A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CANDO NON SE ATURA A REALIDADE, VIVA A FICCIÓN

Os que seguen decote este blog saben que levo uns días raro.
Un chisco desbordado pola realidade.
E os que seguen decote este blog tamén saben que non gusto moito de Mario Vargas Llosa. Sen embargo, no seu artigo deste domingo en El País, regálame unha frase que me/nos alivia: Cuando la realidad se vuelve irresistible, la ficción es un refugio. Por eso existe la literatura.
Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2008 21:56
# Ligazón permanente a este artigo
RELIXIÓNS. INGLÉS, CIDADANÍA

Onte mostraba aquí o meu desconcerto.
Normal.
Porque non me entra na cabeciña que a día de hoxe un dos grandes problemas da humanidade sega a ser a relixión. Tanto, que entra dentro do posible que calquera fanático, de calquera confesión, che faga voar polos aires en nome da súa verdade importándolle de paso, un pemento de Padrón que ti decidas pensar diferente, que non comungues ou, simplemente, que renuncies á súa versión da bondade.
Non me entra na cabeciña.
Como non me entra que en troques de gobernar a ciencia, e a razón, e o senso común, e a lóxica, e o demostrable, e o comprobable, e o normal, que nuns lugares e noutros, continúen a matarse en nome dun Deus que din verdadeiro.
Para deprimirse.
Pero non desenfoquemos. Porque os fanatismos non están tan lonxe de nós.
Matar a todo deus ( vai con segundas, claro ) para gañar o paradiso non é moi distinto, se a niveis de fanatismo falamos, que obrigar a que a asignatura de Educación para a Cidadanía se dea en inglés.
Por poñer un exemplo.
Lamento que me teñan que aturar esta vaga de decepción co ser humano.
Pero vou sobrado de motivos.

Categoría: Xeral - Publicado o 29-11-2008 22:39
# Ligazón permanente a este artigo
O ANIMAL PARVO

E a min, de verdade, gustaríame crer que o mundo mellora e que, como dicía Kant aló polo XVIII, a humanidade chegou á maioría de idade, e que só nos resta confiar en que a razón nos fará de cada vez máis sabios, máis felices, máis, no fondo, persoas.
Pero a realidade insiste en levarme a contraria. E de cada día que pasa téñoo máis claro. Somos parvos, moi parvos, unha especie parva emparvecida, cunha capacidade para complicarse a existencia realmente notable. Non temos amaño. Levamos matándonos toda a eternidade e moito me temo que imos seguir facéndoo durante o tempo que nos quede neste planeta. Cando por fin nos extingamos, o último ser humano que quede pensará: que desperdicio, que oportunidade tirada, que mal o fixemos, que desastriño.
Categoría: Xeral - Publicado o 28-11-2008 22:22
# Ligazón permanente a este artigo
MAÑÁ EN PONTEVEDRA

Mañá, ás sete do serán, participarei no Clube de Lectura da Biblioteca de Pontevedra. Veñen de ler a miña novela As palabras da néboa, e dela falaremos.
Será un pracer atopalos por alí.
Categoría: Xeral - Publicado o 26-11-2008 22:04
# Ligazón permanente a este artigo
MARIMANTA

Hai xente que non se queixa e ponse a turrar do carro, hai xente que non sabe de pesimismos e traballa para que as cousas vaian para mellor.
Un blog coma este, que tantos anos leva xa falando, en positivo, do fomento da lectura, ten que mostrar o seu entusiasmo diante de iniciativas coma esta de Marimanta, que hoxe coñezo. As cousas fanse así. Montemos obradoiros para que os pequenos amen os libros, chalas para que os pais entendan como estimulalos a ler, outro para que debuxen... as posibilidades son infinitas. Sobre todo cando hai xente entusiasta e entusiasmada detrás como o grandísimo Xosé Tomás e os demais betanceiros poderosos.
Longa vida para esta fermosura!
Categoría: Xeral - Publicado o 24-11-2008 23:00
# Ligazón permanente a este artigo
OXALÁ, SEÑOR FEIJOO, OXALÁ
Nunha completa entrevista en El País, o candidato popular á presidencia da Xunta, Alberte Núñez Feijoo fala así sobre o "conflicto lingüístico" ( así é como o di o xornal, que xa ten coña ): El PP lo tiene resuelto. Derogaré el decreto que es la causa del conflicto y preguntaré a los padres antes de proponer un pacto a PSOE y BNG. Queremos libertad para los padres en educación infantil y equilibrio lingüístico al final de cada ciclo formativo. Pusimos 50% como mínimo de las asignaturas en el Plan de Normalización Linguística para unir en el consenso a los nacionalistas. Pero no se puede utilizar eso para impartir el 80% o el 90% en gallego.Se ha utilizado torticeramente un pacto y eso es tanto como incumplirlo. Aquel plan no decía que la lengua vehicular sería el gallego
Non imos pararnos sobre o sentido que pode ter preguntarlle aos pais e ás nais sobre asuntos referentes á educación dos fillos. A educación é algo que non se pode deixar ao arbitrio, gusto ou crenzas dos proxenitores, que son pais e nais, si, pero iso non é garantía de que o que digan teña necesariamente sentidiño. Por exemplo a meirande parte dos pais e das nais poderían pedir, é un supoñer, que os nenos inmigrantes estudaran a parte, ou que non se permitise estar na escola a xitanos, ou que os nenos galegofalantes e os españolfalantes estivesen segregados. Aínda que tal cousa desexaran, os criterios deben de ser outros. E educarse na lingua do propio país debería de ser algo normal. Así é, de feito, en todos os países do mundo ( e xa me parei de máis ).
Pero no que si habería que pararse é nesa, cando menos, "inexactitude" referida a que se imparten o 80 ou o 90 por cento das asignaturas en galego. Os estudos feitos en serio sobre a materia deixan claro que non se cumpre o decreto que el, en canto goberne, derogará. El sabe que iso non é certo. El sabe que moitos docentes que están obrigados por lei a impartir a asignatura en galego ( obrigados por lei, insisto ) non o fan porque non lles peta. El sabe que na meirande parte dos casos un cativo galegofalante en canto chega ao ensino se castelaniza. E el sábeo e por iso non podo entender que se poña agora tan extremista.
Xa que logo, só me resta repetir o que o outro día unha profesora me dicía sobre o da metade das asignaturas en galego: "oxalá, eu xa me daba por satisfeita se se desen a metade, como manda a lei".

