|
|
|
|
CELSO EMILIO: UN CLÁSICO |
|
 Máis de unha e de dúas veces dixen que Celso Emilio Ferreiro é un dos autores que máis quero e admiro. Pregúntome, moitas veces, que fai a xente indo a procurar poetas por aí cando temos un tan inmenso entre nós e falando de nós e coma nós.
Teño recitado os seus poemas de amor diante de xente moza, e todos, absolutamente todos, senten a emoción por Moraima como se fose para eles.
Amo a Celso Emilio Ferreiro, ademais, porque as súas palabras aínda valen para hoxe.
Aí atrás, nun recital, pedinlles aos que me escontaban que mudasen Vietnam por Iraq neste poema famoso de Viaxe ao país dos ananos do ano 68:
Digo bomba de fósforo.
Apenas digo nada.
Digo lombriga e larva
de carne podrecida.
Digo nenos de napalm,
terror de noite e selva,
fedor de cidade e cloaca.
Fame, suor, aldraxe,
pugas de aceiro, antropofaxia.
Digo guerra bestial,
tremor de terra, crime, lume, lava,
estoupido, verdugo
e mortandade en masa.
Digo gas abafante.
Apenas digo nada.
Digo yanqui invasor,
depredador de patrias.
Digo plutonio, pentágono,
esterco bursátil, palanca.
Presidente, gadoupa,
chuvia, amargura, baba.
Digo petróleo, ferro,
mineral, trampa,
lobo, caimán, polaris, cóbrega,
miseria, diplomacia.
Digo devastación que USA, usa.
Apenas digo nada.
Digo Viet Nam i está xa dito todo
cunha soa palabra.
Para abranguer a vergonza do mundo,
digo Viet Nam e basta.
Sei, casualidades da vida, que se ten feito o mesmo noutros recitais por aí. O que demostra que é un clásico porque, como dixo Italo Calvino, un clásico é aquel que ten unha mensaxe distinta para cada época pero unha mesma para todas.
|
|
|
|
LETRAS NOVAS |
|
Velaí o título dunha interesante publicación que vén de poñer na rúa a Asociación de Escritores en Lingua Galega a partir dos traballos que durante meses moitos escritor@s moi noviñ@s, e outros que xa non o somos tanto, fomos publicando no xornal Infoxove que auspicia a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.
O máis curioso deste volume e que todos os que participamos, ademais, lemos os nosos textos nun CD que se agasalla co libro.
Podédelo baixar de balde aquí. |
|
|
|
EU SON O PADRIÑO ( VELAQUÍ AS MIÑAS AFILLADAS ) |
|
Si, eu son o padriño. Pero non o da película de Coppola, senón, por petición das súas autoras, Marta e Patricia, do seu blog: Falsirego en-cuent[r]os .
Xa vos falara destas fantásticas mulleres o outro día: rapazas non galegas pero que estudan galego en Salamanca e que non entenden como os de aquí somos quen de renunciar á lingua de nós. Escoitándoas falar, esforzarse, loitar coa palabra nosa para dicila de cada vez mellor, un non pode máis que sentir felicidade.
Felicidades polo blog, afilladas.
Boa navegación. |
|
|
|
¿SEICA NUNCA IMOS ABRIR O DEBATE? |
|
Xa sei que todos os anos estou, coma un prosma cíclico, coa mesma teima. Que hai que darlle unha volta ao Día das Letras Galegas. Que tal e como a temos non nos leva a nada. Que a xente pasa de todo e marcha á praia. Que non é dabondo só con poñer as portadas dos xornais ese día en galego.
Eu aviso con tempo. E redundo: porque aínda estamos a tempo.
Pois o día do libro pasou, e un ano máis, ollamos para Cataluña con envexa da sue festa de libros grandiosa na que participa, e con orgullo, toda a súa sociedade.
Pregunto, e quen teña azos que conteste: ¿cando se vai, de verdade, asumir a reforma efectiva do DLG? ¿Ou hai que resignarse a que nunca imos abrir ese debate? Igual é iso. |
|
|
|
MILLÓNS DE DRAGÓNS |
|
Como se fose o acontecemento literario do século, fálase en todas partes do lanzamento (un millón de exemplares na primeira edición: para marearse ) do novo libro de Carlos Ruíz Zafón.
Paréceme, despois de ler algunhas respostas, un tipo intelixente.
Esta nova historia arrasará no mercado despois do éxito de La sombra del viento. No seu día xa o dixen: non me gustou nada.
