A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ESTE NÁUFRAGO CAMBIA DE ILLA
Outra vez.
A partir de agora estou nunha illa diferente.
Aquí.
Por favor, poñédeme en favoritos.
Non desertedes.
Categoría: Xeral - Publicado o 10-07-2009 23:10
# Ligazón permanente a este artigo
MAÑÁ, PREGÓN NA FEIRA DO LIBRO

Mañá comeza a Feira do Libro de Vigo. Este ano, teño a honra inmensa de ler o pregón inaugural. Ás 20.30 na Alameda. A de veces que, dende a adolescencia, asistín ao pregón.
Así que podedes imaxinar a ilusión que me fai.
Estades todos convidados.
Categoría: Xeral - Publicado o 09-07-2009 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
PARA QUEN CREA EN CASUALIDADES

Lendo sobre a escrita xeroglífica ( sonlles así de raro ) atopo un dato que me tira para atrás. Seica no ano 2200 a. C. escribiuse un texto titulado O conto do náufrago. Os expertos coinciden en sinalar que o seu argumento é idéntico ao Simbad o mariñeiro.
Non hai que dicir máis.
Eu son o náufrago.
O meu último libro, polo de agora, titñulase Chamádeme Simbad.
Para quen crea nas coincidencias, ten aquí material dabondo para reflexionar.

Categoría: Xeral - Publicado o 08-07-2009 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA TREGUA CON BENEDETTI

Coma sempre, quero recomendarvos algún libro que veña de rematar. Esta mañá, mentres almorzaba (ventaxas de poñerse en pé as cinco da mañá para chamar polas musas ), rematei La tregua, unha novela de Mario Benedetti, recentemente finado e coñecidísimo, sobre todo, polo seu traballo poético (imprescindible todo o seu Inventario ). Sen embargo, eu sempre o reivindiquei como prosista, en especial despois de traballos como La borra del café.
En La tregua atoparedes a medida do prosista enorme que foi ao construir unha novela a xeito de diario, pequenas entradas ( case que un blog, agora que o penso ) escritas por un fulano que só espera que lle chegue o día da xubilación. Quédalle un ano para chegar a esa meta. Pero na oficina vai aparecer o amor. E por aí chegará a tregua. A única, probablemente, que nos dá en serio a vida.
Categoría: Xeral - Publicado o 07-07-2009 21:44
# Ligazón permanente a este artigo
SEGUIMOS PICANDO

Hai ben de tempo que todos nos decatamos, pero sen embargo, como nos pode a paixón, seguimos picando na mesma manipulación.
Sabemos que non hai conflito lingüístico. Que o crearon artificialmente. Que parece que hai máis do que hai porque determinados medios afíns a eles así o magnifican.
Sen embargo, insisto, entramos no xogo. E perdemos o tempo en argumentar, en contradicir, en ofrecer razóns. Que, por certo, só lemos os que non as precisamos. Os que xa estamos convencidos.
Este náufrago recoñece que tamén caeu, que cae e que de certo que seguirá caendo, no mesmo erro.
E, despois de todo, como só falamos diso, perdémonos outros asuntos importantes ( crise, paro, naval, educación... ).
E eles saben que mentres sigamos falando só da lingua ( que hai que facelo, ollo, non se me malinterprete ) imos pasar doutros aspectos da política.
Saben que nos pode a paixón.
Por iso deixo aquí ligazón a este artigo de María M. Val, a quen non coñezo. Pero gocei da perspectiva que ofrece a súa reflexión.
Categoría: Xeral - Publicado o 06-07-2009 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
SANTIDADE

Cando Franco deu o seu golpe criminal no 36, a igrexa católica apurouse a bendicir aos asasinos. Durante os 40 anos seguintes, seguiu a bendición. Hoxe, aínda non fixeron unha condea clara e moitos nomes de mortos do bando nacional seguen nos templos a pesar de que os mortos, todos, serían igual de fillos de Deus.
Onte, en Honduras, a igrexa de alí apurouse a bendecir, por televisión, ao golpista Micheletti.
Logo se queixan de que a xente deserta.
( E outra cousa, estando o mundo como está, por certo, a igrexa católica onte recoñeceu que durante o ano pasado ingresou 253.95 millóns de euros. Coa fame que hai, aínda se repartían bocatas. E igual tanta xente non desertaba ).
Categoría: Xeral - Publicado o 05-07-2009 21:41
# Ligazón permanente a este artigo
NON PODER SER OUTRA COUSA

O gremio dos escritores/as debe de ser un dos que máis sofren ter que procurar unha resposta máis ou menos intelixente á pregunta sobre o por que da súa actividade. ¿Por que es escritor? ou ¿por que escribes? é algo que se nos interoga dende que comezamos ata que, probablemente, deixamos de escribir porque estiramos a pata. Detrás da insistencia sostida ao longo dos anos hai como unha especie de crenza por todos asumido en plan hai que ser raro/a para dedicarse a algo así. Coa de cousas sensatas que se pode ser na vida.
Eu sempre dou a mesma resposta que daba Onetti, de quen xa falei onte:
Son escritor porque non son capaz de ser outra cousa.
Categoría: Xeral - Publicado o 04-07-2009 21:12
# Ligazón permanente a este artigo
ENTRAR NO ARMARIO

Estes días fálase moito de Onetti, que cumpriría 100 anos neste 2009. Das moitas referencias sonoras que estou a escoitar del en distintas emisoras, hai unha que me chamou moito a atención. Explicaba como se convertira en lector. Entrando no armario.
Os pais rifábanlle porque pasaba moito tempo lendo. Daquela, para evitar os seus enfados, metíase dentro dun armario enorme e eles, ao non velo por ningures, daban en pensar que marchara a rúa. E alí pasaba o serán enteiro. Dentro do armario. Lendo.
Non sei que terán os armarios para promover a lectura.
Isabel Allende confesou que foi dentro dun armario onde leu As 1001 noites, neste caso para que non a viran lendo tal pecaminoso texto.
A moralexa disto é que cando un quere ser lector, remata sendo lector.
Categoría: Xeral - Publicado o 03-07-2009 22:09
# Ligazón permanente a este artigo
SARAMAGO E O PAPI

Alfaguara vén de publicar en forma de libro as anotacións que Saramago fixo no seu blog. O libro, polo seu interese para incondicionais, aparece publicado ao mesmo tempo nunha chea de linguas... agás en italiano, onde a editorial que ía facelo decidiu non publicala polas duras críticas que o portugués facía ao presidente Berlusconi.
A isto, coido, chámaselle censura.
Tamén podería chamárselle vergonza.
E de pasar, eu que sei, en calquera país árabe estariamos a montar a de San Quintín. Mais disto, practicamente, eu non escoitei nin lin nada en case que ningún sitio.
Categoría: Xeral - Publicado o 02-07-2009 21:10
# Ligazón permanente a este artigo
FE NO FUTURO

Pasei o serán facendo o que máis me gusta facer: no parque coa miña pequecha. Aí escoitei unha frase impresionante que non podo deixar de traervos aquí.
A nai dunha, digamos, "nena un chisco inqueda" (sobre todo tendo en conta que a nai pretendía que a pequena estivese sentada canda ela nun banco, ¡no parque!) dicíalle á súa nai, é dicir, á avoa da cativa: que ganas tengo de sacarle el pañal.
Claro, pensei eu, isto é algo que todos desexamos.
A avoa preguntou: ¿e logo?
A resposta da nai é toda unha declaración de fe no futuro: para que cuando le de una trisca en el culo le duela de verdad.
Categoría: Xeral - Publicado o 01-07-2009 21:17
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0