A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

MAÑÁ NA ESTRADA

Como xa informei, e dado que o día de mañá, venres, vai ser un chisco complicado e non vou ter tempo de pararme co ordenador, prefiro dicilo hoxe e convidarvos a todos os que pola zona esteades á entrega do Premio Manuel García Barros de Novela, no Teatro Principal ás oito da tarde.
Así, a miña novela As Palabras da Néboa nacerá oficialmente.
Será un pracer saudar a todo canto náufrago cómplice poida coñecer.
Categoría: Xeral - Publicado o 29-11-2007 14:17
# Ligazón permanente a este artigo
CEA E LITERATURA
O pasado sábado levei unha sorpresa enorme. Fomos cear a un restaurante vexetariano que hai en Vigo e que se chama Gálgala. A sorpresa foi maiúscula porque é a primeira vez que vexo tan ben integradas a cociña e a literatura.
Comezarei dicindo que non son un gran amante da cociña vexetariana. Cómoa. Gústame. Pero non son un fan. A ver: son fillo de carniceira e na miña familia hai 15 carnicerías en total. Saíulles un escritor. Eu. A mutación xenética. Pero gosto dela e cómoa con pracer. Pero se me fixese vexetariano retiraríame a fala toda a familia. E non é plan.
A sorpresa nese restaurante consiste en que, mentres os clientes agardan polos seus platos, a encargada, marabillosa e sutil, achégase cuns papeis. Teñen montado, cada mes, un Concurso de Relatos Breves, Muy Breves, así se chama. Para relatos en galego ou castelán. Non máis de dez liñas e partindo dunha frase dun autor célebre, que ten que ser a primeira do relato. Os comensais teñen a oportunidade de ler os relatos seleccionados como mellores para ese mes e valoralos, escollendo así o gañador. De premio, unha cea para dúas persoas no propio restaurante e a publicación na carta do relato gañador ese mes.
Imaxinade o meu pracer. Ceando e, ademais, de membro dun orixinalísimo xurado de Premio Literario.
Isto si que é dar de cear. E a demostración de que, cando funciona a imaxinación, é doado levar a literatura a todas partes. Porque, xúrovolo, todos os que estabamos no restaurante ( un sábado a noite, cheo ata arriba e imaxino que non todos lectores ), todos sen excepción, limos os orixinais e votamos.

( Para o mes que vén, o relato debe comezar coa frase de Antonio Muñoz Molina, do seu El viento de la luna: Yo nunca he visto una mujer desnuda).

Que vos preste a cea.
Categoría: Xeral - Publicado o 27-11-2007 13:31
# Ligazón permanente a este artigo
ANDEIS BALEIROS NAS CASAS GALEGAS

En relación co que levamos uns días falando, onte La Voz de Galicia informaba de que a meirande parte dos galegos teñen menos de 50 libros na casa. De feito, case que o 20 por cento dos fogares galegos non teñen nin 10 libros entre todos os membros.
Iso si, o 99 por cento das casas teñen televisor ( en moitas deles, máis de un ), case que o 20 por cento dos edificios, antena parabólica e, móbil, practicamente todo o mundo.
Lembremos: só gastamos 5.1 euros ao mes en libros. Pero, en móbil: 43,79.
Están claras, xa que logo, cales son as nosas prioridades.
Categoría: Xeral - Publicado o 26-11-2007 12:36
# Ligazón permanente a este artigo
AS PALABRAS DA NÉBOA
Supoño que xa estará nas librerías, porque o vindeiro venres, ás 20 horas, no Teatro Principal da Estrada, será o acto de entrega do Premio de Novela Manuel García Barros que, como sabedes, este ano mereceu a miña novela, editada en Galaxia, As Palabras da Néboa.
O acto, de entrada libre, vai ser ben xeitoso, pois vai incluído un recital de música.
Estades convidadas e convidados.
E como queda feo falar da propia obra, velaquí o texto da contracapa: Esta é unha novela sobre a liberdade. E sobre os soños. Dos homes e dos pobos. As palabras da néboa é unha historia sobre tres destinos. Un aventureiro que volve do Novo Mundo; un señor feudal derrotado; unha muller libre que cambia a realidade só coa palabra. Maxia, libros prohibidos e unha revolta campesiña na Galicia do século XVI forman o pano de fondo no que Francisco Castro sitúa un relato de guerras, meigallos, violencia e épica colectiva. Unha historia sobre o dereito á utopía.
Categoría: Xeral - Publicado o 23-11-2007 16:28
# Ligazón permanente a este artigo
5,1 EUROS AO MES EN GASTO DE LIBROS
Como cada ano, o Ministerio de Cultura publica o Anuario de Estadísticas Culturales. E como cada ano, comentámolo neste blog náufrago.
Seguimos igual. Ou sexa, non moi ben. Os galegos gastamos arredor de 168 euros ao ano en cultura, dos cales só 61.3 van para libros, o que, nunha doada división dános un total de 5,1 euros ao mes en gasto relacionado coa lectura.
Igual ten algo que ver o que comentabamos o outro día, de que os galegos somos os que case que gañamos menos de todo o Estado ( só están por debaixo os cidadáns de Extremadura ), pero para min que ten que ver con outro tipo de cousas. Porque a pesar de que ingresamos tan pouco, o certo é que en tecnoloxía gastamos case que a mesma cantidade ao ano ( 59,2 euros ) e aparellos electrónicos só se mercan, polo xeral, un ao ano ( e esaxerando: eu en todo o 2007 non fixen gasto ningún nese apartado ). E ademais, o que sempre dicimos: se non chegan a 1000 pesetas das de antes o gasto en libros ao mes, e algúns gastamos tanto e tanto en libros, hai que imaxinar que, en xeral, unha parte importantísima dos galegos non gasta.... absolutamente nada de nada en libros.
Esa é a nosa realidade. E por triste que nos pareza é a que hai que manexar.
Por iso hai que se esforzar en cambiala.
Por iso hai que encetar proxectos interesantes para variala.
Por iso hai que poñer a imaxinación a furrular para que se invirta esa situación.
Por iso hai que botar a andar iniciativas que traian aos lectores cara o noso.
Calquera cousa menos o fatalismo.
Non ten por que ser sempre así.
Categoría: Xeral - Publicado o 22-11-2007 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
AS CARAS DO LIBRO GALEGO
Onte acodín á inauguración da exposición-homenaxe a Xohán Ledo, organizada pola Editorial Galaxia, no Pazo Quiñones de León de Vigo.
A mostra é un luxo absoluto e por moitos motivos. Dividida en dous espazos, un dedicado á súa faceta, inmensa, de pintor ( coido que a máis descoñecida, a máis inxustamente descoñecida ), e a outra máis ao libro e ao seu traballo para Galaxia ( Xohán Ledo foi principal ilustrador e deseñador dos libros da Editorial Galaxia e a revista GRIAL dende 1951 ata 1983 ), a mostra serviralle ao visitante para coñecer a un artista que soubo poñer o seu pincel, as súas enerxías e o seu talento, e nuns tempos nada fáciles, ao servizo dun País que loitaba por non desaparecer. Como lembrou Víctor Freixanes durante a presentación, xunto con Luís Seoane (desde o exilio exterior ), Xohán Ledo ( desde o exilio interior ) souberon poñerlle cor, e alma, ao libro galego durante décadas.
Para min resultou especialmente emocionante ver as primeiras edicións de libros que hoxe son clásicos e nos que o deseño de Xohán Ledo aínda, hoxe, pasados tantos anos, resultan brillantes, en tanto que volumes que teñen a obriga de entrar polos ollos, por suxestivos.
Pero a exposición quere ir máis lonxe, e Galaxia preparou un ciclo de debates e mesas redondas nas que se vai falar do libro galego desde os seus inicios ata os tempos modernos. Será en Vigo e ata Xaneiro. O programa completo téndelo aquí. Unha das mesas de debate leva por título Os libros de mañá. Novas tecnoloxías e novas linguaxes, e eu terei a honra de ser un dos convidados ( en tanto que escritor e responsable deste blog náufrago ) á beira do blogueiro Oscar Sánchez, a xornalista dixital e escritora Rosa Aneiros e a tamén xornalista dixital María Yáñez. O moderador será Manolo Gago, director do portal Cultura Galega.
Xa que logo non só unha fermosa e completa exposición, senón un acontecemento cultural completo.
Categoría: Xeral - Publicado o 21-11-2007 11:17
# Ligazón permanente a este artigo
HARRY POTTER E AS RELIQUIAS DA MORTE

Hoxe a prensa informa de que a versión en galego do último Harry Potter estará ao mesmo tempo dispoñible en galego que en castelán e catalá. A data de saída é o vindeiro 21 de Febreiro. Será, como os outros da saga, da man de Galaxia.
Esta é unha nova importantísima, porque os lectores galegos das historias do neno-mago, en galego, unha vez que xa leron as que estaban editadas, tiñan que optar por seguir a historia en castelán.
Un dos méritos das sagas é que enganchan e que un non pode deixar de ler e de ler e de ler. Un namora deses personaxes e quere sabelo todo. Eu mesmo vin nenos collendo o libro en inglés nas librerías de Vigo para tentar descifrar o que dicían as últimas liñas e saber así o que o destino lles deparaba a Harry, Ron e os demais.
Na liña do que o outro día celebrabamos, esta, a de hoxe, é unha nova boísima.
Categoría: Xeral - Publicado o 20-11-2007 13:26
# Ligazón permanente a este artigo
A CENSURA É INTOLERABLE
Comentaba onte en La Voz de Galicia Francisco Ibañez que, con Franco, tiña un ollo no papel e outro na censura. E que agora, por suposto, todo é moito mellor.
Suponse que, a pesares de cousas como el asunto de El Jueves, en España xa non hai censura.
Pero no Irán si.
Lemos que a censura iraniana vén de prohibir a reedición do libro de Gabriel García Márquez, Memoria de mis putas tristes.
Conseguira pasar a censura na primeira edición porque o tradutor cambiou a palabra "putas" por "bellas" e, daquela, colouse. Pero, na segunda ocasión, non.
Sen meterme no asunto da calidade do texto e da súa temática ( pero non podo deixar de dicir que o libro pareceume malo, indigno dun home do seu talento ), o certo é que a comunidade internacional debería reaccionar, diante de casos coma este, para encetar algunha clase de iniciativa coa finalidade de acabar coa censura en todo o mundo. Quen di Irán di a China ou Estados Unidos. Ou España. Igual que salvamos as ballenas, ou pedimos o peche de Guantánamo, por indignos ambos os dous comportamentos, debería haber un movemento global contra da censura en calquera lugar do mundo.
¿Quen ten a potestade para decidir que se debe ou non editar? Desde logo, os gobernos, non. Cando menos, o goberno do Irán non, como proba o feito de que a primeira edición do libro, a única que se publicou pois xa non haberá outra, esgotouse en tres semanas. Xa que logo, a xente quere ler esa historia. O goberno non pode censurar a súa publicación. ¿Non nos pareceu intolerable o castigo, no seu día, contra Salman Rusdhie? Salvando as distancias, isto non é menos grave.
O motivo oficial, coma sempre, é que ofende á moralidade oficial do Irán. Non che sabía eu que existía algo así como "moralidade oficial" dun país. Quererán dicir a moralidade oficial dos que gobernan nun país. ¿Era a moralidade española a moralidade da censura franquista? Daquela, ¿por que pasaban a Francia a ver películas eróticas?
Os xornais de alí falan do contido vergonzoso da novela e da súa inmoralidade e que, por iso, a novela non debe chegar aos ollos dos lectores. Eu diríalles aos cidadáns do Irán que non deben ler esa novela porque, simplemente, é unha mala novela. Déixase ler, pero nada máis.
Pero o importante é que en todas as partes do mundo a xente teña dereito a ler, incluso, novelas tan malas coma esta.
Categoría: Xeral - Publicado o 19-11-2007 14:25
# Ligazón permanente a este artigo
MAREA DE PALABRAS
Hai cinco anos, cando escachou o Prestige, os escritor@s galegos aproveitaron para dar unha lección de compromiso co país poñendo a súa pluma contra a marea negra.
Coido que, cando pasen moitísimos anos, tantos como para que ningún de nós estea xa sobre o planeta, os historiadores da literatura porán os seus ollos nas moitas obras que o petroleiro provocou e pensarán: que país máis curioso. Probablemente non se teña dado ( ou, serei humilde: eu non o sei ) en toda a historia dos pobos unha unión máis grande de creadores tirando xuntos do mesmo carro e cara o mesmo lugar.
De todo elo, dá conta hoxe El País.
No persoal, quedo con algunhas obras que cómpre volver a ler pero, agora xa, tendo ese lustro que pasou na memoria. Por exemlo, Orixe, de Sechu Sende, que mereceu o Blanco Amor, e os libros colectivos ( nos que integrei un relato en cada ), Alma de Beiramar e Sempre Mar. E como resumo perfecto, e homenaxe mellor aos voluntarios que si souberon estar á altura, o libro de fotos de Xurxo Lobato, No País de Nunca Máis.
Toda unha demostración, a música, a literatura, as palabras daqueles días, da forza dun país, creando beleza a partir da desgraza.
Categoría: Xeral - Publicado o 16-11-2007 14:27
# Ligazón permanente a este artigo
MORTADELO E FILEMÓN
Mortadelo e Filemón cumplen 50 anos.
Nunca agachei o moito que me gusta a banda deseñada e, desde logo, nin a miña novelística nin a miña vida serían a mesma sen lecturas como Mafalda, Astérix, Jabato, Capitán Trueno, os heroes da Marvel... Pero, sobre todo e por enriba de todos eles, Mortadelo e Filemón.
Todos temos lembranzas queridas da infancia. Unha das máis fortes que teño é eu rindo a cachón na cama, tería oito anos ou así, por culpa destes dous axentes entolecidos da TIA. Tanto foi o estrépito que montei, que miña nai e meu pai correron a fume de carozo ata o meu cuarto pois pensaron que quedaba sen aire e morría.
Se alguén me pregunta que é máis importante que lea unha crianza a día de hoxe, se algunhas das obriñas planas e superficiais e politicamente correctas e curricularmente adaptadas e toda esa verborrea pedagóxico-didáctica, ou os álbumes de Ibañez con Mortadelo e Filemón e toda a súa bendita iconoclasia crítica, non dubido. Farán moito máis polo seu desenvolvemento futuro que outras moitas obras máis correctas.
Porque estes dous, agás correctos, son moitas cousas.
Xa imaxino a Ofelia levándolle unha torta de cumpreanos aos dous axentes, pero Bacterio abre a porta sen se decatar e termina caendo sobre o Súper, o bigote cheo de nata, e Mortadelo e Filemón retorcéndose coa risa sen parar.
Categoría: Xeral - Publicado o 15-11-2007 14:17
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0