A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O ÚLTIMO POST DO ANO

Todo o que vos desexo, náufragos, está nesta canción.
Que o 2009 sexa un ano de Paz.
Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2008 21:53
# Ligazón permanente a este artigo
OS QUE VIVEN NA NÉBOA

Unha das cousas máis estrañas que ten este país, é que unha boa parte da poboación non se dá por enteirada de que hai dúas linguas oficiais (estaba a piques de escribir "que hai dúas linguas que conviven", pero sería unha esaxeración ). É como se vivisen dentro da néboa e a espesura da mesma non lles deixase ver que ademais de como eles falan, hai unha cantidade, non pequena de xente, que espera vivir algún día nun país normal onde falar a lingua de seu non sexa unha excentricidade.
É como se non me decatase de que teño dúas mans, ou dous ollos e un nariz. Sería rarísimo. Pois igual. Para moita xente, cando descubren que fas a túa vida integramente en galego, a estrañeza é o primeiro que deixa ver o seu rostro.
Co fermoso que é que existan moitas falas.
Eles non o ven. Será cousa da néboa.
¿Ou é que non queren ver?
Categoría: Xeral - Publicado o 29-12-2008 21:46
# Ligazón permanente a este artigo
FACER O AMOR EN GALEGO
Nunha interesante entrevista que hoxe publica Xornal de Galicia, Isaac Díaz Pardo dános unha frase para pensar:
Que parella de noivos se fai o amor en galego? Iso de que é unha ameaza para o castelán é unha tontería.
Que é unha parvada o da ameaza xa o dixemos mil veces.Onte mesmo. Pero o asunto do amor é iluminador.
En verdade unha lingua está normalizada se é posible facer o amor en galego. E nisto, tampouco nisto, somos de momento normais.
Se non o credes, probade a saír de noite por Vigo, a unha discoteca, e a intentar facerlle as beiras a calquera moza en galego. Unha de cada dez escacharán coa risa.
Así que, polo de agora, que os castelán falantes respiren tranquilos.
A lingua do amor aínda non é a nosa.
A pesar das fermosas novelas de amor que xa levamos escritas.
Categoría: Xeral - Publicado o 28-12-2008 21:42
# Ligazón permanente a este artigo
DESEXOS PARA O 2009 (3)

Desexo que esa xente tan virulenta
( veñen de convocar unha manifestación para febreiro
despois dirán que non son electoralistas )
deixe de dicir esas mentiras
sobre que o castelán está perseguido en Galicia
sobre que o galego se impón a todo o mundo.
Desexo que co novo ano deixen de usar a verba liberdade
cando o que queren dicir é intolerancia.
Desexo que entendan que se decido educar aos meus fillos na lingua de nós
non estou fabricando monstros.
Desexo que
no novo ano
a miña lingua deixe de ser un asunto político
e que sexa só palabras.
E que os mintireiros deixen de ter tanto protagonismo
e que se empapen
dunha vez
de boa fe.
Categoría: Xeral - Publicado o 27-12-2008 22:12
# Ligazón permanente a este artigo
DESEXOS PARA O 2009 (2)

Desexo que
cando remate o ano
todos teñamos a sensación de que a vida foi
pracer
e que non houbo case dor.
Desexo que
cando remate o ano
fagamos reconto dos días para ver que non houbo
dous
iguais e que
a vida
é ou debe ser unha promesa.
Desexo que
cando remate o ano
teñas ganas de que non remate.
Categoría: Xeral - Publicado o 26-12-2008 22:06
# Ligazón permanente a este artigo
DESEXOS PARA O 2009 (1)
Inicio hoxe unha serie, utópica - ou non- a máis non poder, para pedir para o 2009.

Velaí vai o primeiro pedido:

DESEXO QUE NO 2009 A PRENSA DO MEU PAÍS SEXA A PRENSA DO MEU PAÍS

é dicir
que reflicta a realidade na que vivimos os galegos
é dicir
que se resulta que o 98 por cento da poboación entende o galego, e non sei canta porcentaxe pero seguro que non o 2 por cento que hai de galego nos xornais, o falamos, daquela, que a prensa reflicta ese feito
é dicir
que se os xornais presumen de que son un reflexo da realidade
daquela
que o sexan no que á lingua de se refire
porque
na sociedade real hai moito máis galego que o que hai nos xornais que pretenden informar a esa sociedade real.
Categoría: Xeral - Publicado o 25-12-2008 21:56
# Ligazón permanente a este artigo
CONTO DE NADAL 3

El saíu este sábado a cear cuns compañeiros e compañeiras doutro traballo que tivo no pasado.
Risas. Alcohol. Moito. De máis.
Acabaron a noite naquela discoteca na que el non entraba desde os dezaoito anos e a que ía cada domingo de adolescencia.
Xa no corredor sentiu que lle volvía o pasado todo e dixo en alto ( moito alcohol, de máis ): ¡eu non entraba aquí desde que tiña dezaoito, e agora xa paso dos corenta!
Daquela, decatouse de que toda a xente, toda, era máis ou menos do seu tempo e que, daquela, volvía estar coa mesma xente, na mesma discoteca, outra vez.
Sen poderse deter ( alcohol, moito, de máis ) entrou ata a pista. E alí, canda os mesmos sofás negros de escai, no escuro, atopouna.
Levo esperándote vinte e cinco anos, dixo ela.
Despois, el sacouna a bailar.
Coa mañá comeron chocolate con churros na súa casa.
Categoría: Xeral - Publicado o 23-12-2008 22:35
# Ligazón permanente a este artigo
NON SEXAMOS CÁNDIDOS

Ese é o título do meu artigo en A Nosa Terra.
Podédelo ler aquí.
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 21-12-2008 22:49
# Ligazón permanente a este artigo
CONTO DE NADAL 2 ( A CASIÑA DE CHOCOLATE )

El dixo, recordo que unha das cousas que máis me gustaban cando era neno era facer cabanas con cartóns e caixas de madeira da froita que nos daban no mercado.
Xuntabámolas e desafinado á lei da gravidade, eramos capaces de facer que se sostiveran. Ata que chovía, claro.Dentro, fumei os primeiros cigarros, rin moitísimo con outros nenos e nenas e vin unha e outra vez aquela revista que un lle roubara a seu pai que a trouxera de Holanda.
Por iso quero facer unha cabana pero contigo dentro.
E levarte a comer alí.
E chuparte os dedos para que non manches as mans.
Ela, que coñecía o conto, dixo que si.
Que por que non lle facía a casiña de chocolate.
Categoría: Xeral - Publicado o 18-12-2008 22:54
# Ligazón permanente a este artigo
CONTO DE NADAL 1

Ela preguntoulle que quería como agasallo polo Nadal.
El dixo, quero chocolate.
Concretamente o que dixo foi, quero unha tableta enorme para fundila e, cando estea morno, pintar sobre o teu corpo.
¿Pintar?, ¿pintar sobre min?, dixo ela finxindo abraio. Pero se ti non sabes nin facer unha cara cun seis e un oito.
El, ou non oíu ou fixo por non escoitar. Así que insistiu: unha tableta enorme de chocolate moi negro para fundir a lume manso e despois pintar sobre ti. Iso é o que quero para Nadal.

Pint
ar te.
Categoría: Xeral - Publicado o 17-12-2008 23:16
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0