|
|
|
|
ESTANDO OS PROFESORES ASÍ... |
|
Sempre repetimos que boa parte da responsabilidade dos baixos ou altos índices de lectura entre os máis novos é do profesorado. E cando menos eu, sempre aproveito para dicir que o máis doado é botarlle a culpa á escola, xa non só de que non lean senón de calquera asunto. Se algo vai mal, para moita xente é culpa dos profesores.
Sempre digo que non. E sempre poño o acento nas familias. A responsabilidade educativa última de como son os meus nenos, en boa parte, na parte máis importante, en case que toda a parte, é miña e da miña parella. O colexio e o instituto, é obvio, teñen tamén moita importancia. Pero do que saia mal, non necesariamente. Nin non sempre.
Aínda así, e centrándonos no que decote nos preocupa ( a promoción da lectura ) é obvio que os profesores e as profesoras moito ( bo ) poden facer.
Sen embargo, volvo escoitar hoxe no coche, camiño da casa, que o colectivo docente é un dos máis maltratados do país, ata o punto de que é un dos sectores profesionais con máis baixas por asuntos de stress e ansiedade de todos cantos hai. E engadiría eu máis: neste país non se lles valora como debera, non se lles paga como debera, non se lles respecta como debera e, volvendo ao de antes, bótaselle a culpa de todo.
A pregunta é obvia: tendo a pouca consideración social que teñen ( cando debían ser recoñecidos como un dos traballos máis valiosos para a comunidade; ¿sabedes de labor máis importante que aprenderlle a ler aos cativos?, ¿cantos de vós lembrades o nome de quen vos aprendeu a ler? ), recibindo paus como reciben, como, ademais, van ter folgos para dedicarlle tempo á promoción a lectura? |
|
|
|
|
|