A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

MÁIS CULTURA ( NOCTÁMBULA ) NA GALEGA

Hai tempo, no meu outro blog, fixen ( como outra moita xente ) campaña activa para que o programa de libros da Galega, Libro Aberto, se emitise a unha hora decente, sobre todo, porque a pesares de emitirse, entre semana, case que as dúas da mañá, é o programa de libros con máis audiencia de todo o estado.
Hoxe érgome coa boa nova de que o programa cultural Miraxes, que ata o de agora só se emitía nas fins de semana, a partires de hoxe pasa a ter unha edición máis, tamén os luns... pero case que á unha da madrugada...
Daquela, a boa nova, que o é, paréceme xa menos boa, aínda que o sega sendo. Celebro esta noticia, a pesares do horario, porque gosto de Miraxes. Pero gustaríame, tamén, o martes, non andar estomballado por aí por terme deitado, por pura paixón cultural, ás horas que, entre uns e outros, están obrigándome a deitar.
Categoría: Xeral - Publicado o 15-01-2007 10:27
# Ligazón permanente a este artigo
¿COCIÑAMOS? ( UN XOGO MÁIS )
Sopa de Kafka
Despois do ben que o pasamos no noso Xogo de Nadal, vai sendo tempo de propoñer outro.
Descubro un volume curioso. Leva por título Sopa de Kafka ( Edaf. 92 páxinas ),e propón catorce receitas da literatura ilustradas polo autor: ovos ao estragón de Jane Austen, sopa de miso de Kafka, polos recheos de Sade...
Daquela, do que se trata é de que propoñas unha receita literaria e que, por suposto, a expliques.
Bon apetit e vale comer cos dedos ( ou co que sexa )
Categoría: Xeral - Publicado o 12-01-2007 14:09
# Ligazón permanente a este artigo
ESCRIBIR 200 LIBROS
A segunda parte de Peter PanPolo de hoxe publiquei dez libros.
Chega ás miñas mans a segunda parte de Peter Pan, editada por Obradoiro e que leva por título Peter Pan e a levita escarlata. A autora (gañou un concurso para ter dereito a escribila ) é Geraldine McCaughrean, unha escritora inglesa que xa publicou máis de douscentas obras.
Teño aínda moito traballo que facer.
Categoría: Xeral - Publicado o 10-01-2007 14:22
# Ligazón permanente a este artigo
SILENZO

O topicazo di que os escritores amamos a soidade. Porque é precisa para crear. A concentración e todo iso.
Probablemente é certo. Para min é unha fonte de pracer estar só, diante da pantalla, dándolle vida á historia que xa vive na miña cabeza ( no fondo non estou só: levo días vivindo con catro personaxes que, polo de hoxe, posúen unha forza demoledora, coma unha nebulosa no espazo ).
Sen embargo, como escritor debo de ser unha fraude, porque estes días escribo unha novela mentres o meu fillo, e seis ou sete amig@s máis, andan pola casa a xogar ¡ás agachadas! con todo ese balbordo marabilloso de risos, cousas que caen, e estrépito festivo ( o outro día meteuse un dentro do armario, outro preguntou se sabía onde estaba, e eu, sen deixar de teclear, neguei e seguín ao meu ); escribo, ademais, sufrindo porque este blog, durante un par de días ( o servidor anda en obras ) non pode funcionar como quixera, é dicir, en contacto con vós. Cando canso de escribir, minimizo a novela e falo con vós. É un bálsamo. Énchome de azos e sego.
O escritor ama a soidade.
Puidera ser.
Eu, neste intre da miña vida, non a quero para nada.
Categoría: Xeral - Publicado o 09-01-2007 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
O MEU CONTO ESTRAÑO DE NADAL
Os amigos da revista Código Cero ( xa está nos quioscos ) pédíronme que escribira algo sobre o Nadal. Como a revista vai sobre novas tecnoloxías e así, escribín, dadas as datas en que ía saír, un conto que titulei Por que Papá Noel odia Internet ( Conto estraño de Nadal ).
Se vos interesa e queredes opinar, podédelo ler indo á páxina 4 do exemplar da revista en PDF. É dicir, aquí.
Categoría: Xeral - Publicado o 07-01-2007 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
40 ANOS EN MACONDO ( Máis sobre a inspiración )
Gabriel García Márquez
Onte escribín sobre a inspiración. E hoxe leo que se cumpren corenta anos da publicación desa catedral literaria que é Cien Años de Soledad de Gabriel García Márquez.
Co gallo da eferméride, Márquez recorda que se lle apareceu con claridade a historia un día cando ía en coche desde Ciudad de México a Acapulco, sobre el océano Pacífico, á altura de Cuervanaca. Foi tan forte o que sentiu que segundo indicou: La tenía tan madura que hubiera podido dictarle allí mismo, en la carretera de Cuernavaca, el primer capítulo, palabra por palabra, a una mecanógrafa. Decidiu dar a volta e pecharse na casa durante ano e medio, pedíndolle á familia que non o molestasen por nada do mundo. Pediu papel e cigarrillos. A literatura toda xa a tiña dentro.
Xa que logo, a inspiración existe.
( Inspírate para comentar este artigo e lembra que xa queda pouco para que remate o Xogo de Nadal )
Categoría: Xeral - Publicado o 03-01-2007 06:51
# Ligazón permanente a este artigo
SON UN BLOC DE NOTAS
Horas antes da fin de ano lin unha entrevista co poeta Antonio Gamoneda onde dicía que o que máis apaixona a un poeta é o folio en branco.
El non o sabe pero fala de min.
Enceto a fin do 2006 e o comezo do novo ano tomando notas dunha maneira frenética para unha nova novela que xa vive dentro de min. Na cabeza están todos os personaxes, toda a trama, case que todos os diálogos, todas as xeografías que percorrerán os chamados a vivir a historia que nace da miña fantasía, a voz narradora, a súa música, como soarán as súas gorxas cando sufran, cando gocen, cando falen do mundo, cando rían, cando choren a eito. Xogo co meu fillo e de súpeto érgome e vou correndo a anotar unha idea. El protesta. Normal. Vou camiñando pola rúa e vexo con claridade tal escena e teño que tirar dun pequeno caderno que sempre vai comigo e anotar. Apóiome nun escaparate para escribir a idea dunha maneira máis ou menos digna e rífame o dono da tenda. Que fas aí apoiado, animal, que vas rachar o cristal. Nun local, durante a noite de Fin de Ano, atopeime con claridade coa muller protagonista do meu libro. Ela non sabe que é o puro azar quen fai que nos crucemos esa noite. É ela. Non pode ter outra cara. Non pode ser doutra maneira. A muller que sae na novela, penso, terá a túa cara, o teu pelo, eses beizos e non outros, esa maneira de estar tan seria no mundo e non outra. Xa está, xa te teño. E tiven que tomar unha manchea de notas mentais para non esquecerme e metela no meu libro.
Neste intre son un bloc de notas.
( Podedes opinar deste artigo e aínda queda tempo para seguir participando no Xogo de Nadal )
Categoría: Xeral - Publicado o 02-01-2007 10:14
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0