Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Novo cd de Maghúa
Maghúa propoñen co seu Matria unha viaxe ao tempo no que as avoas contaban, cantaban e falaban cos seus netos mentres debullaban e moían tardes enteiras á calor da cociña…

Once temas tradicionais recuperados de mulleres, que conservaron o idioma cando o de noso estivo prohibido, xunto ás cantareas coas que se divertían e coas que nos agasallaron, a facenda familiar e, aínda que semelle incríbel, a cordura.

Desde Bergantiños ao sueste da provincia de Ourense, pasando polo interior da de Pontevedra. Solto e agarrado, para suar e arrimarse, para gozar dos sons e melodías de antergo, sen adobíos.

Gravado nos estudos "A casa da Laura" Eiris, deseñado por Santi Lopez e David Sánchez con fotografias de Juan Luis Rua.

As letras e a produccion correron por conta de Maghua.

O disco está editado e distribuido por Inquedanzas Sonoras.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-01-2015 13:26
# Ligazón permanente a este artigo
Novo cd de Lulavai
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-01-2015 13:23
# Ligazón permanente a este artigo
Novo CD do Fiadeiro
O grupo de música O Fiadeiro, ven de presentar a súa última publicación "A viaxe de José do Campo". Un conto orixinal, editado por Ton e Son Editorial, creado por Xavier Balsas e Rafa Crespo en formato libro/CD, para disfrutar toda a familia.

O disco inclúe 15 pistas de audio que fan referencia a esta fabulosa viaxe do noso querido protagonista José, un rapaz do Courel que, motivado polo seu afán de coñecer novas músicas, decide improvisar a súa propia viaxe.
Todas as músicas que aquí se recollen, son interpretadas polo grupo de música de O Fiadeiro, así como a narración do propio conto, na última pista do CD.

Para os docentes, mestres,... inclúense as partituras dos temas, letras das cantigas e diversas actividades para poder traballalos e disfrutalos no aula.

Non quedes sen o mellor agasallo para estas datas!!!

Libro/CD: 16€
Ilustrado por: Xacobe Bobillo

Colaboran: O Fiadeiro, Ton e Son Editorial, ChisPún!Estudio e Inquedanzas sonoras.

Polo momento podes mercalo nos seguintes establecementos:

VIGO: Local da ACF O Fiadeiro, Contradición, Inquedanzas sonoras, Librouro, Libros para soñar, librería Versus
A CORUÑA: Livraria Suevia e Librería Sisargas
SANTIAGO DE COMPOSTELA: Libraría Pedreira

Podes reservar o teu en:

ofiadeiro@ofiadeiro.com
629 585 355

Ou ben a través de:

info@toneson.com
www.toneson.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-01-2015 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Guadi Galego
Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena musical de Galicia, presenta “Lúas de outubro e agosto” o seu segundo traballo como solista tras o álbum Benzón, que se publicou en 2009.

A traxectoria musical de Guadi Galego é moi intensa e rica, foi voz principal e gaiteira do
grupo Berrogüetto, tamén formou parte como intérprete e compositora dos interesantes
proxectos colectivos: Nordestinas, Espido e aCadaCanto.

Guadi Galego preséntase agora cun son e unha expresión artística máis madura e tamén máis atrevida, máis melódica pero á vez, máis arriscada.

“Lúas de outubro e agosto” contén fermosas cancións cun nexo común, a natureza das
composicións, a esencia do vivido e madurado, a emoción e a intensidade, a delicadeza
e o risco. Todo un exercicio de inspiración para encontrar vías non exploradas e
propoñer unha música chea de sinceridade que sen dúbida vai sorprender.

“Lúas de Outubro e agosto” gravouse en xuño de 2014 nos estudos Alis Records de
Baeza coa produción musical a cargo de Pachi Alis, o mago que soubo entender a
Guadi e conseguir un resultado sofisticado e sorprendente. Conta coas colaboracións de
Santi Cribeiro ao acordeón e Pablo Pascual tocando clarinetes.

“Lúas de Outubro e Agosto” preséntase nun orixinal digipack de edición limitada con
faixa acuñada e libreto de 16 páxinas.




Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 28-11-2014 15:57
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Invivo
Invivo presenta agora Cárcavas, a forza da natureza arrasando as terras malas, abrindo longas fendas, físicas e emocionais,… 11 temas que podes escoitar e descargar na súa bandcamp.
As modificacións apareceron motivadas a raíz duns problemas na voz orixinal do grupo, Mario César a inicios de 2013. Cos temas practicamente rematados para entrar no estudo, deciden apostar polo paso da testemuña do micro a Roberto Filgueira. Así mesmo, coma novidade, o grupo integra a Bruno Castro (Sarabia, Crying Wolves, Nerium,…), coma novo baixista, outorgando un son máis redondo.

Producido por Iago Pico e Invivo nos Pousada Son Estudios de Ames (A Coruña) entre novembro de 2013 e marzo de 2014, cun deseño de Laura Riveiro e vídeo oficial ideado e dirixido por Lois Rodríguez.














Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 21-05-2014 10:19
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Ruxe-Ruxe
NÉMESIS é un disco conceptual a modo de ópera rock. É a viaxe en tres actos dunha persoaxe de a pé que un día se levanta pola mañán e decátase de que a terceira guerra xa comezou. Non hai tanques nas rúas nin mísiles atravesando o ceo pero o mundo caese a pedazos enriba da súa cabeza coa excusa dunha crise económica que deixa man libre e argumentos ficticios para que os poderosos sometan ós débiles. Observa ese mundo cheo de odios, estados miseria, delincuencia, políticas escuras e sometedoras. Observa a irmáns que matan irmáns. Ve crimen e destrucción. Despois reflexiona sobre o seu sitio no mundo e énchese de dor e dunha amarga decepción que remata en odio. Comeza a súa revolta, a súa loita persoal contra todo e acaba enguedellado nunha sanguenta batalla que acaba arroxandoo a el e ás súas pantasmas dende a azotea máis alta para deixalo reducido a unha simple mancha de sangue sobre cemento e sen saber nin tan sequera que foi da súa vida.

O espíritu da deusa NÉMESIS e da súa xustiza retributiva alimenta unha historia de ficción na que todo parece tan real que semella estar a falar do mundo no que vivimos.
Ficción ou realidade?

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 21-05-2014 10:14
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Nao
As “ Cartas no caderno “ están xa pechadas. Listas para compartir e espallar. Despois do paso adiante que supuxo o último disco “Cancións de amor e liberdade”, en menos dun ano, apresentannos as súas "Cartas no caderno".

Grazas á agarimosa acollida do anterior traballo e os novos camiños que se lle abriron ó grupo, tráennos agora, cinco temas cargados de intensidade e forza. Unha pequena xoia da música galega, que demostra o bo momento da banda e a súa condición para alcanzar novos retos e seguir crecendo.

Estas 5 cartas que nos envía NAO reflexan o compromiso, a creatividade, o amor e a elegancia coas que NAO trata as súas cancións, levando a súa proposta por novos derroteiros, pero manténdoos fieis ós seus principios. Un tema propio que dá nome o single e catro versións feitas desde o respecto e a admiración máis profunda: “Acción Galega” de Xenreira, “Os Vampiros “ do gran Zeca Afonso, “Como o vento “ de Sétima Legiâo e “Je Veux” de Zaz.

Neste disco NAO contan coa fortuna de achegar gorxas e instrumentos de persoas que coa súa actitude e determinación fixeron e fan historia. Nomes, países e traxectorias diversas cun nexo en común: a súa actitude. Aí están Xurxo Souto de Diplomáticos de Monte Alto (GZ), Sigaro e Picchio dos míticos Banda Bassotti (IT), Xosé Manuel Pereiro de Radio Océano (GZ), Álex – Eina, Inadaptats (PPCC), Manuel Payno de Caxade e Os tres trebóns (GZ), Jony e Fonta de Kaotiko (EH), Paula Chaves (GZ), Mini de A Quenlla (GZ) e Antía e Adrián da Liga Gaiteira Galega (GZ).

Nomes, países e traxectorias diversas que conflúen. Exemplo e referencia que marcaron as súas vidas e que hoxe teñen a sorte e privilexio de acompañarlles na gravación, e xuntos fan da nova proposta un disco soñado, feito entre amigos, para seguir soñando, para seguir camiñando.

Con todos vos: Cartas no caderno, de NAO, gozádeo...

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 21-05-2014 10:11
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiro disco do Coro Tradicional Cantares do Brión
Coro Tradicional Cantares do Brión, “ARRUÍDOS”

Unha gravación-rexistro da memoria.


Memoria da nosa música tradicional, elaborada ao longo dos séculos, e cunha especial expresión nos últimos cen anos, des que apareceron os nosos coros históricos.

Memoria de catro anos, tempo de existencia de Cantares do Brión. Fixación do repertorio do período 2010-2014, con pezas do catálogo de Aires da Terra, de Cántigas da Terra, de Cantigas e Agarimos, da Coral De Ruada e, abrindo o disco, de Toxos e Froles; pero tamén con obras de nova creación, composición de membros do coro, como é o caso das Tríadas do vento no mar, Camiño de Ourense, Na Touba do Brión, Foliada de Vincios, Has de cantar; e outras con harmonización e arranxos para coro como é O carro, de Mero Iglesias, con letra de Manuel María.
Foliadas, alalás, pasodobres, pandeiradas e pandeiretadas e, pechando o disco, Os Pinos, a composición de Pascual Veiga e letra de Eduardo Pondal, que é o Himno de Galicia.
[Os compositores das obras de nova creación son: Luís Correa “Caruncho” e Pablo Rial Salgueiro, que é o director do coro.]

Entre os propósitos principais están a interpretación, divulgación e restitución da música coral tradicional galega con acompañamento instrumental, así como o uso e divulgación do traxe tradicional; sendo obxecto de atención especial e uso habital o idioma galego.
Cantares do Brión está integrado na actualidade por 60 persoas, a maioría delas do Val Miñor, fundamentalmente da parroquia de Vincios, pero tamén doutras comarcas como O Condado, O Baixo Miño, Soutomaior ou Vigo.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 21-05-2014 10:03
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Brañas Folk
BRAÑAS FOLK, “Danza das Burgas”

A Danza das Burgas é o terceiro traballo de Brañas Folk. Un disco onde se alternan temas cantados con instrumentais, tradicionais e de autor, de ritmos e ambientes variables, e cociñado íntegramente con receitas propias da nosa terra.


Os ingredientes ponos Brañas Folk, formado por Manuel Brañas (gaita, requinta, whistle, arpa, zanfona), Ana Dosouto (voz), Leonardo Blanco (violín), Tomás Saiz (acordeón), J. Antonio Blanco (guitarra), Olga Brañas (piano, pandeireta e outras percusións), Eduardo Balvís (baixo) e Aser Álvarez (batería, tamboril e outras percusións). E, tras cocer estas músicas con auga fervendo recén saída das Burgas e deixalas repousar, o aliño corre a cargo dos colaboradores que axudaron a enriquecer este traballo (Guadi Galego, Lucía Pérez, Davide Salvado, Pancho Álvarez, Javier Bergia, Quim Farinha, Pablo Pascual, Segundo Grandío e Xaquín Xesteira).

Bo proveito!
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 21-05-2014 10:00
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Marta Quintana
Novo traballo de Marta Quintana con un total de 11 temas do poeta galego Xosé Mª Díaz Castro da súa obra Nimbos.

As composicións musicais son de Marta Quintana e os arranxos de Cuchus Pimentel


O disco foi gravado por Cuchus Pimentel e masterizado por René Molinos. O deseño grafico correspondeulle a C. Pordeus.O disco naceu o descubrir Marta Quintana o poeta Díaz Castro con motivo do seu recoñecemento nas Letras Galegas de este ano... Os poemas nas mans de Marta tomaron unha nova vida musical, e, como un amor de nai que crece día a día, foron conformando as cancións na súa mente ata topar co calor que precisaba en Cuchus Pimentel quen fixo coas súas guitarras o berce perfecto para este traballo “LUS” cargado de forza viva.

Os poemas que inspiraron a Marta para compoñer estas fermosas cancións están cheos de forza e de reivindicacións, e poderían ser feitas xusto hoxe, nesta mesma mañá, por ser totalmente atemporais. Neles, o autor reivindica a falta de beleza, a falta de verdade, a falta de traballo cualificado e o abandono dos pobos.... Poemas que teñen que ver coa forza da terra e o seu recoñecemento como nai, e remarca a idiosincrasia galega a través da súa paisaxe e autenticidade. Dende a perspectiva de Marta, nestes versos, poderíase entrever un símil do marcado papel da muller na nosa sociedade.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 21-05-2014 09:58
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiro disco de Tonecho Castelos & Pablo Esqueira
Tonecho Castelos & Pablo Esqueira, “Nas mariñas”

Dúo de música folk galega formado por Tonecho Castelos Boutureira (violín, bouzouki) e Pablo Gómez Esqueira (acordeón, piano e voz).


Presentan unha proposta sinxela baseada en pezas tradicionais e tamén en composición propias. No seu haber musical está o ter formado parte de distintos grupos de música tradicional e folk das mariñas lucesense e coruñesa. Presentan o seu primeiro traballo discográfico "Nas Mariñas".

O seu directo é un directo que invita a unha viaxe pola súa música, un concerto íntimo, elegante e divertido á vez. Aínda que sexa só un dúo incorpora no seu concerto unha rica variedade instrumental dando desta maneira un colorido sonoro moi singular. Cabe destacar tamén a súa faceta ditáctica, xa que contan cunha versión didáctica da súa música para un público familiar.

NAS MARIÑAS O título do disco fai referencia á orixe dos intérpretes, ámbolos dous da comarca da Mariña Luguesa (Pablo) e das Mariñas Coruñesas (Tonecho). O punto de partida foi nun primeiro lugar a música tradicional e composicións propias inspiradas na música tradicional que foron transformando en pezas elaboradas con riquezas tímbricas moi variadas. Trátase duna coidada selección de melodías sinxelas que foron coloreando cos seús arranxos. Contén todo tipo de ritmos galegos variados. Nas Mariñas e o primeiro traballo discográfico de Tonecho Castelos & Pablo Esqueira
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 21-05-2014 09:54
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de A Quenlla
Xa van alá 30 anos de cancións, de recorrer Galicia e todas esas terras onde Galicia está presente. A Quenlla celebra tres décadas de “amor, dor e loita” e faino alentada polos amigos de sempre: Alfredo Garrido como produtor, Xulio Xiz e Alfonso Blanco como alentadores de músicas e poesías e un crítico da talla inmensa de Xesús Mato (incombustible musicólogo e humanista).

Con este consello de sabios Mini e Mero seleccionan coidadosamente 26 cancións inéditas para un dobre disco que nos trae moitas das músicas que levan anos formando parte do seus directos dos que, por certo, saiamos con ganas de ter en cd cancións como “Carlos dos Santos” de Xosé Lois García, “Penélope” de Díaz Castro ou “Abril de lume e ferro” de Manuel María, todas elas musicadas por Mero.

No disco atopamos, tamén, cancións novas que chaman a atención facéndonos cavilar como “Carme ti nós” de Lois Diéguez , na que o recordo e a nostalxia se fan amor en cada verso. O disco ten moito de saudade, dende ese precioso “Quero voltar para Porto” ata o recordo alegre ao humanista Bernardo García Cendán, que nos deixou fermosos poemas como “Dime quen te foi pescar”.

A Quenlla recunca no seu credo de sempre e faino con firmeza e utilizando a verba para denunciar que a nosa Penélope segue engaiolada nas teas de sempre con continuos retrocesos e enganos que nos adormecen na falsidade. Contra isto, A Quenlla permanece na terra porque é terra e non pode deixar de teimar nela para agromar o porvir; mais agora, está claro que nunca estiveron, nin estarán, sos nesta teima senón que os rodea un amplo exército de poetas que esnaquizan ermos coa palabra que eles erguen en voz para espallala polos puntos cardinais dunha terra que merece ser outra cousa.

A Quenlla agasállanos con 26 cancións nas que se deixa sentir o recordo dos mellores directos. Este é un traballo de anos, rodado e perfeccionado en moitos lugares de Galicia nos que estes músicos deixan as esencias da voz e da palabra. Por iso, cómpre agradecérllelo e pedirlles que sigan dándonos ese canto dos poetas que nos alenta.

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 21-05-2014 09:49
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiro disco de Andrés Penabad
ANDRES PENABAD, “Crossing”
Despois de máis dunha década de estudo, premios e colaboracións con diversos músicos, Penabad decidiuse a gravar o seu propio traballo, Impulsado por Bieito Romero (Luar na Lubre), a quen considera o seu padriño musical, e coa produción de Fernando Barroso (Cuarto Baleiro).

Composicións propias e temas de Barroso, Kepa Junquera e tamén tradicionais. “Este é o primeiro disco pero antes gravou con moita xente, estivo dez anos en Muxarega e colaborou con Ulträqäns, Kepa Junkera, Óscar Fernández, Pablo Díaz, Avelaíña, Xabi Aburruzaga ou Xoán Carlos Rilo”. Esta experiencia musical reflíctese tamén nas achegas coas que conta en “Crossings”, onde está tamén Kepa Junquera, o propio Fernando Barroso, Edelmiro Fernández, Davide Salvado, Bieito Romero, Valentín García, Pedro Villarino, Óscar Fernández, Arancha Bouza, Ramón Dopico ou Pedro Fariñas.

Na traxectoria de Penabad cruzouse tamén a orquestra de acordeóns Robaleira, de Cedeira, cos que incluso gañou premios como solista no certame de Arrasate dos anos 2005 e 2010. Pero a vida musical deste intérprete pasa tamén polo Conservatorio de Música de Getafe, pola Escola de Música Moderna Estudo (en Santiago) e por clases con mestres como Oleg Sharov, Iñaqui Diéguez e Ángel Luis Castaño.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 21-05-2014 09:48
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco dos Terribles de Arousa
Comentarios (1) - Categoría: Discos - Publicado o 21-05-2014 09:44
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de A Roda
A RODA, “Outra volta de Roda”

Libro disco homenaxe a toda unha carreira, a un tempo pasado onde o falecido Fito, “a voz” inconfundible da Roda, está moi presente sen estar.
Unha selección de cancións imprescindibles interpretadas pola A Roda, coa colaboración de artistas xovenes que creceron escoitando estes temas nas festas, e viaxes no coche con seus pais.
Entre outros Miguel Costa exsiniestro total, Ses e Emilio Rua.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 21-05-2014 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de 2Nafronteira
2NAFRONTEIRA, “zapatiños para Diaz Castro”

O dúo 2naFronteira, formado por Carmen Penim e Maurizio Polsinelli, presenta Zapatiños para Díaz Castro, un CD no que musica catorce poemas deNimbos, o poemario de Xosé María Díaz Castro. Os textos do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano cobran vida cunha ampla presenza de harmonios, pianos e a voz de Carmen Penim. No vídeo que encabeza esta información os artistas explican o proceso de xestación deste disco.O grupo iniciou o proxecto a musicar Penélope, o poema máis coñecido do autor, e foi o interese que os músicos foron atopando na lectura dos poemas de Díaz Castro o que os levou a completar o conxunto de textos do autor.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 21-05-2014 09:38
# Ligazón permanente a este artigo
Os contos de Joselín
Os contos de Joselín, José Rodríguez de Vicente
Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954)


Laura Tato. Estudo e edición
Valentín Paz-Andrade. Prólogo

Este libro-disco recolle o periplo vital e a obra do actor e dramaturgo José Rodríguez de Vicente quen, caracterizado como «Joselín», gravou os primeiros contos en galego en 1929. Valentín Paz-Andrade definiu a «Joselín» como un xograr que soubo enraizar os seus contos na antiga tradición do escarnio popular de mariñeiros e labregos. Un artista capaz, a través dos seus discos de contos galegos, de facer estalar o riso tanto nos esperanzadores tempos da República como na triste realidade da ditadura franquista. O libro contén toda a obra literaria en galego de José Rodríguez de Vicente e preséntase cun Cd no que podemos escoitar en versión orixinal restaurada a integral dos seus contos, un total de 23.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 21-05-2014 09:36
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Pitusa semifusa en Compostela
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 06-05-2014 11:04
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación do CD-DVD Serán en Toutón (Mondariz)
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 21-03-2014 14:06
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Acadacanto
Novo disco de Acadacanto (Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero) publicado polo selo Músicas de Salitre, chámase A Rosa d'Adina e nel aCadaCanto musica 6 textos de Rosalía de Castro.



Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-01-2014 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
Novo traballo de Som do Galpóm
Catro anos despois do seu último lanzamento, e logo dunha campaña de Crowdfunding, Som do Galpom presentaban esta mesma semana Galinha de Troia, o seu terceiro disco.

O novo traballo da banda mantén a mestura de sons característica do grupo, cunha destacada presenza de hip hop e funk. A Sala Capitol acollía onte un concerto no que o conxunto estivo acompañado de Anfibia, Quico Cadaval e outros convidados.

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-01-2014 10:35
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiro CD da Cuadrilla da Fonte Navegante
Música para nenos e nenas de todas as idades, para que non morra @ nen@ que levas dentro! Dende sons de muiñeira ou folk ata rock and roll, chachachá ou hip hop.

