Este ano os carteis da exposición que a Secretaria Xeral de Política Lingüística distribúe para dar a coñecer ao autor homenaxeado nas Letras Galegas foron elaborados polos nosos veciños do CEIP ADR Castelao de Rianxo. Ademais de podelos ver na entrada do noso centro tamén os podedes ver clicando aquí.
Noraboa ao CEIP ADR Castelao polo seu estupendo traballo!
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística ofrécenos unha páxina na que recompila todos os traballos e actividades que desde distintos centros e organizacións se levan elaborados sobre o escritor homenaxeado este ano. Entrade e vede canto podemos aprender sobre Valentín Paz Andrade.
Desde a BBS queremos agradecer o traballo da Coordinadora de ENDL e sobre todo o inmenso traballo que tantos profesores e profesoras realizaron para axudarnos a dar a coñecer nas nosas aulas a vida e obra de Valentín Paz Andrade.
Sara, María e Andrea foron as encargadas de retomar os contacontos dos recreos contados por rapaces e rapazas. Foi un contacontos especial porque era a primeira vez que tiñamos contadoras de sexto e de segundo xuntas e porque o conto que escolleron é unha marabilla. Avós de Chema Heras é unha tenra e fermosa historia de amor entre un avó e unha avoa que se preparan para ir a un baile.
Se aínda non o coñecedes, non volo perdades!
Tere, a nai de Iago e María, puxo o broche de ouro ás nosas sesións de contacontos do mes dos libros.
Rematamos co Sorriso de Daniela, e un sorriso ben grande é sen dúbida o mellor broche de ouro para esta actividade que tanto nos gustou a tod@s os que participamos nela.
Dolores, a nai de Irene, leunos un conto que gardaban na súa casa de hai moitos anos. Un conto que falaba de como eran e como se divertían os nenos antes, nos tempos dos avós e as avoas. Os protagonistas, Comido e Comeorellas eran ben fedellos pero tamén ben espelidos. E é que hai cousas que non cambian e de seguro que a todos nos vén a memoria algún neno ou nena así.
Anxo Fariña volveu visitar a nosa biblioteca, desta vez para ter un encontro co alumnado de 5º e 6º, que nestes últimos meses leu A chave da Atlántida. Anxo ten o seu particular grupo de seguidores e seguidoras no noso colexio, que comezaron a ler a Breogán e despois se engancharon aos Megatoxos, e aos que tamén lles gustou moito A chave da Atlántida, tanto como gustou ao xurado do Premio Merlín 2011.
Anxo volveu conectar cos seus lectores e lectoras e volveunos demostrar que non só lle gusta escribir para rapaces senón tamén encontrarse con eles e falar sobre os seus libros, sobre a lectura... Normal que teña tanto éxito!
Un gusto terte de novo con nós, Anxo!
Aquí tedes o tríptico previo á visita de Anxo Fariña.
E aínda que abril rematou, os recreos na nosa biblioteca seguen recibindo mamás contadoras de contos que aceptaron o noso convite e se animaron a compartir con nós algúns dos seus contos favoritos. Hoxe, foi Ánxela, a nai de Paula quen nos contou un conto fermosísimo e moi divertido, protagonizado por unha gata diferente e especial. Como non nos vai gustar a gatiña Rosalinda?
Así comezou Esther e menos mal que tiña aspecto inofensivo e que traía nas mans un conto para nos contar, que senón...
Esther, a nai de Andrea, contounos unha historia sobre os medos no último luns de abril. Era un conto especial, un dos favoritos de Andrea de pequeniña e a nós tamén nos gustou un montón e nos fixo sorrir.
Un ano máis celebramos o día central do mes do libro coa lectura do manifesto do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e co Apadriñamento Lector dos máis pequen@s da escola.
Esta é unha das actividades que máis nos gustan na BBS, pero este ano resultou aínda máis especial. Un grupo de antig@s alumn@s compartiu a celebración con nós, volveron ser padriños e madriñas como cando aínda estaba no Brea Segade. Que gusto velos de novo contando contos, decorando os seus diplomas, falando e rindo cos máis pequenos! E que gusto vervos a tod@s enredados cos contos e coa lectura!
E o primeiro ano que apadriñamos e amadriñamos lector@s con chuvia. Tivemos que adaptanos e facer a actividade a cuberto pero resultou moi ben, sobre todo grazas aos esforzos de Tino para ternos listo o novo escenario do auditorio e a José Luis que instalou o son en tempo récord. Graciñas aos dous!
O venres tivemos un conto rimado que falaba dun terrible pirata: O pirata pata de lata. Contóunolo Esclavita, a nai de Sergio, que nos deixou a tod@s coa boca aberta vendo o ben que recitaba esta divertida aventura.
Neste mes de abril decidimos coidar tamén aos nosos lectores/as adult@s e ofertar na nosa biblioteca máis libros para el@s. Coma noutras moitas actividades contamos coa axuda e a complicidade da Biblioteca Pública Municipal Castelao, que nos deixou en préstamo un feixe de boas lecturas, escollidas con cariño por Sofía, que entre abril e xuño estarán á vosa disposición na BBS.
Convidámosvos a que botedes un ollo e escollades algún título para comezar a ler nesta última semana de abril. Os préstamos podedes vir a facelos vós mesm@s na biblio ou encargarllos aos vosos fill@s.
E seguimos enchendo os recreos da BBS de contos e de fantásticas contadoras! Hoxe estivo con nós Isaura, a nai de Miguel, contándonos como enredar e enredar para non tomar o leite antes de ir durmir.
Hoxe tivemos no recreo a visita dunha ninfa dos bosques que nos contou unha historia moi especial: Unha lenda de outono. A historia tiña como protagonistas a un grupo de nenos e nenas da escola de Outeiro que nos resultaron ben coñecidos: Miguel, Carla, Ruth, Gloria, Paula, outro Miguel, Nico... Todos eles están xa no Brea Segade, pero cando eran máis pequenos protagonizaron un conto que inventaron na casa de Aida e Miguel e que sucedía na súa escola. Hoxe Pili, a ninfa dos bosques, leu para nós este conto inventado, manuscrito e ilustrado en familia e ensinounos un novo exemplar, recén saído do prelo para poder estar hoxe na nosa biblioteca.
As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas