A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

HOXE ÁS 19.30 EN COMPOSTELA

Como xa vos informaba o outro día, hoxe ás 19.30 horas presentarei na Biblioteca Nova 33 ( R/ Frai Rosendo Salvado, 14-16, Compostela ), o meu libro para moz@s O Ceo dos Afogados, que resultou finalista do Premio Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. A gañadora foi An Alfaya con Illa Soidade.
Ademais do editor de Xerais, Manuel Bragado, estaremos os dous. Eu presentarei o libro de An, e ela presentarei o meu.
Se hai náufragos lectores deste blog que queiran pasar por alí será todo un pracer coñecervos.
Categoría: Xeral - Publicado o 30-10-2007 13:17
# Ligazón permanente a este artigo
RETRANCA


Comandados por ese tipo enome que é o grandísimo Kiko da Silva, nace Retranca, unha revista de humor feita desde nós e para nós. Na nómina de colaboradores, nomes - de nós - que garanten que vai ir ben seguro: Manuel Rivas, Miguelanxo Prado, Xaquín Marín, Pinto & Chinto, Leandro, Andrés Meixide... e outros de fóra ( de El Jueves, case que nada ).
Esta é unha iniciativa para apoiar. O humor sempre foi un dos nosos sinais de identidade. Por algo inventamos as cantigas de escarnio e maldizer, ou as regueifas, e tantas e tantas coplas de música tradicional cheas, precisamente, de retranca, de dobres xiros, de significados coñeiros. Por non falar do grandísimo Castelao. E ademais, un pobo que sabe rir de si mesmo é un pobo cheo de saúde. E aquí, desde aquela mítica publicación do Can Sen Dono que dirixía Pepe Carreiro, ata hoxe, a verdade é que andamos un chisco orfos de publicacións retranqueiras.
Longa vida. E moitas risas.
Categoría: Xeral - Publicado o 29-10-2007 14:30
# Ligazón permanente a este artigo
41

Hoxe cumpro 41 anos.
Dicía Faulkner que todas as desgrazas do mundo estaban causadas por xente que estaba entre os 20 e os 40 anos.
Síntome en verdade aliviado.
Categoría: Xeral - Publicado o 27-10-2007 13:55
# Ligazón permanente a este artigo
¿QUE TEÑEN OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN GALEGOS CONTRA DE NÓS? ( Un par de preguntas duras )
A noticia da semana, a gratísima nova da semana, e se me apurades, case que do ano, foi a concesión do Premio Nacional de Literatura Dramática ao galego Rubén Ruibal polo seu Limpeza de Sangue (Xerais ), aínda pendente de estrea.
Hoxe, nunha entrevista en El País, fala de moitas cousas, pero hai algo nas súas declaracións que é importante destacar e que, desde este blog vimos repetindo, coma profetas no deserto, desde hai anos: Sobre la visibilidad de la cultura gallega, dice no confiar en los "milagros". "Las posibilidades pasarían por un cambio radical en la posición de la prensa y las televisiones con respecto a la cultura y el idioma. ¿Alguien cree que si la mitad de las horas que dedica nuestra televisión a orquestas y fiestas gastronómicas las dedicase al teatro, al cine por inventar o a la literatura propias, la visibilidad de la cultura gallega sería la misma?", se pregunta.
Mellor non se pode dicir. A nosa cultura é invisible, e a prensa e as teles terían que atreverse a dar un cambio total e comezar a falar de nós. Con orgullo. ¿Ou non deben as televisións e a prensa de aquí mostrarse orgullosas da cultura que se fai aquí? Porque non é a mellor do mundo pero, desde logo, tampouco é a peor do planeta. Mais é a nosa. A cultura de aquí. A que se fai aquí. A cultura galega que debería, só por iso, recibir o apoio incondicional dos medios galegos. E celebrar os seus éxitos e os seus productos. Igual que falan das xestas deportivas do Celta ou do Dépor, por exemplo. Iso sería o mínimo, porque, como ben di Rubén Ruibal só con que nos dedicasen a metade, xa non todas as horas, senón a metade do tempo do que lle dedican ás festas gastronómicas, desde logo, veríasenos moito máis, tomaríasenos moito máis en serio, respectaríasenos en xeral moito máis.
Por iso teño gañas de preguntar: ¿pero que teñen os medios de comunicación galegos contra de nós, contra da cultura galega, contra da literatura, o cine, o teatro feito en Galicia?, ¿ou teño que pensar que só se trata de que teñen algo, en xeral, contra da cultura?
Categoría: Xeral - Publicado o 26-10-2007 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
APRENDER A ODIAR A LECTURA

O pasado domingo, o xornalista Jorge Casanova, desde as páxinas de La Voz de Galicia, ofrecíanos unha interesante reportaxe arredor do feito de que a LOE contempla que os nenos deben comezar a ler aos 3 anos. Despois, ofrecíanos nove claves para facilitar o tránsito por un proceso máxico, ou o que é o mesmo, nove asuntos referidos a como fomentar a lectura nos cativos.
De toda a súa reportaxe, interésame en especial o seguinte que de aquí transcribo:
¿Cómo estimular la lectura en un niño que la rechaza?
Hay muchas opiniones al respecto, aunque parece claro que una actitud presionante no beneficia en absoluto y puede traer consigo un rechazo mayor hacia los libros. Otro axioma es que la convivencia con un ambiente próximo a la lectura facilita la introducción y el cariño hacia los libros. Un hogar donde se lee el periódico, en el que los adultos leen con alguna frecuencia, es el caldo de cultivo mas apropiado para el nacimiento de futuros lectores. El socorrido ejercicio de leer un cuento a los niños antes de dormir sigue siendo una regla de oro que todos los educadores recomiendan sin excepción

Isto é especialmente interesante, porque igual que se fomenta a lectura, tamén lles aprendemos, os adultos, a odiala. Digo isto porque eu sempre parto da base de que a todos os cativos lles gusta que lles conten historias. ¿Lembrades a cara que poñen cando se lles conta un conto?, ¿coñecedes algún neno a quen sendo moi cativo (por exemplo eses tres anos dos que fala a LOE ) non lle agrade estar con eses fabulosos libros adaptados á súa idade, cheos de divertidas ilustracións, cores e, moitas veces, texturas. Daquela, ¿cando comezan a rexeitar a lectura?
Non imos nin a extendernos nin a repetir o que levo xa tanto tempo dicindo, pero é obvio que a casa falla. E o colexio. Non se lles pode presionar sobre isto. Si, quizais, para que aprendan a facer derivadas e integrais e análises sintácticas e todo iso, tan educativo. Pero non se lles pode presionar para que lean. Hai que seducilos. Por iso aí fálase de cariño. E de hábitos: nas casas xa non se len os periódicos. Moitos de nós somos lectores diarios porque na casa entraba todos os días o xornal. E lerlles, ler con eles, ler xuntos. Contos antes de durmir. Non un. Dous.
Comecemos a fomentar a lectura. Deixemos de traballar para o inimigo.
Categoría: Xeral - Publicado o 25-10-2007 12:25
# Ligazón permanente a este artigo
DÍA DA BIBLIOTECA

Hoxe é o Día Internacional da Biblioteca. Cómpre que o celebremos como é debido. Como se celebra a existencia, aínda, dun exemplar dunha especie protexida. Como se celebra o aniversario de alguén que ten moitos anos e que amamos tanto. Tanto.
E que lembremos, de paso, a súa importancia, cando menos, na vida de moitos que xa temos uns certos aniños. Porque teño a sensación de que hoxe xa non é o mesmo.
Digo isto porque, por exemplo, na miña adolescencia, ir á biblioteca era algo cotián para moitos de nós. Recordo como algo máxico ir ao ficheiro e procurar os libros que desexaba, e como eses me levaban a outros, e eses a outros. E eu gozaba anotando os pés de páxina, consciente de que aínda tiña que volver ao ficheiro e coller todos eses libros. A sabedoría, toda, estaba na biblioteca.
Eu imaxino o paraíso como unha biblioteca, dixo Borges.
Lembro a luz das bibliotecas, sempre me pareceu moi branca, moito máis cá outras luces do mundo. Quizais non era así, pero na miña memoria é así. Lembro a sensación, engurrada pero doce, de coller libros moi vellos, e de preguntarme cantos ollos terían deitado as súas pupilas nesas páxinas antes cá min. Acariñar os seus lombos e as súas cubertas, coma fetiches ou tótems fundamentais.
Hoxe, a rapazada non ten como un dos seus lugares habituais a biblioteca. Dependen do google, esa chuleta universal, e se teñen que facer un traballo, poñen o que queren procurar, cortan, pegan, e, desde logo, non len. Para que van ler se en cuestión dunha millonésima de segundo teñen millóns de páxinas que lles dán esa información que procuran pero que, desde logo, non pensan ler. Para facer o traballo é dabondo. Pregúntome, xa que logo, para que se lles manda facer segundo que traballos...
Na biblioteca da miña cidade, agora, só vexo a catro velliños que len o periódico pola gorra, quizais porque non poden facelo no bar, a universitarios desesperados cos seus apuntes aos que de cando en vez lles soa o móbil, alí, nese Territorio Aínda de Silencio e, os días de contacontos, a pais ilusionados que loitan, así, para que os seus fillos amen a lectura tanto coma eles a amaron, a aman e a amarán.
Hoxe é o Día Internacional da Biblioteca. Os xornais seguen a dar a matraca con Fernando Alonso.
Categoría: Xeral - Publicado o 24-10-2007 09:33
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS DE OUTONO: PONDAL, BAUDELAIRE, POE
Veño de rematar, nunha soa tarde, tres libros editados pola Editorial Tris Tram que recollen unha antoloxía de poemas de Baudelaire ( en versión francesa e galega ), de Poe ( inglés e galego ) e de Eduardo Pondal.
Son tres libros diminutos que non chegan nin a ser de peto. Son de peto de camisa. Un formato cómodo e baratísimo para volver a reler poemas de viño e dor ( Baudelaire ), de corvos e amor gótico ( Poe ) e de paixón céltica e de Breogán ( Pondal ).
Agora, o máis interesante: cada libro de poemas saiume por 3.95 euros.
Para que logo digan que ler sae caro.
Categoría: Xeral - Publicado o 23-10-2007 13:32
# Ligazón permanente a este artigo
O CEO DOS AFOGADOS

Esta semana estará nas librerías a miña novela para moz@s O Ceo dos Afogados que resultou finalista do Premio de Literatura Xuvenil Caixa Galicia 2007.
Presentarémola, xunto con Illa Soidade de An Alfaya, gañadora do mesmo premio, o vindeiro martes día 30 en Santiago, na Biblioteca da Fundación Caixagalicia ás 19.30. Quedades convidados. E xa sabedes que hai premio.
Dicía Hemingway que, unha vez publicado un libro, era moi difícil para o seu autor explicalo. Así que, de seguido, o texto que vai na lapela do libro, para que vos fagades unha idea. A ver se vos gusta.
Todos os delfíns de todos os mares, todos os delfíns de todos os océanos, todos os delfíns de todo o planeta decidiron xuntarse á mesma hora no mesmo punto de todos os mares, de todos os océanos de todo o planeta para dende alí avanzar cara á costa. Ás seis horas xustas de ter iniciado aquela estraña peregrinación, como chamados por unha orde misteriosa, pararon, todos de súpeto e de vez. Os científicos amosáronse abraiados diante do silencio, absoluto, en que ficaron instalados os golfiños en cousa de poucos segundos. Todos calados. Coma mortos. Coma á espreita. Coma afogados. Desde aquel intre, as fotografías que foron ofrecendo os satélites e as imaxes emitidas polas canles de televisión sobre o fenómeno resultaron, primeiro sorprendentes e logo arrepiantes: centos de miles de golfiños configuraban círculos case perfectos repartidos por toda a xeografía marítima planetaria. Ninguén sabía explicar que estaba pasando.
O ceo dos afogados, primeira novela de Francisco Castro na colección Fóra de Xogo e finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, aborda -baixo a aparencia dunha novela de aventuras e intriga- a importante cuestión da comunicación dos seres humanos cos animais e o desenvolvemento sostible do planeta.

Categoría: Xeral - Publicado o 22-10-2007 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
RADICAL ( PERO NON DEBERÍA )
Unha das cousas que máis se subliñaron trala concesión do Nóbel de literatura a Doris Lessing é que estabamos "diante dunha autora cunha ollada radical". Non está mal que nestes tempos light, descafeinados, aborrecidos, taciturnos, sombríos e moi dados ao pasteleo, non está mal, dicía ( é que me perdo con tanto adxectivo, xa saben, unha das marcas da casa ) que a Academia Sueca nos premie a alguén que pode presumir de radicalidade como un dos sinais identitarios da súa obra. Así non nos sentimos tan sós polo mundo adiante.

Sen embargo, cómpre que reflexionemos sobre esa radicalidade e que lle engadamos, axiña, iso de que non debería de parecernos unha ollada radical. Porque a estas alturas da película xa non nos debería parecer radical reivindicar os dereitos da muller ( nin, xa que estamos, os dereitos de ninguén ), nin a súa igualdade, nin a súa experiencia feminina como algo singular, diferenciado e, por suposto, en pleno plano de igualdade co home.

Hai un libro publicado por Alba Editorial que hai ben de tempo que quería comentar e que, entre outras, trae un texto de Doris Lessing onde fica clara esa ollada radical que, insisto, xa non debería selo tanto. Refírome ao libro titulado Maternidad y Creación, volume ao coidado de Moyra Davey. No texto de Lessing, fálasenos da súa mocidade en Rhodesia. Casada aos 19 cun funcionario inglés deses de tomar o té co dedo apuntando cara arriba, axiña desertou das reunións de esposas que se xuntaban ¡para facer punto!, axiña desertou das ideas colonialistas de todos os brancos do lugar, axiña desertou da idea de parir e parir e parir fillos da Gran Bretaña para a meirande gloria do Imperio. Doris Lessing, radical, decidiu ser ela mesma e facerse radicalmente escritora radical.

O triste, amigas e amigos ( elas diante, para elas sobre todo escribo isto ) é que a día de hoxe, ser muller e ser ceiba, aínda hai quen o considera unha ollada radical.
Categoría: Xeral - Publicado o 19-10-2007 09:27
# Ligazón permanente a este artigo
MAÑÁ EN SANTIAGO, PREMIO A AGUSTÍN

Mañá estarei a iso das 12 e media no Colexio de La Salle de Santiago, para entregarlle ao grandísimo Agustín Fernández Paz o Premio Frei Martín Sarmiento polo seu libro Corredores de Sombra, gañador, para un durísimo e esixente xurado formado por miles de escolares de toda Galicia,como mellor libro do ano na categoría de máis de 14 anos.
Entrégollo eu porque o meu Un Bosque Cheo de Faias gañou o ano pasado e, xa que logo, tócame facer de mestre de cerimonias coma o ano que vén tocaralle a Agustín.
Cando saiu Corredores de Sombra xa dixen todo o que pensaba: no básico, que é unha obra magnífica, que o seu final é soberbio, que o pulso do narrador é envexable, e que o personaxe da rapaza protagonista é máis que verídico e, sobre todo, delicioso. Así que non me estraña que os escolares galegos tamén o consideraran o mellor do ano.
Categoría: Xeral - Publicado o 18-10-2007 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0