A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

¿POR QUE NON SE RECOMENDAN LIBROS DE POESÍA NAS ESCOLAS?

Entusiásmame o feito de que grupos como Dios ke te crew lle poñan música a poemas de Celso Emilio Ferreiro. O camiño é ese. Unir poesía e música probablemente fai que moita máis xente chegue ao galego que moitos dos esforzos que, desde as insitucións e a escola facemos nese sentido.
E digo que ese sería un camiño para investigar porque, desde sempre, música e poesía foron da man. Por algo se chama lírica ( de lira ). Se Rosalía continúa engaiolándonos, entre outras cousas é porque os seus Cantares beberon nos ritmos das coplas populares. E antes foran as cantigas medievais.
A través da música chega moito mellor a poesía. Na escola infantil e na primaria adorabámola, entre outras cousas, porque podiamos recitala en voz alta, e gozabamos do ritmo, da música interna das palabras que nos namoraban moito antes de que soubesemos o que estaba a pasarnos.
A reflexión lévame á pregunta de por que non se recomenda poesía nas clases da ESO e de Bacharelato, por que todo ten que ser narrativa, por que non hai espazos para a lírica entre os nosos escolares. En especial, cando hai tantos poetas galegos musicados, polos cantautores no século pasado e polos artistas de hip-hop hoxe.
Chegaría moito máis. E chegaría moito máis feliz.
Categoría: Xeral - Publicado o 29-05-2008 23:14
# Ligazón permanente a este artigo
¿E A VÓS QUE VOS FAI FELICES?
Hai un par de semanas gardei unha interesante entrevista con Umberto Eco ( gustoume moito no pasado, moito menos deBaudolino en diante) para comentar algunhas cousas aquí.
Por exemplo, a resposta que dá cando lle inquiren sobre que é o que a el fai feliz. A resposta de Eco fágoa miña:
No sé, ya dije que no creo en eso, pero, en fin, me hace feliz encontrar un libro que buscaba hace mucho tiempo. Cuando lo compro y lo tengo, lo miro, soy feliz, pero allí se acaba la sensación. Mientras que la infelicidad es lo que me produce no tener este o aquel libro. La verdadera felicidad es la inquietud. Ir de caza, no matar al pájaro.
Ás veces ter nas mans un libro, ou tal disco, fainos felices. E incluso antes de telo ir a por el, procuralo, ir aquí ou alá, en especial cando é un libro antigo de non doado acceso. Algo así pode facerme moi feliz. Entre outras moitas cousas por suposto. Entre outras moitas cousas, por certo, case que todas máis importantes. Pero esa é unha delas. Para Eco e para min.
Agora, a pregunta: ¿e a vós que vos fai felices?
Categoría: Xeral - Publicado o 28-05-2008 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
PARA EVITAR A TOLEMIA. OU PARA POÑELA BONITA

Hai tempo escoitei dicir a Daniel Sánchez Arévalo, director da sorprendente Azuloscurocasinegro que levaba desde os 16 anos ( agora ten 34 ) acudindo dúas e tres veces por semana ao psicanalista, e que grazas a ese traballo de intronspección psicolóxica se convertiu en narrador.
Ou sexa: que descubriu que a través do cine era como mellor podía expresar todo o que levaba por dentro, os seus traumas, as súas barreiras mentais. Todo iso, segundo confesaba, convertiuno en material de ficción. Era o que non lle deixaba vivir.
Con todos esas complicacións foi quen de facer unha obra marabillosa e, segundo semella, vivir mellor.
Estou profundamente convencido de que, no fondo, todos os que facemos algunha clase de actividade artística, facemos o mesmo. Para o noso caso, escribindo, evitamos a tolemia que ás veces é o mundo. Evitámola e, de paso, aspiramos a poñer a realidade un chisco máis bonita.
Categoría: Xeral - Publicado o 27-05-2008 21:50
# Ligazón permanente a este artigo
¿¿??
Neste meu blog falamos no básico de libros.
Hoxe debo sinalar aquí que Ali Ismail Abbas, o neno iraquí desta foto, ven de escribir un libro infantil. Aos 12 anos unha "bomba amiga" ( róncalle o nabo ) deixouno queimado, sen brazos e sen familia. Tivo a sorte de que o trouxesen a occidente e, en Londres, despois de innumerables operacións e de moita dor, a súa situación mellorou algo. Non moito, é obvio, pero si algo. A súa vida, desde logo, queda esnaquizada para sempre.
Celebro o teu libro, Ali, estou certo de que é un libro fermoso. Merece selo. Celébroo e desexo de corazón que chegue a moita xente e que o lea, incluso, Bush, a ver que lle parece, a ver que pensa. Se é que tal cousa sabe facer. Ler ou pensar.
Celebro o teu libro e mentres vexo a túa foto, pregúntome como pode ser posible que aínda exista xente no mundo que pense que as guerras poden ser xustas, preventivas ou necesarias. Ou como é posible que alguén pense que as guerras arranxan algo.
Se alguén coñece a resposta a estes interrogantes náufragos, que se anime a escribilas e a compartilas con nós.
Categoría: Xeral - Publicado o 26-05-2008 22:53
# Ligazón permanente a este artigo
FALANDO POR MIN MESMA

Velaí o título do libro que vén de publicar Cherie Blair ( Speaking for Myself ). O seu mérito, xa saben, contar as cousas que viu e escoitou cando era a primeira dama do Reino Unido ao carón do seu home, xa recordan, aquel heroe das Azores.
Calquera día Ana Botella fai outro tanto. Hai moito que as une.
Sobre isto, editorializa hoxe El País: Cherie Blair acaba de publicar su autobiografía, Speaking for Myself (Hablando por mí misma). Ha cobrado por ellas un adelanto de 500.000 libras (635.000 euros). Por una tarea de unos meses ha obtenido lo que un obrero británico que cobre el salario mínimo -una situación más frecuente de lo que se imagina- tardaría 43 años en ganar, trabajando 40 horas a la semana.
Interesante. 635.000 euros son algo máis de cen millóns das pesetas de antes. Iso como anticipo. Di o editorial do xornal que un obreiro inglés precisaría 43 anos de traballo para gañar iso. Pois engado que a un escritor en lingua galega, para conseguir iso en concepto de dereitos de autor, non lle chegaría toda unha vida.
Categoría: Xeral - Publicado o 25-05-2008 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
ESTANDO OS PROFESORES ASÍ...
Sempre repetimos que boa parte da responsabilidade dos baixos ou altos índices de lectura entre os máis novos é do profesorado. E cando menos eu, sempre aproveito para dicir que o máis doado é botarlle a culpa á escola, xa non só de que non lean senón de calquera asunto. Se algo vai mal, para moita xente é culpa dos profesores.
Sempre digo que non. E sempre poño o acento nas familias. A responsabilidade educativa última de como son os meus nenos, en boa parte, na parte máis importante, en case que toda a parte, é miña e da miña parella. O colexio e o instituto, é obvio, teñen tamén moita importancia. Pero do que saia mal, non necesariamente. Nin non sempre.
Aínda así, e centrándonos no que decote nos preocupa ( a promoción da lectura ) é obvio que os profesores e as profesoras moito ( bo ) poden facer.
Sen embargo, volvo escoitar hoxe no coche, camiño da casa, que o colectivo docente é un dos máis maltratados do país, ata o punto de que é un dos sectores profesionais con máis baixas por asuntos de stress e ansiedade de todos cantos hai. E engadiría eu máis: neste país non se lles valora como debera, non se lles paga como debera, non se lles respecta como debera e, volvendo ao de antes, bótaselle a culpa de todo.
A pregunta é obvia: tendo a pouca consideración social que teñen ( cando debían ser recoñecidos como un dos traballos máis valiosos para a comunidade; ¿sabedes de labor máis importante que aprenderlle a ler aos cativos?, ¿cantos de vós lembrades o nome de quen vos aprendeu a ler? ), recibindo paus como reciben, como, ademais, van ter folgos para dedicarlle tempo á promoción a lectura?
Categoría: Xeral - Publicado o 22-05-2008 22:28
# Ligazón permanente a este artigo
COMO SE TOCA DESDE DENTRO DUNHA COVA

Seica hai enorme polémica porque os responsables de argallar a programación de concertos no verán na Coruña rexeitaron a contratación de Bob Dylan, entre outros motivos, "porque non ofrece espectáculo" ( iso soa a futbolista ) e porque "toca de espaldas".
En fin. Alíviame saber que á miña cidade si vai vir, e que vou poder disfrutar de Dylan, cante de costas ou non, en Vigo.
É un mito. É parte da cultura de nós no senso máis amplo da expresión. Sen el non entenderiamos algunhas das músicas que viñeron dos sesenta en diante. O seu influxo, na literatura, está máis que claro ( eterno candidato ao Nobel ).
En fin, que veña. E como se canta desde dentro dunha cova.
Eu, dylanita, irei igual.
Categoría: Xeral - Publicado o 22-05-2008 00:22
# Ligazón permanente a este artigo
O DESLEIXO
No número desta semana de A Nosa Terra, Manuel Xestoso publica unha interesante reportaxe sobre o turismo literario ou como os países máis ou menos normais saben explotar as casas dos seus máis sobranceiros escritores para dar a coñecer o seu patrimonio literario. Así, por Stratford-upon-Avon rematan pasando, por iso de que alí está a casa natal de Shakespeare, uns cantos de miles de persoas ao ano.
Eu xa non pido tanto.
Abondaría con que os galegos e as galegas tiveran algunha clase de interese por pasarse, eu que sei, pola casa onde se imprimiu Cantares Gallegos de Rosalía, ou pola casa da Matanza en Padrón, ou polo Rianxo de Castelao e Manuel Antonio. Xa non digo os de fóra, senón os de aquí.
Pero igual é moito pedir.
Digo isto porque na miña cidade, en Vigo, hai uns anos dedicóuselle, por iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega, un parque á escritora viguesa María Xosé Queizán. Entre outras cousas, había ( en pasado ) unha pedra cun poema seu. Hai anos alguén a esnaquizou. A pesar de que xa se avisou mil veces aos diferentes concellos que tiveron a honra de gobernar, nunca máis se volveu poñer.
Ese tipo de desleixos din moito de nós e da consideración que temos coas autoras e autores de Galicia.
Categoría: Xeral - Publicado o 19-05-2008 23:30
# Ligazón permanente a este artigo
AS RECOMENDACIÓNS BERBERECHIÑAS

Velaquí a solución ao anunciado onte.
María Yáñez, Inma López Silva e eu tiñamos a encomenda de falarmos de dous libros cada un e, en palabras da presentadora, contaxiar para a súa lectura. O que pasa é que nos ensarillamos a falar do Día das Letras ( os tres coincidimos en que hai que procurar outro modelo ) e aló se nos foi a noite e non tivemos tempo máis que para un. Así que deixo sen dicir cal sería a miña segunda recomendación esencial. Iso si: falamos tanto e de tantas cousas que arranxamos o país. Mágoa que ninguén vaia facernos caso a pesar do interesantes das nosas propostas.
María Yáñez recomendou Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor, como un libro que lle marcou nos tempos do instituto. Sorprendeulle algo tan moderno na lingua de nós; Inma López Silva recomendou Limpeza de Sangue, de Rubén Ruibal, e glosou as súas virtudes. Eu aproveitei para meter baza e sinalar que o caso da non-representación da obra de Ruibal, tendo como ten o Premio Nacional, é todo un síntoma, e case diría que un diagnóstico, do que somos. Todos de acordo en que é unha obra marabillosa. Mereceu os máis altos galardóns. Pero nós, por aquí, sen representala. Imperdoable.
Cando me tocou, recomendei non un libro, senón unha obra poética completa. A de Celso Emilio Ferreiro. Canto máis o leo, e xa van ben de anos, máis me sorprendo da súa grandeza. Expliquei que á miña xeración déronnos a ler mal a Celso Emilio. Limos, por cousas dos avatares políticos, ao poeta social. Que tamén é grandioso. Pero tivemos que procurar pola nosa conta ao poeta, excelente, do amor.
Daquela, reivindico un Celso Emilio Ferreiro completo.
Ese foi o noso banquete de berberechos.
Categoría: Xeral - Publicado o 18-05-2008 23:13
# Ligazón permanente a este artigo
RECOMENDACIÓNS PARA PREPARAR OS BERBERECHOS




Nesta noite das Letras, estarei tertuliando, a partir das 12.05 da noite ( ou sexa, xa no 18 ) no programa da Radio Galega, Máis Berberechos.
Parolarei con María Yañez e Inma López Silva.
Entre outras cousas, teño que recomendar un par de libros.
¿Cales?
No seguinte post.
Categoría: Xeral - Publicado o 17-05-2008 23:32
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0