A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A PROFESORA DE LITERATURA

A epopea de Michael Phelps demostra que non por ler moito se é máis listo.
O comentario vén motivado por unhas palabras súas despois de ter recibido a oitava medalla de ouro nas pasadas Olimpiadas. Concretamente, no intre supremo de recibila, lembrouse da súa profesora de literatura quen, nun alarde de demostración futurista, profetizoulle que nunca ía chegar a nada.
Á señora, desde logo, os libros non lle serviron de moito como adiviña.
Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2008 22:46
# Ligazón permanente a este artigo
CURROFICCIÓN

Veño lendo por aí e por aló, que nos últimos tempos un dos grandes temas de inspiración para os guionistas e os novelistas é o mundo do traballo, a relación entre xefes e subordinados e todo ese submundo complicado e tenebroso que hai nas empresas.
O que eu dicía.
Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2008 00:36
# Ligazón permanente a este artigo
FACENDO PAÍS


Hai cousa dun par de días déronlle en Láncara o premio Facer País a Avelino Pousa Antelo.
Son poucas as veces que teño coincidido con el. Mais de cada vez que pasa síntome contaxiado polo seu bo humor. E esperanzado, ao ver que a súa fe non se ven nunca abaixo. Con todo o que el ten vivido e con todo o que el ten loitado.
Pousa Antelo merece de sobra o premio. Aprendemos moito del. E seguiremos aprendendo.
Categoría: Xeral - Publicado o 29-08-2008 22:54
# Ligazón permanente a este artigo
PERDOAR A MALA FE
Moi atinada a resposta que, en xeito de Carta ao Director, publican hoxe en El País, Carlos Callón ( da Mesa pola Normalización Lingüística ), Luis González Tosar ( do PENCLUBE ) e Cesáreo Sánchez Iglesias (da Asociación de Escritores en Lingua Galega ), arredor da entrevista que un tipo tan ben informado ( parecía ), ecuánime ( semellaba ), racional ( pichisss...) coma George Steiner, concedeu a ese xornal e no que dicía, entre outras lindezas, que lle parecía mal que nas universidades de Galicia se obrigue a falar en galego e, alucina vecina, que a literatura galega, para resumir, non vale un pataco.
Como xa se comentou en todos os xornais e en todos os foros e en todos os blogs e en todas as terrazas dos bares, eu só quero dicir unha cousa:
puidera ser que o señor Steiner di o que di por ignorancia ou desinformación. Mais sen dúbida, é gravísimo que o diga.
Mais, concordarán comigo en que ese mesmo pensamento téñeno moitos galegos: que na Universidade imponse a lingua á forza e que a literatura galega non vale para nada.
E ao señor Steiner podo perdoarlle a desinformación, pero aos de aquí... cústame perdoarlles a mala fe.
Categoría: Xeral - Publicado o 28-08-2008 22:37
# Ligazón permanente a este artigo
ESCRITORES POUCO ESCANDALOSOS

Contan as crónicas que a segunda parte das memorias de Günter Grass, tituladas A cámara escura, está a pasar sen pena nin gloria nos grandes suplementos literarios da Alemaña. Seica todo o problema é que nesta segunda parte Grass non dá ningunha clase de escándalo. Na primeira si, cando confesou que de novo entrara voluntariamente e con coñecemento de causa nas Xuventudes Hitlerianas.
Mais estas son insulsas. Nada escandaloso que contar.
Penso: é o normal. Porque a meirande parte dos escritores/as son xente do máis convencional, para nada especiais, para nada fóra do común. De feito, cando a xente coñece a un escritor ( cando o coñece de verdade, no seu día a día, non dando conferencias ou asinando libros ) entende que non hai nada de particular neste oficio. A ese nivel. A outros é un oficio marabilloso.
Créanme: escándalos, como o resto da xente.
( Outra cousa, claro, son os Bukowski, os Kerouac, os Wilde, os... )
Categoría: Xeral - Publicado o 27-08-2008 22:45
# Ligazón permanente a este artigo
GUARACHA
O meu amigo, grande e querido, Carlos Fontes, publica este mes en Infoxove, un poema que é un son, que é cumbia, que é música, que é Caribe, que é diapasón, son, son.
É un fragmento do seu poemario, inédito, Contradanza:

Guaracha.
?O noso desafío é construir un parlamento nunha trincheira?
Cintio Vitier

Ti, democracia.
Eu, ditadura.
Ti dásme un século XIX colonial
Eu un berro independente e nacional.

