A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O MACHISMO NA CULTURA

Ese é o título do meu artigo deste mes en A Nosa Terra.
Pódelo ler enteiro aquí.
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 29-03-2009 21:22
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA NOITE CON LES LUTHIERS

Levaba máis de vinte anos tentando velos. Noutros tempos había que facer incluso noite na taquilla sen garantía de conseguir entrada. Agora, grazas ao teléfono, puiden collelas hai meses.
Onte, en Vigo, puiden por fin ver a Les Luthiers. Dúas horas rindo. Dúas horas gozando dun humor intelixente. E, sobre todo, dúas horas envexando o seu talento para a música e para a palabra.
Onte tiven o que se chama unha noite feliz.
Déixovos aquí abaixo parte do espectáculo: a brillante Ya no te amo Raúl.
Categoría: Xeral - Publicado o 27-03-2009 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
PARA QUE LOGO DIGAN

Xa algunha vez comentei que os escritores de verdade, polo xeral, teñen unha vida que non se corresponde para nada coa que de boas a primeira moita xente imaxina que é a vida dun escritor.
Queda bonito o malditismo. Queda bonito que nos imaxinen nunha torre moi alta escribindo as nosas novelas, apartados do mundo, trabándolle directamente no pescozo a quen ouse amolarnos na nosa febre creativa. Queda bonito que se pense que a treboada das nosas vidas interiores nos impide ter relacións normais coa xente. Xa sabedes, é o toque do xenio. E xa non digamos como é que se imaxinan as nosas relacións amorosas. Ou a nosa vida etílica. Ou coas drogas.
Para nada é así. A xente éche dun normaliño que tira para atrás. O glamour do escritor ou da escritora, como moito, está no que escribe.
E coido que así debe de ser.
Así que non me sorprende ler que Stephenie Meyer, a autora da saga de Crepúsculo, a mesma que xa vendeu 46 millóns de libros, que está felizmente casada, que ten tres fillos aos que dedica moitísimo tempo, que é ama de casa ademais de escritora, que non fuma, que non bebe e, ollo ao piollo, que imparte cataquese.
O que se chama unha muller tradicional.
De máis.
Para que logo digan.
Categoría: Xeral - Publicado o 25-03-2009 22:28
# Ligazón permanente a este artigo
HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 3

Esta mañá tiven un ataque de luz.
Probablemente era a primavera, que entraba en toda a súa insolencia polos meus ollos aínda durmidos. Aínda que máis probablemente era a canción que soaba na radio. Me asomo a la ventana, eres la chica de ayer. O semáforo púxose en vermello. Tres carrís cortados polas obras eternas da miña cidade eterna en obras. Eu pecho os ollos e canto a pulmón aberto, coa ventá aberta. Jugando con las flores, de mi jardín. Un tipo traxeado que entra nun banco óllame e pon cara de que fará ese imbécil calvo cantando desa maneira. Eu ollo para el e para o seu traxe e para a súa cravata e sinto mágoa por el, parviño. Volvo pechar os ollos. Demasiado tarde para comprender. Berro a canción tan alto e tan forte que dúas vellas paran de camiñar e míranme con abraio. Mi cabeza da vueltas, persiguiéndote. Teño bágoas nos ollos. Si, é un ataque de luz.
De súpeto, no mellor da canción, un autobús, o que está detrás, pita. E pitan todos os coches. Por suposto: está en verde e eu non avanzo. Canto. Estou con la chica de ayer no medio dun ataque de luz. O autobús pita tanto que case que se carga a canción.
Remata. Aplausos. Arranco. Ponse vermello e alí quedan todos.
Sen luz.
Categoría: Xeral - Publicado o 24-03-2009 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
APRENDER MÁIS QUE NOS LIBROS DE TEXTO

Durante a ponte, meu fillo máis grande coseume a preguntas relacionadas co libro que estaba a ler e que lle recomendaron ( xa que logo, unha lectura voluntaria non obrigatoria ) no instituto. De cada vez que algo non lle estaba moi claro, preguntaba. E eu, encantado da vida, respondía. Eu tamén, claro, co meu libro na man.
Hai unhas horas rematouno. Non tiven que preguntar. Dixo: que ben este libro; aprendín máis léndoo que nos libros de texto.
O remate perfecto para unha ponte vacacional marabillosa.
Categoría: Xeral - Publicado o 22-03-2009 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
HAI 40 ANOS. A VODA. A CANCIÓN. A NOSTALXIA.

Xa recoñecín moitas veces que son un nostálixo algo parveirón, porque teño nostalxia dunha época que non vivín pero que gustaría de ter vivido, e que teño tan estudada, tan lida, tan escoitada, que parece como que si que a vivín. Aínda que si, en fin, si, en sentido estricto si, mais era un bebé, e xa que logo non me enterei de moito: os hipis, o flower power, give peace a chance, california dreaming... todo iso.
De feito, éntranme ás veces ganas de crer na reencarnación, ou nas viaxes no tempo, para ir cara atrás, cara ese instante sesentón no que, contan, ser persoa aínda implicaba ter soños e ganas de cumprilos.
Ese é o motivo polo que traio hoxe esta imaxe de John e Yoko, and friends, cantando Give peace a chance. Porque tal día coma hoxe casaban estes dous toliños para acto seguido, como se pode ver no video, meterse na cama durante unha semana para chamar a atención do mundo sobre a posibilidade de vivirmos en paz.
Pasados 40 anos, a mensaxe segue intacta. Coma a miña melancolía aparvada.
Hoxe entro nesa habitación para cantar con eles.
E con vós, se tendes ganas.
Categoría: Xeral - Publicado o 20-03-2009 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
SEGREGACIÓN E RACISMO

