Este é o título do artigo do escritor Gustavo Martín Garzo, que publicaba o xornal El País o domingo 7 de xuño. Permitídeme que traduza e extracte algúns parágrafos que me parecen valiosísimos. Hai un xeito máis exquisito de animar á lectura? Xulgade vós:
"Unha entrega encantada", así definiu Ortega o amor. É o que nos pasa cando lemos un libro que nos gusta. Accedemos grazas a el a un lugar novo, un lugar de feitizo que quizais non poidamos abandonar. (...)
Que os libros teñen o poder de nos cambiar, é algo que me parece fóra de toda discusión. Non son obviamente todos, mais hai algúns que teñen ese imcomparable poder. Todo está nos libros? Dalgunha forma sí, porque os libros proceden da vida.(...)
A literatura é como un almacén grande. Gárdanse nel todas as emocións humanas, os nosos soños e as nosas preguntas, e ler é entrar nese celeiro e tomar o que necesitamos. O lector devolve á vida, a través da lectura, o que o escritor tomou dela para escribir os seus libros, de xeito que se pecha o circo.
As bibliotecas son como a cova de Alí Babá, e a historia da literatura é a historia de como se foi formando ese botín inesgotable e secreto. Ler é aprender a pronunciar as palabras que abren as pedras e rescatan ese botín do esquecemento. As palabras da poesía teñen esa marabillosa cualidade e participan á vez do mundo real e do mundo dos soños (...)
Cando vou dar charlas aos institutos sempre lles digo aos rapaces e rapazas que por moito que se empeñen non poden escapar á literatura. Non importa que non lean, que non abran un libro nunca, porque a literatura, a poesía, forma parte deles. Aínda máis, ten que ver coas experiencias máis decisivas das súas propias vidas, con eses momentos de epifanía e gozo que todos arelan ter.
Por exemplo o amor é unha experiencia así. Transcorre nun mundo, é unha experiencia que pertence ó campo do real, pero á vez é unha experiencia poética (...) A única maneira de escapar á literatura, sigo dicíndolles aos xoves interlocutores, é deixar de vivir ou ter unha vida vulgar, cousa que ningún deles obviamente desexa.
Por iso os animo a ler, porque a vida só merece a pena cando está feita da mesma materia coa que se fan os bos libros.
E que nos din eses libros? Algo moi simple: que podemos apreixar cousas dos soños. Coleridge ten un poema no que o poeta soña cun xardín fabuloso onde todo é perfecto. Paseando polos seus carreiros, ve un fermoso rosal e colla distraído unha das súas rosas. Pero algo pasa e atópase, de súpeto, deitado no cuarto inmundo dunha pensión. Comprende decepcionado que ese xardín só existiu na súa fantasía e, cando trata de volver durmir, ve sobre a mesa de noite a rosa que acaba de cortar. Pode que o xardín fose un soño, pero trouxo con el unha flor. É posible isto? A literatura dinos que si. O poema é a proba. (...) |