Categoría: Xeral - Publicado o 23-11-2008 22:03
# Ligazón permanente a este artigo
NON HAI QUEN OS ENTENDA

Non hai quen os entenda. A estes do Club Financeiro.
Hai un mes ou así montan unha pirula de tres pares de bemoles co asunto da lingua argumentando ( é un falar ) que o galego era un freo para a economía e, tal e como o contaban, pouco menos que Galicia estaba en perigo de se convertir no desastre máis grande nunca coñecido por culpa dos que insisten en que hai que aprender galego desde pequenos. Deron a vara con iso. E tocáronos nese sitio con iso.
E onte van e lle entregan a medalla de ouro ao presidente de Barreras, é dicir, a unha empresa que, xusto no mesmo instante en que os do Clube Financeiro estaban cuspindo a súa galegofobia, este astaleiro decidía que toda a súa comunicación interna e boa parte da externa fose en galego.
Digo que non hai quen os entenda porque os contradictorios dirixentes do Clube Financeiro de Vigo premian a Barreras, ou sexa, a un astaleiro que ten o galego como lingua de seu "polo súa contribución ao desenvolvemento de Vigo e a súa área de influencia". Ou sexa, polos seus éxitos económicos.
A ver, que se aclaren.
Porque ou ben son unha panda de contraditorios ou o barullo aquel foi só por facer política.
Categoría: Xeral - Publicado o 22-11-2008 22:16
# Ligazón permanente a este artigo
TODOROV

Ese é o título do meu artigo de hoxe en A Nosa Terra Diario.
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 21-11-2008 22:48
# Ligazón permanente a este artigo
QUE PARVOS OS CENSORES
Onte inaugurouse na Casa Galega de Cultura a exposición Editar en galego baixo a censura franquista. Non debedes deixar pasar a oportunidade de, entre outros materiais, ler os informes dos censores sobre algunhas das obras máis senlleiras daqueles autores da Nova Narrativa Galega, e doutros moitos máis, que comezaban timidamente a camiñar cos seus respectivos proxectos literarios. Tamén outros como Cunqueiro tiveron que soportar os furores censores. Na meirande parte dos casos, os encargados das tesoiras demostraban que eran directamente parvos, pois escribían cousas sobre os textos que lían no que se evidenciaba que nada entenderan.
Iso si, eran parvos. Pero tamén moi perigosos.
Na mostra veredes como autores coma Casares ou María Xosé Queizán só se lles daba o "nada que objetar" sen suprimían unha serie de párrafos que se consideraban ofensivos.
Especialmente interesante é a reprodución dun "formulario" que o censor tiña que cumplimentar onde, en xeito de test, se preguntaba se o libro ofendía ao réxime, á igrexa, a alguén que colaborase no pasado co réxime e flores polo estilo.
Menos mal que a censura xa non existe.
Categoría: Xeral - Publicado o 19-11-2008 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
PERDER A COR. PERDERSE

Lin por aí que na India está a facer furor un produto cosmético que enbranquece a face. Traducido: que fai que deixes de parecer hindú para imitarte a un occidental. Nalgúns países asiáticos están a facer algo parecido, pasando por quirófano para que lles poñan os olliños redondiños coma os nosos.
Non vou gastar as xemas dos dedos en teclear sobre o absurdo destas condutas.
Pero si sobre que ler esas informacións fixo que me dese por pensar ( xa saben que son un tipo revirado ) que moitas galegos e galegos fan o mesmo: renuncian ao que é seu - a súa lingua, o acento propio, a súa música, paisaxe... - e loitan toda a súa vida por parecer "señoritos de fóra".
Non teño dúbidas de que moitos paisanos nosos que rexeitan o propio, de poder, mercarían algunha clase de crema para poder botar polo corazón e así esquecerse desta finisterrae complexa.
O malo é que o produto resultante sempre dá grima: ¿ou non era máis chusco o Jackson cando era negro que agora que é beige?
Categoría: Xeral - Publicado o 18-11-2008 22:19
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0