Recibo o primeiro engano: oh, yes!
E a primeira explosión en inglés.
Despois, un Batista, dous batistas e ata tres.
Ti recibes dous Castros e un Fidel,
un Camilo e un Che?

Bloquéame!
Son un mal exemplo:
nacín dunha mirada poética,
dos milagres feitos costume,
das barricadas levantadas contra a dominación.

Pal carajo, brother!;
na trincheira tamén se goza,
e nesta,
loitar é unha festa?

?Conga, batanga, bembé,
yuka, merengue, changüí,
afro, punto, popurrí,
songo, tango, simalé.

Salsa, bachata, canción,
mambo, wemba abakuá,
dengue, tumba, chachachá,
bolero, filin, danzón.

Claves, güiro, chekeré,
bongo, guitarra, laúd,
cencerro, tres, biankomé,
caixón, pailas e bakú.

Rumba, tonada, dan den,
columbia, comparsa, son,
danza, jazz, querequeté,
timba, criolla, guasón.

Romance, yuba, yemayá,
trova, montuno, ochún,
guajira, nana, yambú,
guaracha, ebbioso, pa?cá.

Claves, güiro, chekeré,
bongo, guitarra, laúd,
cencerro, tres, biankomé,
caixón, pailas e bakú.

Zarzuela, carabalí,
papalote, rap, pregón,
mozambique, guaguancó,
sucu, nengón de changüí.

Seguidilla, obatalá,
parodia, canto, masón,
mazanchá, tahona, pilón,
contradanza, gavilán.

Claves, güiro, chekeré,
bongo, guitarra, laúd,
cencerro, tres, biankomé,
caixón, pailas e bakú?
Categoría: Xeral - Publicado o 26-08-2008 22:50
# Ligazón permanente a este artigo
MENOS MAL

Estaba a piques de escribir un pirómano post deses que me saen ás veces, preguntándome por que as canles para nenos son tan malas, ou, dito dun xeito máis preciso, por que as canles temáticas supostamente para crianzas reducen a súa oferta, case que en toda a súa totalidade, a debuxos animados ( todos iguais ) e series norteamericanas para adolescentes aparvados de risas enlatadas e chistes de dubidosísima graza.
Sen embargo, cando ía prender o ordenador para despois de facer a pregunta soltar pola boca sapos e colebras, alguén me dixo, ¿sabes que en Antena 3 poñen de novo Pipi Calzaslargas?
Alentei aliviado.
Menos mal.
Aínda queda algo.
Categoría: Xeral - Publicado o 22-08-2008 22:55
# Ligazón permanente a este artigo
A NECESIDADE DE RECOÑECER A LITERATURA INFANTIL E XUVENIL

Hai un par de semanas, El País, para o dominical, preguntoulle a 100 escritores en español que elixiran os libros que "lles cambiaron a vida". Saíu un canon ben xeitoso pero, paréceme, dabondo falso. Por pedante.
Quero dicir con isto que, polo xeral, aos escritores, cando nos preguntan sobre cales son os nosos libros de referencia, e tal, sempre nos dá por poñernos serios e transcendentes e pescudar no máis excelso dos andeis da casa. E saen os que saen e quedamos como tipos cultísimos que O Leron Todo.
Iso é o que se vota.
Sen embargo, teño para min que se quixeramos ser sinceros, teriamos que citar aos que escribiron para nós cando nenos. E así eu citaría a colección das Joyas Literarias Juveniles, e os libros de Verne editados por Bruguera... pero diría Ibañez e Escobar, y Jabato y El Capitán Trueno, e Quino e a súa Mafalda, e Astérix, e Sandokán...
Todo isto a conta de que se fixo un estudo parecido estes días pero para o común das xentes na Gran Bretaña. Gañou Enid Blyton, a de Los Cinco ( a eses, de pequeno, non os aturaba ), a Rowling ( a do Potter ) vai de terceira, e de segundo Roald Dahl ( Charlie e a fábrica de chocolate, etc... ). É dicir, aqueles escritores e escritoras que lles fixeron ler cando eran cativos e que, dalgunha maneira, son os responsables de que a día de hoxe sexan lectores.
Xa que logo, a literatura infantil e xuvenil merecería ser recoñecida como moito máis importante do que o é.
Categoría: Xeral - Publicado o 22-08-2008 00:30
# Ligazón permanente a este artigo
A LITERATURA SUBALTERNA
Teño debilidade polos artigos que Enric González asina en El País. Case que sempre escribe sobre fútbol, e eu, que non lles son moi futboleiro, non podo deixar de ler o que conta, polo xeral, pequenos relatos de futbolistas máis ou menos coñecidos, máis ou menos anónimos pero que, tal e como el o narra, entendemos que tiveron unha vida digna de ser novelada.
Pois por iso, porque gusto moito do seu xeito de facer xornalismo, traio hoxe aquí un seu artigo, do que reproduzo a primeira parte, porque o comparto ao cento por cento ( e algo disto xa advertín o outro día ):
Suelen deprimirme los textos que nacen subalternos, humillados desde el origen ante un lenguaje ajeno. Me refiero a los textos presuntamente "cinematográficos". El autor se esmera en alcanzar el nivel más bajo posible y recurre a conceptos de cursillo audiovisual (elipsis, ritmo, diálogos, personajes rotundos), ansioso por conseguir una obra "popular" que atraiga al público que no lee. Esa gilipollez la cometen también a veces los periódicos, y equivale, más o menos, a promocionar el turrón de Alicante en los asilos para ancianos. Me alarmo cuando alguien dice de una novela que "está pensada como una película", mala señal. El autor sólo aspira a que una adaptación cinematográfica le redima de sus miserias, creativas y económicas. La escritura es una cosa, y la imagen, otra muy distinta. Y hacer buena literatura popular es de las cosas más difíciles del mundo.
E haiche moitos libros escritos así.
Categoría: Xeral - Publicado o 20-08-2008 23:00
# Ligazón permanente a este artigo
TINTÍN PERDEU A VIRXINIDADE
Leo que os propietarios dos dereitos de Tintín, veñen de bloquear a reedición dun relato de Antonio Altarriba no que este lle fai unha homenaxe, digamos, retomando a historia da súa vida moitos anos despois de onde a deixou Hergé e contándonola con pelos e sinais.
Sobre todo, seica, con pelos.
Segundo as crónicas, pareceulles fatal, aos tintinólogos, que, entre outras cousas, en Tintín y el loto rosa, que así se chama o libro, o amiguiño de Milú perde, ¡non era sen tempo! a virxinidade, e failla perder, nin máis nin menos que Catherine Deneueve. ¡Que sortudo o Tintín!, ¡eu tamén quería algo así!
A verdade é que a polémica éme difícil de entender pois non lle vexo nada de malo en coller aos personaxes clásicos e facer con eles o que nos pete. Eu escribín un conto, erótico, dentro dun libro, hai moito tempo, protagonizado por Ken e Barbie. E todos os días lemos cousas parecidas.
Coma sempre, o problema, é o sexo.
Se Tintín se apuntase aos marines e tirase bombas sobre a poboación civil do Iraq para "liberar" o mundo seguindo os criterios texanos de Bush, igual non pasaba nada.
Pero enróllase coa Deneueve.E iso hai quen non o perdoa.
Como se Tintín fose menos interesante, como personaxe, despois da súa estrea romántica...
Categoría: Xeral - Publicado o 19-08-2008 23:18
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0