| Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes. |
|
Este blog pretende ser unha pequena "guía" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.
A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.
Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.
Vémonos de pinchos...
687474703A2F2F7777772E627573636F6F706F736963696F6E65732E636F6D2F6F706F736963696F6E6573
| | Oposiciones Masters |
|
|

|
| O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
| Borona |
|

O primeiro pincho do ano 2009 foi no Borona. A verdade é que non tiña pensado ir a ningures, pero acabei quedando coa miña amiga Vicki para tomar algo rapidiño e quedamos alí porque queda máis ou menos a medio camiño ás dúas.
Hei de recoñecer que non é o meu sitio preferido: hai sempre moita xente, e o aire está demasiado cargado polo fume do tabaco. Pero ao seu favor, o Borona ten a súa situación, ao final da Rúa Real e ao principio da Praza de Curros Enríquez, e que sempre (ou case, que se está demasiado cheo, igual a algún só lle tocan olivas) poñen un pincho xeitoso, que moitas veces é quente como a min me gusta. Hoxe, á miña amiga, que chegou un chisco antes, puxéronlle guiso de fideos con carne e a min tocoume un montadiño de raxo. Clara e cervexa (terzo), 3,20 euros.
Non, os pinchos non son os da foto. Como dicía, non tiña pensado ir a tomar nada e deixei a cámara na casa. Así que aproveito os callos que nos puxeron a Makeijan e a min fai un tempo, e que andaban por aí esperando a súa oportunidade de saír á luz.
Travesía do Comercio nº3. Ponteveda |
|
|
|
|
| Chef's Big Band |
|

Unha festa de pinchos foi o que sonou o pasado mércores na cociña de Pepe Vieira Camiño da Serpe, na que os cociñeiros do Grupo Nove fixeron a presentación do seu último proxecto: grandes éxitos da cociña galega.
Aínda que coa ausencia de algún dos músicos (que non da vocalista), a orquestra fixo unha interpretación inesquecíbel. Resúltame difícil dicir cal foi a miña peza preferida, así que ilustro este comentario coa primeira que sonou para min: ostra con escuma de escabeche, non por coñecida menos deliciosa, e perfecta para combinar cun branco da D.O. Rías Baixas.
Pinchos fríos e quentes foron pasando polas miñas mans, mentres contemplaba aos cociñeiros no seu estado puro: preparando pequenos pratos dos que non só os invitados ao evento puidemos gozar, senón que os propios intérpretes ían dun sitio a outro para non perderse o que saía das mans dos seus compañeiros.
O Grupo Nove transmite boas vibracións. Case tan boas como as que nos facían chegar, metidos na zona do frega-pratos, a banda que jazz que lles axudou a amenizar a tarde.
Gracias pola invitación, Pablo! |
|
|
|
|
| Calagrande |
|

Preguntábame o amigo Delokos na pasada Xantanza se tiña algunha relación con Andalucía, pois vira no blog varias entradas referidas a locais desa zona. Xa lle dixen que non, que foi a casualidade (e un coche novo con aire acondicionado) a que nos levou cara alá dúas veces neste ano. Máis a súa pregunta serviume para lembrar que aínda me quedan uns cantos pinchos da zona do Cabo de Gata dos que falar.
O Calagrande foi o segundo local no que estivemos no pequeno pobo de Isleta del Moro. Despois da miña experiencia anterior con unha tapa de nome descoñecido, decidín apostar polo seguro e pedín escabeche, que resultou ser de xurelo. Pero Makeijan, máis valente ca min, optou polo "espabilao", que veu sendo ese ovo frito con pan que se pode ver na fotografía. Para beber pediramos dúas cañas, polas que nos cobraron 3,20 euros.
O Calagrande semellaba ser un bar de pobo onde todo o mundo se coñece. Igual me engano, pero esa foi a sensación que tiven, xa que foi no único local dos tres nos que estivemos ese día no que nós eramos os únicos de fora, o cal me resultou un tanto curioso xa que se atopa a poucos metros dos outros dous, e os pinchos son do mái xeitoso...
Rúa Corry s/n. Isleta del Moro |
|
|
|
|
| Adega de Campos |
|

Hai locais que non teñen sorte, e non me estou a refirir aos negocios que se montan, senón aos locais en si. Supoño que todos coñecedes casos nos que monten no que monten na súa ubicación, as cousas non van ben e acaban pechando relativamente pronto.
Quero pensar que quen están ao fronte da Adega de Campos son conscientes de onde se meten, xa que penso que é o terceiro ou cuarto negocio de hostalería que se establece neste local en pouco máis de dous anos.
Así que espero que teñan sorte; unha, porque poñen un pincho xeitoso; e dous, porque me colle de camiño á casa cando paso polo centro da cidade, e non polo parque como fago case sempre...
A primeira vez estiven sen cámara (pincho de mexillóns á vinagreta) e pagou unha amiga. A foto corresponde á miña segunda visita, na que pagamos por dúas claras (e dúas máis que xeitosas cazoliñas de ourella) 2.80 euros.
Rúa Peregrina 14. Pontevedra |
|
|
|
|
| As Nogais: A Lareira |
|

Fai hoxe unha semana da VII Xantanza, e aínda nin tivera tempo para falar dela. Como non quere a cousa, pasaron xa dous anos daquela primeira reunión, á que todos (ou case todos) nos achegamos con máis curiosidade que outra cousa a unha cita a cegas culinaria de grupo.
Así que estabamos, coma quen di, de aniversario. E para celebralo, unha vez mái optamos por un xantar temático: a caza.
Que mellor lugar que As Nogais, no medio do souto máis grande de Europa, para tomar non só as perdices da imaxe (o meu prato favorito do xantar), senón tamén corzo con setas e xabarín con castañas. Antes deramos conta dunha ensalada de froitas (o máis convencional de todo o que probamos), de queixo de cabuxa con cebola confitada, empanada de troitas e tortilla guisada. As sobremesas tampouco quedaron atrás: piña gratinada, queixo con marmelo, tarta de requeixo con mermelada e unha deliciosa tarta de castañas. Regado todo con Pétalos Bierzo 2007.
Pero antes de xantar, un fermosísimo día de sol nos levou ate a queixeiría Xan Busto, unha das dúas integrantes da D.O. Queixo do Cebreiro, e onde case temos que rogar de xoenllos a Verónica que nos deixase probar un dos catro mil queixos que elabora ao ano co leite das súas oito vacas. Como esta vez non houbo aperitivo previo, decidimos compartilo antes de xantar, mentras uns e outros nos iamos acomodando en A Lareira.
Geiko, recén mamá, foi a primeira en marchar. Tanto, que non está na foto oficial que fixemos cando xa anoitecía. Borralleira e a súa dona, acompañados do invitado de honra Craig Patterson, os señores de Pantagruel, o Gourmet de Provincias e o Viticólogo dos Bagos foron os seguintes en voltar. O amigo Delokos, que se ía para Lugo, acompañounos na tertulia que, provistos da bebida oficial dos blogastrónomos (gin-tonic) disfrutamos ao lado da lareira os que quedabamos a durmir alí.
Cea lixeira que Edita decidiu por nós con gran acerto: caldo, lacón frío, ensalada de tomate, troitas e os mellores figos que probei na miña vida.
Xa pola mañán, e despois dunhas deliciosas torradas no almorzo, tiven que renunciar por unha inoportuna lumbalxia ao paseo ate a torre de Doncos que os demáis fixeron. Pero non á torre de Torés, última actividade común do día. Dende alí, os Adaro fóronse para casa; Sole e Magago dirixíronse a Corgo, e nós collemos camiño da casa con Laconada, facendo plans para a seguinte xantanza.
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|