O xoves 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, celebrarase un concerto por todo o alto na Sala Capitol de Santiago de Compostela, con motivo da festividade da lingua. O cartel estará formado por tres bandas galegas: Ruxe-Ruxe, Os da Ría e Banda Crebinsky, as tres con estilos inconfundibles e que ademais que se caracterizan pola calidade das súas propostas e o compromiso con Galicia.
A noite será unha auténtica festa, apta para todos os públicos, no que a boa música, o espírito transgresor e a diversión están garantidos, de xeito que o público asistente viva unha noite de baile e algarabía con bandas galegas, e en galego, a modo de preámbulo da festividade do Día das Letras Galegas, que este ano rende homenaxe o autor compostelán ao que se fai un aceno co sobrenome do evento a través do título dunha das súas derradeiras obras “A noite que os chífanos deixaron de zoar”.
IV "O berce de Donaire" o 4 de Maio no Fórum Metropolitano
No ano 2010 celebramos o noso décimo aniversario e organizamos actividades para festexalo. A primeira foi a creación do festival infantil "O Berce de Donaire", unha idea que nace pola inquedanza da A.C. Donaire de que os cativos tamén teñan o seu espazo para amosar todo o que aprenden nas asociacións, xa que polo xeral os grupos de nenos quedan relegados a un segundo plano e merecen ter tamén o seu protagonismo.
Logo de tres edicións consolidando o espazo, cas entradas esgotadas antes do propio evento en todas as edicións, presentamos a cuarta edición, o sábado 4 de Maio ás 17:30 horas no Auditorio do Fórum Metropolitano, onde actuarán:
- A.C. Donaire. Os Castros, A Coruña.
- A.C.F. Tarambainas. Lavadores, Vigo.
- A.C. Rosalía de Castro. Cacheiras, Teo.
As entradas están á venda nas seguintes canles:
- http://www.servinova.com/
- Billeteira da Praza de Ourense (de 9:30 a 13:00 e de 16:30 a 19:30 horas).
- Na billeteira do Fórum o propio día do festival, se quedasen.
A Asociación Cultural Donaire recomenda, visto o éxito das anteriores edicións, mercar a entrada o antes posible para evitar quedar sen ela.
O vindeiro 22 de decembro presentamos oficialmente o proxecto Discos da máquina cun concerto na sala Capitol (Compostela) cos grupos do noso catálogo actual: DasKapital, a Magnifique Bande dos Homes sen Medo e Ataque Escampe.
Estes últimos presentarán a primeira referencia (estritamente) do catálogo: o EP Noites de agosto con Ataque Escampe, que poderá adquirirse en formato físico (dous días antes da súa presentación online) a un prezo especial Apocalipse.
Poden comprar as entradas n’A Reixa Tenda desde xa por 5 euros.
O Castañazo Rock celebra o seu décimo aniversario e faino cun cartel que cheira a bravú. Destaca sobre todo o regreso outravolta dos Diplomáticos de Monte-Alto. No seu concerto do 20 aniversario xuraron solemnemente non volver xuntarse ata que pasaran outros dez anos. "Pero as promesas solemnes están para incumprilas", din, e non habia mellor ocasión que o aniversario do festival chantadino, sobre todo porque o Castañazo forma parte ineludible da traxectoria da formación coruñesa.
Pero haberá moito máis. Ademais da banda liderada por Xurxo Souto, no mercado gandeiro de Chantada actuarán Rastreros, Os Papaqueixos, Cuchufellos e Liviao de Marrao. Será este sábado 3 de novembro a partir das nove da noite. E con prezos populares: 12 euros por anticipado -até este venres- ou 18 euros en taquilla.
Nesta nova xuntanza estarán Xurxo Souto (voz), Rómulo Sanjurjo (acordeón), Guni (guitarra), Mangüi (baixo) e Viascón (batería). Grazas ao acordo acadado coa empresa Dubidá o concerto será gravado para a súa distribución en plataformas dixitais. Deste xeito as persoas que non poidan estar en Chantada este sábado poderán ver o concerto integramente a través de internet.
Haberá actividades durante todo o dia. Dende xogos infantis, billarda, cantos de taberna, até xogos bravús: lanzamento de boina, arrebolamento de ourizos, corrida de leiteiras ou movemento de marcos.
O Leverelem é o primeiro festival do mundo adicado ás artes da fala, á oralidade como medio artístico e de expresión, sen fronteiras estilísticas, sobre a tradición oral, a poesía, a comunicación, o teatro, a canción, o conto, a retórica, a expresión vocal, a regueifa, o cabaret, con música, radio, humor, verso, verbo, improvisación, mensaxe subliminal e lingua.
Son dúas noites de espectáculos senlleiros na cidade de Pontevedra para reflexionar ludicamente sobre a lingua e a arte vocal dun xeito aberto para toda a cidadanía de todas as idades, condicións e estados de ánimo.
En positivo e en galego.
Máis de 25 artistas galegos con propostas creadas especialmente para este festival que pretende condensar algunhas das tendencias actuais sobre as artes orais e con vocación de manterse no calendario de actividades da capital do Lérez, referente cultural dentro e fóra da Galicia.
Programa
Venres 5 outubro: Radio ao vivo
Radio ao vivo Teatro Principal Horario: 21 h
Duración: 1 h
Espectáculo de Radio ao vivo aberto ao público e convidados en palco nunha sucesión de intervencións curtas e dinámicas para gravar en podcast e emitir ao mundo polr Internet. Entrevistas, pequenas actuacións, ambientación musical, a estéticas da publicidade nas ondas,...
Presenta e conduce Xurxo Souto - Sés
- Trioliro Regueifeiros
- DJ
- Paulina Ceremuzynska
- Novos Diplomáticos
- ConVersos
- Aula Folque Infantil
Noite 6 sábado: Noite de Variedades
Noite de variedades. Teatro Principal
Horario: 21 h
Duración: 1 h
Un espectáculo de variedades en torno á oralidade, en clave de humor, animada por comendiantes, cantantes e músico. Na noite iranse exhibindo xéneros vinculados á oralidade. Unha viaxe polos diferentes xeitos de usar a lingua para comunicarse co público, divertilo, informalo... dende a tradición até a contemporaneidade.
Presenta e conduce Quico Cadaval - Chévere
- Cabraret
- Paula Carballeira
- Triateros
- Marián Bañobre
- Pel de Noz
*e actuacións sorpresa de animación e promoción do festival nas rúas da zona vella previas aos espectáculos no teatro a partir das 19 h