A finalidade deste disco é didáctica, con letras que implican xogos e en galego como algo propio que hai que usar e ao que temos que darlle valor. Na parte musical varios temas están feitos con instrumentos pensados para nenos/as de colexios, como caixa chinesa, xilófono, cencerro e triángulo. Unha creación feita integramente en Ribeira.



Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-01-2014 10:28
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiro disco de Caxade
Da man do colectivo autoxestionado Discos da Máquina, Caxade debuta cun elegantísimo
elepé de folk-pop independente, onde se cruzan aires balcánicos, música de bandas, folclore sen
domesticar e exquisita vocación popular.


O proxecto encabezado por Alonso Caxade –tamén
coñecido polo seu traballo na Orquestra Os Modernos, no Cuarteto Caramuxo e mais en PELdeNOZ- incorpora a Manu Paino –trompeta e carillón-, Manu Espinho –bombardino- e Xosé Tunhas –batería- para confeccionar “un disco con letras transgresoras, ligadas á realidade cotiá e á situación actual”. “Porque en tempos de crise intelectual, moitos pretenden converternos en moscas a danzar arredor do seu manxar favorito”, expón o propio Caxade.

Na gravación d’A dança dos moscas, cuxos temas foron compostos, arranxados e producidos por Alonso Caxade, participaron Marcos Paino e Tomás Ageitos –na gravación e na mestura-, Dr. Chou –no máster-, Logoferoz –no deseño- e Ariel Ninas –na fotografía.

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-01-2014 10:24
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Mónica de Nut
Mónica de Nut canta acompañada á guitarra por Virxilio da Silva, na percusión contan coa colaboración de Marcelo Dobode e Javi JDJazz na trompeta e no fliscorno.

A cantante segue a sinsitir na combinación de música clásica, jazz, rock e tradición galega e o repertorio nace de melodías tradicionais, clásicos da música barroca e temas propios remexidos entre delays, distorsións e sons acústicos.

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-01-2014 10:17
# Ligazón permanente a este artigo
Publicación do libro-cd Corasons
Acaba de publicarse CORASONS, un libro-cd-dvd que reúne fotografías, músicas e un completo traballo audiovisual sobre o proxecto que, baixo a dirección de Uxía, reúne un feixe de destacados intérpretes galaico-lusófonos. Cunha coidada edición e produción, CORASONS estará dispoñible en toda a Península.

“…Corações de Galiza, Portugal, Brasil e Angola pulsando, batendo e emocionando na mesma lingua con «sotaques» diferentes”.

[CORASONS: Fragmento do limiar de Uxía]

“Cada imagem conta uma história, um momento irrepetível, adquirindo múltiplos sentidos, para quem contempla. Recriar, improvisar, jogar com os reflexos e com a desfocagem, procurar a geometria da minúcia, desafiar as sombras e a magia, ousar a poesia e a simplicidade, dar à luz cor e metáforas…”

[CORASONS: Fragmento do limiar de Isabel Leal]

“Unha mostra, encontros, química, música… E amizade, por cima de todo a amizade… e a lingua común”.

[CORASONS: Fragmento do limiar de Carlos Blanco]

CoraSons é unha experiencia artística que xurdiu nas redes sociais a través da páxina “Quem vê corações” e materializouse inicialmente nunha exposición de fotografías de Isabel Leal e nun recital posterior coa participación de varios músicos na Casa das Crechas de Santiago de Compostela.

A ese encontro seguiulle un gran concerto celebrado na Illa de Arousa ao que se sumaron máis de 40 intérpretes e que se plasmou nun documental gravado por Paco Abelleira. Agora, da man de KALANDRAKA, o proxecto que dirixe Uxía convértese nun libro-cd-dvd con 19 temas e cunha película de hora e media.

Cada imaxe conta unha historia feita canción. A natureza, a vida cotiá, a arquitectura, as sombras, a xeometría ou a imaxinación son os escenarios que se recrean partindo da forma e da simboloxía do corazón. Mais, lonxe do enfoque romántico, CoraSons trata sobre a afectividade, os sentimentos, as emocións, a amizade, e reivindica latexarmos unidos. Músicas quentes para tempos xélidos, corazón-coraza para tempos incertos.

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-01-2014 10:12
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Sondeseu
Sae á rúa Danzas Brancas, o cuarto traballo da Orquestra Folk de Galicia Sondeseu, que segue a liña trazada polos anteriores cun indiscutible selo de calidade, innovación e proxección da música de tradición oral dende a perspectiva da creación colectiva. Este novo traballo contén temas de músicos galegos de recoñecido prestixo vinculados á propia orquestra como Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Xosé Liz e Rodrigo Romaní, así como unha versión de "O Mandil" un dos temas máis emblemáticos de Berrogüetto, arranxado especialmete para a orquestra polo seu autor: Quico Comesaña

Danzas Brancas, conta coa colaboración de Kepa Junquera que nesta ocasión se funde cos máis de corenta instrumentistas que forman a primeira orquestra folk de Europa.
Danzas Brancas resulta ser unha evocación da tradición personificada nun tipo peculiar de danza vinculada a celebracións relixiosas con forte influenza de elementos pagáns anteriores, mesmo referenciados na idade media. A gravación reflicte con fidelidade o ambiente e a enerxía que Sondeseu transmite nos seus directos, cheos de forza e poder de comunicación.

Danzas Brancas está dispoñible nas mellores tendas, Itunes Store e na propia web da orquestra: www.sondeseu.org

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-01-2014 10:07
# Ligazón permanente a este artigo
Nova edición do disco de Mamá Cabra
O libro-CD Cartas que veñen e van, con cancións de Mamá Cabra e textos e letras de Susa Herrera saiu á luz en 2006 en galego e castelán da man da editorial Primerapersona, ilustrado por Lorena Pita.

Agora, Galaxia recupera este volume e preséntao en galego nunha nova edición ilustrada desta volta por María Lires. Os temas presentan forma de cartas dirixidas a lobos, osos, gatos ou ao Pai Nadal e que convidan aos máis pequenos a cantar e a xogar.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-01-2014 10:04
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Pablo Díaz
Logo do éxito do seu Tic Tac, hai xa catro anos, Pablo Díaz continúa a súa carreira na música para os máis novos co lanzamento de Toc Toc.

A editorial Galaxia presenta este libro-disco, que conta con ilustracións de Nuria Díez e que achega un feixe de temas optimistas e con ritmo. Canda ao que dá título ao volume, tamén hai cancións dedicadas ao Apalpador, á defensa do medio ou ao coidado dos animais, todo elo con ritmos alegres e grandes doses de fantasía. Díaz conta cunha banda de apoio e inclúe no traballo instrumentos como gaita, guitarras, acordeón e percusións.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-01-2014 10:00
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiro disco dos Bolechas
Da música tradicional ao rap a pasar polo pop. O primeiro libro-disco dos Bolechas, que se presentou esta semana, toca todos os estilos da man de dez grupos galegos. Pandeiromus, O Sonoro Maxín, Novedades Carminha, Ataque Escampe, Sés, Transilvanians, The Homens, Eladio y los Seres Queridos, Álex Casanova e AID achegan ao proxecto cadanseu tema inédito.

Os Bolechas fan unha banda inclúe ademais un libro ilustrado por Pepe Cararreiro sobre os irmáns máis coñecidos polas crianzas do país.

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-01-2014 09:58
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Migallas

“Pan de millo” é un libro-disco publicado por Kalandraka e dirixido a público familiar en que Migallas Teatro reúne 14 cancións infantís e versións de temas tradicionais que interpreta nos seus espectáculos e actividades de expresión dramática.


Os arranxos e adaptacións están feitos por Magoia Bodega e Paulo Nogueira, músicos e educadores, membros do grupo Treixadura e moi vencellados a proxectos de divulgación da música galega tradicional. Canda eles, intérpretes do prestixio de Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó ou Segundo Grandío, entre outros artistas.

É o segundo proxecto musical de Migallas despois de “Canta connosco!”, considerado un “revulsivo” no eido da música galega infantil. Co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor, este traballo está pensado para seguir practicando o xogo e a diversión, recuperar a memoria dos avós e avoas, e contribuír á transmisión da lingua. No repertorio conviven ritmos autóctonos -como muiñeiras, pandeiradas e pasodobres- con melodías de inspiración latinoamericana. Os temas de creación tratan cuestión actuais como a colaboración fronte á competición, a promoción da paz, ou o exceso de actividades extraescolares. Tamén se inclúen propostas de expresión plástica e dramática.

A partir das cancións, Dani Padrón crea unhas ilustracións que destacan pola frescura, o colorido e a ledicia que transmiten os personaxes.

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 05-01-2014 09:42
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación en Pontevedra do novo disco de Pablo Díaz
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 29-11-2013 16:03
# Ligazón permanente a este artigo
Kepa Junkera presenta este mércores en Lugo o seu novo disco
Kepa Junkera presenta este mércores en Lugo o seu novo disco
«Galiza» inclúe pezas con instrumentos galegos, algún recuperado da montaña lucense, como a trompa de boca


Kepa Junkera presentará este mércores no Centro de Artesanía e Deseño de Lugo (CENTRADE), dependente da Deputación, o seu novo disco, titulado «Galiza». O músico emprega neste álbum instrumentos tradicionais galegos, algúns case esquecidos, como a trompa de boca. Precisamente o CENTRADE desenvolveu varias iniciativas para a recuperación deste instrumento que se conservou, case de xeito exclusivo, na zona da Montaña Lucense.

O acto comezará ás oito da tarde e a entrada é gratuíta e aberta ao público. Está previsto que Junkera explique as características deste disco tan galego e estará acompañado por Daniel e Emilio Os Pando, dous intérpretes de trompa que colaboraron na elaboración do cisco. Tras a breve presentación comezará a interpretación de varias pezas. Kepa Junkera escolleu para o seu disco instrumentos tradicionais galegos como a gaita, o acordeón galego, pandeiros e pandeiretas, que se mesturan á perfección co acordeón diatónico tradicional vasco. No disco «Galiza» participaron máis ded 200 artistas galegos, entre eles Cristina Pato, Luar na Lubre, Leilía ou Treixadura, entre outros.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 25-11-2013 16:19
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación do disco de Çe Orquestra Pantasma en Vigo
Cé orquestra, presentación do disco "Do Meu"
Sábado 12 de outubro na biblioteca de Freixo (Vigo)


-Ás 19:00h SESIÓN INFANTIL.
-Ás 20:30h Pancetada Popular.
-Ás 22:30h concerto presentación disco.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 12-10-2013 08:31
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Tanxedoras
TANXEDORAS, A sombra da oliveira

Cinco voces. Luz. Dez mans. Forza. Medio cento de dedos. Universo. Gorxas moduladas para cantar alegrías. Almas bucinando sons dun tempo que non sabía que había perdurar por elas grazas a elas con elas nelas. Tanxedoras. Que han ver medrar nos sucos deste disco posmoderno e dixital os aires dunha época sepia que se policroma á sombra da oliveira.


Cinco voces. Luz. Linguas que saborean sílabas que non percorrerán xardíns de verán nin camafeos de señoritas. Esta sombra da oliveira é, queridas e queridos, a voz rexa das mulleres que levan sostendo o mundo sobre a súa pel toda a vida, antes coma hoxe, mañá tamén, sen dúbidas.. Músicas que non serven para arrolar. Sonvos para mastigar a vida cun certo cerne férreo que nos lembre que se non hai taquicardias cando goberna anárquico o aturuxo, coma os pandeiros recordan, non hai vida. Hai maquillaxe. Pero non hai vida.

Cinco voces. Luz. Que empatan coas leis ocultas e indiscutibles da natureza máis verdadeira. Coa calma que vén despois do traballo ou antes do baile, é dicir, antes de que os corpos se acubillen –xota muiñeira valse rumba como desculpa- nos atafegos saudosos e desexados do amor. Érache boa. Para iso vivimos. Para iso cantamos.




Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 29-05-2013 11:37
# Ligazón permanente a este artigo
Uxía canta a Rosalía para os cativos
A Editorial Galaxia presenta Rosalía pequeniña, un libro disco que mestura poemas de Rosalía de Castro, ilustracións de Marina Seoane e mais a voz de Uxía.

O proxecto, editado na colección Sonárbore, está dirixido aos máis pequenos da casa e presenta unha Rosalía meniña que busca dialogar directamente cos ouvintes. No disco atópanse colaboracións como as de Sés, Isaac Palacín, Habelas Hainas ou Magín Blanco, e con Sergio Tannus a cargo da gravación e da dirección musical. O volume conta cun total de 28 páxinas e sae á venda por 20 euros.
















Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 29-05-2013 11:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer