cedrón e Raquel Pato entre outros.

En "The Galician Connection" a gaita galega e o piano de Cristina Pato achéganse e conectan a música contemporánea, as vangardas ou o jazz. Un disco no que Cristina abriu unha nova vía para a gaita galega que non é nin máis nin menos que a síntese da súa propia formación clásica co seu amor á gaita galega.

"The Galician Connection" é o principio dunha nova etapa na carreira dunha das artistas galegas con máis proxección internacional, pioneira no que respecta ao trato e uso da gaita galega como instrumento global, Cristina Pato continúa dando a coñecer o instrumento galego por excelencia a través da música clásica contemporánea e da súa propia linguaxe.

"The Galician Connection" á venda en febreiro de 2010.



www.zoumarecords.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 07-01-2010 11:08
# Ligazón permanente a este artigo
Capitán Furilo - ROCK
ROCK [2009], está gravado nos Estudios Élite de Vigo baixo a tutela de Tino Alvarez (A-rritmic).

Este traballo confirma a evolución sonora do grupo e recolle a enerxía que define o actitude da banda en directo. Once cancións directas, inmediatas e cheas de luz, así é o novo traballo de Capitan Furilo.

Todo foi por amor, Parece, Estación, Olvídame, Xa non quero saber nada diso, Esperame na Lanzada, Sexo, Rehabilitarme, Seus labios son para min, Dime onde está e Levame i estarei, som os títulos.

No disco colabora ademáis de Tino Alvarez (Arritmic / Minim), Isaac Alvarez (Sugar Mountain) i está autoeditado polo grupo (Falcatruada) e distribuido por Lonxa Cultural. e está baixo licenza Creative Commons.

ROCK [2009], está gravado nos Estudios Élite de Vigo baixo a tutela de Tino Alvarez (A-rritmic).

Este traballo confirma a evolución sonora do grupo e recolle a enerxía que define o actitude da banda en directo. Once cancións directas, inmediatas e cheas de luz, así é o novo traballo de Capitan Furilo.

Todo foi por amor, Parece, Estación, Olvídame, Xa non quero saber nada diso, Esperame na Lanzada, Sexo, Rehabilitarme, Seus labios son para min, Dime onde está e Levame i estarei, som os títulos.

No disco colabora ademáis de Tino Alvarez (Arritmic / Minim), Isaac Alvarez (Sugar Mountain) i está autoeditado polo grupo (Falcatruada) e distribuido por Lonxa Cultural. e está baixo licenza Creative Commons.

Descarga o disco completo

www.komunikando.net

www.capitanfurilo.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 07-01-2010 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
Batuko Tabanka, a raíz de Cabo Verde co aporte de músicos galegos
Djunta mô supón o debut discográfico das mulleres de Batuko Tabanka, un fato de caboverdianas asentadas dende comezos da década dos setenta no pobo lucense de Burela.

Elas aportan o ritmo das batukadeiras, que ten o seu pasado vencellado á música tradicional que facían os escravos en Cabo Verde. Antes batían no peito e agora fano nunha saca de coiro que colocan entre as súas pernas e que recibe o nome de batuko. Esa percusión e as súas voces debullan pezas con sabor africano e nesta obra editada por PAI Música contan cunha axuda importante de músicos galegos e do ámbeto da lusofonía.

Fundamental é o labor de arranxista efectuado por Segundo Grandío, que serve para adubiar con diferentes instrumentos o canto espido das Batuko e iso fai que as pezas sexan máis asequibles para o público, ao dotar dunha maior solidez sonora ao conxunto. Grandío realiza un bo traballo cos elementos escollidos para a ocasión e apoia e dota dunha maior riqueza o canto das caboverdianas coa axuda de artistas sobranceiros na escena folk galega como Xosé Manuel Budiño, Uxía, Mercedes Peón, Rodrigo Romaní, Xosé Liz, Fernando Abreu, Isaac Palacín e Treixadura.
Entre as colaboracións vidas de Cabo Verde é Jon Luz o músico participante no traballo que máis nos soa por estes lares e cómpre mencionar a peza cantada por Nácia Gomes, unha embaixadora da música caboverdiana que non goza de moi boa saúde e a quen gravaron no seu fogar o tema Finaçom, que fica como outra testemuña da raíz musical da súa terra.

Seguindo coa lusofonía, aparecen na obra o portugués Augusto Canario e o brasileiro Sergio Tannus.

Entre os convidados tamén atopamos ao cantautor extremeño Luis Pastor realizando coros e recitando un texto na peza que pecha este disco.
Djunta mô é unha expresión crioula que significa botar unha man ou axudar entre todos. Este é o espírito que se quixo transmitir con esta creación na que se tenta dialogar musicalmente entre culturas tendo sempre presente que o alicerce provén de África.

Esta obra non se queda só no disco, posto que a acompaña un DVD que recolle un concerto realizado en Cabo Verde polo grupo, ademais de videoclips e unha reportaxe explicando pormenorizadamente os pasos que se foron dando para elaborar este traballo.
O libreto está ilustrado coas fotografías realizadas nas terras de Cabo Verde por Xulio Villarino.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 07-01-2010 11:04
# Ligazón permanente a este artigo
Carne de pachanga: rancheira á galega
La Tuna Rastafari acaba de editar o seu primeiro disco con once temas que levan a festa como bandeira

O Morrazo vive dende hai anos unha emerxencia musical, constatable nos numerosos festivais, salas e, sobre todo, bandas que se están a facer un oco na escena musical galega. Tal é o caso de La Tuna Rastafari, un grupo formado en 2005, que acaban de publicar o seu primeiro disco, Carne de pachanga, once cancións con influencias, sobre todo, das rancheiras mexicanas e mesmo unha versión rock do tema O ghato de Manuel da Ponte, popularizado por A Roda a finais dos 70.

Neste ano que acaba de pecharse, os nove compoñentes do grupo -Álex, Cunani, Master, Marcos, Nené, Iria, Gus, Óscar e Leti- convidaron a bailar a multitudes na Festa da Prehistoria, o Cultura Quente, o FestiXeve, o Festa do Muíño ou o Reperkusión. Como comenta o cantante e compositor do grupo, Álex, "gústanos moito toda a música que sexa para bailar: a cumbia, a rumba, as rancheiras, o tango..."

Ademais, a tradición musical do Morrazo enguedella os seus veciños dende cativos. "Os que estamos hoxe na música, empezamos na música tradicional, no folk. Iso é porque nós temos un entroido moi bonito aínda que pouco coñecido, no que tocan os gaiteiros e a xente trátaos como deuses. Cando vin iso, díxenme que tiña que aprender", comenta o cantante.

Pero ademais, a música mexicana lévana no sangue da memoria. "Cando era pequeno -conta Álex- tiven a sorte de ter un avó que cantaba moi ben. Lembro que cando a xente maior se xuntaba tomar o seu viño, entoaban as cancións que sabían, que eran rancheiras e boleros, das cintas que traían de emigrantes en Canarias ou de iren ao mar. Iso é o que me quedou daquela xente".

Influencias máis que visibles en temas como A Maruca -o seu tema bandeira-, No me amenaces, Para que sigas ou O porco. Cancións convertidas en himnos na súa xira -dentro da Rede Galega de Música ao Vivo- de máis de trinta concertos por Galicia e Cataluña. "Foi un orgullo tocar a nosa música por fóra. Aínda que non me gusta moito voar, estivemos en Barcelona, Soria, Huesca, Cáceres, Sevilla... En todos os lugares acolléronnos moi ben e gustoulle moito a mestura da nosa música. Nalgúns concertos como o de Badaxoz até houbo colas para entrar", indica Álex. Logo desta xira, os membros de La Tuna Rastafari -moitos deles, estudantes- descansarán até maio pero xa quentan motores para volver levar a súa festa a toda Galicia.

NA REDE A banda conta cun espazo propio en Myspace, Tuenti e Facebook

A música de La Tuna Rastafari, ademais de poder escoitarse e verse en multitude de concertos, tamén está na rede. De feito, non só conta cun espazo propio en Myspace -no que se poden escoitar varias das súas cancións- senón que tamén teñen presenza en blogs, Tuenti e Facebook.

O seu disco "Carne de pachanga", editado e distribuído por Lonxa Cultural, inclúe temas como Cada vez, Pan de millo, Cuantró, El encarcelao, Corre meniña, Abókale, Unha noite. O esforzo deste grupo é máis que considerable á hora de coordinar os seus nove membros. "Adoitamos ensaiar dous días á semana. Aínda que só quedamos os que somos da zona, xa que os outros son estudantes, sempre hai un día no que non se pode faltar", comenta Álex . Parte importante do éxito desta banda é o seu directo. O espectáculo baseáse en sons imaxinativos combinados con letras con picaresca e humor e unha boa dose de improvisación e sorpresa. Aínda que comezaron a súa andadura con cinco compoñentes, foron ampliando o seu número até chegar a nove. "Falamos con varios instrumentistas da banda de música de Bueu e deseguido se uniron a nós", apunta o cantante. O resultado é unha banda con potencia instrumental, que producen, deseñan e improvisan. Todo iso fai que se convertesen no grupo revelación do ano 2009 en Galicia.
FINANCIAMENTO "Os festivais necesitan apoio"

Ao ver de Álex, a zona do Morrazo conta con moitas salas de música pero os festivais están perdendo pulo. "Estas citas, canto máis grande se fan, se non teñen apoio do concello ou da Administración, teñen bastante difícil continuar", di.

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 07-01-2010 10:59
# Ligazón permanente a este artigo
Esquíos: Carraxe on Garaxe
Como aperitivo do seu proximo cd, que ainda tardara en sair, a banda estradense Esquios, edita, en formato dixital, 3 temas novos gravados en directo no propio local de ensaio, baixo o nome de Carraxe on Garaxe.

Os temas som:
- O Samain
- Onde Andarás
- E ti riste de min

Podedes descargar estes tres temas e a portada desde AQUÍ

www.komunikando.net
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 07-01-2010 10:58
# Ligazón permanente a este artigo
NAO estám a preparar novo trabalho
NAO, está gravando nos estudios MAFIA RECORDS do Carballiño o que será o seu 2º disco de estudio. O disco sairá baixo o título "COAS TÚAS MANS" a mediados de Febreiro, se todo sae no tempo previsto.

En breve colgaran no myspace unha preproducción dun tema de adianto do disco (tambén o poderedes escoitar em Komunikando).

Se queredes máis información estan en facebook actualizando toda a gravación (facebook: Nao Coas túas mans)

www.komunikando.net
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 07-01-2010 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
Para aprender a bailar: Así fan os bailadores...

"Así fan os bailadores..." contén unha compilación de danzas e bailes tradicionais, presentados como unha iniciación ao baile galego.

O libro consta de transcricións musicais en partitura, diagramas espaciais e cinetogramas, fotografías, ilustracións e explicacións. No DVD pódense ver ditas danzas e bailes, realizados por grupos de nenos e mozos con música ao vivo. Inclúese un CD coa música gravada en estudio, que posúe a calidade requirida para servir de apoio á execución dos bailes, ou ben á escoita por pracer.

O interese da obra vai moito máis aló da mera práctica, visualización e escoita da música nela contida, ao incluír a reprodución en cinetografía das danzas e bailes practicados. Un método de escrita aplicado á danza, ideado por Rudolf Laban a comezos do século XX e coordinado nesta obra por János Fügedi, profesor na Academia Húngara de Danza e investigador do Instituto de Musicoloxía da Academia Húngara das Ciencias de Budapest, e que é a primeira vez que se edita no Estado español. Xunto a el, son autores deste proxecto Xabier Iglesias (mestre de baile tradicional galego e investigador da cultura tradicional), Juan Parga (músico e mestre especializado en Educación musical) e Sergio de la Ossa (etnomusicólogo).

Este traballo está dirixido a profesores de Educación primaria e secundaria, así como doutros niveis educativos, animadores culturais e monitores de tempo de lecer, e mestres de baile tradicional; tampouco esquecimos ás familias que queiran iniciar ás nenas e nenos nos nosos bailes e danzas, que conforman parte destacada do noso patrimonio cultural inmaterial.

www.dosacordes.com

Pedidos:
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 17-12-2009 10:48
# Ligazón permanente a este artigo
`Tic tac´: un novo libro-disco para nenos

“Tic tac” é un libro-disco que combina música e ilustración para público infantil a partir de tres anos de idade. Trátase dunha obra para ver, escoitar e cantar, tanto en familia como na escola, como complemento das clases de Educación Musical.

Neste primeiro traballo musical en solitario, Pablo Díaz fai un percorrido por distintos ritmos cos que, dende a perspectiva do folk, abarca a universalidade da música, dende o xénero clásico ata o jazz, pasando polo rock, o soul, o swing e os ritmos latinos.

As 16 cantigas do disco abordan temas próximos aos cativos, como a natureza, o mar, os animais ou o fogar, de xeito que se lles proporciona vocabulario e fórmulas de expresión a través da música.

Compleméntase cunhas orixinais ilustracións feitas coa técnica do linograbado, un método recuperado por Marc Taeger co que afonda no caracter tradicional da obra. Algunhas das musicais deste traballo forman parte das actividades de animación lingüística da campaña ‘Palabras no Ar’ que KALANDRAKA realiza en concellos galegos.



www.kalandraka.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 17-12-2009 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
Cantabria edita o novo disco de `Coanhadeira´
A Consellería de Cultura, Turismo e Deporte de Cantabria editou o disco gañador do a IV edición do concurso PRAU de música folk. Trátase de Coanhadeira, do grupo ouresán do mesmo nome, un disco "cheo de detalles" e do que a banda está "moi contenta".

Así o dixo onte en roda de prensa Jesús, membro de Coanhadeira, quen confesou que foi "un traballo complicado" porque o premio foi "inesperado", e"unha honra e un problema", xa que tiveron que preparar "un disco que non tiñamos". Neste sentido, Paco Quevedo, presidente da asociación PRAU, recordou que Coanhadeira se presentou ó certame cunha maqueta.

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 01-12-2009 10:11
# Ligazón permanente a este artigo
Berrogüetto presenta o seu novo single Danza de Meirol
A partir de hoxe poderase descargar de xeito gratuito na páxina web de R

O próximo domingo 29 Berrogüetto ofrecerá un pequeno set acústico para presentar o seu novo single Danza de Meirol, que se completará coa sinatura de discos. Será en Palexco ás doce da mañá no marco de AchegArte, espazo de encontro e intercambio da industria cultural galega.

Berrogüetto publicará o seu novo disco, Kosmogonías, no próximo 2010, coa novidade de introducir por primeira vez unha voz masculina, a de Xabier Díaz, novo integrante da formación desde a marcha de Guadi Galega en xaneiro do 2008.
Trátase do quinto traballo de Berrogüetto que eles mesmos definen como "punto de partida por excelencia ao Big-Bang, o triunfo da materia sobre a antimateria, unha reflexión entre a humanidade e o universo, unha chamada chea de optimismo cara a consecución dun sistema máis xusto".

AVANCE NA WEB DE R
Danza de Meirol, o primeiro single de Kosmogonías pódese descargar de xeito gratuíto e en exclusiva na web de R (www.mundo-R.com) desde mañá, 26 de novembro. Danza de Meirol baséase na tradición e foi recuperada gracias ao traballo de campo de Berrogüetto mediante o que compilan os sons e as voces de Galicia, en moitas ocasións vivos só de maneira oral. Danza de Meirol foi recollida por Berrogüetto respectando a lírica tradicional e, seguindo o estilo definido polo grupo, evoluciona a través dun tratamento contemporáneo.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 26-11-2009 00:47
# Ligazón permanente a este artigo
Cuarto disco de The Homens
Cuarta potencia é melodía a volume atronador, é inocencia pop e nihilismo negro. O cuarto traballo de The Homens, tras os EPs #1 (autoeditado, 2005) e #2 (autoeditado, 2006) e o longa duración Tres (Falcatruada, 2007), mostra á banda de Santiago DC máis preocupada polas melodías e pola expresividade das letras e, á vez, máis ruidosa que nunca.

Producido de novo por Santi García (Nueva Vulcano, Charades, The Unfinished Sympathy...), o disco novo recolle unha ducia de cancións nas que The Homens envorcan todo o vivido e aprendido en catro anos de xira sen fin, insistindo no seu gusto polo pop británico de todas as décadas e a enerxía do punk americano dos oitenta, e engadíndolle un renovado interese pola psicodelia e a experimentación.

Editado polo mítico selo santiagués Lixo Urbano, Cuarta potencia é enerxía condensada en pílulas dóces, é cantar bonito coa boca espumando rabia. Cuarta potencia é cantar por non chorar.

www.myspace.com/thehomens
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 26-11-2009 00:31
# Ligazón permanente a este artigo
Ovay (CD/DVD)
Ovay dinlle os canteiros ao ousado que encara o perigo sen vacilar, ao que reclama orgulloso o que é seu e dos seus. É a valentía de enfrontarse á propia evolución, de reivindicar a identidade cultural renovada. E é o que nos trae Quique Peón coa gravación do seu espectáculo “Ovay”.

Trinta anos de investigación etnográfica de Galicia, coa teima de explorar as múltiples posibilidades dos movementos tradicionais da escena moderna, permiten ao director e bailarín achegarse ao equilibrio maduro entre o enxebre e o depurado, a forza e o sosego, o urbano e o tradicional, o masculino e o feminino.
A dirección musical é de Xosé Lois Romero.
Comentarios (23) - Categoría: Discos - Publicado o 26-11-2009 00:27
# Ligazón permanente a este artigo
Batuko Tabanka
Viven todas en Burela (Lugo). Doce mulleres, formadas en abano, fan vibrar con furia e alegría un pano pregado sobre as súas pernas: o batuko.

A tormenta percutida medra, acompañando cánticos entre os que se xurden risas e desafíos. O bramar rebelde e a morriña das mulleres de Batuko Tabanka dura o tempo suficiente para poñer a pel de galiña a quen escoite estas batukadas, coladoras, mornas, mesturadas co mollo cantábrico que aporta Galicia: toda a forza da danza africana, salseando diversidade cultural desde o medio do Atlántico. Unha proposta que reflicte respecto e diálogo, resumida en dúas palabras: SABI, SABI!
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 26-11-2009 00:25
# Ligazón permanente a este artigo
Descarga ao Vivo (CD/DVD)
“Descarga ao vivo”: Galiza e Cuba.

Un elenco musical de luxo euns arranxos musicais entre o jazz latino e o folk europeo.
Profesores de aCentral Folque e do Instituto Superior de Arte Cubano. Unha orquestra mixta. Grabacións ao vivo na Habana en 2008 e na Coruña, Compostela e Vigo en 2009. Sons que facían bailar a galegos e mulatos nos xardíns da Tropical, na capital cubana.

Doce temas con melodías emblemáticas para a emigración galega e temas inéditos, froito da investigación de Ramom Pinheiro (director artístico do proxecto).
Todo isto é "Descarga ao vivo", un espectáculo que fusiona a música galega e a cubana e que fai vibrar o corazón ao son do danzón e da guajira, da muiñeira e da habanera.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 26-11-2009 00:23
# Ligazón permanente a este artigo
Ventos elegantes da música popular
Logo de máis de vinte anos xuntos publican “Tiruriru”, un disco no que visten a música de raíz con jazz, swing e clásica.

O Cuarteto Caramuxo é un grupo singular no panorama musical galego. Primeiro, porque é probabelmente o único cuarteto do mundo con seis compoñentes: catro clarinetes, acordeón e percusión. Segundo, porque desde a formación clásica apostan por unha maneira elegante á vez que divertida de achegarse á música popular. E terceiro, porque despois de dúas décadas de existencia, veñen de publicar agora o seu primeiro álbum, Tiruriru.

Forman Caramuxo Alonso Caxade no acordeón, Patricia Cela na percusión e Felipe Agell, Xoán Carlos Vázquez, Óscar Prieto e Fernando Abreu nos clarinetes. A orixe do cuarteto está nun grupo de compañeiros de conservatorio que tocaban xuntos arranxos para clarinete de pezas clásicas, do que pasaron ao swing e logo á música popular galega. “Chegamos a ela polo compromiso dos membros do grupo: todos queriamos traballar sobre melodías de música galega, e niso se centra o noso traballo dos últimos dez anos”, explica Fernando Abreu.

En Tiruriru, editado por Falcatruada, presentan o repertorio dos últimos anos do grupo. Gravouse en directo entre xullo e agosto, logo de gañar o Festival Folk Cancioneiros, organizado no ano 2008 pola Fundación Pedro Barrié de la Maza. Nos trece temas do disco aparecen muiñeiras, valses, pasodobles e outros ritmos populares, xunto a melodías chegadas doutras terras, como a balcánica “Xotis romanés”. Tamén aparecen temas que xa estaban presentes no espectáculo Vento mareiro, no que o cuarteto acompañou a Avelino González polos teatros de Galiza e que lles valeu o premio María Casares 2007 á mellor música orixinal.

Elegancia e frescura
O disco está bañado polo sinal de identidade do Cuarteto Caramuxo: a elegancia. “Pola nosa formación clásica achegámonos á música popular a través de arranxos moi coidados”, sinala Abreu, que destaca que tratan de facer “música elegante sen perder gracia e frescura”. A de Caramuxo é “música para escoitar atentamente, que non seriamente”, na que se mesturan as influencias dos distintos compoñentes do cuarteto: música contemporánea, jazz, música tradicional, etc.

Polo tipo de música que fan e pola súa posta en escena, é nos teatros onde se senten máis cómodos, “espazos pechados nos que poder tocar sen equipo de son”, comenta Abreu. No do Centro Cultural Caixanova de Vigo presentarán o disco ao vivo o vindeiro 28 de novembro. O directo é un dos puntos fortes do grupo, cunha aposta por “música divertida de escoitar e de ver”.

Os seus directos están influenciados en boa medida polo seu traballo para teatro, que cobrou unha gran importancia a partir da súa colaboración con Avelino González no 2006. Desde entón participaron no programa “Concertos para escolares” e “Concertos para a familia” da Orquestra Sinfónica de Galicia co espectáculo didáctico infantil O calcetín amarelo, xunto á compañía Cachirulo e Mónica de Nut. Na actualidade preparan A ratiña laranxa, un novo espectáculo no que de novo queren achegar aa súa música aos oídos máis inquietos: nenos e nenas de 3 a 6 anos

www.vieiros.com

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 11-11-2009 08:58
# Ligazón permanente a este artigo
Guezos ceiba os temas do seu último disco para descarga directa
Ceibamos todos os temas de Oito Destinos

Agora si. Visitade a sección Descargas, onde atoparedes un pequeno agasallo. Todos os temas do noso último disco Oito Destinos xa están dispoñibles para a súa escoita e descarga.

Levádeos con vós e compartídeos sen medo co mundo enteiro (pois lembrade que están editados baixo unha licencia Recoñecemento-Compartir igual Creative Commons).

www.guezos.com

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 11-11-2009 08:57
# Ligazón permanente a este artigo
Descarga de balde o Recompilatorio A Coruña Son 2009
O Recompilatorio ACS09 [A Coruña Son 2009].

Está composto por 11 temas, de 11 artistas, baixo licenza Creative Commons, polo que podes escoitalo e descarregalo de balde desde a web de ACS .


Os intérpretes cos seus temas son :
- Sandrísima (canción Tic-Tac),
- Sergio Zearreta (Fincapé),
- Fracasados de antemano (Menezes),
- Pulpiño Viascón (Quérote na praia do Orzán),
- Magritte (Alpinista),
- Supersound (Onde estás),
- Marisol Manfurada (Instinto básico),
- Maus vizinhos (Gira caindo),
- Ángeles Dorrio (O cativo)
- La pelvis (Psicomuiñeira)

aos que se engade o tema “Pouco talento” cantado en galego por Santiago Auserón.

Escoitao e descárgao!

Descarga aquí o disco completo

www.komunikando.net

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 11-11-2009 08:56
# Ligazón permanente a este artigo
Disco histórico do Coro de Ruada, de balde

Distribuiranse gratuitamente 14.000 exemplares das primeiras gravacións ourensanas.

Co obxecto de divulgar masivamente as primeiras gravacións ourensanas da historia, un total de 14.000 exemplares coas pezas interpretadas polo Coro De Ruada en 1929, serán distribuídos de forma gratuíta.


Esta iniciativa, que se integra nos actos de celebración do 90 aniversario da Coral De Ruada, presenta ao público un CD con 10 temas históricos especialmente restaurados para esta ocasión. A Pandeirada de Trives, a Foliada de Entrimo ou o Alalá de Ourense son algunhas das pezas que reúne o disco e que avalan a histórica implicación do Coro na preservación e difusión do patrimonio musical ourensán.

A distribución gratuíta dos 14.000 exemplares, que será promocionada durante toda esta semana, realizarase única e exclusivamente o luns día 12 de Outubro co periódico La Región.

Visita a nova web de Ouvirmos.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 12-10-2009 11:21
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiro disco do Cuarteto Caramuxo
A Fundación Pedro Barrié de la Maza presentou na Coruña o CD "Tiruriru", do Cuarteto Caramuxo, cuxa gravación é parte do premio do Festival Folk Cancioneiros de la Fundación.

O director xeral da Fundación, Javier López Martínez, indicou, durante a presentación, que coa edición deste traballo conclúe o traballo do Proxecto Cancioneiros, que se iniciou no 2007 coa reedición de dúas "xoias musicais", como son o Cancioneiro Gallego e o Cancioneiro Musical de Galicia, e que tivo continuidade coa celebración do Festival Folk Cancioneiros, do que Caramuxo resultou gañador.

Ao finalizar a presentación, o grupo interpretou dous das pezas do disco, "Ou demo" e "Tiruriru", que xunto con "Muiñeira e Ribeirana", "Golpe" e "Entre Vigo e Pontevedra" son pezas recollidas no Cancioneiro Musical de Galicia.

As outras oito pezas que compón o CD, gravado en vivo durante os meses de xullo e agosto e que se porá á venda en tendas de discos e grandes superficies a partir do 13 de outubro, son obras que toman como base algunhas das composicións doutros autores galegos, así como outras melodías inspiradas noutras culturas, incluídas o jazz e o pop.

O obxectivo desta iniciativa, explicaron desde a Fundación, é divulgar o patrimonio da música popular galega.

Para iso, e coincidindo co 40 aniversario da Fundación Pedro Barrié de la Maza, reeditaron "Cancioneiro Musical de Galicia" e realizaron o festival, cuxo gañador, Caramuxo, ademais da edición dun CD, percibiu 6.011 euros e participou nun concerto celebrado o 17 de maio de 2008 na Coruña no que compartiu escenario co grupo folk Milladoiro
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 06-10-2009 13:12
# Ligazón permanente a este artigo
Fuxan os Ventos saca á vendao disco "Terra de Soños"

O popular grupo galego Fuxan os Ventos sacará á venda mañá 7 de outubro Terra de Soños, un CD e DVD con máis dunha vintena de cancións gravadas en actuacións da súa última xira.

Editado por Boa Music, o disco recompila a modo de antoloxía algúns dos temas que o grupo fixo soados desde a súa creación no ano 1972, como A Carolina, O meu amor mariñeiro, Sementeira ou Cantigas de berce.

O espectáculo Terra de Soños, que recalou en outubro de 2008 en Santiago de Compostela, nun emotivo concerto que acolleu o Auditorio de Galicia, brindou ó público de Fuxan os Ventos a posibilidade de gozar do seu regreso despois de case dúas décadas desde a súa última actuación.

Desta xira por algunhas cidades galegas naceu a gravación do CD máis DVD Terra de Soños, que conta coa colaboracións de artistas amigos como Guadi Galego, Uxía, Mercedes Peón, Xavier Díaz, Pepe Ferreirós ou Rodrigo Romaní.

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 06-10-2009 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
Crítica ao disco de Covalblú
Os membros de Covalblú veñen acreditados polas súas paralelas andanzas noutros grupos de folk galego pero iso, con ser importante, non é o que máis chama a atención deste traballo que discorre pola vía acústica da música tradicional, ultimamente moi recorrida polas
novas fornadas.

O significativo de Covalblú é a súa condición de punto de encontro de músicos que se formaron ou experimentaron con distintos ámbitos e distantes xéneros, desde o obvio do folk até a música clásica pasando polo canto coral ou o jazz.

Achámonos ante uns músicos de sapiencias contrastadas que, aínda que necesitados
de rodaxe como colectivo, ofrecen un álbum dotado dunha destacada elegancia interpretativa.
// S.R.

www.farodevigo.es
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 01-10-2009 11:03
# Ligazón permanente a este artigo
O disco de Tiruleque xa á venda
Dende esta semana todos os visitantes da web poderán atopar na nova sección "DISCOGRAFÍA" o noso disco.

Con isto, as posibles opcións de adquisición do novo CD son as seguintes:

- Nos puntos de distribución (que iremos engadindo en función da mesma no mapa que aparece).
- Nos concertos do grupo.
- E a través da web (cos gastos de envío correspondentes para todo o Estado a través dun formulario). Xa comezamos a enviar discos por correo a semana pasada.

Polo tanto, comezamos co proceso de tirulequización coa expansión do disco polos lugares máis insospeitados da nosa terra e do mundo enteiro...!!!

TIRULEQUE, música galega.
www.tiruleque.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 30-09-2009 10:49
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [5] [6] [7] 8 [9] [10] [11] ... [13]
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer