A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A NOSA EXPOSICIÓN SOBRE OS IRMÁNS SUÁREZ PICALLO, EN OLEIROS

Reproducimos a información que figura na web do Concello veciño:

A exposición dos Irmáns Suárez Picallo poderase visitar na Fábrica do 12 ao 27 de abril

A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Oleiros, dentro da súa programación de primavera, destaca a exposición dos Irmáns Suárez Picallo, que se poderá visitar desde mañá e ata o 27 de abril na Fábrica, en Perillo. Esta exposición estará aberta ao público en horario de luns a venres de 9.00 a 15.00 horas e de 17.00 a 22.00 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 horas.

Esta exposición organizada e deseñada pola Comisión Irmáns Suárez Picallo en 2008, patrocinada polo Concello de Sada e na que colaboraron a Concellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e Caixa Galicia. Percorreu moitos municipios de Galicia e chega a Oleiros para lembrar unha data histórica, o 14 de abril, data na que se conmemora a proclamación da Segunda República. Nesta exposición biográfica dos dous irmáns pódense observar fotografías familiares, da paisaxe de Sada e das diferentes asembleas e reunións mantidas polos dirixentes galeguistas. Unha mostra que percorre a historia de Galicia do primeiro século XX, desde a vida de Ramón e Xohán Antón Suárez Picallo.

Os irmáns Suárez Picallo

Os irmáns Suárez Picallo, naturais de Sada, foron homenaxeados polo Concello de Sada en 2008, considerándose o ano cultural Irmáns Suárez Picallo. Tanto Ramón, como Antón son consideradas unhas das persoas máis importantes no ámbito político-social máis relevante da primeira metade do século XX.

Ramón Suárez Picallo naceu en Veloi, Sada, en 1894. Traballou desde moi novo e marchou a Arxentina en 1912. En Arxentina colaborou na formación de máis de cincuenta organizacións sindicais e militou no Partido Socialista Internacional. E comezou a escribir en diferentes revistas como Libertad, La Argentina, Correo de Galicia... e participou na refundación da revista Céltiga, onde destaca a súa crítica á ditadura de Primo de Rivera. En 1931 participou na fundación do Partido Galeguista, converténdose nun referente do partido xunto con Castelao, intervindo en máis de 170 mitins, sendo un dos elixidos para levar en 1936 o Estatuto de Autonomía a Madrid. En 1939, Ramón Suárez Picallo refuxiouse en Nova York, na República Dominicana, Chile e finalmente volveu a Arxentina, onde morreu en 1964. Durante todos estes anos non deixou de formarse, de escribir, de impartir conferencias e de loitar por un mundo máis xusto, chegando a facerse cargo da Cátedra de Cultura Galega do Centro Lucense.
En 2008 anunciouse a repatriación dos seus restos para o cemiterio do Fiunchedo en Sada, sendo enterrado alí o 14 de outubro de 2008, cumpríndose así o seu desexo de descansar na súa terra.

Xohán Antón Suárez Picallo naceu en Veloi en 1907, participou desde a súa mocidade nas actividades de Mareiras, unha Agrupación nacionalista dos rapaces mariñeiros de Sada e colaborará co Centro Cultural Obrero de Sada. O Partido Galeguista vai contar en Sada cunha pequena agrupación denominada Grupo Autonomista, na que participará activamente, chegando a ser conselleiro comarcal do partido. E foi correspondente de periódicos como A Nosa Terra e El Pueblo Gallego, onde escribiu diversos artigos de temática política, agraria... E en 1936 encabeza a Fronte Popular. Co golpe de Estado, estivo agochado, pero finalmente, detivérono, torturárono e matárono con tan só 29 anos.




Podedes descargar aquí a entrevista en Radio Oleiros que lle fixeron onte ao membro da A. C. Irmáns Suárez Picallo Manuel Pérez Lorenzo, acerca desta exposición sobre Ramón e Xohán Antón Suárez Picallo que se pode visitar estes días no Centro Cultural A Fábrica.

Entrevista a M. Pérez Lorenzo en Radio Oleiros
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 20-04-2013 10:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal