|
|
|
|
DEMOSTRACIÓN DE QUE NON HAI FAME NO MUNDO |
|
A pesares de que o propio goberno dos Estados Unidos recoñece que máis de 35 millóns de cidadáns nese país pasan fame, deuse a orde de suprimir a palabra famento do seu vocabulario oficial e cambiala por inseguridade alimentaria.
Iso si que é poesía.
Se por poesía entendemos a arte de facer que as palabras signifiquen outra cousa distinta do que significan, debemos admitir a Bush no Parnaso pero xa.
Non pasan fame. Son unha panda de inseguros.
Non me sorprende.
Hai un mes aprobaron unha Lei da Tortura ( por suposto, son poetas, e non a chaman así ) na que, en troques de utilizar esa palabra, tortura, utilizan interrogatorio extremo.
Cando te meten en Guantánamo non te torturan. Interrógante con insistencia.
Poetas.
Lembrade o 1984 de Orwell. O estado procuraba a neolingua. ¿Para que? Porque sabían que o máis forte que existe no mundo é a palabra, e se conseguían dotar ás verbas doutro significado diferente ao habitual, daquela, a realidade sería outra.
Máis amable. Máis doada de dixerir.
Máis poética.
|
|
|
|
COMA JOYCE NON, MELLOR COMA PICASSO |
|

Hai mes e medio cumprín 40 anos.
Leo que James Joyce escribiu Ulises aos 40. Daquela, dou en deprimirme pois fixo unha obra mestra da literatura universal co tempo que eu teño agora.
Sen embargo, a depresión dúrame pouco. Coido que ten que ser tristeiro para calquera artista ter feito xa algo tan grande que resulte insuperable incluso para el.
Daquela, prefiro pensar coma Picasso, que, a pesares de que aos 21 pintou Las Señoritas de Avignon e inventou, de paso, o cubismo, meses antes de morrer ( e finou de moi vello ) dicía que el aínda estaba procurando o seu estilo de pintor, que non sabía como era que se pintaba, que andaba detrás da súa Obra Mestra.
Agora mudade onde di pintura por literatura.
Así estou hoxe. |
|
|
|
¿QUEN DIXO QUE ESCRIBIR NON DÁ CARTOS? |
|
 Hillary Clinton vén de publicar as súas memorias.
Hai uns días andaba eu todo cheíño por ter esgotado a primeira edición de Un Bosque Cheo de Faias, e que xa empezasen a tirar a segunda, cando vou e leo que a Hillary vendeu nun só día 200.000 exemplares.
Record de vendas dun libro de non-ficción.
Eu non venderei iso na vida.
Preguntábame: ¿que pode mover a tanta xente a mercar con tal ansiedade un libro?, ¿a súa altura literaria?, ¿os poemas inéditos da autora? Non.
A xente quería saber que tiña que dicir a Clinton sobre Mónica Lewinski.
En calquera caso, non estará sorprendida pola boa acollida.
No seu día, ao seu home, Bill, déronlle de adianto por un libro dez millóns de dólares.
Eu non cobrarei iso na vida.
Igualiño, igualiño, que na literatura galega.
Para que logo digan que non se gañan cartos escribindo. |
|
|
|
VELAQUÍ ESTAMOS |
|
Inicio unha nova andaina neste servidor. Grazas a todos os que aquí naufragades comigo. Espero ir recuperándoos a todos de vagar. |
|
|
|
|
|
|
|
|