A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

¿E SE FEIJOO FALARA EN HÚNGARO?

Lendo hoxe El País, coméntase que en varios medios conservadores - afíns, suponse, ao actual goberno da Xunta - está a criticárselle ao presidente por falar só en galego no Parlamento de Galicia.
Isto demostra que aos detractores da nosa lingua non lles funciona ben a cabeza. Porque ao presidente, ou a calquera, habería que criticalos se no Parlamento usasen calquera lingua que non é a propia de Galicia, por exemplo, o húngaro ( propia de Hungría ), o ruso ( propia de Rusia ) ou o castelán ( propia de Castela ).
Categoría: Xeral - Publicado o 01-05-2009 22:26
# Ligazón permanente a este artigo
PREMIO FREI MARTÍN SARMIENTO PARA OS MEUS AFOGADOS

Esta mañá, a miña novela O ceo dos afogados recibiu o Premio Frei Martín Sarmiento ao ser escollido polos escolares galegos entre 6º de primaria e 2º da ESO como o mellor do pasado curso.
Este é un deses galardóns que sempre gusta recibir, porque un non se presenta, senón que o escollen, e porque son centos de rapazas e rapaces os que participan durante un ano de lecturas para finalmente decidir cal lles gustou máis.
Eu xa o gañara hai un par de anos por Un bosque cheo de faias, mais, desta vez, fíxome se cadra aínda máis ilusión.
Grazas aos cativos e cativas que me deron hoxe tan fermoso agasallo. Escribino para eles, pensando neles. O verdadeiro premio é que a historia lles chegase e que a fixesen súa.
Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2009 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
O MEU NOVO LIBRO

Hoxe comparto con vós a ledicia de informar de que vén de saír do prelo o meu novo libro, Chamádeme Simbad. Por moitos motivos, moi especial para min. As ilustracións, xeniais coma sempre, son de Manel Cráneo.
É unha novela concebida para lectores e lectoras de 12 anos en diante.
E como é moi dificil falar da propia obra, explícase todo aquí.
Categoría: Xeral - Publicado o 28-04-2009 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
IGUAL QUE HAI 25 ANOS

Ese é o título do meu artigo desta semana en A Nosa Terra.
Podes lelo aquí.
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 26-04-2009 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
UN LIBRO DE AVENTURAS

O Día do libro participei nun acto, con 150 escolares de Vigo e bisbarra, nenos e adultos, convidado por Educación Sen Fronteiras dentro dun fermoso proxecto titulado La gran lectura inserido na Campaña mundial pola educación.
Un mollo de escritores do máis diverso ( Forges, Rosa Regás, Rosa Montero, Jordi Sierra i Fabra, Eduardo Galeano..., e desde Galicia e en galego Yolanda Castaño e eu ), así como outras persoas de innegable importancia á hora de concienciar á sociedade ( María Teresa Fernández de la Vega, Miguel Induráin, Nelson Mandela... ) escribimos un relato para que se lese nunha serie de cidades ese día.
Titulei o meu Un libro de aventuras. E podedes lelo aquí.
Categoría: Xeral - Publicado o 24-04-2009 21:31
# Ligazón permanente a este artigo
APRENDERLLES A LER TAMÉN É ALIMENTAR

Mañá, a petición do Departamento de Orientación dun cole de Vigo, impartirei unha charla baixo dese título.
No básico, falarei de cando hai que comezar, de como deben de ser os libros que escollamos para elas e para eles, que características temáticas son as máis axeitadas para os "contaxiar" pola lectura, e da importancia de ler con eles.
Xa lles contarei.
Categoría: Xeral - Publicado o 21-04-2009 21:11
# Ligazón permanente a este artigo
POR QUE LEMOS, POR QUE TEMOS BLOGS ( e 3 )

Desde que comezamos coa reflexión foron moitas as ideas que os amables lectores e lectoras foron verquendo nos comentarios e que, dalgunha maneira, faría redundante que eu repetise aquí.
Sen embargo, hai un motivo que se enunciou desde o primeiro momento e que, pola súa importancia, debo de deixar escrito aquí neste terceiro - e derradeiro - post sobre o asunto.
Leo blogs, teño un blog, porque este medio de comunicación me permite recuperar a idea de foro, é dicir, a idea de lugar aberto onde alguén que ten algo que dicir procura outros que teñen un certo interese en escoitar. A prensa xa sabemos que non permite isto. As Cartas ao director non son desde logo un exemplo válido. Nos medios tradicionais o fluxo da comunicación é unidireccional. Nos blogs, ao montarse ás veces debates incluso entre lectores (neste meu xa pasou máis dunha vez ), ao ser ligado o teu post dende outros blogs e dende ese a outros, ao vincularse co facebook ou calquera outra rede social, o fluxo da comunicación nin sequera é bidireccional. É pluridireccional.
Os blogs representan a vella ágora dos gregos. O lugar onde a palabra se expresa máis viva.

O lugar onde os náufragos lanzan unha botella ao mar coa seguridade de que vai chegar a algunha praia.
Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2009 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
POR QUE LEMOS, POR QUE TEMOS BLOGS 2

Sego.
Leo blogs porque neles atopo, non en todos, está claro, pero si nalgúns deles ( tampouco moitos e, desde logo, non me refiro ao meu ) pensamento intelixente que non atopo polo xeral na prensa escrita, na televisión nin na radio. Quero dicir que sei de moita xente con voz interesante, con razoamentos e argumentos sólidos á que non lle deixarán, nunca, escribir na prensa; sei de moitas persoas que nun debate televisivo aportarían algo máis que naderías pero nunca os van convidar; sei de xente á que non van poñer diante dun micrófono xamais.
Por se acaso.
Toda esa xente, ou moita dela, agora, exprésase a través dun blog.
E é un luxo poder acceder a súa visión intilixente da realidade que, como digo, se lle silencia, descaradamente, nos medios de difusión de masas.
Categoría: Xeral - Publicado o 16-04-2009 21:13
# Ligazón permanente a este artigo
POR QUE LEMOS, POR QUE TEMOS BLOGS 1

Con isto dos blogs levamos anos. Os suficientes como para que nos deteñamos a pensar sobre eles, en especial desde que, innegablemente, forman parte da nosa identidade.
Eu son Francisco Castro. Eu son, tamén, o Náufrago.
E cada noite ( non todas, as que podo ) teño que pasar por aquí. E escribir estas letras, con vocación de soliloquio compartido.
A pregunta é por que temos un blog e por que lemos os blogs dos demais. A pregunta é por que os bloggers nos parecen máis interesantes que a meirande parte da prensa escrita tradicional. A pregunta é ( e espero que me lean isto - que inxenuo - moitos responsables de xornais ) por que a mocidade non merca case xornais. Hai uns anos podías ver a xente moza co xornal pola rúa. Hoxe é dificilísimo por non dicir estrañísimo. Sen embargo, van aos blogs a informarse, ao facebook. Onde sexa. Pero non aos xornais.
Irei dicindo, non sei se cada día, o que penso sobre todo isto. Que ninguén se asuste. Tres ou catro comentarios. Para poñer orde na miña cabeza.
E comezo: temos un blog, lemos blogs, porque nos inspiran unha confianza que deriva do feito de sabermos que non teñen un dono que sexa unha empresa, que non dependen de escuros intereses ( escuros por disimulados ) económicos. Porque son só da persoa que, co seu nome ou sen el, asina os post. E se che presta, les. E se non che presta, pois non les.
En resumo: lemos blogs ( é obvio que me refiro a unha clase moi concreta deles ) porque nos transmiten sensación de liberdade na transmisión de información.
Categoría: Xeral - Publicado o 14-04-2009 21:08
# Ligazón permanente a este artigo
MELLOR ASTÉRIX QUE PLATÓN

Hoxe, na última de El País, entrevistan a Álex de la Iglesia.
Ten os meus anos. Estudou, coma min, Filosofía. E concordo con el na hora de manter, aínda que sexa politicamente moi incorrecto, que somos unha xeración de creadores ( os que andamos polos 40 ) máis influídos polos personaxes de banda deseñada que por algúns grandes nomes, máis pola televisión que por algúns sesudos libros, máis polos anuncios que por algúns completísimos ensaios de crítica literaria.
Por moi politicamente incorrecto que sexa dicir este tipo de cousas, hai ben de tempo que o digo.
É un dos sinais de identidade da miña xeración.
Categoría: Xeral - Publicado o 12-04-2009 21:13
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [57]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0