A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O XOVES PRESENTACIÓN DE SPAM EN CANGAS

Este xoves 1 de Febreiro de 2007, ás 20.30 horas, estarei na Librería Maraxe de Cangas para presentar Spam.
Terei a sorte de estar abeirado por Carlos Lema, director editorial de Galaxia, e o crítico literario Heitor Mera.
Será un pracer podervos ver por alí, e poñerlle cara, así, a moitos lectores deste meu blog.
Categoría: Xeral - Publicado o 31-01-2007 14:25
# Ligazón permanente a este artigo
ROSALÍA UNIVERSAL

Shozo Nakinishi é un banqueiro xaponés que, segundo propia confesión, namorou de Rosalía hai máis de dez anos. Agora vén de traducila ao xaponés.
Todo poeta aspira a ser universal. E iso conséguese cando outro alguén do futuro, doutras latitudes, é capaz de sentir grazas ao que outros antes, noutros mundos, escribiron.
Dígoo así porque fomos moitos os que medramos escoitando aquilo de que Rosalía era unha especie de chorona oficial da emigración que só podiamos entender os que tiñamos a familia pola Arxentina ou así. Non é certo. Hai unha Rosalía melancólica, si, pero hai outra reivindicativa, e outra polémica, e outra tenra e outra... e todas son a mesma. Por iso é universal. Coma Celso Emilio, poño por caso. Por citar outro grande.
Se un banqueiro ( soa pouco poética esa profesión ) namora, desde Xapón, de Rosalía de Castro, é que a de Padrón era ben universal.
Xa o dixo Tolstoi: fala do teu barrio e falarás do mundo.
Categoría: Xeral - Publicado o 30-01-2007 14:41
# Ligazón permanente a este artigo
POIS QUE O GOBERNO O PIDA
A semana pasada ficamos moi abraiados ao coñecer que o gaélico, que non falan nin 200.000 persoas viña de ser recoñecido como idioma oficial diante da Unión Europea, mentres que o galego ( case que dous millóns )non.
Hoxe, o abraio é aínda máis grande ao ler, en palabras de Leonard Orban, Responsable Europeo de Multilingüísmo, que se o gaélico conseguiu ese recoñecemento é porque o goberno Irlandés así o pediu. E que o goberno español, á día de hoxe, pois como que non.
Se é así de doado, ¿por que non o fan?
Categoría: Xeral - Publicado o 29-01-2007 10:34
# Ligazón permanente a este artigo
A VIDA SEXUAL DE SUSANNA ( UNIVERSO LERCHO )
Estes días andivemos moi alterados por aquí falando da literatura-rosa.
Sen embargo, na literatura, digamos, supostamente seria, tamén se dá o lercheo. E non pouco. E iso é malo.
Por exemplo, hai un mes, empezouse a falar sen parar, incluso en revistas mundialmente coñecidas como Vanity Fear ( que foi quen sacou o asunto ) da escritora italiana Susanna Tamaro ( Donde el corazón te lleve ), cando declarou, co gallo do lanzamento da súa nova obra ( Ascolta la mia voce ), que desde había 18 anos mantiña unha relación cunha muller, iso si, sen sexo.
Puro lercheo.
Porque non creo que a vida sexual dunha escritora importe moito para falar sobre os seus libros.
Diso, como digo, hai un mes.
Pero esta mesma semana, unha revista de aquí, dedícalle catro páxinas a Susanna Tamaro, pero, iso si, de titular: No echo de menos el sexo. Soy muy feliz sin él.
Este triunfo do Universo Lercho paréceme abondo perigoso. Se incluso na literatura, o que nos vai interesar, é o que os escritor@s fan ou deixan de facer de cintura para abaixo...
Categoría: Xeral - Publicado o 26-01-2007 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
QUE NOXO DE INFORMACIÓN CULTURAL

Os amables lectores deste blog, saben que nunca actualizo os xoves.
Pero non podo resistilo.
Hoxe, moi de mañá, ía pola autoestrada. Como son un tipo culto vou oíndo unha emisora de radio. As noticias. Hai que estar no mundo.
Desconexión local.
Noticias de Vigo. Que ben. Da miña cidade. Fálanme do PXOM. Fálanme da falla de infraestructuras. Fálanme da violencia de xénero. Fálanme de cousas que hai que coñecer para andar polo mundo. Vale. E rematan a información, coa "noticia cultural del día, que no es otra que la presentación, en El Corte Inglés de Vigo, del libro de Ana María Ríos".
Si señor. É a noticia cultural do día. Vale. Chapó. Dabuten. Viva, viva. Que marabilla espertar coa mañá así. A radio di que é a nova cultural do día.
Pois vale. Que saibades, que tamén ás oito, Manuel Bragado, director de Xerais, Ramón Caride Ogando, autor de As Máscaras de Cronos, e eu, estaremos a falar, na Casa do Libro, de poesía, presentando o libro de Caride.
Seica iso non é digno de merecer uns minutiños de información cultural.
Categoría: Xeral - Publicado o 25-01-2007 10:06
# Ligazón permanente a este artigo
UN BOSQUE CHEO DE FAIAS EN ALCORCÓN

Onte acodín a un colexio a falar con alumnos de segundo e cuarto da ESO que tiveron que ler o meu libro Un Bosque Cheo de Faias.
A obra escribina no verán do 2003. Fala da xenofobia e dos neonazis e da xente que entende que a maneira que hai de estar no mundo é mallando noutra xente.
Catro anos despois, como se puxo de manifesto na charla cos rapaz@s, que non facían máis que falarme do asunto de Alcorcón, a temática do libro está de plena actualidade.
Categoría: Xeral - Publicado o 24-01-2007 14:09
# Ligazón permanente a este artigo
VOLVERLLES A PALABRA
Onte recibín un exemplar do libro Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo, no que contribuín cun poema que titulei Walt Whitman falando con Celso Emilio. Bukowski, de cando en vez, opina. E Lorca aboia sobre os tres e sobre nós. No volume participamos unha morea de autor@s e artistas plásticos convocados polos coordenadores, Xoán Carlos Domínguez Alberte e Baldo Ramos. O libro vén de ser editado pola Consellería de Cultura en colaboración coa editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.A voz dos creadores galegos contra da brutalidade e a senrazón ( que sempre volve, que nunca se va, que sempre está aí... esperando. Que ninguén o esqueza ).
Categoría: Xeral - Publicado o 23-01-2007 14:19
# Ligazón permanente a este artigo
AS MÁSCARAS DE CRONOS
Ramón Caride OgandoTeño que recomendarvos un libro que rematei aínda onte. O seu título é As Máscaras de Cronos, de Ramón Caride Ogando, en Xerais. Trátase dun volume que recolle o seu traballo poético desde 1995 ata hoxe.
A Ramón Caride xa o coñeciamos, e moi ben, como poeta e narrador, pero é nesta última faceta polo que é máis recoñecido. Ademais do exitazo para moz@s que supón a saga de Shaid e Sheila, títulos para adultos como Soños Eléctricos, Sarou, Lumefrío ou Dedre ( que tiven a honra de prologar ), demostran por que xa en varias ocasións dixen que Moncho Caride é un dos mellores de entre nós. Hai poucos de nós que toquen tantos paos e o fagan ben. Hai poucos de nós, ademais, que traballen coa humildade coa que o fai, desde a constancia e o amor pola palabra, como Ramón Caride Ogando.
Como poeta, o seu talento é igualmente grande. Mais teño para min que quizais moitos lectores de literatura galega descoñecen esta faceta súa, a pesares de que desde hai anos gozamos, unha e outra vez, de textos como Cerne das Labaredas ou Xeografías do Sal ( recollidos no volume que hoxe recomendamos ).
Tiña que compartilo con vós. Unha experiencia fabulosa. Lédeo e falamos.
Categoría: Xeral - Publicado o 19-01-2007 14:13
# Ligazón permanente a este artigo
O LIBRO DE ANA MARÍA RÍOS ( léase en clave de retranca )

Ana María Ríos, a muller máis famosa de Galicia, probablemente por enriba de Rosalía de Castro, saca un libro. Non era sen tempo. Moito me tardaba. O seu título é "Voda, cárcere e fama". Entre outras cousas conta como foi o asunto do posado para o Interviú. Que nervios, non me pasa o tempo para telo xa nas mans. ¿E traerá as fotos?
Pois nada, como o libro é en galego, xa podemos dicir que todo o mundo vai ler literatura galega. Digo isto porque o Interviú coas fotos da señora esgotouse en hora e media. Xa que logo, co libro de certo que vai acontecer outro tanto. Venderase coma churros. As librerías farán o seu Agosto. Os programas culturais da tele ( Dolce Vita, Aquí Hai Tomate, Corazón Corazón, Salsa Rosa ) dedicarán minutos e minutos a falar del. Pobre Marta Rivera de la Cruz. Verá como lle dedican máis tempo a este libro que ao seu libro finalista e planetario. Xa son capaz de ver as colas nas librerías, incluso xente que fará noite alí, para conseguir antes que ninguén un exemplar do Mellor Libro da Historia da Literatura Xamais Escrita. E non quero nin imaxinar que pasará o día en que ela asine libros en calquera Feira. Espero que ese día non me conviden tamén a min. Non aturaría a sensación de fracaso ao ver que, coma sempre, a min só me trae os libros para que llos asine, miña nai.
A partires de agora Todo Vai Cambiar.
Xa nunca máis poderemos dicir que os libros en galego non se len. Xa nunca máis poderemos dicir que as obras en galego son invisibles. Xa nunca máis poderemos dicir que a sociedade galega dá as costas aos libros producidos aquí.
Propoño xa, para quen lle meteu os detonadores na maleta, aló en Cancún, a Medalla Castelao por todo o ben que está a facerlle a este paisciño noso. Que non tarden, que estou que non vivo.
( Daquela, para os ansiosos, un adianto do libro aquí )
Categoría: Xeral - Publicado o 17-01-2007 14:14
# Ligazón permanente a este artigo
FALANDO DE XERACIÓN PERDIDA, PRESENTANDO SPAM EN CANGAS E RECITANDO POEMAS NO ENSANCHE
Xeración PerdidaEse título tan longo para contarvos moitas cousas.
A primeira.
Pasei a mañá na Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo grazas á profesora Camiño Noia quen me convidou a falar cos alumnos de terceiro e quinto que veñen de ler a miña novela Xeración Perdida. Foi moi agradable e alí falouse de todo: da novela, pero tamén do mundo de hai vinte e poucos anos ( o espazo temporal no que transcorre a acción ), por suposto das drogas ( o telón de fondo da novela ), da literatura galega actual, da crítica literaria, da conveniencia ou non de seguir co actual modelo do Día das Letras Galegas...
En resumo: unha mañá fantástica desas que serven para que un escritor "baixe á terra" falando, de vagar, con alumnos e profesores interesados.
A segunda.
Queda moito tempo pero aproveito para anunciarvos que o vindeiro xoves 1 de Febreiro, presentaremos Spam na librería Maraxe de Cangas. Será ás 20.30 e ademais do editor Carlos Lema, falará no acto o crítico e responsable do Cartafol de Libros, Heitor Mera.
E a terceira.
Convidado por un grupo de rapaz@s de Vigo que, aínda que pareza incrible, dedican parte do seu tempo a promover a lectura, a música, o teatro, e todo o que signifique vida cultural, e que se agrupan baixo do nome de La Tanda, darei un recital de poesía o vindeiro 24 de Febreiro no Pub El Ensache de Vigo.
Entenderedes que hoxe estea moi contento.
Categoría: Xeral - Publicado o 16-01-2007 14:20
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0