|
|
|
|
UNHA PREGUNTA PARA UN DEBATE SOBRE A LECTURA |
|
Neste meu blog que xa leva un par de aniños centrado, en esencia, no asunto do libro e a lectura e a súa promoción, de cando en vez, como saben os fieis, gusto de propór debates para sentir a vosa opinión.
A pregunta é sinxela ( non así a súa solución ) e ten que ver con iso que tanto nos preocupa sobre as recomendacións escolares, os libros de lectura obrigatoria... No fondo, é a pregunta sobre que deben ler.
Centraremos o debate nos adolescentes, nos rapaces e rapazas entre, poñamos, once anos e dezasete, xusto esa franxa de idade na que, segundo os datos, comezan a ler menos.
Hai quen mantén que é preciso que na escola os estudantes se acheguen ás obras clásicas da nosa literatura. Pola contra, hai quen mantén que o único camiño que pode seguir a escola se o que quere é promocionar o hábito lector, é pedir que lean a autores contemporáneos que traten os problemas de hoxe en día. Despois, hai quen mantén que deben ler literatura adulta, como moitos de nós fixemos cando eramos adolescentes. Pola contra, hai quen se pecha diante da única posibilidade para eles válida: deben ler só literatura xuvenil, adaptada á súa idade e ao seu nivel de comprensión.
Daquela, agardo as vosas respostas á pregunta:
¿Que é o que teñen que ler?, ¿clásicos ou contemporáneos?, ¿libros adultos ou literatura xuvenil? |
|
|
|
CRÓNICA DUNHA HOMENAXE |
|
Aínda hai poucas horas que rematou na Praia da Borna, en Meira, en Moaña, a cea na que máis de cen persoas tivemos a honra de compartir con Bernardino Graña, o poeta do mar e dos homes, o seu 75 aniversario. Foi unha noite fecunda, de palabras agarimosas, de poesía chea de poder, de tenrura e de admiración diante do verbo e a presenza dun home inmenso que é, para nós, regalía e fortuna. Postos en pé, aplaudimos ata as bágoas. As nosas. Contidas. O seu sorriso, inmenso na brancura da súa barba. A boina.
Canta fermosura.
Bernardino Graña escoitou a todos e a todos apertou. Para todos tivo unha man, un sorriso, unha verba amable. E a fin da noite, aberto o champán, libado o viño na súa honra, invocadas as musas do Morrazo que nos observaban, curiosas e tamén emocionadas desde a ría, alí subidas a unha gamela, Bernardino tomou a palabra.
Non quero micrófono.
O que quería era silenzo.
E démoslle un silenzo que era un berro festivo de gloria para o poeta.
Falou Bernardino.
Contou co seu verbo pausado do neno que ía ao instituto en Vigo, do profesor que foi, de que cumpre 75 porque ando, porque non vou en coche, porque ando!!!.
E a súa conclusión: tiven moita sorte na vida, e agora aquí hai máis de cen amigos. Comigo. E iso é o máis bonito do mundo.
Parabéns, Bernardino. ¡Que grande fortuna a nosa! |
|
|
|
LEN PORQUE QUEREN ( NA CASA ) |
|
Os datos do Barómetro de Hábitos de Lectura que hoxe acabamos de coñecer, din algo que semella obvio. Os nenos entre 10 e 13 anos son os que máis len.
O interesante é que declaran que o fan por vontade propia. Pero aínda hai algo máis interesante: len porque o ven na casa. O 71.9 por cento deses nenos din que seus pais len na casa.
Ou o que é o mesmo: moito máis efectivo que gastar os euriños en campañas mediaticamente espectaculares, ou moito mellor que abroncar aos mestres culpabilizándoos do abandono da lectura sería fomentar as bibliotecas familiares.
Porque as cousas boas da vida apréndense, sempre, na casa. |
|
|
|
BERNARDINO E A ANSIA VORAZ DE LECTURA |
|
Este xoves estaremos na homenaxe que se lle vai a ofrecer ao grandísimo Bernardino Graña co gallo do seu 75 aniversario. Xa Manuel Bragado publicou hai uns días un fermoso artigo explicando todo o que significa na nosa cultura un poeta da grandeza de Bernardino.
Pola miña banda, quero rescatar aquí parte da entrevista que César Lorenzo Gil publicaba no número desta semana en A Nosa Terra. O xornalista recórdalle que unha vez escoitáralle dicir que unha das súas penas era non poder ler todos os libros que se escribiron. A resposta de Bernardino é a expresión do que moitos sentimos: Eu non podería ser escritor sen esa ansia voraz de lectura. Desde sempre me gustou ler. Cando era pequeno papei todos os libros que meu pai tiña na casa e sempre que estou diante dun andel éntrame algo de ansia de non poder ler todo o que hai aí.
O mesmo que nos pasa a todos.
Consolarémonos, polo de hoxe, lendo todo Bernardino Graña. |
|
|
|
A LAREIRA LITERARIA |
|
 Hai algo máis dun mes, escribín aquí un artigo dramático, que incluso provocou uns
cantos debates.
O mesmo día en que o publiquei, desde Fervenzas Literarias puxéronse en contacto comigo para dicirme que si, que había que facer algo. Se sabemos o que andan a escribir os de fóra, o que andan cociñando nas súas casiñas, igual estaba ben que se soubese en que andan metidos os escritores galegos.
Froito dese entusiasmo impresionante e impagable, naceu A Lareira Literaria, onde se irá informando arredor do que andan a cociñar os escritores e escritoras de Galicia.
Ben por esta fervenza de apoio ao noso!!! Faise país así. |
|
|
|
ASÍ VAI A VIDA |
|
 De vivir Astrid Lindgren, tería 100 anos. Non se fala doutra cousa, por ese cartesianismo absurdo no que vivimos e que ama os números redondos, nas páxinas de cultura dos periódicos. E se a coñecemos, á Lindgren, os que andamos polos corenta, é por Pippi. E sobre todo pola tele. Porque primeiro non foi o verbo. Primeiro foi a televisión. Pippi ou a nena irreverente, a rapaza ceiba que facía o que lle petaba, que pasaba das normas ( adultas ) porque xa se sabe que os adultos non saben divertirse (os adultos saben facer guerras, a vida imposible aos veciños; por saber, os adultos ata saben facer regulación de emprego ). Pippi ou un texto marabilloso que, entre outras cousas, aprendía aos nenos a darlle a volta á orde social. Sen coñas: un texto revolucionario.
Digo que son malos tempos para a vida en xeral porque a día de hoxe igual non había quen editase a Pippi ( ou a Bukowski ). Xa se sabe, hoxe os textos para rapaces teñen que ser didácticos, e atender aos contidos transversais, e ideoloxicamente teñen que ser neutros ( como se algo así puidera ser posible ). Os libros que len ( obrigados, ás veces torturados ) os nosos adolescentes, non lles mostran nenas coma Pippi, libertarias, anarcoecoloxicoludicas, por inventarme un termo, senón personaxes que semellan extraídos, dalgunha maneira, de Paulo Coelho, xa saben, ese gurú da felicidade.
Por iso digo que son malos tempos para a vida en xeral. O pobre Tintín anda tamén de centenario. Pero unha comisión inglesa pretende prohibir o libro que narra as súas aventuras no Congo, por unha suposta xenofobia que, aínda que existise, sería moito mellor explicar desde a lóxica contextual na que a obra foi xerada. Pero non, seica é moito mellor prohibir. Cando a quen habería que prohibir ( é un falar, disimulen ) sería ao Coelho e a súa ideoloxía barateira.
Corren malos tempos para a vida en xeral. Por iso non me estraña ler que case o corenta por cento de todo o mercado de ficción é rosa ( ollo: 902 millóns de euros anuais, 2285 títulos, 64,6 millóns de lectores; o amor dá para moito. Estou pensando seriamente escribir un libro rosa ); por iso non me estraña que a revista Time faga un listado das cen persoas máis influentes do mundo e que non figure ningún escritor ( nin sequera, ai Deus, Paulo Coelho ).
Alivioume lendo que Laura Bush e a súa filla Jenna están a escribir un libro para nenos ( coma Lindgren ). Lereino con ansiedade. En canto remate outro que escribiu unha Spice Girl, as obras completas de Madonna e os contos para durmir de Paloma Lago.
Así vai a vida. |
|
|
|
LIBROS NA TELE. INDISPENSABLE |
|
 Onte, vendo esa marabilla que é Documentos TV ( impagable Erquicia ) falaban das adiccións na sociedade de consumo. Ás compras, á delgadez... Explicaban que unha das causas dese tipo de conductas compulsivas era a televisión e as súas mensaxes obsesivas.
Contra o final da reportaxe, deron un dato abraiante: en España, cando un neno remata a Secundaria, terá pasado o dobre de horas vendo a tele que na clase.
Daquela, semella obvio que hai que levar o mundo do libro á televisión. Estamos cargándolle a responsabilidade do fomento da lectura ao colexio cando, os datos son os datos, pasan o dobre de tempo co profesor catódico.
Case que me dan gañas de poñerme melancólico e lembrar aquí que, cando eramos nenos, na programación infantil, saía todos os días Gloria Fuertes recitando poemas...
|
|
|
|
A EXPERIENCIA DE VIVIR, A EXPERIENCIA DE AMAR |
|
 Un dos tópicos que sempre se manexan á hora de falar do que é necesario ou non para escribir, é iso da experiencia, iso de ter vivido moitas situacións, canto máis irreais ou diferentes ou sorpendentes ou extremas ou difíciles ou pouco lóxicas, mellor.
De ser iso certo, os escritores serían todos unha panda de rariños. Mais o certo é que a meirande parte dos que eu coñezo sonche todos dun normal que abria.
Como exemplo váleme as irmás Brontë.
Charlotte, Emily e Anne case que non se moveron dos páramos aborrecidos, tediosos e inaturables de Yorkhire. Pasaron á historia da literatura por ter escrito grandes dramas sentimentais.
Pero ningunha delas coñeceu nunca o amor.
Para escribir sobre a vida, non sempre é necesaria a experiencia da vida. Seica. |
|
|
|
REPRESENTAR TEATRO GALEGO |
|
Unha das mellores novas neste inicio do novo curso cultural, é que o Centro Dramático Galego vai representar, ademais de a Shakespeare, a dous autores galegos como son Xosé Antón Neira Cruz e Daniel Salgado.
O obxectivo do CDG é gañar espectadores. Neste blog reflexionamos moito sobre estas cousas, e sempre dicimos o mesmo: non hai sistema literario sen lectores. Pois outro tanto: non hai teatro galego sen espectadores. E é moi necesario para unha cultura contar con autores dramáticos de seu e que, ademais, se lles represente.
Non sei da obra de Daniel Salgado ( DramaA3 ) pero si coñezo ben o texto de Xosé Antón Neira Cruz que se vai representar. A escolla, desde logo, non pode ser máis atinada. Valdemuller convertirase nun espectáculo de monicreques para adolescentes.
Oxalá os teatros se enchan e que ese obxectivo procurado polo CDG culmine con éxito. Sería outro banzo máis cara a normalidade perseguida. |
|
|
|
TALLER LITERARIO NA CORUÑA |
|
Desde o luns 17 de Setembro e ata completar aforo ( 15 prazas ), está aberto o prazo de matrícula para inscribirse no Taller Literario que vou impartir no Centro Social Caixanova da Coruña. O seu prezo é de 80 euros e tocaremos, en oito sesións ( comezamos o luns 8 de outubro, de 7 e media do serán a 9 e media ), moitos asuntos, desde a Escritura Creativa, pasando polo Relato Breve, a Novela, a creación de personaxes, un pequeno taller de poesía, a corrección de estilo...
Como xa comentei o outro día cando falaba do Taller de Poesía en Vigo, quen teña interese en inscribirse só ten que facelo en calquera sucursal de Caixanova. ¿O único requisito? Amor á literatura e moitas, moitas gañas de escribir. |
|
|
|
|
|
|
|
|