A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

LUGRÍS EN SADA. 150 ANIVERSARIO (I)
Manuel Pérez Lorenzo, licenciado en Historia pola USC, é membro fundador desta Asociación aparte de creador e maquetador das nosas publicacións. Ata o pasado 31 de agosto desempeñou o cargo de vicepresidente, posto ao que renunciou ao ser nomeado concelleiro en Sada polo BNG. Ultimamente escribe na sección de cultura do MARIÑÁN, xornal das Mariñas, unha serie de artigos relacionados con Sada e a súa historia polo que tamén terán difusión a partires de agora neste blogue.




LUGRÍS EN SADA. 150 ANIVERSARIO (I)


A raíz da celebración do Día das Letras Galegas de 2006, dedicado a figura de Manuel Lugrís Freire, téñense publicado diversos traballos que, en certa medida, rescatan ao autor sadense dun esquecemento inxustificable. Hoxe, 150 anos logo do seu nacemento, queremos falar dun aspecto concreto pero que, a vez, impregna toda a súa biografía: a relación vital de Lugrís con Sada, que se materializa tamén na súa obra literaria.


Sada: nacemento e ascendencia

Lugrís Freire nacera en Sada un 11 de febreiro do ano 1863 (1). A súa familia paterna procedía de Oleiros, pero a materna tiña profundas raizames en Sada. As orixes fidalgas da nai aínda mantiñan certa vixencia naqueles anos, pois aos pais e avós de Lugrís se lles daba na documentación o entón restritivo tratamento de "don".

Os seus primeiros anos transcorrerían naquela casa da praza de San Roque, canda os seus irmáns. Cursaría estudos primarios co mestre don Crisanto Vidal, home de conviccións demócratas e republicanas que deixarían pegada naquel neno, nomeadamente con motivo da proclamación da I República no 1873.

Rematados os estudos básicos, a situación económica da familia motivarao a empregarse como escribinte no Concello de Oleiros, amosando xa entón esa caligrafía exquisita tan característica dos seus escritos. É entón que compón os seus primeiros traballos coñecidos: Nociones Generales de Mitología, un dicionario de conceptos e personaxes mitolóxicos datado no 1880, e o poema "O castelo d'Andrade", datado no ano 1881 e publicado no poemario Soidades (1894). Nesta composición xa se albiscan algunhas das ideas que había caracterizar o seu pensamento:

Queda sobre o penedo,
Altiva fortaleza...
¡Teu carís furacado infunde medo!
Mais agora non baixo esta cabeza
En que da libertá bulen ideas,
Y en nome d'elas, ¡maldecido seas!



Unha relación vital

No ano 1883, Lugrís partiría cara a Cuba, onde se integraría nos círculos rexionalistas e comezaría a publicar as súas creacións literarias. Retornaría a Galicia no 1896, establecéndose definitivamente na Coruña, onde morrería no 1940 logo dunha vida de entrega a defensa e promoción dos sinais identitarios galegos e dos valores democráticos.

Mais, a súa intensa relación con Sada non cesaría nin un instante. Así o reflicte o tamén sadense Ramón Suárez Picallo:

iba tódalas semáns a facer unha visita á súa vila de Sada, nunca esquecida. Iba con particular devoción tódolos 15 de agosto, festa patronal baixo a advocación mariana da Raíña dos Ánxeles. Iste home, repubricán de sempre, non deixou nunca de ofrecerlle seu homaxe na sua diada maior á Patrona da parroquia donde fora bautismado. Leváballe froles e incrinábase, diante dela, nunha meditación sin verbas. […] As visitas de don Manoel a Sada polas festas de agosto, creábanlle un gran probrema, pois tódalas familias da comarca querían ter o honor de sentalo á sua mesa na gran diada festeira. E don Manoel moitas veces, tuvo que pasar varios días pra non faltar a ningunha invitación (Lugo, 03/1963).


Oratoria e activismo político

A relación de Lugrís coa súa localidade natal habíase manifestar tamén no campo do seu quefacer político. Como figura relevante do sindicato campesiño Solidaridad Gallega (1907), participará en varios mitins organizados na praza de San Roque e no Tarabelo pola Asociación de Agricultores de Santa María de Sada, filial daquela entidade. En todos eles empregará a lingua galega. Así lembraba Suárez Picallo un destes actos:

Siendo muy niños hemos escuchado al fogoso orador en un lugarcito denominado O Tarabelo, a unos pasos de Sada, después del cual las mujeres, con los regazos llenos de piedras, dirigiéronse a la casa del cacique [...], obligándolo a huir por la huerta para escapar a la furia popular, tanto entusiasmaban sus arengas a aquellas gentes sencillas que oían deleitadas explicar sus propias necesidades en su idioma propio (El Despertar Gallego, 20/09/1925).

Tempo despois, a finais dos anos 10 e comezos dos 20, colabora coa Asociación Popular de Defensa de Sada, plataforma política que pretendía desprazar o caciquismo do municipio. Por influencia de Lugrís, esta entidade estará ligada a Irmandade da Fala da Coruña, e será el quen faga xestións na vila, co seu curmán Manuel L. Freire-Calvelo, para a constitución dunha Irmandade en Sada.

Xa no 1931, Lugrís participará en mitins apoiando a candidatura republicana nas eleccións municipais. Será el quen traia a Sada a nova da proclamación da República. A fronte da manifestación de xúbilo organizada polos veciños, marchaba Lugrís ao son da Marsellesa aquel 14 de abril.


Manuel Pérez Lorenzo



(1) Como ten apuntado Francisco A. Pita, enmendando o erro de tantos autores que sitúan o nacemento un día máis tarde.
Comentarios (0) - Categoría: Colaboración de Manuel Pérez Lorenzo - Publicado o 23-04-2013 10:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal