Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Lume na Palleira
O sábado 9 de Febreiro, imos ter a oportunidade de escoitar un programa especial do recuncho, xa que terá lugar a entrega do premio "O Recuncho da palleta". Ao longo do ano foron moitos os candidatos a este premio, que pasaron polo espacio radiofónico que cada sábado achéganos un pouco mais a nosa música tradicional.

Dende a banda de gaitas Raigames de Enrique Covelo, pasando polos especiais da IV Mostra de Cuartetos de Marín ou o Proxecto Ronsel promovido polas tres Universidades de Galicia, ata o grupo "Troula" de Madrid, todos eles xa forman parte do recuncho da palleta.

O gañador engadirase á lista formada pola Editorial Ouvirmos e o Concello de Pontevedra (ano 2004), ao concello de Vilar de Santos polo seu apoio á publicación do catálogo de músicos da Limia (ano 2005) ou o programa "Alalá" pola súa axuda á difusión e coñecemento da cultura do noso país (ano 2006).

Non vos esquezades que o programa "Lume na Palleira" emítese os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".

www.gaiteirosgalegos.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 08-02-2008 10:26
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos do Encontro de Pandeireta nos Ancares

Xa tardaba....

Xa era con tempo si, mais eiquí subimos as fotos do primeiro día na excursión que fixemos parte de Malmequer para o Encontro de Pandeireta Galega e Asturiana que houbo a finais do 2007 nos Ancares, organizado polos nosos amigos Guillerme e Ambás.

Xa podedes comprobar que foi un fin de semana moi ben aproveitado e que realmente pasámolo moi ben.

Que boas lembranzas...

Fotos do 1º Día do Encontro
Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 08-02-2008 00:43
# Ligazón permanente a este artigo
O Combo Roxo en Vigo

Este venres 8 de febreiro

O Combo Roxo no Bar "Vai de vi" (Balaidos-Vigo) ás 22:00
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 08-02-2008 00:36
# Ligazón permanente a este artigo
Interesante Conferencia en Cuntis
Sábado 9 de febreiro ás sete e media da tarde na Casa da Cultura 'Roberto Blanco Torres' (O Baño, Cuntis).

Conferencia: 'O Colonialismo interior', a cargo de Xosé Manuel Beiras.

Peche musical con Roi Casal (Milladoiro)

Organiza: Asociación Cultural O Fervedoiro
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 08-02-2008 00:30
# Ligazón permanente a este artigo
Continúan os Encontros dos Axóuxeres

Coa idea de animar os pais e as nais a transmitiren a lingua aos fillos desde que nacen, ponse en marcha a iniciativa Encontros dos Axóuxeres para bebés en familia, que se desenvolve en distintas localidades de toda Galicia durante os meses de outono e inverno.

A diferenza coa Festa dos Axóuxeres, estes encontros musicais terán lugar en recintos pechados e nun ambiente recollido, nos que as artistas cantan sen micrófonos ao pé dos asistentes e aprenden cantigas.
De feito, o aforo é limitado para 20 bebés e os seus acompañantes.

Lembra: reserva a túa praza canto antes no teléfono 981 555 930.

venres, 8 de febreiro
Centro Cultural Ponte Caldelas
18:00
Uxía

sábado, 9 de febreiro
Edif. Liceo (2º andar) Betanzos
12:00
Uxía

domingo, 10 de febreiro
Casa da Cultura Ribadavia
17:00
Uxía




Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 08-02-2008 00:30
# Ligazón permanente a este artigo
Novidades de Ouvirnos
Cántigas da Terra, novo disco de A Tiracolo

O coro galego folclórico por excelencia, Cántigas da Terra, leva en activo desde 1917. Neste case século de historia, iniciada interpretando o himno galego, reuniron un variadísimo repertorio e o arquivo coral mellor conservado.

Editamos agora, como nº 14 da nosa colección de gravacións históricas restauradas A Tiracolo, os seus primeiros rexistros realizados en 1921 e 1928. Neles recollen a primeira gravación do clásico Negra sombra; o Himno a Galicia, que contribuíron a afianzar; e O quer que lle quer, entre outros fitos.

Dispoñíbel no teu punto de venda habitual a partir do 11 de febreiro.


Visita guiada e concerto en Mondoñedo

O próximo sábado día 9 de febreiro presentamos o Itinerario Histórico-Musical de Mondoñedo por todo o alto.

Pola mañá, visita guiada seguindo o roteiro proposto na nosa publicación. Sairemos ás 12h. da praza da Catedral acompañados polo noso guía turístico e técnico en patrimonio, quen nos mostrará todos os recantos musicais da vila.

Pola noite, fin de festa co concerto a cargo de Resonet. Ás 21:30h., no Auditorio, deleitarannos con pezas de música antiga e barroca, como as que se escoitaban na capela de música da Catedral mindoniense.

Celebramos un século de himno galego

Ouvirmos participa nos actos conmemorativos do século da estrea do himno galego na Habana.
Colaboramos na realización da exposición da Consellería de Presidencia A nosa voz. Cen anos do himno galego.
Encargámonos das restauracións sonoras das gravacións históricas do himno que se poden escoitar na mesma e descargar para dispositivos móbiles:

Gramofono e discos de lousa na exposición:

· o Himno a Galicia gravado en 1918 por Cantigas e Aturuxos e non reeditado até hoxe, restaurado especialmente para a exposición;
· o Himno a Galicia rexistrado por Cántigas da Terra en 1928; e
· o Himno galego gravado por Toxos e Froles en 1922, primeiro rexistro do himno na súa versión íntegra.

A exposición podedes visitala até o 28 de febreiro na igrexa de Bonaval, en Compostela.

Tamén achegamos, desinteresadamente, estas restauracións sonoras para a edición do libro e disco Os símbolos de Galicia, publicado polo Consello da Cultura e a Real Academia Galega.

www.folque.com

www.ouvirmos.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-02-2008 11:56
# Ligazón permanente a este artigo
Coro Cantigas e Aturuxos

O coro, desfilando pola praza de touros da Coruña en 1917 (Foto: Ouvirmos)

Un selo sarriao descobre que o coro 'Cantigas e Aturuxos' de Lugo foi o primeiro en gravar o himno galego

O coro Cantigas e Aturuxos de Lugo foi o primeiro en gravar o himno galego. A sesión tivo lugar o 19 de novembro de 1918, tres anos antes da data considerada ata o de agora como oficial, a que realizou o coro coruñés Cantigas da Terra en 1921 baixo o nome de Himno a Galicia.

O descubrimento é o froito dunha investigación da casa discográfica sarriana Ouvirmos, que mercou o rexistro laboral interno do selo barcelonés La Voz de su Amo, no que figuran os rexistros de cada data concreta. "Non hai dúbida posible, porque nese rexistro figuran o nome do tema e a data na que se rexistrou", afirma o director executivo de Ouvirmos, Xosé Aldea.

Figuran entre elas esa na que os 36 membros desta agrupación lucense cantaron Os pinos, o poema de Eduardo Pondal musicado polo mindoniense Pascual Veiga que se estreou en Cuba en 1907 e do que se celebrou o centenario.

Aldea indicou que esta achega é un primeiro resultado dunha procura en desenvolvemento e que tratará de determinar o lugar no que se realizou "porque pensamos que puido ser nun teatro de Lugo ou nunhas das actuacións en Madrid de Cantigas e Aturuxos".

Segundo Aldea, "as gravacións daquel tempo fanse cantando directamente cara á parte máis ancha dunha especie de embudo e se impresionaba coas ondas sonoras a cilindros de cera a alta temperatura para envocarlo despois en discos de pizarra de 78 revolucións". Engade que "probablemente fose a mesma formación que actuou uns meses máis tarde, en agosto de 1919 na Coruña. Cómpre salientar desa formación que máis da metade eran mulleres, algo moi novidoso nese tempo".

Xosé Aldea considera que a importancia de Cantigas e Aturuxos está aínda por descubrir. A maiores das súas actuacións en cidades galegas, como A Coruña ou Pontevedra, están as que ofreceron en Madrid, sobre as que convida a considerar "o que supoñía desprezar a 36 personas nunha viaxe nos anos 10 para cantar música popular galega".

A consideración elevada do grupo lucense explicaría que un selo catalán se interesase por eles para facer un disco nuns anos nos que aínda non era habitual "porque o estoupido dos rexistros sonoros produciuse a partires dos anos 20", tal e como apunta Aldea.

O responsable de Ouvirmos indica que o número de gramófonos na cidade e na provincia debía de ser escaso, polo que "o público para estes discos eran os emigrantes, un colectivo que sufría morriña e tiña poder adquisitivo. Querían pezas singulares e ligadas á terra, porque os temas estándar xa podían escoitarllos a un coro de Bos Aires".

No disco no que figura o himno galego aparecen tamén O bico, do compositor lucense Xoán Montes, e dous cantos populares: Foliada de Lemos e Alalá de Monforte.

A casa sarriana Ouvirmos prepara un disco-libro dedicado a Cantigas e Aturuxos, que será publicado na súa colección A Tiracolo, segundo adiantou o seu director executivo.

Engadiu que "poden saír á volta de dous ou tres anos porque aínda estamos dixitalizándoos". Xosé Aldea cifra en dez os discos que realizaron Cantigas e Aturuxos, con dous temas impresos en cada unha das pizarras. "Nas gravacións figuran cantos de seitura ou de berce, e hai que contar con sensibilidade para recoller e harmonizar esas pezas tradicionais". Aldea considera que a importancia deste labor é maior "dado que non existía en Lugo unhas Irmandadades da Fala que dinamizasen o interese pola cultura galega e eles asumiron en boa parte ese papel".

O musicólogo de Sarria non fuxe da polémica que atinxe ao rexistro sonoro de Os pinos e que sinala á que executou o coro Toxos e Frores de Ferrol no ano 1922. A base da discusión está en que os ferroláns cantaron a letra completa do poema, mentres que os coruñeses —coma os lugueses— se limitaron á primeira. Percibe como falta de argumentación esta teoría "porque o que cantaron Cantigas e Aturuxos no ano 1918 era o que se consideraba daquela como o himno de Galicia. A idea de incluír unha segunda estrofa é do ano 1975".

Cantigas e Aturuxos foi unha das consecuencias das teorías do folclorista Perfecto Feijoo, quen promoveu unha dignificación do folklore levándoo aos escenarios con toda a sua enxebreza, tanto de vestiario como de sons. A súa concepción do folclore concretouse no coro galego, que suma o baile e a vestimenta tradicionais aos cantos.

Outras das novidades foi a chegada de mulleres a estes colectivos, reservados a figuras masculinas. Cantigas e Aturuxos conta en 1919 con féminas que suman máis da metade.

A segunda bandeira galega que existiu en España
O coro Cantigas e Auturuxos recibiu a segunda bandeira galega existiu en España, como asegura Xosé Aldea, posuidor da enseña. A entrega foille feita polo Centro Galego de Madrid o 24 de novembro de 1917, data que figura no reverso da enseña. A entrega foi un agasallo dos socios da entidade para agradecer a visita do coro. A bandeira ten por un lado a galega e polo outro, a española.

A bandeira branca coa banda azul ondeou por vez primeira no ano 1904 na fachada do edificio no que daquela estaba emprazado o Centro Galego da Habana. O símbolo presidiu a estrea do himno galego en 1907 no Teatro Nacional da capital cubana.

O coro Toxos e Frores recibiu a enseña de Galicia por vez primeira en 1917 e dende aquela preside as súas actuacións. A entrega correspondeu ás Irmandades da Fala e foi realizada polo seu representante no acto, Antonio Rey Soto. De feito, a importancia do coro ferrolán na fundación das Irmandades foi considerable.

O vencello entre Cantigas e Aturuxos e os símbolos galegos tamén se mantivo nos anos seguintes a ese acto no Centro Galego de Madrid. Cadrou, por exemplo. coa primeira Asamblea Nazonalista de Lugo nos días 17 e 18 de novembro de 1918, e que se considera como acto orixinario do nacionalismo galego como movemento estruturado.

www.galiciae.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-02-2008 11:56
# Ligazón permanente a este artigo
O Dolmen de Dombate por fin ten 'casa'
Tras varios anos de paralización, a Consellería de Cultura e a Deputación da Coruña chegaron hoxe a acordo para resolver o proxecto de conservación do Dolmen de Dombate.

Finalmente, a altura da construción que protexerá o dolmen será menor que no último proxecto presentado e o seu deseño farase máis sinxelo e transparente para proporcionarlle un maior protagonismo ao conxunto dos dolmens e os seus elementos asociados ca ó seu contedor, explican dende Cultura.

Na xuntanza tratáronse aspectos sobre a conservación, protección, posta en valor e xestión do dolmen de Dombate, aínda que a Consellería aclara que "xa houbo varias en 2006 e 2007, logo de varios anos de paralización".

A solución para poñer fin á paralización do dolmen acordada por ambas institucións consiste en rebaixar a altura do edificio-cuberta entre dous e tres metros e eliminar os servizos hixiénicos, que irán fóra do edificio e non dentro del, tal e como propoñía o último proxecto presentado. Mantense ademais a idea dunha pasarela ascendente para ter varios puntos de vista dos dous enterramentos megalíticos.

Deste xeito, vólvese ás ideas do proxecto orixinal, que no seu día gañou o concurso convocado pola Deputación, que pretendía que non tivese unha incidencia excesiva ou agresiva para o propio monumento e a súa comprensión e percepción no contorno paisaxístico, afirman dende a Consellería.

Medidas urxentes

En canto á conservación, acordouse axilizar unha serie de medidas urxentes para a protección do conxunto do dolmen con carácter provisional mentres non se constrúe o edificio que o cubra e que sirva, ao tempo, de instalación museográfica complementaria.

A Consellería de Cultura e a Deputación da Coruña manterán unha liña de colaboración tanto para as actuacións urxentes e para as investigacións que continuarán no xacemento, como para a formalización do edificio-cuberta.

Ademais, coordinaranse na integración e relación de Dombate co resto do megalitismo da Costa da Morte. Todas as accións previstas desenvolveranse ao longo deste ano 2008, aínda que o remate da construción, en función do proxecto executivo que se decida, poida rematarse en 2009.

www.galiciae.com
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 07-02-2008 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
Rasa Loba en Vigo

Presentación en Vigo do novo grupo rock de Tonhito de Poi

Rasa Loba en Concerto

Martes 5 de febreiro
No Pub Ensanche de Vigo ás 22:30 (de balde)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 05-02-2008 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
A música galega vai cara Cuba

Galiza, País convidado.

A Feira Internacional do Libro da Habana (FILH), do 13 ao 24 de febreiro

As letras de Galiza estarán acompañadas no escaparate latinoamericano da Feira da
Habana por outros sectores fundamentais da cultura galega.


A música estará representada por, entre outras propostas, a Real Filharmonía de Galiza, Carlos Núñez, Mercedes Peón, Uxía, Marful, Narf ou Dios Ke Te Crew.

Os artistas galegos acoden á FILH con proxectos creados expresamente para a Feira e coa intención de que estes sexan o comezo dunha longa historia de traballos conxuntos.

Aproveitarán a súa presenza na illa para homenaxear a comunidade galega de Cuba e para presentar algúns deses proxectos conxuntos con artistas locais:

- o proxecto Rosalía XXI, no que participan Abe Rábade, Anxo Angueira e Guadi Galego, coa participación especial de Pablo Milanés

- o proxecto Descarga ao Vivo, dirixido por Ramón Pinheiro, e que integra a músicos profesionais galegos (Xabier Díaz, Marcos Teira, Pedro Pascual, Kim Farinha, Oscar Fernández i Edelmiro Fernández,...) e a músicos do Instituto Superior de Artes de La Habana nun espectáculo creado a partir da investigación sobre o patrimonio musical galego en Cuba.

- o proxecto Tres continentes para unha illa. Encontro de contadores galegos, cubanos e africanos deseñado por Quico Cadaval

As artes escénicas chegarán da man das compañías Pisando Ovos (danza contemporanea), Galitoon (teatro infantil e de monicreques), Mago Anyo (maxia) e dos espectáculos de narración oral de Pavís Pavós e o espectáculo de narradores galegos, cubanos e africanos dirixido por Quico Cadaval. Ademais, a danza tradicional galega terá o seu oco no extenso programa artístico da man dos grupos de baile das Sociedades Galegas da Habana.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 05-02-2008 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiro Titulado Superior en Gaita Galega
Tras moitos anos de esforzos por parte de moita xente, conseguíuse pechar o ciclo de estudos musicais do noso intrumento máis representativo. Os gaiteiros do noso país teñen xa a posibilidade de estender os seus estudos ata o grao de Titulado Superior. O primeiro en conseguilo foi Xosé Luis Miguélez e o seu concerto de fin de carreira, gravado ao vivo, publícase agora nun disco que leva por título ‘Esperanza’ e que edita Dos Acordes

Falamos con Xosé Luis Miguélez da súa andaina musical, desde as primeiras clases sendo moi neno ata lograr esa titulación superior, e da grande importancia do obxectivo por fin acadado.

As primeiras clases de gaita ¿cando e de quen as recibiches?
Os meus pais leváronme a clases de gaita cando tiña seis anos nunha das primeiras escolas que houbo en Galicia, a “Escola de Gaitas da Deputación de Ourense”. Lembro que o primeiro día non parei de chorar porque non quería ir pero despois de escoitar as gaitas o que non quería era voltar para casa. O meu primeiro mestre foi Manolo Brañas e aínda continúo a ter unha moi boa relación con él, débolle moito. Cando tiña 11 anos levóume ao Festival Intercéltico de Lorient en Francia, era o músico máis xoven de todo o festival e a xente parábame pola rúa para sacarse fotos comigo.

E o teu primeiro instrumento ¿cando o tiveches?
Pois cando levaba uns meses indo a clases o meu pai mercoume unha, debeu ser no ano 1980 ou 1981, non me lembro moi ben. Era unha gaita de pau santo afinada en Do e feita por Manolo Brañas, que tamén é construtor. Non a conservo enteira pero si algunha peza solta.

Cóntanos como foi todo o proceso para chegar, desde ese inicial interese pola gaita a converterte no primeiro Titulado Superior no instrumento.
No ano 1990 gañei un importante concurso para gaiteiros solistas e foi aí cando comecei a pensar en adicarme profesionalmente á música no futuro; así que me interesei polos estudos oficiais que, por aquel entón, so se impartían en Vigo. O mestre daquela era Carlos Núñez e falei con el para facer os exames dos catro cursos que existían no plan de estudos do 66. Facilitoume moito as cousas e fixen os exames por libre acadando o “Diploma en Gaita Galega”, que foi o primeiro título recoñecido do instrumento. Despois diso tiven que continuar os meus estudos musicais coa frauta traveseira xa que a gaita non tiña máis graos recoñecidos. A finais dos 90, coa incorporación da Loxse, por fin se instaurou o grao profesional; remateino en 2001 no “Conservatorio Mayeusis de Vigo” co mestre Ernesto Campos, un grande compositor para o instrumento e moi bo amigo, que me acolleu cos brazos abertos e que me ensinou moitísima música. Un ano despois comezou o grao superior en música tradicional galega no “Conservatorio Superior de Música de Vigo”, presenteime ás probas de acceso e conseguín unha praza; catro anos máis tarde, en novembro de 2006, fixen o concerto de fin de carreira e, por fin, se completaron todos os ciclos de ensino de música tradicional en Galicia.

O teu camiño persoal ata conseguir ser titulado superior ¿foi moi duro?
Foi bastante longo e duro non soamente para min, senón tamén para todos os que estudabamos música tradicional, xa que era moi frustrante non poder continuar a nosa carreira como facían os das outras especialidades.

Á hora de escoller o repertorio para o teu concerto de fin de carreira ¿cales eran os teus obxectivos?
Foi unha gran responsabilidade e unha das partes máis dificultosas, xa que pretendín tocar todos os paus e amosar as posibilidades musicais do instrumento. Para conseguilo púxenme en contacto con diversos compositores, dos que me gusta o seu traballo, e pedinlles directamente que fixeran obras para o concerto. O resultado foi máis que satisfactorio, ou iso penso eu.

Preséntanos entón ese repertorio que escolliches e aos músicos que te acompañaron na interpretación desas pezas que se publican agora en disco..
Unha das partes máis importantes do concerto foi unha obra para gaita e piano, en tres movementos, que se titula Luces do Atlántico e que é unha composición de Ernesto Campos; é unha obra fermosísima e tiven a honra de estreala cun dos mellores pianistas de Galicia, o Coruñes Pablo Diago. Tamén quería amosar un repertorio máis contemporáneo para gaita e para iso falei con Paulo González e David Bellas.
Paulo é un dos mellores músicos que coñezo, toca a gaita, a zanfona e a frauta de bisel como ninguén, e ademáis diso escribe cun estilo propio e unha linguaxe que me encanta, da súa autoría son Apaixoada, unha peza para dúas gaitas, á que eu fixen un arranxo para tres e que toquei co grupo “Anacos de Buxo”, e Arreguiço, un trio para vibráfono, zanfona e gaita que interpretei con el e Lucía Martínez no vibráfono, os tres estudamos música na “Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo” de Oporto e temos unha moi boa relación.
David Bellas fixo unha peza que titulou Dúo De Gaitas Para O Primeiro Concerto De Fin De Carreira e que tocou comigo, David é un gran gaiteiro ao igual que os outros que participaron no concerto, Pedro Álvarez, Xurxo Fernández e Rafa Crespo, que son xa unha realidade na gaita galega pese a súa xuventude.
O resto do repertorio é de corte máis tradicional. Blanca O Negra de Ricardo Courtier, director da Banda de música de Ourense a comezos do seculo XX, e a Ribeirana De Ventosela que era do repertorio de Xan Míguez, gaiteiro de Ventosela. A esta última compúxenlle unha introdución a xeito de alalá que titulei Image.

A importancia de contar coa posibilidade de acadar esa titulación ¿Que importancia ten para a música do noso país e, máis concretamente, para o que é o noso instrumento máis representativo?
É moi importante porque pon a música tradicional galega ao mesmo nivel educativo que o resto das músicas, creo que a dignifica e a valora enormemente. Tamén abre a posibilidade de que moitos músicos que se dedican profesionalmente á música tradicional poidan acadar unha titulación que os avale no seu traballo.

Obter esta titulación ¿que saídas profesionais ofrece?
Pois ao ser unha titulación superior, ao mesmo nivel que unha licenciatura, dache a posibilidade de impartir aulas en centros de ensino medio e superior: Escolas de Música, Conservatorios, Institutos, etc. Ademáis diso fórmate tamén a nivel de investigación dentro da “etnomusicoloxía” ou/e a interprétación.

¿Cantos gaiteiros están a seguir os teus pasos na actualidade?
Pois hoxe en día hai unha ducia de gaiteiros cursando estudos na especialidade. Ademáis, xa temos a primeira muller titulada, Lorena Feixeiro de Vigo, unha gran gaiteira.

No que se refire ao futuro da gaita galega ¿es optimista?
Moito, creo que está a atravesar un dos mellores momentos na súa historia, moita xente a traballar en serio e moitas menos disputas e polémicas inútiles. O nivel dos novos gaiteiros é excelente.

Máis información en : www.xlmiguelez.com

www.elcorreogallego.es
Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 05-02-2008 11:26
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá de hoxe
Hoxe, martes, día 05/02/2008

Despois dunha operación complicada en que perdeu un anaco de pulmón, a Xosé véuselle o mundo enriba pensando que non volvería tocar a gaita. Unha semana despois só un milagre puido explicar como o corazón de Xosé, "O ghaiteiro de Piñeiro", seguía bombeando notas e repenicados por cada recuncho do Morrazo. Esta noite Alalá, da man da súa presentadora Pilar G. Rego, vai poñer o público en contacto con unha historia de superación persoal, todo un manual sobre a filosofía do ser gaiteiro por riba da vida e da morte, escrito cos contos e a graza de Xosé, "O ghaiteiro de Piñeiro".

Xosé Fernández viviu toda a vida no seu querido barrio do Piñeiro, en Aldán, onde é o gaiteiro oficial e imprescindible en cada celebración e iso non se consegue en dous días. Leva toda a vida tocando nos entroidos da súa vila con centos de gaiteiros, de aí que fora acumulando na memoria máis de 200 pezas. Con tanta sabedoría ten repertorio para tocar nos entroidos, nas festas parroquiais, nas foliadas, nas procesións… ata nas inauguracións das rúas o recordan tocando os veciños! Gaiteiro para todo e infatigable, desde o domingo de entroido ata o mércores de cinza o equipo do Alalá puido comprobar que durmiu 7 horas! E é que a Xosé, "O ghaiteiro do Piñeiro", antes ca os dentes xa lle naceran as ganas de ser ghaiteiro.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 05-02-2008 11:15
# Ligazón permanente a este artigo
Seráns de Febreiro e Marzo
Sábado 2 febreiro:
-Serán en Regodobargo (Ponte Caldelas)
-Serán en Moscoso (Pazos de Borbén)

Mércores 6 febreiro
-Foliada-Serán na Fábrica de Chocolate (Vigo)

Xoves 7 febreiro
-Foliada-Serán na Sala The Star de Carral (A Coruña)

Sábado 9 febreiro:
Serán en Gargamala (Mondariz)

Mércores 13 febreiro
-Foliada-Serán na Sala Nasa (Santiago de Compostela): Albaroque, Cantigas e Agarimos, Lúa de Fouce, Os Crótalos

Sábado 16 febreiro:
-Serán en Toutón (Mondariz)

Sábado 23 febreiro:
-Serán en Moreira (Soutomaior)

Sábado 1 marzo:
-Serán en Santiago de Oliveira (Ponteareas)

Venres 7 marzo:
-Serán na Hermida (Pazos de Borbén)

Sábado 15 marzo:
-Serán en Borreiros (Gondomar)
-Serán en San Vicente de Oitavén (Fornelos de Montes)

Sábado 22 marzo:
-Serán en Fozara (Ponteareas)


Para localizar os Seráns: Mapa dos Seráns

Calendario de Seráns>
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-02-2008 11:02
# Ligazón permanente a este artigo
Guía do Entroido 2008
Casco Vello de Vigo
1 febreiro: Concurso de coplas
3 febreiro: Domingo de entroido (Saída dos merdeiros)
5 febreiro: Martes de entroido (Saída dos merdeiros)

O Hío:
3 febreiro: Domingo de entroido (chegada dos gaiteiros)
4 febreiro: Luns de entroido
5 febreiro: Martes de entroido (día grande)

Santa Cristina de Cobres (Vilaboa)
5 febreiro: Martes de entroido
Baile das madamas e galáns, e a Corrida do Galo na explanada de Riomaior.

Laza:
31 xaneiro: Xoves de comadres
1 febreiro: Venres de folión
2 febreiro: Sábado das Cabritadas
3 febreiro: Domingo de estrea (Peliqueiros)
4 febreiro: Luns borralleiro (Morena,formigas,...)
5 febreiro: Martes de entroido

Verín:
31 xaneiro: Xoves de comadres
2 febreiro: Sábado de entroido
3 febreiro: Domingo de entroido (máscaras e cigarróns)
4 febreiro: Luns fareleiro
5 febreiro: Martes de entroido (máscaras e cigarróns)
10 febreiro: Domingo de piñata

Xinzo de Limia
3 febreiro: Domingo de entroido (Pantallas)
5 febreiro: Martes de entroido (Pantallas)
6 febreiro: Mércores de cinza, enterro da sardiña
10 febreiro: Domingo de piñata

Salcedo (Pobra de Brollón)
3 febreiro: Domingo de entroido (Madamas e danzantes)
4 febreiro: Luns de entroido (Saída do oso)
5 febreiro: Martes de entroido (Madamas e danzantes)

Podedes ver os cartaces dos máis coñecidos entroidos galegos en: Entroido galego 2008
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 01-02-2008 01:23
# Ligazón permanente a este artigo
Concerto de Sonoro Maxín
O Sonoro Maxín acompañará a La Troba Kung-Fú nun mítico concerto de Entroido o 2 de Febreiro no C. C. Auriense (Ourense) a partires das 22hs.

A entrada é de 5€ anticipada e 7€ en taquilla e o espectáculo promete cumbia a esgalla, rumba catalana e galega e moita, moita festa.
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 01-02-2008 01:15
# Ligazón permanente a este artigo
Aniversario do blog Malmequer

Xa pasou un ano....

O que comezou como un blog de información para un grupo de amigos converteuse nun blog de referencia para outros moitos novos amigos espallados polo mundo adiante, e que atoparon un lugar onde poder estar ao día nos gustos comúns: a musica folc e tradional, a música en galego, os bailes tradicionais, as foliadas, os seráns, os festivais do verán, os novos discos,...

Gustos comúns que compartimos cada vez máis xente a través deste blog, así ao grupo inicial de compañeiros e amigos de Malmequer podemos engadirlle o preto de 400 IP distintas que cada día consultan este blog, repartidas por todo o mundo, e preto de 2000 páxinas vistas diariamente.

O blog máis activo da Blogoteca con preto de 1000 artigos, que tentamos manter ao día coa información recibida no correo de Malmequer, polo que tamén agradecemos a colaboración de moita xente que envia esa información e eses carteis para que sexa colgada neste blog.

Agradecer coma sempre o traballo de Edu, o noso encargado da sección Artística e Audiovisual que sempre está presto para calquera petición, como a da Logo ou o famoso Belén de Malmequer.

E grazas a todos por estar ao outro lado, xa que o traballo de actualización lévase máis a gusto sabendo que hai máis xente compartindo esa laboura e ese cariño pola nosa cultura e tradicións.

Un saúdo a tod@s
MALMEQUER
Comentarios (18) - Categoría: Novas - Publicado o 31-01-2008 10:09
# Ligazón permanente a este artigo
Vigo volve encherse de 'Merdeiros'
O domingo 3 de febreiro e o martes 5 'A Revolta' e os veciños do casco vello recuperan esta vella tradición.

A figura do merdeiro foi creada polos mariñeiros do Berbés para ridiculizar aos labregos da zona rural de Vigo que se achegaban até o mar para recoller o escabiche (os refugallos de peixes e algas) para estrumar as súas terras. Os mariñeiros facían moca dos labregos e no Entroido disfrazaban, con roupas e outros elementos (grelos ou cebolas) propios da xente que traballaba a terra. Así, sós ou en parella, e cubertos cunha carauta, saían nos días de festa polas rúas do que hoxe é a zona vella de Vigo, sendo mal falados e asustando a xente.

O fondo deste comportamento chocalleiro era un enfrontamento entre o mar e o campo, entre a cidade e a súa contorna rural. O Centro Social A Revolta iniciou a recuperación desta tradición do entroido vigués hai catro anos co apoio da Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello. Este ano, os merdeiros e merdeiras volverán saír polas rúas do Berbés e o casco vello o domingo e o martes de Entroido.


Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 31-01-2008 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
O Dolmen de Dombate
A Administración foi incapaz en 19 anos de rehabilitar Dombate
A Deputación da Coruña xa se dá por vencida e planéase enterrar o dolmen máis coñecido de Galicia


Case 19 anos despois de que a Deputación expuxésese a posta en valor do dolmen de Dombate, coñecido como a catedral dos megalitos galegos, a mesma Administración, dando mostras de fraqueza polos anos transcorridos, exponse devolver o xacemento á situación que tiña antes das escavacións de 1987 a 1989.

O monumento situado no municipio de Cabana ten máis de 50 séculos de antigüidade, foi construído antes que as pirámides, e desde fai case 20 anos sobrevive baixo unha lona, unha solución provisional para protexer as súas delicadas pinturas rupestres. Neste tempo sucedéronse os proxectos, pero salvo o traslado da estrada, a ampliación do recinto e a construción de estacionamentos, poucas cousas cambiaron. Nin a Deputación, que é a propietaria, nin a Xunta, que ten competencias en materia de patrimonio, foron capaces de sacar adiante o proxecto.

Agora, as cousas están case como ao principio. O dolmen segue escavado, coas pinturas ao aire, sufrindo as consecuencias da súa exposición á intemperie e sen esperanza dunha pronta solución.
O desenvolvemento do proxecto que gañou o concurso de ideas convocado pola Deputación a mediados do 2004 non gustou a Patrimonio, que reclama modificacións tan importantes que para poder cumprilas sería preciso un novo deseño. De todo iso a Deputación ten noticias desde novembro do 2006. Ata hoxe o único que se fixo foi intentar convencer á Consellería de Cultura de que a solución achegada pola empresa catalá Playmedia é a mellor das posibles. O propio Salvador Fernández Moreda reuniuse coa conselleira Ánxela Bugallo, pero nin aínda así houbo solución.

Ruela sen saída
Non é a primeira vez nestes case 20 anos que o proxecto entra nunha ruela sen saída, pero a experiencia di que os intentos para desbloquear o asunto foron máis prexudiciais que beneficiosos.

O primeiro plan director de Dombate é obra do xefe do servizo de arquitectura da Deputación, Fernando Cebrián; o arqueólogo, José María Bello , e o conservador Fernando Carrera . Os dous últimos participaron nas escavacións.
A idea, presentada en 1995, era cubrir o xacemento cun paraugas transparente e pechar a cámara para protexer as pinturas. O organismo provincial tardou cinco anos en ser capaz de enviar á Xunta unha formulación que foi moi contestado. Con todo, debido a que cumpría os requisitos técnicos esixidos, Patrimonio deu a súa aprobación uns meses despois, non sen antes recordar á Deputación e ao Concello de Cabana que tiñan pendente o plan urbanístico.

O novo trámite volveu levar anos. Encargouse no verán do 2000 a González Cebrián do Moral e en setembro do 2002 Patrimonio xa o consideraba urxente, pero a lentitude foi tal que quedou crebado pola Lei do Solo e non se puido aprobar ata o 28 de novembro do 2003.

Sorprendentemente, cando as cousas parecían que empezaban a encarrilarse, Fernández Moreda -que xa deixara sobre a súa mesa o proxecto de Dombate cando abandonou a Deputación en 1995- decidiu convocar un concurso de ideas, o que descompuxo todo o avanzado ata o momento.
Edificio de mil metros

A idea de Playmedia gustou máis que a anterior, pero cando houbo que plasmala comezaron os inconvenientes. A lixeira vitrina dos debuxos presentados polos deseñadores converteuse nun edificio de case mil metros cadrados, de dez metros de altura e cunha cuberta de tres de grosor. A monumentalidad foi demasiado para os técnicos de Patrimonio, que reclamaron que a construción se mimetizara máis coa paisaxe do Chan de Borneiro. E ata hoxe.

A incapacidade da Deputación para calquera trámite reflíctese no feito de que os 2 proxectos aprobados pola Xunta, dos 13 que forman o conxunto, e que se refiren á estrada e os estacionamentos, só puideron empezar un ano logo de ser adxudicados. Hai varios traballos pendentes que non salguen adiante e non se pagaron algúns traballos realizados.

www.lavozdegalicia.es
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 31-01-2008 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
Concurso para o cartaz de Ortigueira 2008
Convocado un concurso internacional para elixir o cartel oficial do Festival Ortigueira'08

O Festival Ortigueira convoca un concurso creativo para seleccionar o cartel oficial que servirá de imaxe da edición 2008 da cita folk, que se desenvolverá os días 10, 11, 12 e 13 de xullo. A obra elixida utilizarase nas campañas de publicidade exterior do certame e adaptarase tamén para os diversos elementos do merchandising.

A organización recorre, por segunda ocasión, a primeira foi en 2006, á fórmula do concurso para seleccionar o xa tradicional afiche do certame celta. O autor gañador tomará a testemuña do ilustrador ferrolán Siro López, que realizou o da pasada edición.

A iniciativa, aberta a calquera persoa que teña unha idea con gancho publicitario, supón unha sorte de batería de ideas, que permitará escoller o deseño que mellor represente o espírito do festival, sendo a temática e as técnicas libres, se ben ha de ser presentado en soporte dixital. Os participantes poderán presentar o número de deseños que estimen oportunos (un lema identificará a cada un e permitirá manter en segredo a autoría durante o proceso de selección).

Un xurado - do que formarán parte polo menos dous artistas ou deseñadores de recoñecido prestixio- determinará cal será o afiche gañador. Ao seu autor corresponderalle un premio de 6.000 euros. Sumarán puntos os traballos mellor concibidos, os de maior calidade plástica, os máis efectivos dende o punto de vista promocional e os que reúnan mellores condicións de reprodución.

O prazo para a entrega dos carteis inéditos (montados a sangue en cartel pluma ou en soporte ríxido de 50 x 70 cm, formato vertical) será do 24 de marzo ao 4 de abril.

Haberá que presentalos na Casa Consistorial de Ortigueira ou envialos por correo ordinario ao Concello de Ortigueira (praza de Isabel II s/n, 15.330 Ortigueira) coa referencia "Concurso Cartel Festival Celta 2008".

www.festivaldeortigueira.com
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 31-01-2008 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
Ultranoite en Defensa da Ría de Ferrol
A rede de acción sociocultural Arredemo e o colectivo Burla Negra organizan unha Ultranoite en Defensa da Ría de Ferrol.

Este sábado 2 de febreiro, ás 20:30 horas, o centro sociocultural Torrente Ballester (Ferrol)acollerá o espectáculo colectivo Ultranoite en defensa da Ría,producido pola rede de acción sociocultural Arredemo e Burla negra, a modo de homenaxe aos veciños de Mehá e á xente do Comité Cidadán de Emerxencia, e como denuncia da actitude servil a intereses económicos particulares manifestada polos gobernos da anterior e da actual lexislatura, e que se traducen na imposición da planta regasificadora contra os intereses da cidadanía e do ben común.

O espectáculo que está programado para o sábado 2 ás 20:30 horas, contará coa participación, entre outros de: Chévere (Mónica García, Miguel de Lira, Xesús Ron...), Carlos Santiago, Espido (Guadi Galego e Guillermo Fernández), o Mago Romarís, Os da Ría, Clara Gayo, A Caricia da Serpe (Lino Braxe, Rómulo Sanjurjo), Volta e dalle (Pepe Penabade, Comba Campoy...), o colectivo de circo Pista Catro, Rebeca Montero, e os músicos Bernardo Martínez, Xoan Piñón, Xaquín Blanco, Suso Alonso e Xabier Olite, coa actuación estelar das "cantareiras e cantareiros de Mehá".
www.arredemo.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 31-01-2008 09:49
# Ligazón permanente a este artigo
Mesa Redonda sobre O Cancionero de Casto Sampedro
Mesa redonda "O Cancionero de Casto Sampedro y Folgar"

con Carlos Villanueva (catedrático de Música), José Carlos Valle (director do Museo de Pontevedra), Luis Costa (director do Conservatorio de Pontevedra), Xavier Groba (musicólogo) e Marta Rey (directora da Fundación Pedro Barrié de la Maza) como moderadora.

Mércores 30 de xaneiro

Na sede da Fundación Pedro Barrié de la Maza en Vigo (Policarpo Sanz, 31).
Ás 20.00 horas.
Entrada de balde até completar aforo
Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 30-01-2008 13:21
# Ligazón permanente a este artigo
Novas do Conservatorio Folc de Lalín
O Padroado Cultural de Lalín rexeitou a proposta do Folque e busca profesores para o novo curso

O Padroado Cultural de Lalín decidiu onte por unanimidade rexeitar a proposta da Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque ao considerala inasumible. Os membros do Padroado aludiron ao excesivo custo da proposta e o feito de que aceptándoa o padroado pon o diñeiro pero non tería o control do conservatorio. Un rexeitou que poría fin a unha relación de sete anos.

A proposta tiña un orzamento de 54.000 euros. A asociación, que preside Ugía Pedreira, encargaríase de xestionar os salarios e os gastos. Unha cantidade na que non estaría incluída a escola infantil nin o pago dos gastos de publicidade, papelería e de mantemento das instalacións.

O que se pretende desde o Padroado é contratar a profesores co fin de crear un conservatorio de música tradicional propio. A idea é empezar a buscar xa profesores que se encarguen destes ensinos e poidan empezar a dar clases xa o curso próximo.?dado que non queda moito tempo as xestións van iniciarse xa. A idea é contar con profesores que impartan as mesmas ensinos que se daban ata agora no conservatorio Folque, entre as que figuran o canto, o acordeón ou a zanfona, entre outras.

Os membros da agrupación cultural lalinense apuntaron onte que o obxectivo é que as prazas se cubran con xente de Lalín. De non atopar a todos os profesores no municipio buscaríase fóra.
O rexeitamento da proposta será comunicado de forma inmediata a Ugía Pedreira, que tería a posibilidade de presentar outra proposta.
O Bloque defendera a permanencia do Conservatorio Folque en Lalín pero desde a formación considerábase que a proposta da Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque era inasumible.
Desde o mes de setembro a asociación apuntara a posibilidade de irse de Lalín para situar o Conservatorio noutro municipio galego. A elección de Ames foi cobrando máis forza neses meses.

Os membros do Padroado consideran que o Conservatorio Folque debe depender directamente do Padroado, por iso é polo que se adoptase a determinación de ir buscando profesores para o curso que vén.

www.lavozdegalicia.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-01-2008 12:31
# Ligazón permanente a este artigo
Número 3 de Retranca xa na rúa
Un número adicado á Ministra dos buracos de Barcelona Dora, a tuneladora... que nos fixo unha visita aos galegos esta semana pasada para deixarnos moi claro que a Lei de Memoria Histórica non serve para nada... xa que seguimos sen verlle nin unha pluma ao AVE!!... UN NÚMERO VELOZ PARA LER AMODIÑO, E SEN INFLACIÓN NO SEU PREZO!!!

CORREDE AO VOSO QUIOSCO MÁIS CERCANO A POR RETRANCA!!!

www.revistaretranca.blogspot.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-01-2008 11:58
# Ligazón permanente a este artigo
Blog da Conferencia Sul da LNB
A acabada de nacer Conferencia Sur medra aos poucos. Porque outro deporte é posíbel, a billarda esténdese por Galiza a altas velocidades.

Na quinta feira confirmabamos a histórica noticia do nacemento da Conferencia Sur da LNB, mais agora podemos dicir que xa está a funcionar o seu blog para coordinar os movementos de todos os palanadores e palanadoras famentos de billarda do Sur da Galiza. Podedes entrar: http://lnb-sur.blogspot.com/.

Ademais, de paso, vai o logo do primeiro equipo de LNB de Vigo, os históricos Palanganas, formados hai catro anos en Vigo, que se desprazaban até a Mariña para disputar o, naquela altura, circuíto de torneos LNB, xermolo da actual Superliga Galega de Billarda.

A día de hoxe, segundo contan dende O Varal, "os Palanganas permanecen aletargados por mor dos compromisos laborais dos seus compoñentes pero ogallá se poidan incorporar á acabada de nacer alumada Conferencia Sur da LNB para apoiar, como sempre fixeron, a revolución billardeira que invade Galiza enteira".

Porque outro deporte é posíbel... Adiante Conferencia Sur da LNB!!!

www.vieiros.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-01-2008 11:58
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista con Veria
Para Botar Un Pé... a bailar

O Concello de Cospeito é o lugar de orixe dunha formación musical cun obxectivo claramente definido: conseguir que bailemos ata non poder máis. Para conseguilo reuníronse diferentes músicos, con variadas traxectorias artísticas pero cun denominador común: a paixón pola música do noso país.
Eses músicos que forman o grupo son: Andrea Méndez (bombo e voz), Mónica Fernández (pandeireta e voz), Mª Carmen Gayoso (gaita e saxo alto), Suso Penas (gaitas), Modesto Renda (clarinete e gaita), Vili Roca (tamboril e guitarra acústica) e Xesús Álvarez (acordeón).

Este último preséntanos a Veria e a súa estrea discográfica:

O grupo Veria ¿cando e de que xeito naceu?
Polo ano 2002 formabamos parte dun grupo de gaitas do Concello de Cospeito e, ademais do repertorio típico da gaita, demos en probar outras pezas aproveitando que tocabamos tamén outros instrumentos como o saxo, o clarinete, o acordeón ou a guitarra. Mesmo nos atrevemos a cantar algunha. Pero aquilo non era xa un grupo de gaitas e comezamos a camiñar pola nosa conta co nome de Veria.

Explícanos ese nome que escollestes para o grupo.
Hai moitos anos, no lugar onde está hoxe a lagoa de Cospeito, había unha vila que se chamaba Veria, ou tamén Valverde. Os seus habitantes seica eran os valuros, que eran ricos e facían festas, pero adoraban a un deus equivocado. Conta a lenda que un día pasou por alí a Virxe María e asulagou a vila despois de que non lle quixeran dar pousada nela. Hoxe na lagoa habitan lavancos, garzas e outras aves acuáticas. É un espazo protexido e moi visitado polos amantes da natureza. Algún día fomos nós pola noite a ver se escoitabamos a música das festas valuras, pero só ouvimos o croar das ras.

Tes que explicarnos tamén o título do voso disco.
Cóllase un anaco de banda un domingo pola mañá, unhas pingas de charanga, o fol dunha gaita vella, unhas lendas cantareiras, uns coiros de cabuxo ben tesos, adóbese ó xeito tradicional, bótese todo a ferver no escenario e velaí a receita: “Música para botar un pé”. O título Para botar un pé é porque unha parte dos temas foron recollidos a músicos que os tocaban en romarías e verbenas para que a xente bailara. Case todas as pezas chaman ao baile.

O voso disco ¿onde e en canto tempo foi gravado?
Para Botar Un Pé foi gravado por Arturo Vaquero, nos estudos Abrigueiro de Friol. Quedamos moi satisfeitos tanto do son como do trato que nos deu Arturo. Tamén do seu licor café. A gravación levounos case dúas semanas en distintas etapas, entre gravación, mesturas e masterización.

Esa experiencia da gravación dun disco, ¿que tal foi?
Boa. Gravar é como darlle vida a un ser; ao primeiro, cando hai poucos intrumentos gravados aquilo non soa nada, pero segundo se van engadindo instrumentos vai soando cada vez mellor, e cando se mestura, a gravación colle vida. É como criar un cativo.

¿Tiñades algunha experiencia previa neste tipo de asuntos?
Como grupo xa tiñamos gravada unha maqueta. Suso, o noso acordeonista, foi membro de Brath e participou na gravación dos 4 primeiros discos deste grupo. Modesto Renda e Maricarmen Gayoso participaron en gravacións coas bandas de música de Vilalba e Guitiriz. Suso Pena, o gaiteiro, ten sido dúas veces finalista no Constantino Bellón. Das cantareiras, Andrea participou no Son de estrelas da TVG e Mónica está metida en cantas actividades musicais hai.

Neste primeiro disco de Veria aparecen tamén algunhas colaboracións. Coméntanos cales.
Primeiro a xente á que lle recollemos pezas: Antonio Corbelle, de ‘Alegría de Muimenta’, Antonio Camba, Josefa da Fraga, Antonio da Ermitas. Logo está Manuel Álvarez, que fixo os aturuxos, Tania Cabarcos que cantou nun tema, Manuel Liñares, que nos empalletou as gaitas, e algúns máis que nos cederon fotos ou información sobre a lenda da lagoa.

No disco encontramos un despregue de contidos que, por desgraza, non é moi habitual neste tipo de traballos. “Para botar un pé” conta cun menú interactivo e, incluso, cun video-clip ¿non?
Nestes tempos nos que é tan doado copiar e baixar música de internet, parécenos que pode ser un incentivo o feito de que o disco leve outros contidos ademais da música. Neste CD incluímos fotos, a historia do grupo, enlace coa páxina web e tamén un vídeo-clip no que uns monicreques van representando a historia que conta A gaita do Crisóstomo”. Para este vídeo-clip contamos coa colaboración de Pedro e María Agrelo, os monicreques de Pili Rubinos e os debuxos de Roque e Lucía Álvarez.

Nos cinco anos de vida que xa ten o grupo Veria, no tema das actuacións ¿que tal vos foron as cousas?
Actuamos no festival de Pardiñas, no ‘Vai de Camiño’ do Xacobeo, no Magosto Celta de Balboa, Festas da Primavera en Lugo, Festa Valura de Castro de Rei, TV locais etc.

Coa publicación deste disco, ¿esperades que aumenten as ofertas?
Si, deberían aumentar porque o disco serve para dar a coñecer o grupo e a súa música, sobre todo a través dos medios de comunicación.

Dicídeme un sitio no que vos gustaría, especialmente, tocar e presentar este disco.

Na praza da Quintana, en Santiago.

A vida cultural e musical no Concello de Cospeito, ¿como anda de saúde?
Ten dous centros para ir curarse, é dicir, dúas Casas da Cultura, unha na Feira do Monte e outra en Muimenta. Pero aínda así anda case todo o ano con gripe.

O que non vexo no disco é ningunha referencia a algun tipo de axuda institucional. ¿Non vola quixeron brindar ou non a quixestes pedir?
Fixemos algún intento pero non foi adiante, polo que sacamos o disco á rúa sen ningún tipo de axuda.

Unha vez conseguida a publicación do primeiro disco, os vosos seguintes obxectivos ¿cales son?
Despois do primeiro, o obxectivo é que veña o segundo e niso andamos, vendo e preparando pezas novas. Queremos seguir na liña tradicional-popular-bailable do primeiro, pero dándolles máis relevancia aos temas con letra, aos temas cantados.

Máis información na web do grupo: www.veriafolk.com

www.elcorreogallego.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-01-2008 11:58
# Ligazón permanente a este artigo
Os Folieiros no Muiño de Delio
Atención Malmequeriáns e amigos, aviso de última hora:

Alex avísanos que hoxe martes tocará cos Folieiros no Muiño de Delio en Redondela, así quen queira picar algo antes da actuación ou simplemente escoitar boa música tradicional, pode achegarse a este famoso muíño das aforas de Redondela.

Comentarios (3) - Categoría: Novas - Publicado o 29-01-2008 09:06
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá de hoxe martes
Hoxe, martes, día 29/01/2008

Esta noite o Alalá visita Donas en Gondomar para resolver o misterio dos Terribles de Donas.
Un grupo creado en 1937 por e para a festa que mantén intacta a súa memoria entre a xente do lugar. De feito nos anos 40 xa tiña club de fans, feito a base de tocar por todas as festas do sur de Galicia e do norte de Portugal nos veráns. Organizaba bailes en que cobraba nos despachos de billetes e ata tiña unha copla que indicaba a súa chegada á festa...

Ao longo do século XX, os Terribles de Donas tocaron por todas as festas do sur de Galicia e norte de Portugal. Comezaron como cuarteto tradicional, pero foron evolucionando incorporando saxos, clarinetes e o que fixera falla, porque os Terribles eran músicos de oído que tocaban para divertir e divertirse. Muiñeiras, xotas, pero tamén rumbas, pasodobres ou habaneras... Nos anos 70 desapareceron substituídos polas grandes orquestras, pero esta noite rescatámolos para o público de Alalá.

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 29-01-2008 01:26
# Ligazón permanente a este artigo
XX Aniversario da Asociación de Gaiteiros Galegos

A ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS CONMEMORARÁ, AO LONGO DESTE ANO, O SEU 20 ANIVERSARIO

Será un ano repleto de actividades dirixidas á normalización e dignificación da música tradicional galega.
A Asociación de Gaiteiros Galegos foi constituída legalmente no 1988 por gaiteiros tan insignes como o finado Ricardo Portela


PONTEVEDRA, a 27 de xaneiro de 2008.
A xunta directiva da Asociación de Gaiteiros Galegos celebrou hoxe en Pontevedra unha xuntanza para pechar o programa de actividades que conmemorarán, ao longo deste ano 2008, os 20 anos de vida desta asociación. Os actos de celebración destes 20 anos de existencia da AGG (Asociación de Gaiteiros Galegos) terán como obxectivo fundamental achegar á sociedade a música tradicional galega e poñer en valor a figura do músicos, bailaríns, artesáns e demais persoas que durante decenas de anos mantiveron viva esta expresión da nosa cultura que é, sen dúbida, unha das máis ricas de Europa.

Ao longo deste ano 2008 a AGG levará a cabo algunhas actividades especialmente deseñadas para conmemorar o seu 20 aniversario. Estas actividades completarán a actividade anual que a AGG ven programando de xeito periódico para a difusión, formación e promoción no eido da música tradicional galega, é de destacar a organización de mostras de artesáns como as de Pontevedra ou Pardiñas (Guitiriz), a edición de libros-cd como O Quiquiriquí ou o Pelogato 24, a realización anual dun Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega, edición dun boletín trimestral Aturuxo, a participación no espazo O Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira da Radio Galega, a xestión de unha aula de Zanfona na cidade de Lugo, a organización do Encontro de Tocadores de Trompa na Fonsagrada e do Seminario sobre a Palleta en Melide.

A AGG conta neste momento con máis de 600 asociados e asociadas distribuídas por todas as comarcas galegas e na Galiza exterior. A través dos seus asociados, ten presenza na maior parte das asociacións e colectivos culturais que desenvolven actividades en torno á música tradicional no país. A AGG é a entidade asociativa máis representativa e con maior peso específico no tocante á música tradicional en Galiza. Segundo o presidente da AGG, Santiago Caneiro Aneiros, “é para nos unha responsabilidade facer que todas as persoas que teñan algo que dicir sobre a nosa música tradicional, en todas as súas vertentes, participen activamente na consolidación deste proxecto asociativo”. Con estas declaracións Santiago Caneiro fixo referencia ao empeño que a AGG ten en abrir as súas portas a todos aqueles músicos, artesáns, bailaríns, e demais persoas vencelladas á música tradicional galega.

UNHA ASOCIACIÓN CREADA PARA DEFENDER A DIGNIDADE DA MÚSICA TRADICIONAL


A comezos da década dos 70 tiveron lugar en Ortigueira as primeiras xuntanzas de gaiteiros e artesáns coa común preocupación de unificar criterios deste gremio de profesionais. Pero foi o 28 de maio de 1988 cando Antonio X. Castro, Xosé Vicente Ferreirós (membro de Milladoiro), Xosé Fernández Costas, Xosé Álvarez Marías, Ricardo Santos, Xosé Domingos Fuciños, Xoan Dominguez Silvar, Xoán Xosé Fernández forman a primeira Xunta Xestora na que actuaría como presidente provisorio o finado e emblemático gaiteiro de Viascón Ricardo Portela.

As primeiras actuacións desta primeira xunta xestora foron dirixidas a estructurar o que hoxe é a AGG. Creáronse vocalías nas vilas e cidades galegas e comezouse unha campaña de implantación que acadou uns cento cincuenta socios entre gaiteiros, percusionistas, artesáns, musicólogos, investigadores e xente en xeral vinculada ao mundo da cultura galega. Así votaba a andar a única asociación de músicos tradicionais con implantación en todo o país galego.

www.gaiteirosgalegos.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 29-01-2008 01:22
# Ligazón permanente a este artigo
Pelo Gato Vinte e Catro
OS XOGOS E AS CANTIGAS DA INFANCIA, EN DISCO
'Pelo Gato Vinte e Catro'
O proxecto foi realizado pola Asociación de Gaiteiros de Galicia e está dirixido especialmente aos alumnos de ensino primario.

Pelo Gato 24 inclúe un cd con 14 temas musicais, un libro de 64 páxinas, e un DVD cun documental sobre os xogos e cantigas tradicionais, un como se fixo do álbum, así coma videoclips das cantigas. Na gravación, que se realizou no estudio de Casa de Tolos, en Gondomar, participaron entre outros Mercedes Arribe, Xabier Díaz, Xurxo Souto, a Señora Carme, Leilía, Fuxan os Ventos e Sonia Lebedynski.

O proxecto, impulsado pola Asociación de Gaiteiros de Galicia, PAI Música e Mr. Misto, ten como destinatarios os rapaces de primaria, cun claro interese docente.

www.vieiros.com

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 29-01-2008 01:20
# Ligazón permanente a este artigo
Novas da Escola de Artes e Oficios de Vigo
Os alumnos da Escola de Artes e Oficios temen a desaparición do conservatorio de música tradicional

Os alumnos da Escola de Artes e Oficios temen quedar sen o conservatorio de música tradicional, tal como van as cousas. A supresión afectaría a unhas trescentas persoas.
Ante o cariz que están tomando os feitos e tendo en conta que a estas alturas aínda non se iniciaron as clases, os alumnos dirixiranse esta mesma semana ao Valedor do Cidadán para pedirlle a súa mediación.

En total, ao redor de medio milleiro de persoas permanecen á espera de iniciar o curso por falta de profesores. Entre as materias que resultan afectadas figuran palillos, encadernación, pintura, gaita, zanfona, gaita, música moderna, violín folk e canto popular.

A responsable municipal de Educación, Laura López, explicou esta mesma semana que o proceso para a contratación dalgúns profesores tivo que seguir os pasos legais, por iso é polo que se necesitase cumprir os prazos, e que xa se atopa moi avanzado. Con todo, non se pronunciou sobre os do conservatorio de música tradicional, o que fai pensar que aínda podería levar tempo.

www.lavozdegalicia.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 29-01-2008 01:19
# Ligazón permanente a este artigo
LNB conferencia Sul

A billarda esténdese polo mundo e é unha cousa de non parar.

Vieiros falou con Moisés Álvarez, promotor da billarda (ou pincha) no sur do país, que conta ter armado un equipo potente para competir en Meaño, na Guagua, o 27 de marzo.

O ano pasado botaba a andar a Conferencia NorOeste da auténtica, e daquela había na Liga Nacional de Billarda dúas conferencias (esta e máis a NorLeste, a primeira delas), con cadansúa competición propia, que se habían ver as caras entre si na finalísima do 18 de maio; o play-off a desenvolver en Compostela.

Mais agora temos conferencia nova. A xente do sur tamén quere darlle á billarda pola súa zona, ou como di Moisés Álvarez, facer unha pincha.

A cousa comezou ao tempo que arrincaba a Liga Nacional de Billarda. Contoullo a Vieiros Moisés Álvarez, un mozo do Piñeiro, unha aldea da parroquia de Sanguiñeda, en Mos.

Vieiros: É certo iso que din de que andades a facer unha conferencia propia os do sur?
Moisés Álvarez: Aínda estamos tentando arrincala, pero hai vontade en distintos puntos do sur, coma Mos, Meaño, Vigo e O Porriño. Daquela, hai 3 ou 4 anos, cando naceu a LNB, puxémonos en contacto cos seus promotores para felicitalos pola iniciativa, e quedamos en ir vendo as posibilidades de traela para o sur.

Danse as circunstancias de que xa se estendeu á Coruña (fala da Conferencia NorOeste, creada o ano pasado e que xa compite esta tempada) e nós andamos traballando nisto. Andamos xuntando xente e pensamos estrearnos tal vez no campionato de Meaño, do 27 de abril; ou nos play-off finais en Compostela. Estamos arranxando todo con vistas a que na tempada que vén, 2008-2009, haxa xa unha Conferencia Sur.

Daquela, xa xogabades á billarda por estas terras?
Nós chamámoslle pincha e xogabamos por tempadas. De pequeno, na miña aldea, xogábase un tempo, non sei por que, á pincha; e logo outro ao trompo, cando tocaba. Eu xoguei toda a vida, e, anos despois falei con xente que seguía xogando en ocasións puntuais, e comezamos a xuntarnos para xogar.

Somos un grupo de xente de vinte a trinta e pico anos e estamos moi emocionados de volver xogar; é estupendo! De feito, eu creo que son da última xeración da miña aldea que xogaba á pincha.

Pero as vosas regras deben de ser ben diferentes das do NorOeste e NorLeste, non é?
Son moi diferentes! Pero imos ir vendo se nos podemos adaptar a eles! Supoño que terminaremos por apostar por ter un estándar. Habemos simplificar! Así podemos dar co nivel no que xogan eles para poder competir nos play-off e noutros torneos.

O primeiro partido serio sería en Meaño, como contas... e, estades listos para chegar e arrasar?
O que estamos é preparándonos e poñéndonos ao día. Eu até fixen o outro día unha pincha para practicar...

No que andamos agora é en organizar todo, vendo que outra xente e outros grupos poderían xuntarse para facer a liga. A semana que vén imos poñer a andar o noso medio de comunicación, o blog da Conferencia Sur, coa esperanza de que se vaia xuntando xente para facer os equipos.

www.vieiros.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 29-01-2008 01:16
# Ligazón permanente a este artigo
Domingo corredoiro
As pantallas e os cigarróns saíron por primeira vez neste entroido polas rúas de Xinzo e Verín

A provincia de Ourense xa vístese de entroido. Se en Xinzo a festa máis ancestral, máis longa e tradicional iniciábase fai algunhas semanas (domingos fareleiro e oleiro), onte uniuse á celebración Verín e algúns barrios da capital ourensá.

No domingo corredoiro, que se celebrou este fin de semana, as pantallas e os cigarróns, personaxes indispensables da festa, saíron por primeira vez á rúa e en ambos os casos fixérono ao mediodía, para asombrar seguramente máis aos visitantes que aos veciños, que se preparan como manda a festa para recibilos.

O bo tempo durante toda a xornada axudou e foron moitas as persoas que se achegaron a ambas as localidades para correr polas rúas diante dos personaxes centrais do entroido, as pantallas e cigarróns, que coas vejigas de vacas secadas facendo ruído, uns, e coa fusta en man perseguindo a todo aquel que non vaia disfrazado, os outros, protagonizaron a xornada de onte, que non é máis que a antesala dunha gran festa que en Xinzo continuará o próximo fin de semana e que na localidade de Verín será toda unha explosión a noite do xoves, coa celebración cada vez máis multitudinaria do Xoves de Comadres .

www.lavozdegalicia.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 28-01-2008 09:39
# Ligazón permanente a este artigo
Nace a Federación Galega do Folclore
Unha ducia de grupos folclóricos de Galicia reuniuronse este sábado no Edificio Simeón de Ourense para botar andar a Federación Galega do Folclore, "un foro libre e aberto para todo o mundo".

Un foro de debate, "libre, aberto e con cabida para todo o mundo". Con ese obxectivo naceu onte, segundo o seu presidente, José Antonio Viñas (director de Queixumes dos Pinos), a Federación Galega do Folclore. Representantes de 12 grupos de folclore de toda Galicia referendaron onte o proxecto, coa firma dos estatutos e unha reunión de máis de tres horas no Edificio Simeón.

A Federación "pretende ser un punto de unión das distintas formas de ver o folclore", asegura Viñas; un lugar onde os grupos poderán intercambiar experiencias para traballar de forma conxunta polo folclore. A intención é que nun futuro a sede definitiva estea situada en Ourense e que a Federación programe tres asembleas ao ano (en xaneiro, xuño e outubro). Xunto a Viñas, a xunta directiva (elixida onte) está integrada por Laura López, como secretaria, Juan José Novoa (tesoureiro) e dous vogais.

www.laregion.es
Comentarios (10) - Categoría: Novas - Publicado o 28-01-2008 09:38
# Ligazón permanente a este artigo
Danzas Brancas
Redondela impulsa unha asociación para protexer as ´danzas brancas´ de Galicia

O Concello de Redondela reuniu o pasado venres na vila dos viadutos a representantes de doce concellos galegos para impulsar a creación dunha asociación de municipios para a protección e promoción de "danzas brancas", como a popular Danza dás Espadas e Penlas típica das Festas do Corpus.

Esta iniciativa, impulsada polo departamento de Cultura redondelano, pretende concienciar aos responsables da Xunta da necesidade de modificar a actual Lei de Patrimonio Cultural de Galicia para que inclúa este tipo de manifestación artística, posto que actualmente non contempla especificamente a protección e fomento das tradicións populares, como as "danzas brancas", deixando que permanezan fóra da observación e o amparo que merece este patrimonio cultural.

A pesar de que existen varios estudos sobre este tipo de "danzas brancas", ou tamén coñecidas como "gremiais", as súas orixes non están documentados, aínda que algún historiador atribúeno ao Barroco, froito do auxe da relixiosidade popular. Normalmente nestas danzas, homes e mulleres con traxes típicos da zona bailan diante da imaxe ao longo da procesión, deténdose nas prazas e diante das ermidas e das igrexas parroquiais.

Moitas destas danzas deixáronse de bailar debido á perda de poboación nas localidades do interior de Galicia. Pero tamén se deu o caso de que a súa desaparición foi motivada pola influencia da igrexa, como o caso do bispo de Ourense, Anxo Temiño Saiz, que prohibiu e deu orde de queimar os traxes de Fontefría. Segundo relata o historiador Enrique Bande, a prohibición foi motivada por unha denuncia do párroco do lugar quen informou dicindo que na danza mesturábanse o aspecto relixioso e profano, e non rexurdiría neste lugar ata o ano 1979, coa chegada da democracia.

A asociación de municipios para a protección e promoción de "danzas brancas", que en principio incluiría a 18 municipios de Galicia, tamén pretende organizar unha exposición itinerante sobre esta tradición cultural, ademais de convocar un curso monográfico dedicado ao estudo deste patrimonio e as alternativas para á súa difusión e proxección.

Así mesmo, o colectivo intentará fomentar o intercambio das danzas existentes entre os pobos que as teñan e instará á Consellería de Cultura para que cree o Consello Asesor de Cultura Popular e Tradicional.

Para rematar, o colectivo publicará un corpus documental que recolla todos os bailes de Galicia, tomando como exemplo os volumes das "Danzas gremiais e procesionais dá provincia de Ourense", realizado pola Escola Provincial de Danzas da Deputación de Ourense

www.farodevigo.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 28-01-2008 09:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chega a fin de semana
Sexta feira 25 (Venres)
• Som do Galpóm no Con do Moucho na Illa de Arousa
• Nao no Badulake de Ordes
• Humor neghro no Auditorio Pazo da Cultura de Pontevedra
• Foliada no Salasón de Cangas
• Mercedes Peón nos Encontros dos Axouxeres no Auditorio Municipal de Ribeira ás 18:00
• 1ª quedada para tocar música tradiconal galega na Casa do Coto (Tomeza-Pontevedra)
• Estalotada na Gentalha do pichel (Compostela)

Sábado 26
• Roteiro de Congostra
• Xose Manuel Budiño no FNAC da Coruña á 19:30
• Som do Galpóm no Café Antano de Serra de Outes
• Tres peixes voando en Vilalba (Auditorio)
• Loretta Martin no salón Parroquial de Ponteareas
• Humor neghro no Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo (Pontevedra)
• Capitan Furillo en Ponteareas
• Concurso de Gaitas “Moxenas” en Valadares (Vigo)
• V Mostra de Bandas de Gaitas do Concello das Pontes
• GS21 no Auditorio de Cangas
• Serán en Acevedo (Pontesampaio)
• Seran en Arbo

Domingo 27
• Mercedes Peón nos Encontros dos Axouxeres no Multiusos de Monforte ás 12:00
• Domingo polbeiro en Gondomar
• Moxenas Musical Galego en Goián ás 18:00


Podedes ver máis na sección de Axenda Completa
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 25-01-2008 13:03
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer