A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CASAR COS LIBROS
E despois haberá quen diga que a televisión non fomenta a lectura.
Fato de ingratos.
Mirade o que vén de saír:
O libro máis esperado do ano.
Categoría: Xeral - Publicado o 14-05-2008 22:53
# Ligazón permanente a este artigo
LOST GIRLS

Un bo exercicio literario é imaxinar que pasou coa Carrapuchiña cando medrou, ou que foi de Hansel e Gretel unha vez independizados e adultos. Imaxinalo e escribilo.
Máis ou menos o mesmo que veñen de facer Alan Moore e Melinda Gebbie ( marido e muller; escritor e debuxante ) que veñen de preguntarse máis ou menos o mesmo cá min no primeiro parágrafo pero en clave erótica e pornográfica. Publican ( Editorial Norma ), Lost Girls, que veñen sendo as aventuras sexuais de Alicia ( seica agora si no País das Marabillas ), Wendy (¿medraría-lle de paso o Peter Pan ) e Dorothy (por aí co espantallo e o león facendo quen sabe que ).
Todo un exercicio de iconoclasia literaria.
Categoría: Xeral - Publicado o 13-05-2008 22:49
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA LITERATURA XUBILADA
Aí atrás lía unhas declaracións do poeta Antonio Gamoneda nas que explicaba que se xubilara aos 62 anos para poder dedicarse integramente ao que de verdade lle enche a vida de paixón: escribir.
Sei de algúns escritores de nós que pensan igual. E así é como nos vemos moitos: cando xubilados, en troques de ir ver as obras do concello, sentaremos durante moitas horas a escribir as nosas novelas e poemas profundamente concentrados, á fin liberados dos atafegos e escravitudes laborais. Seremos, daquela, "escritores a tempo completo". Durante pouco tempo, pero "profesionais". Con todo o xúbilo por diante.
Isto ten o seu punto tráxico, porque se supón que cando temos máis enerxías para crear, o corpo mellor disposto, e as máximas das alarmas mentais nos seus sitios ( poñamos, eu que sei, dos trinta en diante ), pois durante esa época madura estamos traballando e, como xa dixemos mil veces, facendo unha literatura eivada a base de restarlle horas ao sono, á familia e, moi probablemente, á saúde. E despois, cando xa os folgos estean baixo mínimos, daquela, será cando teremos tempo ( a non ser, claro, que algún ministro de economía cachondón nos obrigue a seguir cotizando de por vida ).
Categoría: Xeral - Publicado o 12-05-2008 00:18
# Ligazón permanente a este artigo
¿COMO QUE NON SE PODE VIVIR BEN DA LITERATURA?

Lin hai uns días por aí, e anotei a cantidade para que non se me esquecese, que Roberto Begnini declarou á facenda italiana que os seus aforros elévanse a 3.580.995 euros.
A día de hoxe, dedícase, desde hai anos, a recitar A Divina Comedia polas prazas e teatros do seu país.
Como non reparte dereitos co Dante, iso explica a fortuna. Por outra parte demostra que hai quen pode vivir moi ben da literatura incluso sen escribila.
Categoría: Xeral - Publicado o 10-05-2008 22:57
# Ligazón permanente a este artigo
A POESÍA E O NARIZ


Onte falei da poesía e os embigos. Hoxe toca falar da poesía e o nariz.
Dicía Nietzsche que o seu particular xeito de ver as cousas víñalle non da razón, senón do nariz. E que a pituitaria tiña que ser a parte de nós coa que facer filosofía.
Eu quedo coa de Cyrano de Bergerac, demostración de que a palabra sirve para o que sirve. No seu caso, para namorar ás mulleres. A case que todos, para seducir.
Dalgunha maneira, cando seducimos, cando somos seducidos, quen domina ou nos domina é un dicir axeitado, as palabras postas no seu sitio, as metáforas no seu lugar.
Cyrano, namorado de Roxana, vivía cheo de complexos por mor do seu nariz descomunal. Escribiu cartas por encargo para o fermoso - e parvo - Christian. Roxana namorou. E coidaba que era de Chistian. Pero non: ficaba namorada do dicir poético de Cyrano.
Categoría: Xeral - Publicado o 08-05-2008 23:24
# Ligazón permanente a este artigo
A POESÍA E OS EMBIGOS

Estes días atrás lin moito sobre o santuario de Delfos.
Entre outras cousas aprendín que alí, como o santuario estaba adicado a Apolo, deus da profecía pero tamén da poesía, os gregos honraban aos poetas gregos máis importantes.
Entre outros, Homero tiña alí unha estatua.
Aprendín tamén que no mundo heleno todo o mundo, máis axiña ou máis tarde, remataba peregrinando a Delfos porque, para eles, alí estaba o embigo do mundo.
E pensei que era curioso que, para os clásicos, no embigo do mundo tivese que estar honrada a poesía e os poetas.
Igualiño ca hoxe.
Categoría: Xeral - Publicado o 07-05-2008 23:27
# Ligazón permanente a este artigo
A LITERATURA APAIXONANTE
Volvendo sobre o que falaba onte, atopo hoxe un artigo en El País de Mario Vargas Llosa.
O certo é que non o aturo, como escritor, quero dicir, nin de novelas nin como articulista, pero deste seu traballo de hoxe, hai unha frase que quero salientar. Fala do xornalismo, e di que despois da literatura é a profesión máis apaioxante que hai.
Leva razón. Cando menos niso de que a literatura é a profesión máis apaixonante de todas. E falo, desde logo ( e coma sempre ) a nivel absolutamente persoal.
Como non sentir paixón, e incluso namoro, por eses tres personaxes cos que vivo desde o 2 de Xaneiro de 2007, día no que comecei a miña nova novela e que xa, esta mesma semana, penso rematar de corrixir; como non apaixonarse cando descubres que fabricaches un mundo, que xa está dentro da túa cabeza e que ten entidade de seu; como non apaixonarse ao descubrir que esas cóxegas tan especiais que se senten cando o final da historia xa se albisca, xa estás a notalas, xa chegan, xa están aquí e son túas...
A literatura é paixón. E é un gozo estar dentro dela.
Categoría: Xeral - Publicado o 04-05-2008 23:15
# Ligazón permanente a este artigo
QUE FAGAN O QUE LLES GUSTA

Hoxe vin unha entrevista na televisión con Dustin Hoffman. Respondía ás preguntas duns estudantes de arte dramática. Preguntábanlle sobre a profesión, como preparar un papel e cousas así. Contra o final, unha rapaza explicoulle que tiña medo de seguir adiante con eses estudos porque era moi difícil vivir diso e que sería máis lóxico estudar calquera outra cousa máis productiva e con máis saída laboral. O actor lanzoulles un discurso inflamado de ánimo, dicíndolles que el era actor desde sempre, e que de non trunfar en Hollywood seríao igual nunha pequena compañía nunha vila ou onde fose. Pero que era actor. E que non hai que pensar no traballo, nin nas saídas, nin en nada diso. A frase que quero traer aquí é a derradeira da súa resposta: facede o que vos faga felices, o que vos pida o corazón porque, senón, remataredes tolos.
Mentres saían os créditos da entrevista eu dáballe a razón ao Hoffman. Claro que si. Durante 19 anos fun profesor e, en moitos cursos, titor dos rapaces e rapazas que marchaban á Universidade. Cando se planteaban estas situacións, incluso ás veces con familias excesivamente "realistas" ( que a nena faga algo con saída, que o neno estude unha carreira con futuro ), e cando había desacordo entre o que os futuros adultos (soñadores ) e os adultos/pais (entregados ao posibilismo ) mantiñan, eu sempre dicía o mesmo: deben de facer aquilo que lles faga felices.
Recordo isto e remato.
Eu son escritor. E durmo pouco para escribir. E pelexo cos folios, ás veces, durante meses ou anos. Case que sempre, para obter nada ou moi pouco do que me sinta orgulloso. Unha páxina feliz. Un verso inspirado.
Pero de non ser isto que son estaría tolo.
Categoría: Xeral - Publicado o 03-05-2008 23:07
# Ligazón permanente a este artigo
GRAZAS
Este post é só para dar as grazas.
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 02-05-2008 23:00
# Ligazón permanente a este artigo
A PINTADA DO 1º DE MAIO
Hoxe volvía para casa algo tristeiro reflexionando como a cada día que pasa o 1º de Maio vai perdendo forza como xornada reivindicativa. Forges resumiuno á perfección hoxe en El País.
E cando xa non esperaba nada, moi preto da miña casa atopei unha pintada asinada por ninguén, sen referencia política de ningunha clase, sen siglas, sen nomes.
Onte non estaba.
Era unha televisión debuxada en negro. Debaixo, este lema: "Arma de destrucción masiva".
Entrei na casa cun chisco máis esperanza.
Categoría: Xeral - Publicado o 01-05-2008 22:58
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0