Hoxe toda a prensa galega faise eco do aviso que dá Galicia Bilingüe a Feijoo para que "cumpla con su palabra de derogar el decreto del gallego". Avisan de que "fiscalizarán" ao goberno sobre este asunto.
Vale.
Están no seu dereito.
Despois de todo, é o que lles prometeron e, xa que logo, é normal que esixan que se cumpra a promesa electoral.
Outra cousa é a anormalidade da petición.
Pero non imos ocupar máis tempo niso.
Mais si na segunda parte do que piden: a segregación por aulas en función da escolla lingüística, ou o que é o mesmo, que os que escollan o ensino en galego estean separados dos que o escollen en castelán.
En pleno século XXI, no que se aposta pola integración para conseguir a convivencia, este tipo de planteamentos cheiran, e moito, a racismo. É algo así como:"no quiero que mis hijos estén con los que estudian en gallego".
O novo presidente verá se quere contribuir ou non a lexitimar ese tipo de actitudes rexeitables.
Categoría: Xeral - Publicado o 19-03-2009 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
UN PAÍS CEGO E INDIFERENTE

Hoxe todos os xornais reproducen, algúns con máis espanto que outros, os resultados do Mapa Sociolingüístico de Galcia presentado onte.
Os datos son definitivos, sobre todo para aqueles que repetiron - e non lles foi mal, seica - que o castelán, en Galicia, corría perigo:
- O galego pasou de ser a lingua inicial do 60 % da poboación a só selo dun 20 %.
- En doce anos duplicouse a porcentaxe de persoas que nunca falan en galego. E do 30.5 % que tiñan o galego como lingua habitual, agora só é o 16 %.
- En cidades como Ferrol a porcentaxe de castelanfalantes é do 85 %.
Hai máis. E todos na mesma liña.
Chegados a este punto só cómpre dicir que, pese ao escandaloso que resulta, fales castelán ou galego, o feito de que unha lingua estea a morrer tan claramente polo propio desleixo dos seus naturais, o certo é que a miña sensación é que a este país, despois de todo, o asunto este, maioritariamente impórtalle un pemento.
Xa que logo é un país cego e indiferente.
E a cegueira - tomada aquí como metáfora - é tratable. Pero a indiferencia e o pasotismo teñen un amaño complicado.
Categoría: Xeral - Publicado o 18-03-2009 21:29
# Ligazón permanente a este artigo
PREFIRO OS MALOS

Na revista Exit deste trimestre, a editora e escritora Rosa Olivares escribe un lúcido artigo titulado Cuéntame un cuento.
No seu traballo fai interesantes reflexións arredor da literatura infantil e o seu papel á hora de explicarlle o mundo aos cativos e cativas e como creadores de prototipos morais. Agrádame moito como comeza:
Nos hemos educado en un mundo lleno de ranas que hablan, señoras bellísimas que vuelan y con un palito consiguen transformar las calabazas en carrozas señoriales, niños que no tienen miedo, brujas caníbales que viven en casitas hechas de chocolate y mazapán, gigantes que devoran a los niños curiosos, gatos con botas, manzanas envenenadas, pelotas de oro y rosas mágicas. Historias que en su gran mayoría provienen del origen de los pueblos y que se repiten con pequeños cambios en todas las culturas, si en unas es el sapo que se convierte en príncipe al ser besado por la bellísima doncella, en otras es un cocodrilo que al ser lamido por la bella de turno recobra su verdadera forma humana y principesca. Los Hermanos Grimm, Perrault y tantos otros recogieron las leyendas y los cuentos populares transmitidos por generaciones, añadiendo, quitando, puliendo, igual que otros muchos hicieron y hacen, hasta llegar a Walt Disney, que los ha convertido todos en un insípido merengue intragable, haciendo de la educación de los niños no un reto para la imaginación simbólica sino un simple entretenimiento rodeado de merchandising.
En efecto, Disney é, en xeral, vomitivo. Por deformante de toda a boa literatura da que se teñen servido.
Quizais por iso, de sempre, prefiro aos malos das súas películas. Xa me pasaba de neno e segue a pasarme de adulto ( defendo aos malos incluso diante dos supostos destinatarios da moralina, é dicir, diante dos cativos da casa ). Son os únicos personaxes de Disney que merecen vivir. Do resto, prescindiría con alegría.
Dan auténtico noxo.
Categoría: Xeral - Publicado o 17-03-2009 21:31
# Ligazón permanente a este artigo
E ADEMAIS NON SEI PINTAR

Vén de saír publicado un libro de Donald Friedman titulado Y además saben pintar ( Maeva ), un volume, fermoso, no que se nos fala de como grandes autores e autoras foron, ademais, grandes debuxantes ou pintores. Así Poe, Bukowski, Proust, Carroll, Stevenson, Andersen, Kafka, Mark Twain, Apollinaire ou William Blake, entre outros, resulta que ademais de conseguir versos inmortais ou historias inmorrentes, ademais, dábanlle ben ao pincel.
O libro profunda na tese de que pintaban para poderse mover nunha liña expresiva máis libre que a literatura.
Coido que eu admiro tanto o traballo dos ilustradores ( e é unha das partes do meu traballo que máis me gusta, facer os libros con eles ) porque eu son incapaz de pasar da típica casa en dúas dimensións que aprendín a facer aló por segundo da EXB.
Eu non sei pintar. E quixera tamén experimentar desa liberdade que dá o trazo.
E esa si que será unha frustración que xamais superarei.
Categoría: Xeral - Publicado o 16-03-2009 22:11
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [5] [6] [7] 8 [9] [10] [11] ... [57]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0