Será que estou a volverme vello pois, millóns de exemplares vendidos no mundo enteiro comezan a facerme pensar que igual o problema téñoo eu, que non souben ver onde residía a xenialidade. |
|
|
|
A POESÍA PARA SEDUCIR |
|

Agora, sábado á noite, paso por Spiderman 2 na tele. Un científico, antes de se converter no malo malísimo - Octopus - dálle un consello a Peter Parker - Spiderman - sobre as mulleres e o amor: Se de verdade queres namorar unha muller, dálles poesía. Nunca falla.
En O carteiro e Pablo Neruda, Beatrice Russo, a guapa guapísima, namoraba de Mario Ruoppolo, o normal normalísimo, porque o carteiro lle recitaba poemas de Neruda como se fosen seus. A moza acendíase de tal maneira que non podía deixar de querelo.
Cyrano de Bergerac namoraba, aínda que o froito gozábao outro, á súa prima, guapa guapísima, a través das fermosas palabras da poesía amorosa.
Que será o que ten a poesía. Que será. |
|
|
|
GALEGO EN E FÓRA DE GALICIA |
|
A mesa redonda en Salamanca estivo moi ben. Anxos Sumai e O Leo brillaron coma sempre. Eu fixen o que puiden.
En calquera caso, foi un pracer enorme ver alí tanto alumnado de galego de fóra de Galicia. Xente non galega interesada en aprender a nosa lingua e saber da nosa literatura.
Tralo acto, digamos, académico, tivemos a oportunidade de parolar cun par de estudantes non galegas ( de Madrid e Ávila ) que, a pesar disto e de non ter por que, estudaban galego e dicíannos que non entendían como podía haber xente, en Galicia, que renuniciase á riqueza de ter unha lingua de seu.
Eu, desde logo, tampouco o entendo. |
|
|
|
MAÑÁ EN SALAMANCA |
|
Como xa informei, mañá mércores estarei en Salamanca convidado pola Universidade, concretamente polo Seminario de Galego e Portugués para, na compaña de Anxos Sumai e O Leo, falarmos do tema Literatura e Internet: algunos proyectos y tendencias actuales en las letras gallegas, que así é como di no cartel que nos remitiron.
Será ás 19.00 horas na Hospedería.
Quedades convidados. |
|
|
|
TE HAI QUE SABER IDIOMAS |
|

O domingo tiven que procurar unha farmacia de garda a primeiras horas da mañá. Nada serio, non vos preocupedes. Cando por fin cheguei a unha das que estaban abertas, tiven que esperar a que me tocase mentres eran atendidos dous velliños que falaban en inglés. Cando dixeron iso de How much? ou sexa, canto é, o mancebo ( que así se chaman ) contestou seven twenty, que ven sendo sete vinte. Euros, claro. Os xubilados ( probablemente cruceiristas de paso ) pagaron e o individuo, sorrindo, díxome: No hay como te saber idiomas, empregando ese marabilloso pronome de solidariedade noso que nos convirte, de paso, no pobo máis altruísta ( por solidarios ) do mundo e demostrándome que era galego coma min. Deille a razón e fixen o meu pedido en galego. Procuraba unha determinada marca dun produto (non ese que andades a pensar ), e fíxeno en galego. Como non había procurei outro. Sempre na lingua de Breogán. E falamos un cacho. Eu, en galego.
A ver quen é capaz de saber en que idioma me falou todo o tempo o empregado farmacéutico a pesar de que te sabía idiomas. |
|
|
|
PESADOS |
|
 Un ano máis toca aturar na televisión, na radio, na prensa ( tamén na galega ) que en Zevilla están de Feria de Abril, y que bonita es mi Triana y olé y olé y que vivan los toros.Un tende a preguntarse por que por exemplo no telexornal da primeira, ou sexa, de La 1 ou como se chame agora, hai que aturar, ¡como noticia! o da Feira de Abril sevillana que, sen desmerecerlle nada do bonita que poida ser ( non teño o gusto ) supoño que será algo de interese exclusivamente andaluz. E veña touros, e veña a insistir en que "la fiesta nacional nos representa a todos".E quen di iso di a festividade de San Isidro, importantísima, sen dúbida, para os madrileños, pero non tanto, supoño, para o resto do estado.Salvando as distancias, dán gañas de preguntarse por que nunca, pero nunca, nunca nunca, se fala no telexornal da primeira, de la 1 ou como se chame agora, que o 17 de Maio é festa en Galicia, que celebramos a existencia ( e superviviencia ) das nosas letras, etc. Ou por que non saen os nosos magostos. Ou os nosos maios. Ou o samaín.
Igual, para darlle máis vida a estas cousas e que lles chegue, eu que sei, por exemplo aos andaluces, tiñamos que traer un par de rocieros y asasinar con zaña e zangre un par de touros.Y olé. |
|
|
|
|
|
|
|
|