A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UN ANO DESPOIS, O PAXARO DE PETEIRO TEN NOVOS USOS: ENTRE ELES, POSTE DE ELECTRICIDADE.

O 8 de agosto do ano pasado, a A. C. Irmáns Suárez Picallo solicitaba unha entrevista co alcalde para manifestarlle o desacordo co cambio de ubicación da escultura de Jorge Peteiro,o “Paxaro da Liberdade”, que fora concebida para honrar aos nosos veciños Ramón e Xohán Antón Suárez Picallo. A día de hoxe, a Asociación segue á espera da citada reunión.

Namentres, a escultura foi trasladada a un parque infantil. Atópase desubicada, maltratada e sen ningunha placa ou información que indique para qué foi concebida. De feito, ata foi empregada como poste para o cableado eléctrico nas pasadas festas. E, por suposto, a praza non pode ser empregada como heliporto (argumento que empregou o goberno para cambiar o emprazamento do paxaro) por razóns obvias, e aínda menos en tempadas de festa, cando se xuntan as atraccións, as actuacións musicais... Cómo podería aterrizar aí un helicóptero? Ou será que non pode haber emerxencias en Sada cando hai festa?

Ante tal falta de respecto e consideración para co artista, cos homenaxeados e con esta Asociación (levamos un ano á espera para poder expresarlle o noso sentir ao alcalde), non podemos máis que recordar as palabras que escribiamos hai xa un ano e que reproducimos a continuación; así como esperar un cambio de actitude e sensibilidade do Alcalde, xa que rectificar é de sabios.

***


A NOSA OPINIÓN ACERCA DO TRASLADO DA ESCULTURA DE JORGE PETEIRO

O pasado día 8 de agosto, ao mesmo tempo que se solicitaba unha entrevista co Alcalde, remitímoslle este texto:

Ante as declaracións aparecidas na prensa nas últimas xornadas, referidas ao cambio de emprazamento da escultura “Paxaro da Liberdade” de Jorge Peteiro na Praza dos Irmáns Suárez Picallo, esta Asociación Cultural quere manifestar a súa posición ao respecto:

1º) A escultura erixiuse en honra aos irmáns Suárez Picallo, na praza que leva o seu nome. Concibiuse e inaugurouse no contexto do Ano Cultural dedicado a eles en lembranza e cumprimento da vontade de Ramón Suárez Picallo de repousar no Fiunchedo, o que supuxo o traslado das súas cinzas, asumindo o Goberno da Xunta os gastos derivados.

2º) Entre os motivos aducidos polo Concello fálase dun informe da Policía Local sobre a necesidade de trasladar o citado monumento para habilitar a praza como heliporto en casos de emerxencia. Sen entrar a debater con expertos nesta cuestión, parece incompatible o actual uso público da praza (que inclúe a instalación de infraestruturas tales como carpas, palcos de música, atraccións infantís, etc.) coa súa utilización para aterraxe de helicópteros. Neste último caso, o Goberno Municipal terá que optar polo seu actual uso ou dedicalo ao mencionado servizo, tendo en conta que existe ademais un lugar reservado para estes mesteres a moi corta distancia de dita praza (no porto) e outros lugares tamén válidos.

3º) Ante a inexistencia, por tanto, de razóns técnicas que expliquen o traslado, esta Asociación reitera a súa preocupación polo posible cambio de ubicación. A Praza e o monumento, forman un conxunto integrado en homenaxe aos nosos ilustres concidadáns. Calquera cambio inxustificado do actual emprazamento, non sería entendido pola cidadanía.


Hoxe, 17 de agosto, comprobamos como a citada escultura está emprazada no parque infantil, como si dun xoguete máis se tratase. Con magoa vemos a limitada sensibilidade da Alcaldía ante o significado que o monumento aportou á Praza dos Irmáns Suárez Picallo, retirándoo en plenas festas patronais, cando debera imperar a harmonía e o espírito de celebración. Lamentamos que as palabras que o pasado día 15 o Sr. Alcalde dirixiu á Patroa de Sada, nas que pediu a súa protección para

trabajar eficazmente por un bien común que responda a las necesidades reales de todos. Que podamos extender el progreso y la democracia. Ayúdanos también a ser tolerantes y comprensivos con aquellos a los que representamos

quedaran só niso, simples palabras…

Desde esta Asociación Cultural manifestamos democraticamente a nosa total discrepancia ante os feitos, pois as razóns aducidas sabemos que non se han cumprir e a praza seguirá tendo o uso que ata o de agora tivo. Os helicópteros non poderán empregala, pois sempre estará destinada a outros fins, vinculados ás actividades de ocio dos veciños. Iso si, agora a Praza dos Irmáns Suárez Picallo volve a estar como hai anos, sen o significativo paxaro que semella que a algúns lles producía tanta dor de cabeza. O seu traslado representa unha falta de respecto á memoria de ambos irmáns.

Consideramos que, en todo caso, desde a Alcaldía se nos debera ter dado a oportunidade de expresar os nosos pareceres como Asociación que representa a moitos veciños de Sada, coa celebración dunha reunión que foi retrasada polo Concello en varias ocasións por motivos de axenda e que, finalmente, terá lugar cando a escultura xa non ocupa o seu emprazamento orixinal.

Esta Asociación tomará as medidas que ao respecto estime convenientes na defensa do sentir tamén de moitos cidadáns e visitantes sadenses.

Hoxe estase a impor a teima ou antollo e senrazón dalgúns, ou sexa a razón da forza, pero desde a A. C. Irmáns Suárez Picallo continuamos e seguiremos a traballar para que resplandeza a forza da razón pola que tanto traballaron e deron a vida os nosos ilustres concidadáns.

¡Así non, alcalde Anido! ¡Así non!

Sada, 17 de agosto de 2011.

Asdo.: Francisco A. Pita Fernández, presidente.
Comentarios (0) - Categoría: Actualidade - Publicado o 17-09-2012 13:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal